Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

REIGOSA E O ENCANTO DA TRADICIÓN ORAL
Venres presentouse en Mondoñedo Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, un título herdado da páxina web que leva dez anos atesourando a literatura galega de tradición oral. Antonio Reigosa –autor do proxecto cibernético, do libro homónimo e cronista oficial de Mondoñedo dende hai uns meses- quixo para o gran día arrodearse de colaboradores ben coñecidos no eido cultural local, tales como Fran Bouso ou Paco Piñeiro, e na parte escénica por Lois Pérez, un narrador novo que comeza a destacar no ámbito lugués.
Na mesa de presentación comezou lembrándose a dous grandes da literatura falecidos recentemente: Eduardo Galeano e Günter Grass, traídos á memoria polo rexedor mindoniense, Orlando González, vinculado ao Uruguai por vía migratoria.
Tomou a palabra a continuación o autor da obra recén nada e fíxoo abrindo fogo sen reviravoltas. Describiu varias das lendas e crenzas rexistradas en Galicia Encantada co seu habitual ton humorístico, facendo fincapé nas lendas urbanas que continúan a medrar e xurdir, como mostra de que ese patrimonio inmaterial denominado tradición oral non desaparece senón que adquire volume segundo avanta o tempo. Quixo deixar claro Reigosa que o obxectivo principal dos seus proxectos é que a nosa literatura oral poida ser consultada polas vindeiras xeracións, posibilitándolles deste xeito, o coñecemento da súa orixe.
Fran Bouso falou da súa querenza polos contos populares, teima que o leva a procurar as narracións propias dos territorios onde a vida o vai levando; nestes momentos as súas pescudas céntranse no Val do Sil, onde está a tirar a historia lendaria de varios personaxes locais.
A xustificación popular do topónimo Oirán e un hipotético itinerario mariscaliano servíronlle a Bouso para explicar o modo en que os pobos buscan e proporcionan respostas suplindo a carencia de coñecementos etimolóxicos ou históricos. Dese xeito e co paso do tempo, as fantasías populares van aséntandose na imaxinaría colectiva.
Se cadra a intervención máis longa foi a do dinamizador cultural, dramaturgo e investigador Francisco Piñeiro, mindoniense asentado en Cervo e alma máter de varios grupos teatrais. Comezou evocando a don Álvaro Cunqueiro -soterrado a poucos metros do local onde se oficiou a cerimonia literaria-, pois que se está a cumprir o aniversario da entrada do grande fabulador na RAG co discurso Tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinacións sobre tesouros.
O Vedral ou O Reguengo foron algúns dos lugares nomeados por Piñeiro, reais e míticos a un tempo na infancia do dramaturgo, quen non esquece o imaxinario que a fantasía local ten creado acerca do “Furado” (no lugar de San Pedro), onde as donicelas falan coas cobras, ou a leira onde agromaban carallos tras a maldición dunha muller malfalada; sen esquecer a Fonte da Galiña –animal mítico por excelencia nos encantos-, unha das sete fontes que xorden no Padornelo.
O monologuista, contador ou improvisador Lois Pérez deleitounos coa súa virtude narradora, demostrando que a arte da tradición oral non só continúa viva, senón que medra vizosa nos galegos que na actualidade beben das fontes –encantandas xaora- do tempo en que os animais falaban.
Eu, para confirmar a importancia e valor da literatura de tradición oral, sempre poño como exemplo o mito da Compaña ou Procesión das Ánimas; hoxe noso, mais escandinavo de nacemento, xermánico de adopción e céltico na súa madureza; e posuidor da resposta ás incógnitas que boa parte das civilizacións europeas resolveron rudimentariamente ao longo dos séculos.
Estes tesouros xurdidos e alimentados pola imaxinación e a tradición populares non só son fundamentais para coñecermos a nosa orixe, por riba diso son imprescindíbeis á hora de descifrar a filosofía, as crenzas e o pensamento dos nosos devanceiros.
En definitiva, este magnífico traballo de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López e editado por Xerais, debe ter oco nas bibliotecas –non só nas persoais- galegas e en xeral nas dos interesados pola cultura dos pobos. Obras como esta coadxuvan non só na divulgación, senón tamén na demostración de que toda nación goza dunha Cultura de natureza inmaterial, tan importante coma a que podemos captar polos sentidos convencionais.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2015 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal