Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ERRI DE LUCA DANDO COUCES CONTRA O AGUILLÓN
“Obradoiro, liña de ensamblaxe, máquina, tarxeta de fichar, horas extra, salario.
Adestráronme para ser xangal.
Non sei berrar ou me rebelar,
como me queixar ou denunciar,
só como sufrir silandeiramente o esgotamento”
XU LIZHI (1990-2014)

Foi Blanco-Amor o que sentenciou: “O escritor que non se compromete literariamente co pobo non é, en realidade, traidor ao pobo: é, sinxelamente, traidor”.
Erri de Luca é escritor, e para el, situarse a carón do pobo máis ca unha necesidade é un xeito de existencia, dende sempre. Agora o Estado italiano quere metelo na cadea, el resume os motivos nunhas poucas frases: “Vou ser procesado por exercer o meu dereito á palabra contraria. Se a miña opinión é un delito, non vou deixar de cometelo”.
De Luca vinculouse á loita dos que rexeitan a liña do Tren de Alta Velocidade entre Torino e Lyon, sensibilizouse coa poboación e o patrimonio do piamontés Val de Susa, un territorio que perecerá afectado polo impacto das obras dun megaproxecto no que o autor de Montedidio (única das súas obras traducida ao galego) ve intereses espurios e mesmo a man da 'Ndrangheta. El, revolucionario de palabra e obra, ten dito que no momento en que as conversas entre a administración e os contrarios ao proxecto remataron sen solución nin acordo, o único camiño é a acción directa… E ben sabemos que aos estados non lles apaixona que o cidadán pense pola súa conta, e se actúa en por si… Saltan as alarmas e entra en circulación a terminoloxía neutralizadora: Radical, terrorismo…
O escritor napolitano enfróntase á maquinaria represora do Estado, apoiado só polos que sempre apoian ás vítimas dos verdugos profesionais, dos mecanismos cuxa única función é amedrentar para manter un statu quo que se retroalimenta de medo, represión e outra vez medo.
Se desexamos que os poderes que nos axexan controlando benestar e capacidade de decisión con contagotas, non caian na habitude de continuar a apertarnos o colar de castigo, temos dúas opcións. A máis doada, a que está ao alcance de calquera, é exercer a solidariedade cos que exercen a resistencia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2015 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal