Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O VAL DOS NENOS ESCRITORES
Veñen de agasallarme cun libro que me encheu de esperanza, non só polo futuro que lle asegura á tradición oral ou á literatura en xeral no Valadouro, senón por ver como eses nenos que hoxe gañan premios literarios nos certames infantís locais, mañá publicarán. Tal e como veñen de facer grazas ao proxecto desenvolvido no Instituto de Educación Secundaria Alfoz-Valadouro.
Titúlase a obriña Contos, lendas e outras historias e foi editada o mes pasado polo devandito centro de ensino co patrocinio da Deputación de Lugo. Colaborou tamén no traballo un proxecto que leva uns anos sacando a arte á rúa co obxectivo de popularizala, a Semana das Artes Plásticas da Mariña, así como os artistas Lucía Vila, Xosé Blanco e Hipólito Xeada.
O libro dos pícaros (xa verán como esta é a denominación que vai callar) contén 45 narracións con cadanseu deseño alusivo; cada relatiño foi tirado de entrevistas con adultos –nomeadamente vellos- e prevalece a temática esotérica ou o misterio.
Non oculto a honra de ter sido unha das fontes consultadas, nin a ledicia de ver como os nosos mitos (os valecos, os galegos, os atlánticos, os europeos, os universais) continúan vivos na memoria colectiva e xa inzaron na bagaxe académica dunha xeración de valequiños que vén de descubrir a riqueza da tradición oral, forma máis primitiva forma da literatura.
En vindeiros proxectos desta caste é conveniente que se corrixan certos desleixos de pouca magnitude para ir puíndo así a fasquía desta fermosa iniciativa: Ausencia de índice do contido, tipografía en cor gris que dificulta a lectura, ou, a necesaria unificación de criterios á hora de identificar os informantes (inserir nome completo, localidade, se cadra idade…), mais supoñen detalles que non desmerecen a boa intención desta mostra literario-etnográfica.
O contido de Contos, lendas e outras historias, mestura o froito da mitoloxía local con acontecementos reais e algunhas cantigas, ou mesmo con pescudas no Google; mais sobrancea (para min) a plasmación de dúas composicións do mítico Indalecio do Castro, un poeta aficionado que inmortalizaba veciños e sucedidos coa súa arte. Mágoa que na referencia das copliñas recuperadas non figure o nome do histórico xograr.
Dende agora, os alumnos do IES Alfoz-Valadouro (o libro ficará na biblioteca do centro para ilustración e estímulo dos cursos futuros) saben da importancia dos nosos contos, coñecen o valor e as posibilidades –comercias, porque non?- da literatura de tradición oral e por riba de todo, descubriron que os costumes, as crenzas, os falares… Constitúen as identidades.

Imaxe: Mosaico de Xosé Blanco no edificio do IES Alfoz-Valadouro
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2015 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 estímulo dos cursos futuros) saben da importancia dos nosos contos, coñecen o valor e as posibilidades –comercias, porque non?- da#blgtk08# literatura de tradición oral e por riba de todo, descubriron que os costumes, as crenzas, os falares… Constitúen as identidades.
Comentario por replica watches uk (19-07-2015 06:35)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal