Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Se vostede se atopou con Rosalía estes días, saúdea e déalle recordos de quen algunha vez a limos
Serven para algo os días de…? Como todo na vida (por certo conformada por días) depende. Depende da utilidade que cada individuo lle queira outorgar na súa existencia persoal ou no día en cuestión, e depende, da intención que os organismos e institucións implicados acheguen á efeméride. Por exemplo: o Día das Letras Galegas supón para unha parte da sociedade galega un mero rito grazas ao cal o calendario conta cun festivo máis, e se cadra ben, cunha ponte vacacional para estrear o bañador.
Conclusión: Os autores homenaxeados –e por extensión a literatura galega- serven para moitos mesteres agás para se faceren populares entre o pobo, xa que acaban constituindo a mellor escusa para esquecermos a fábrica, o “cole” ou a cola do paro.
Rosalía, a que xa non precisa apelidos entre nós, ten acadado a categoría de símbolo, de icona, de elemento de cohesión do pobo galego; iso é bo, madia leva! Mais Rosalía é quen de achegar máis proveitos a este país tan necesitado de beneficios de toda caste.
Martes 24 os medios de comunicación gabaron, adoraron e masuñaron a figura de Rosalía, mesmo no Google se nos manifestou a súa faciana sobre un verso… E?
Porque, sexamos sinceros, hai moito filorrosaliano por aí adiante que xamais leu ren da nosa poeta nacional… E se o leu foi porque en días sinalados –como foi o pasado martes- os xornais publican fragmentos de poemas, en enorme tipografía, a carón da efixie da autora. Mais iso non se considera ter lido a Rosalía (descúlpeme a brusquidade), iso non é máis ca ter caído nunha das trampas que certas administracións colocan sabiamente –e cinicamente por que non dicilo- para galegos coma vostede: Bos, xenerosos, e conformistas.
Permítame unha suxestión: Por un día faga algo revolucionario! Achéguese a unha libraría (que non lle importe ser visto por algún coñecido, estas condutas cada vez están máis aceptadas na nosa sociedade), a unha biblioteca ou introduza o sintagma obra de rosalia de castro no buscador da Rede… E deixe que aconteza o que o destino queira…
Non nos quedemos na simple cantilena compracente –e vacua- de Rosalía é moi importante; o importante é que a descubramos, que a redescubramos ou que nos decatemos de que non nos agrada tanto como supoñiamos que tiña de ser; tanto dá! Fagamos o que sempre debimos facer: Ler, analizar, debater, criticar, pescudar… a Rosalía. Tamén.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-02-2015 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal