Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CÁNDIDO COMO RECURSO LITERARIO?
Ao que atopei un personaxe chamado Cándido -nada alleo á homónima creación voltaireana- na obra Os dados de Deus, decidín remexer na miña biblioteca á procura dun volume que, de todos os xeitos, estaba propenso a ser lido este mesmo verán, Candido ou o optimismo, obra que Voltaire publicou en 1759.
Si, hai algo que une ambas as dúas obras, se cadra esa ironía vernizada de inxenuidade calculada e nada inocente, ese xeito de narrar desfeitas como quen conta sucedidos sen transcendencia algunha, esa protesta contra normalidades estabelecidas e aceptadas por sociedades adormecidas e adormentadas. E por riba de todo o chamamento á rebeldía, mais sen proferir proclamas revolucionarias.
O xornalista ourensán Arturo Lezcano publicou Os dados de Deus en 1994, teñamos presente este dato, máis adiante seranos preciso.
Non debemos esquecer a gran característica que lle achega unha singularidade especial a esta composición, trátase dunha obra de ciencia ficción! Ou polo menos así nolo promete unha introducción asinada por Antón Risco.
Eu, sen tentar discrepar, nin sequera ousalo, coido que tal taxonomía pode chegar a atraer lectores do xénero que busquen outra caste de ficción, mais, non serei eu quen diga que non existe ciencia ficción en galego. O título que nos ocupa é unha mostra de tal, unha obra que comparte o ADN literario do país, pois que Galiza e a súa realidade amósanse e pronúncianse en cada páxina e en cada parágrafo. Polo tanto, ciencia ficción si, e da nosa, co selo literario da indicación xeográfica protexida. Se cadra, inserirmos Os dados de Deus no xénero fantástico sen máis adminículos, faría xustiza a un libro que de seguro ha ser contemplado sen tardar pola historiografía literaria de noso, se non o é xa.
Encontrei nesta obra –confeccionada a base de relatos- un feito que me inquietou gratamente, e que pode chegar a emparentala cun grande da ciencia ficción como foi Jules Verne (prego encarecidamente que o lector pronuncie “Xul Vegne”): As profecías.
Ben, deixemos de exaxerar e falemos de coincidencias, mais… Estamos a falar dun libro publicado hai vinte e un anos, en cuxas páxinas atopamos referencias a “utopías” como a ”Cidade-Museo de Santiago”, máis adiante fálanos Lezcano de “Rañaceos que caen como unha presa de azucre”… Non estabamos a falar dun texto elaborada a comezos dos ’90? Empezo a a acreditar na etiqueta da ciencia ficción.
Realmente, o autor descríbenos unha distopía a través da cal, efectúa unha crítica das problemáticas sociais galegas, e asemade do encaixe forzado da nosa particularidade no crebacabezas dos ámbitos circundantes. Atoparemos tamén, relampos de metaliteratura ben artellados que lle resultarán familiares ao lector afeito ou ao escritor.
Recomendo un dos relatos da colectánea: Santa Visión. Ah! Sabían vostedes que o apóstolo Santiago é de orixe extraterrestre? Lean Os dados de Deus.
Voltaire descóbresenos iconoclasta –aínda máis?- en Candido ou o optimismo, obra na que fai gala da súa sabia mordacidade e onde exhibe a súa mestría á hora de manexar o sarcasmo e a invectiva.
Nesta novela o ilustrado francés válese dun personaxe comodín para conducir –en todos os sensos- o personaxe principal. Cacambó é o criado de Cándido, mais vén sendo asemade o seu antagonista amigábel, a súa conciencia e o seu apoio para establecer, con lazos ben sólidos, a convención co lector. A convención autor-lector, xa sabemos, é a alma da literatura.
O sufrido Cacambó achégalle a Cándido toda a sabedoría que a súa mente non é quen de xerar, e achéganos a nós, todos os datos e aclaracións que o autor entrega alegremente ao éter literario.
A grande lección que Voltaire nos quere transmitir é a necesidade de análise desa confianza cega que moitos seres humanos depositan no coñecido adaxio: Deus escribe dereito con liñas tortas. Non é forzado atopar ou cando menos procurar unha asociación entre o título do que vimos de falar e máis a creación do pensador francés.
Non sei se todas as filias, mais si todas as fobias de don François-Marie (tal era o nome do alcumado Voltaire), abrollan neste conto filosófico, tal e como catalogan as sentinelas do canon o texto que nos ocupa.
“É a ese prezo que vós comedes azucre en Europa”, esta frase pronúnciaa un escravo tras narrar as penurias do seu inhumano traballo. Marabíllame a mensaxe, a denuncia e o afán de “internacionalización” do conflito que don François-Marie ensaia e pon en práctica no século XVIII, algo que atopamos actual e ben próximo; mais a institución que recibe máis broucazos, sen dúbida é a Igrexa Católica, nomeadamente algunhas ordes concretas.
E habemos bater con trazos metaliterarios para completar o festival de coincidencias? Xaora! E logo había don François-Marie esquecer a arte que con máis habelencia cultivou? Gocen da erudición do autor!
Xa ben mediada a novela aparece Martiño, outro personaxe auxiliador, tanto do protagonista coma do lector, quen colaborará na procura daquilo que outorga senso a este texto. E coido que non debo fedellar máis no argumento, pois que é o futuro lector quen debe gozar e xulgar de Cándido ou o optimismo, unha crítica filosófica xerada pola sarcástica factoría Voltaire.
Casualmente, os exemplares que manexei comparten selo editor, La Voz de Galicia. A obra do galego pertence á colección Biblioteca Galega 120 e a do francés á Biblioteca Galega de Clásicos Universais.
A novela de Voltaire foi vertida ao galego polo profesor Henrique Harguindey en 1999 para Edicións Xerais de Galicia, texto que reeditou La Voz de Galicia en 2005.

Imaxe: Capa dunha edición brasileira de Cándido ou o optimismo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2015 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal