Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MONDOÑEDO É POESÍA (e é tal)

O primeiro día de maio desenvolveuse na cidade das dez mil tabernas (permítanme este xogo ao fío dun comentario do poeta Lois Pérez) o evento “Mondoñedo é poesía”, acontecemento que congregou un bo número de persoeiros das letras, e ao mesmo tempo unhas poucas e senlleiras figuras da música e das artes plásticas. Esta segunda edición rematou de consolidar un proxecto que xa gozou de grande éxito o pasado ano, cando artellara o acto o Grupo Literario Leiras Pulpeiro; desta volta exerceu de anfitrión o colectivo recén nado Mondoñedo é…
Comezou a ruta literaria na Praza da Catedral –ao peíño de don Álvaro fosilizado- e aos poucos foi chegando –coas paraxes precisas para que os versos foran ficando liberados naquela atmosfera primaveral e festiva- ao barrio da Alcántara, onde se asenta o Auditorio Pascual Veiga; nel, un público que ateigaba o Centro Cultural deleitouse coas voces de Miro Casabella e César Morán, decote presentes nos actos culturais mindonienses.
Cómpre felicitar aos artífices deste magnífico evento cuxo leit motiv foi un poeta do que temos falado nestas páxinas non hai moito, Antonio Noriega Varela. A elección non foi feita ao chou, pois que hai cento vinte anos, o mindoniense obtiña un premio no Certame Literario das San Lucas co seu poema De Ruada.
Malia que no devandito recital non había poetas mediocres, non me resisto a destacar uns cantos nomes que me emocionaron especialmente, non só polo contido dos seus versos –tamén- senón polo seu virtuosismo á hora da declamación, xa que todos sabemos que hai grandísimos vates que non son quen de ler con xeito as súas creacións, e a calidade da dicción –cada día menos frecuente- é esencial nesta cuestión.
Hai ben tempo que me recomendaron a Baldo Ramos, descubrino en Mondoñedo este 1º de maio e cautivoume a sensibilidade da súa poesía. Recoméndoo.
Non hai moito que vira a Lois Pérez botando contos –el autodenomínase traficante de ideas-, mais escoitalo recitar coa guitarra ás costas é un deses espectáculos que toda persoa vinculada á literatura debe experimentar polo menos, sempre que se poida. Recéitoo.
Yolanda Castaño sei que é moi lida no noso país, mais non chega con lela, cómpre sentila. Sentila. Percibila. Aconsélloa.
Eu non sabía do catalano-galaico Eduard Velasco até que o ano pasado obtivo o Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, descubrilo supúxume un grato e refrescante achado. Prescríboo.
Desafortunadamente a inmensa Luz Pozo Garza non puido asistir á convocatoria, malia todo, recibiu o aplauso dun público embebido de poesía e entregado a uns artistas que deron o mellor da súa arte nun serán inesquecíbel para calquera amante das letras.
Se houbo unha temática recurrente foi sen dúbida a defensa e exaltación da lingua galega. Dende os novos aos maduros, dende os consagrados aos noveis, dende os urbanos aos rurais, aquel xuntoiro de trobadores proporcionoulle á lingua da Galiza unhas cinco horas de gloria e reinado, non só pola súa presenza nas composicións –absoluta- senón polo fomento e proselitismo efectuado dende as voces todas.
E se todo isto abondaría para que os máis sensíbeis comezaran a percibir síntomas da síndrome de Stendhal… Aínda resta algo por testemuñar, e non é cousa pequena.
O público asistente recibiu dous agasallos: Ao entrar no auditorio unha reprodución do xa mencionado poema De Ruada, e ao saír, un cartafol coas composicións escollidas polos poetas convocados na presente edición.
Se cada vila, cada concello, artellase, aínda que só fose unha vez para cada xeración, un evento literario semellante –ou a metade deste-, viviriamos outra realidade; teriamos outra Literatura, outra mocidade, outra Galiza.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2015 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 un evento literario semellante –ou a metade deste-, viviriamos outra#blgtk08# realidade; teriamos outra Literatura, outra mocidade, outra Galiza.
Comentario por designer replica Handbags (19-07-2015 06:40)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal