Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O TEATRO QUE NACEU ÁS BEIRAS DO DOURO
No ano 1972 a censura non permitiu levar aos escenarios a obra Erros e ferros de Pedro Madruga, do dramaturgo valadourés Manuel Lourenzo; daquela, a compañía refuxiouse –do mesmo xeito mais con mellor fortuna que Pardo de Cela 489 antes- no Castrodouro, e a obra acabou representándose no patio de armas do Castelo. Curiosamente, cando foron demandar permiso ao Concello de Alfoz, a única dúbida -disfrazada de recomendación- foi:
-Non falaredes mal do Mariscal?
E foi alí, diante a torre da homenaxe do Castelo do Castrodouro onde as pantasmas medievais tornaron ao presente, grazas á censura do réxime ditatorial.
O Valadouro e a dramaturxia manteñen un varudo vínculo dende hai moito tempo, e a relación, endebén, non arrefeceu senón que foi anovada pouco e pouco por unha xente que devece polo pano ergueito.
O xénero dramático goza dunha tradición local que xa nos anos ’60 deu lugar a que o crego da parroquia de Mor auspiciase unha representación no Salón de José Ramón, na Seara. O bo facer dos actores –todos homes como na Antiga Grecia- e máis o éxito das funcións favoreceron a itinerancia da improvisada compañía por outras parroquias do val.
Non podemos obviar que a vila de Ferreira é o berce de tres persoeiros ben unidos ao teatro galego, tales son Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Ferreira, nin que a súa presenza facilita a celebración de eventos, representacións ou mesmo colaboracións cos proxectos dramáticos locais, ou, que a toponimia, a xeografía, os mitos e mesmo algúns habitantes reais do Valadouro, acaban poboando as súas creacións.
Nas bibliotecas de Alfoz e Ferreira é doado atopar unha colección de xoias, os números todos da Revista de Teatro Casahamlet, grazas ás sucesivas doazóns destes tres próceres das letras que malia moraren na Coruña, continúan a cultivar o seu valequismo sen descanso. Cómpre salientar que a alma máter desta publicación é o rigoroso e metódico Isaac Ferreira, de quen aprendeu quen isto escribe a levar decote unha libreta, e deste xeito recoller in situ os tesouros da tradición oral que aínda se escoitan polas parroquias do val.
Outro agasallo que o respectábel non esquece é a representación de Dourada Babel a cargo do alumnado da Escola de Teatro Casahamlet (sociedade na que participou Manuel Lourenzo até hai uns meses) no verán de 2013. Foi o propio autor e director quen abriu o acto no escenario da Casa da Cultura de Ferreira, arroupado por veciños e amigos, os cales gábanse de ter como veciño a un Premio Nacional de Literatura Dramática (galardón de ámbito estatal obtido en 1997) e asemade un Premio Nacional da Cultura Galega (galardón de ámbito nacional acadado en 2008). Na actualidade, o egrexio dramaturgo centra a súa actividade no Clube Teatral Elsinor.
Cómpre lembrar que no Valadouro mentres non houbo casas da cultura, o teatro representábase onde se podía. En Ferreira eu teño visto obras na praza, tamén no local da Asociación Amado Lar e mesmo recordo unha representación no pavillón polideportivo, tratábase de Ei Feldmühle! Fantasía do Valadouro con vampiros, de Xesús Pisón. Decote, espazos ateigados. Porque o Douro e o theatrón, xa dixemos que dan bo xuntoiro.
Na actualidade, nas terras do Douro existen nada máis e nada menos que tres grupos de teatro: O Grupo Teatral Raiolas (leva máis dunha década nos escenarios), o Grupo de Teatro Xuvenil A Maseira e o Grupo Humorístico Trípode. Lembro o extinto grupo da Asociación Cultural Amado Lar actuando na Semana do Teatro de Ferreira; hoxe en día, o evento continúa a se celebrar e o presente ano chegará á trixésima edición, mais o grupo vinculado á devandita asociación hai anos que desapareceu. Celébrase no Alfoz do Castrodouro dende hai uns poucos anos o Mes do Teatro, en novembro, cita xa consolidada e afortalada pola presenza dos actores e actrices locais.
Non podemos esquecer que grazas a esta dinámica teatreira xurdiu –ou deuse a coñecer- un magnífico actor da parroquia de Mor, trátase de Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”, quen comezou en Raiolas e agora forma parte de Trípode, mesmo ten ofrecido espectáculos en solitario como improvisador. En definitiva, un actor do método, do método Douro.
Coido que podemos nomear como continuador deste fenómeno ao novísimo Alberto Níñez, un mozote da parroquia de Moucide, actor dende neno nos grupos locais e mesmo contacontos para adultos… Sendo el un aruxo que logo non se vía sobre as táboas!
E se nomeamos os grandes actores locais tampouco podemos esquecer o dramaturgo que xurdiu do val, José Vázquez Peinó, autor e actor, mentor de novos talentos e fundador ou alentador dos grupos todos que na actualidade existen a ambas as beiras do Douro. O Peinó é un auténtico dinamizador cultural, non en van, o Mes do Teatro do Alfoz, é un invento seu.
Esta presenza do teatro na vida dos valecos favorece que ao longo do ano cheguen ao público unha boa cantidade de representacións; e así, novos e vellos, cultos e ignaros, espectadores interesados ou ocasionais, van ao teatro.
Grazas a esta frecuencia escénica, puiden ser espectador nos últimos tempos de dúas obras que lembro pola calidade do cadro actoral e pola riqueza do seu argumento, Os vellos non deben de namorarse, interpretada polo grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, e máis 2155, unha sublime profecía futurista de Xoán G. Laxe, interpretada polo grupo lugués Nova Escena Teatro.
É de xustiza sinalar que o circuíto “Proxecto Teatral Educativo Buxiganga” da Deputación de Lugo, foi determinante á hora de facilitar a presenza de grupos de teatro amador nas pequenas localidades, aínda que nos concellos do val non fose preciso grazas ao autofornecemento dramático.
Onte mesmo, Día das Letras Galegas, na Casa da Cultura do Alfoz do Castrodouro o Grupo Teatral Raiolas congregou o seu fiel e entregado público coa representación de Madia leva!, unha oportuna obra sobre a problemática dos médicos que non empregan a lingua galega nas súas consultas e as negativas consecuencias do seu desleixamento. Como dicía o lembrado Galeano: “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo”.
E despois de tanto encomio é o momento de inserir unha crítica, benévola e construtiva: No canto de facer que proliferen tantas comedias e argumentos á procura da gargallada no respectábel… Por que non un chisco de reflexión? Que tal unhas pinceladas de teatro combativo?
Só insinúo que ás veces é positivo –e preciso!- darlle ao veo da máquina de pensar, só iso.
Propoño un brinde popular no cumio da Frouseira por mil dezasetes de maio máis cos escenarios do Valadouro plenos de letras galegas!

Imaxe: Xesús Pisón, dramaturgo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2015 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal