Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A QUEN ME RECORDA O HILOZOÍSMO...?
Ai si! A Xosé María Díaz Castro. As taxonomías ás veces son caprichosas, e o hilozoísmo vangardista galego resúltame tal.
Lin estes días a Luís Amado Carballo, un poeta de comezos do XX que pasou á historia como o fundador do hilozoísmo poético. Non vou entrar en disquisicións, procuren o termo e atoparán dúbidas nas que aínda non repararan.
Coido que todos lemos o ano pasado (ou antes) a Díaz Castro; e gozamos coa súa exaltación da natureza e o seu animismo cristianizado e cristianizante, ben emparentado coas composicións de Noriega Varela e de moitos outros poetas galegos. E logo estes non foron hilozoístas?
A belida Galiza/durmida nas súas mágoas/pon un ronsel de prata/na inquedanza das augas.
Estes versos atópanse en Carón do Atlántico, non pertencen a Proel nin a O Galo (manexei un volume que ofrece estes dous títulos máis uns “Poemas soltos”), e o primeiro que me acordaron foi Penélope, a célebre composición do autor homenaxeado en 2014. Non é ningún demérito –nin para o pontevedrés nin para o chairego- sinalar a Díaz Castro como epígono –quen sabe se involuntario- de Amado Carballo, nin en observar certo parentesco entre aquela vangardista Escola Lírica Pontevedresa e a pía Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. Ao cabo, don Luís nacera, tan só, trece anos antes ca don Xosé María.
A natureza como deusa, os prodixios do cosmos considerados mensaxes da divindade para nos lembrar a súa presenza, manifestacións de Deus en cada vexetal, en cada animal e nos catro elementos… Chamémoslle… Reminiscencias da antiga relixión? Literarias si, mais tamén, atlánticas e galegas, por razóns culturais, históricas e xeográficas.
Amósanos Amado Carballo ben referencias cultas e un alto nivel lingüístico, unha mestura de temáticas mariñeiras (é imposíbel non asociar estes versos cos do seu coetáneo Manuel Antonio) e labregas, e máis unha teima polos termos anglosaxóns, pecado perdoábel no vangardista.
Vou permitirme unha recomendación: S-6, un poema que forma parte d’O Galo, unha delicada delicia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2015 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal