Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AZUL...
A primeira vez que escoitei o nome de Rubén Darío non foi pola súa obra senón por unha estación de Metro con nome de poeta nicaraguano.
Máis tarde, no Bacharelato, don Luis Cañizal de la Fuente explicounos o Modernismo a través do Responso a Verlaine, e un verso hipnótico ficou na miña mente como referencia do barroquismo na escrita: “Que púberes canéforas te ofrenden el acanto”.
Despois viñeron as explicacións profusas das maledicencias sobre posíbeis “negros” conformando unha pequena industria de produción xornalística baixo a rúbrica do egrexio vate, e toda esa caste de miserias que vén sufrindo quen sobresae na tribo. O noso Curros deixóunolo dito de xeito maxistral: “¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! / ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!”.
Hoxe estamos poéticos e isto semella a apoteose das opere citato; o artigo ben se podería intitular Op. cit. mais a miña querenza por don Rubén anímame a homenaxealo tomando emprestado o título que vén de chegar á miña biblioteca.
Nesta obra o autor amosa cumpridamente a súa paixón pola mitoloxía clásica. Nos seus poemas e nos seus relatos a Antiga Grecia supón unha fonte recurrente de inspiración e temáticas. Con mestría, coma sempre. En Azul… descubrimos ese Darío orgulloso de ser poeta, de estar recoñecido como tal e de formar parte dese círculo universal de cantores, pois que intencionadamente o autor emprega indiferentemente os verbos cantar ou escribir e máis o substantivo poeta como equivalencia do adxectivo cantor; lembrándonos así, que toda poesía é música, e que todo facedor de versos é compositor de cancións.
O achado foi máis grato cando me decatei de que esta obra ten tanta prosa coma poesía, xa que comeza cuns relatos (rebordantes de estilo poético, o cal embeléceos aínda máis) nos que don Rubén ispe algún sentimento, confesa ricas vivencias e en xeral examina a condición humana.
Destacou para o meu gusto un fermosísimo conto intitulado El velo de la reina Mab, onde o autor fixa a súa ollada na conduta e nas inquedanzas dos artistas, case que poderiamos dicir que se albisca unha raiola de metaliteratura… Só un alustriño. Nesta creación a maxia da arte (esa aptitude que non mora nos seres todos) é alcumada el sueño azul… Espléndido!
E non lle anda lonxe en calidade e contido atractivo El pájaro azul, onde a metaliteratura xa se enseñora do relato sen rubor, polo que acho que a obra que nos ocupa, ha posuír un duplo interese para os amantes das letras.
A parte poética da obra (xa dixemos que na narrativa de Darío a poesía coloniza cada sílaba) fálanos dos milagres obrados polas estacións do ano, dese continente mestizo que o conquistador non deu domeado, e asemade vai introducindo oportunas homenaxes a moitos xenios por el admirados, e é que este excelso letrista, na súa grandeza recoñecida en vida, non esquece que Calíope agasallou cos seus dons a outros seres, e así, inza a súa obra de citas, referencias e loanzas a artistas, amosando unha reiterada predilección por dúas disciplinas; a literatura (madia leva!) e a arte pictórica, pois que Rubén Darío amaba a pintura, e ben lenzos inspiraron a súa pluma. Mesmo, en ocasións, estabelece un diálogo coas deidades avogosas das artes! Pois que Azul… é unha inconmensurábel ofrenda ás Belas Artes, á sensibilidade estética e aos seus delirios.
A azul, máis ca tonalidade é na obra sensación constante, unha atmosfera da que se imbuíu o artista para ir tinguindo unha creación irmandada coa natureza e os sentimentos, mesmo coas pulsións que non sempre ousamos narrar.
Á hora da lectura chamaranos a atención o castelán de Centroamérica pragado de laísmos e dequeísmos, mais debemos ser respectuosos e comprensivos coas variantes lingüísticas de cada latitude. Compensaranos por outra banda a inxente cantidade de termos cultos e escasamente empregados polos castelanfalantes de hoxe; palabras fermosas que nos farán viaxar á Idade Media.
Se se me demanda unha cualificación, sen dúbida escollerei un adxectivo (na honra de don Rubén, que gustaba de adxectivar tomando os nomes de deusas e ninfas como lexemas): IMPRESCINDÍBEL.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2015 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal