Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MEDEA NO CASTRODOURO (2º acto)
Teatro clásico no Alfoz do Castrodouro! Óptima novidade!
Ben sabemos –e témolo dito aquí- que O Valadouro é terra de teatro, mais queixarámonos do exceso de choqueiradas que chegaban aos nosos escenarios. Onte, por fin, o público valeco puido gozar da representación dunha obra clásica, Medea.
A soberbia interpretación de Carme Martínez encarnando á protagonista é algo que debemos salientar se desexamos facer crónica do intenso momento dramático vivido onte no cumio do Castrodouro. Mencionaremos –é de xustiza- o magnífico traballo do “mensaxeiro” Xosé Martínez, e por último, a mestría, a habelencia e a boa factura na adaptación do clásico, por parte do colosal Manuel Lourenzo, quen interpretou a Creonte, ensoñarándose das táboas diante dunha veciñanza que o ten por fillo predilecto do Val do Teatro.
Quen onte ascendimos á sala de conferencias da torre da homenaxe para gozar de Medea, puidemos experimentar varios deleites, mais o feito de escoitarmos a respiración dos actores grazas á súa proximidade, ou, percibirmos o alento dunha Medea grandiosa -e irada dende hai máis de vinte séculos- por ausencia de límites entre público e escenario, supón un gozo que poucos auditorios poden testemuñar, polo menos nunha bisbarra nada afeita á representación de traxedias gregas.
Un caldeiro, un cazo, dous tallos e un cesto con sabas compoñen o atrezzo desta adaptación lourenciana, porque o fundamental no teatro para don Manuel son os actores, e abofé que sabe formalos.
Tampouco o vestiario se amosou excesivo ou recargado, o básico é suficiente cando o reparto é de cualidade, e onte asistimos a unha exhibición de alta cualidade e sólida profesionalidade.
Celebramos que o simbólico vento de Elsinor chegase ao lendario Alfoz do Castrodouro, congratulámonos de que o teatro clásico teña renacido con éxito ás beiras do Douro; aledámonos disto no medio dun público que aplaudiu, parabenizou e mesmo despendurou carteis da obra para reclamar os autógrafos do cadro actoral.
Loor a Eurípides!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2015 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal