Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O EVIDENCIALISMO E CID CABIDO
Alguén sabe que é un alcapudre? Que outros escritores son adeptos ao evidencialismo? Que é o evidencialismo? Este e outros misterios ficaron sen resolver tras a lectura de Grupo abeliano, a novela pola que Xosé Cid Cabido recibiu o premio Blanco Amor en 1999.
É preciso comezar definindo esta novela como diferente, mais tamén é de xustiza cualificala como boa, moi boa, fóra do común, que xa é moito. Quedoume a impresión de que o texto mellora cara ás derradeiras páxinas, tanto no estilo literario coma na acción, a lingua requíntase por momentos naqueles parágrafos nos que o remate xa se intúe pola escasa resistencia que ofrece a presiña de follas apreixadas entre a man e a contracapa. De todos os xeitos trátase dun texto curto.
Eu observei en Grupo abeliano –con medo a me equivocar- un manual de filosofía da reacción (no senso de resposta defensiva), un chamamento ao combate contra o poder estabelecido e o capital, unha revolución en estadio primitivo con dous obxectivos: Denuncia e proselitismo.
Os personaxes son meros instrumentos sen nome nin xorne, precisos soamente para que o desenvolvemento da trama avance; toda unha innovación literaria, que cando menos, foxe do acostumado, e iso xa lle achega unha diferenza que afasta esta novela doutros textos. Reitero, práctica ben necesaria e menos frecuente do desexábel.
Lembroume, o argumento desta narración, unha experiencia que lle escoitei contar nunha entrevista televisiva a un escritor do que non recordo o nome, consistía a aventura en cruzar Santiago de Chile en liña recta, sen se deter diante de eventuais obstáculos; os arroutados testáns actuaban en grupo.
Cid Cabido non eludiu os dialectalismos, factor que lle achega certa personalidade xeográfica á novela; se cadra recréase de máis –o personaxe narrador- en reflexións secundarias que poden chegar a desenfocar a atención do lector, en todo caso, peccata minuta.
Pinceladas culturalistas salfiren habilmente o texto –Munch é un amigo da casa en Grupo abeliano- e mesmo quixen ver certa tentación preciosista nalgúns parágrafos nos que paga a pena deterse.
Voltando ao evidencialismo, no volume que eu manexo –unha edición da Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia do ano 2002- figura un breve currículo literario do autor onde se sinala “…É o creador da tendencia literaria chamada evidencialismo, que se propón amosar, nomear, subliñar e remexer aquilo que se mantén oculto, ben sexa na tona ou na cerna das cousas”.
Velaí o evidencialismo. Agora temos que procurar datos verbo dos alcapudres.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-06-2015 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal