Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MEDRE O MAR! (Medre!)
Con este saúdo comezou a presentación de Contos do mar de Irlanda antonte no Centro Social “Xebra!” de Burela. Tal fórmula tivo que ser respostada polo público en varias ocasións, porque Xurxo Souto é músico-escritor-reivindicador..., e por riba de todo un catalizador cultural; un deses axentes culturais imprescindíbeis no país, non só polas actividades que vén artellando dende sempre senón polo optimismo que transmite. En escoitándoo uns minutos experimentáse unha sensación que induce a ventar outro futuro para a nosa cultura. Chégase neses momentos á consideración de que a galeguidade, non está en perigo de extinción, senón que acabou inzando noutras terras e identidades.
Que o escritor comece tocando a buguina ao estilo peixeiro, que discurse o tempo todo en pé ou que incite o público a cantar, tampouco é o frecuente, mais antonte no “Xebra!” aconteceu tal, e o respectábel gozou, aprendeu, riu, cantou e mercou libros.
O Xurxo precisa poucos elementos para oficiar unha presentación, chégalle con ter perto o seu acordeón e prover os presentes dun folleto que trae preparado coas letras das cantigas que xurdirán no evento; interacción en estado puro!
Asegura o autor que este libro foi concibido como unha protesta –e escenifícao arrebolando un volume contra o chan- por toda esa riqueza cultural vinculada ao mar que non se transmite nos centros do ensino, que permanece oculta ou case vetada nun país, que nin é mediterráneo, nin é latino, nin está no sur de Europa, senón no centro do Atlántico.
“Para cosmopolitas os galegos”, afirma Xurxo unha e outra vez, tentando rachar esa teoría da repunancia que nos aboca a considerar local ou cativa a traxectoria vital do pobo galego e impélenos a procurar a homologación como cidadáns do mundo na artificial e ficticia identidade deseñada polas instancias estatais.
As disertacións de Xurxo Souto zumegan galeguismo si, mais un galeguismo forxado na épica dos nosos navegantes en Terranova, Belfast, Trintxerpe, Capetown… E chegamos á conclusión de que os pailáns non somos nós, senón os reducionistas, os que se negan a observar, para non ter que recoñecer a autenticidade dun pobo que xa entrou na historia universal por vía marítima.
Sabiamos que existía unha mitoloxía peláxica, mais sabiamos que existe unha descoñecida talasonimia galega no ámbito atlántico?
O folleto das cantigas inclúe un detalle cartográfico dese Atlántico que fala galego e que se denomina en galego; e é que unha presentación dun libro de Xurxo Souto non só é diferente, é unha experiencia, unha vivencia que nos vai animar a ler Contos do mar de Irlanda e a abandonar complexos de inferioridade que nos inculcaron activa ou inconscientemente, por desleixo ou á mantenta. Os de fóra e os de dentro.
Quen isto escribe ten asistido a presentacións amenizadas con actuacións teatrais, con contacontos e mesmo con petiscos e beberaxe, mais que o evento remate co autor acompañado doutros músicos –entre eles o acordeonista burelao Manolo Maseda- a ritmo de rock bravú, é unha novidade.
Chega o momento de asinar exemplares e o Xurxo non chora tempo nin paroladas cos lectores, un regálalle unha pulseira republicana e anóalla mentres asina; outro pídelle que celebre unha presentación co gallo dunha recollida de alimentos, Xurxo afirma que irá apoiar o proxecto e de paso presentar Contos do mar de Irlanda. Porque o Xurxo é así. Gaiteiro!
Este enciclopedista oceánico debuxa conservas de peixe con lemas nas dedicatorias dos libros, non é unha extravagancia, é unha reivindicación, a mostra de que os galegos temos algo que non teñen os demais; posuímos xeografías acuñadas polos nosos na lingua de noso, pois que o Grande Sole ten deixado de ser un gran linguado francés para se converter nun grande astro rei, por obra e graza da cosmogonía idiomática galega.
Faloume Xurxo Souto –sen se desviar da temática da obra que viña de presentar- da relación entre os primeiros proxectos teatrais de Manuel Lourenzo e o mar de Irlanda, haina! E para coñecela debemos ler Contos do mar de Irlanda, obra editada por Xerais da que se están a distribuír os exemplares da terceira edición (impresa en decembro do ano pasado), cómpre salientar que a primeira foi publicada xustamente hai un ano, xa que logo, éxito rotundo deste libro que é estudo histórico, crónica europea, ensaio interdisciplinar, e por riba de todo testemuño dunha atlántica paixón.
Soe a buguina e medre o mar!
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2015 14:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Amazing. Lay#blgtk08#ton Clacton
Comentario por Layton Clacton (22-02-2016 00:15)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal