Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MONDOÑEDO LITERARIO (ou a oportunidade da redundancia)
Presentouse onte na moi poética, dramática e parnasiana (lembremos o título de “moi nobre, leal e fiel” outorgado por Afonso VII) cidade de Mondoñedo, unha publicación que loce na capa un adxectivo non por consabido menos merecido. Mondoñedo é literaria até a medula, madia leva! Por autores, por argumentos inspirados, por presenza nos textos, pola Escola Poética do Seminario, pola Escola Paisaxística Lucense, por don Álvaro, por don Manuel e por tantos autores que hoxe moran ou permanecen unidos afectivamente á eterna Vilamaior.
O Centro de Interpretación do Camiño Norte está a se converter nun presentadoiro de libros; insigne destino para un edificio de ignominioso uso no pasado (foi cuartel da Garda Civil) e maos recordos para moitos. Ao que entramos no edificio abrolla a primeira anécdota infausta.
Xosé Ruiz Leivas, escritor, presidente da Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo e alma máter do periódico Mondoñedo, relátanos aquela xornada da súa mocidade na que foi sorprendido pola Garda Civil cantando A Rianxeira polas rúas da cidade cun fato de amigos. O bo de Pepe acabou detido e “confinado” na leñeira do cuartel, non sen recibir o bautismo da labazada represora; máis polo idioma empregado no canto ca por empregar a vía pública como auditorio.
Atópase moi vinculado á xénese de Mondoñedo Literario Xosé Ruiz Leivas, pois que foi el quen lle suxeriu ao autor a confección dun volume no que aparecesen fixados os literatos que deu a cidade. A idea primixenia era que ese libro fose publicado pola asociación anteriormente citada co apoio da Deputación de Lugo, mais a devandita institución pregou ser o selo editor en canto reparou na importancia do traballo, e tal aconteceu.
Este precedente foi descrito por Armando Requeixo, autor da obra e home de letras, quen non sen pouca emoción, gabou a cidade natal e máis o potencial literario e cultural nela manifestado en todos os tempos; do mesmo xeito suliñou a presenza dunha canteira poética que xa comeza a ofrecer froitos na vila da Paula.
Mais non abriu o evento literario o autor senón un antigo seu profesor en Lugo, Claudio Rodríguez Fer. Foi el o “culpábel” de que o noutrora estudante mindoniense se introducise na “capela afectiva da literatura”; con estas agarimosas palabras cualificou Requeixo o proselitismo exercido polo profesor universitario perante a súa incipiente paixón literaria.
Rodríguez Fer non deixou pasar a ocasión para comentar, por primeira vez en público, a xestación da súa coñecida composición A brétema, incluída no poemario Historia da lúa (1984) e traducida ao inglés por John Ruthenford.
O poema naceu tras unha viaxe do profesor a Mondoñedo co obxectivo de visitar á escritora Marina Mayoral, tras aquela experiencia mindoniense, a brétema transfigurouse en verso. A intervención de Rodríguez Fer rematou, como non, co recitado d'A brétema.
Recoñeceu con afecto Armando Requeixo que foi o seu profesor quen lle falou por vez primeira do xornalista Eduardo Lence-Santar, a quen o mozo mindoniense descoñecía malia compartir cidade de nación. Anos despois tense convertido Requeixo nun estudoso e divulgador das letras que xurdiron na terra do seu berce.
En definitiva, dende onte, temos nas mans unha obra necesaria na que poderemos atopar literatos, textos, publicacións exhumadas ou influencias foráneas nos creadores literarios do Val de Brea.
Loor a Mondoñedo! Loor ás letras! Parabéns lectores, estudosos e orgullosos do noso.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2015 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal