Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

1989, O ANO QUE CELSO EMILIO APADRIÑOU UNHA GALEGUIZACIÓN
O Día das Letras Galegas de 1989 foille adicado a Celso Emilio Ferreiro; na noite daquel lonxincuo 17 de maio, a segunda canle da TVE emitiu un documental sobre o poeta de Celanova. E grazas a aquela emisión, escoitei recitar –por primeira vez- Longa Noite de Pedra… Curiosamente, o verán pasado, nun curso de reciclaxe laboral tiven que desenvolver un exercicio que consistía na declamación dun poema; a miña elección, como non, foi Longa Noite de Pedra, e lembrei –coido que mesmo imitei- aquela voz televisiva que me emocionou un afastado 17 de maio de 1989.
Grazas a aquela reportaxe descubrín a Celso Emilio, souben do seu poema senlleiro e tiven coñecemento da existencia do día da nosa literatura. Cómpre sinalar que naquela altura eu moraba fóra da Galiza e as estadías na Terra non excederan os trinta días.
Nos anos seguintes, ao se aproximar o 17 de maio, trataba de me informar sobre os actos de conmemoración e celebración na Galiza. Naquela época, case a única maneira de coñecer tales fastos representábana os xornais galegos que se podían adquirir na Puerta del Sol ou na Gran Vía; eu adoitaba mercar El Correo Gallego, e pouco despois O Correo Galego, antecesor do que máis tarde foi Galicia Hoxe, cabeceira da que só sobrevive a edición dixital.
Aquel 17 de maio de 1989 a literatura galega chegou a todos os currunchos do Estado a través dos televisores, mágoa que no sucesivo non se convertese en costume aquela pinga de normalidade; mágoa non só por nós, senón polos millóns de habitantes dunha realidade administrativa tan variada como artificial; mágoa polas persoas que permanecen alleas e ignorantes ás diversas identidades culturais que moran –con incomodidade, con resignación ou con indiferenza- no crebacabezas da Hespaña, como adoitaba escribir Castelao coa esperanza depositada nunha xenerosidade ofrecida e xamais correspondida.
Deste xeito descubrín a grande efeméride literaria da Galiza. Dous anos despois foi don Álvaro o autor homenaxeado, non lembro reportaxe ningunha nas televisións de ámbito estatal, mais recordo, con carraxe, unha referencia nos informativos de Telecinco, onde o escritor e xornalista canario Juantxo Armas Marcelo advertía do perigo desta caste de celebracións, polos sentementos que podía chegar a espertar o feito de honrarmos o propio… Outra volta a España da podremia e a cativeza cos seus complexos identitarios e as súas teimas imperialistas de fidalgo famento.
A miña saudade medrara ben aquel 17 de maio de 1991. Mentres estudaba para os exames do meu primeiro curso universitario, cavilaba en que na cidade de Mondoñedo estarían a conmemorar o día nacional das letras, a lembrar a Cunqueiro e a espallar prosa e verso en galego, a lingua do “País dos dez mil ríos e dos mil vales”.
Representan os dezasetes de maio unha boa ocasión para incorporármonos á lectura en galego, mais non durante un día, nin durante o mes que xa denominamos das letras, non; é un bo día para renacer, conscientemente, con orgullo, á identidade de noso, á única lingua que mora na nosa psique, pois as outras, as aprendidas, moran na memoria, mais non na psicoloxía. Debido a este fenómeno damos por feito que podemos traducir directamente a outras linguas expresións como “cubrir o papel”, cando é algo exclusivo da nosa, xa que no resto dos idiomas significaría porlle algo enriba. Isto ocasiónao un determinado proceso mental: Só pensamos na lingua que nos outorgou o pobo, malia que non nola falasen no fogar. A sintaxe é psicoloxía.
Falemos no que pensamos, non só por patriotismo, tamén para evitar ridículas meteduras de zoco.
Como di a xornalista Débora Campos: “Falo galego porque o galego fala de min”. Por certo, Débora mora en Bos Aires, onde naceu.
Feliz, consciente, concienciado, desacomplexado e insubmiso DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Pensemos para falar, leamos para pensar, falemos para sermos, nós.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2015 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal