Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS SOCIEDADES LITERARIAS
Cantas sociedades literarias hai na Galiza? Eu tan só coñezo unha, a Lonxa Literaria, un dinámico colectivo moañés que ademais de organizar faladoiros, recitais ou encontros con autores, convoca cada ano un certame de microrrelatos. Grazas a esta convocatoria tiven coñecemento da existencia da Lonxa Literaria. Presentei textos a concurso dende a primeira edición, e no ano 2011 tiven a honra de que o meu relato Abonda que lle chaman Porto, fora nomeado gañador.
Emocionante e agardado foi o instante en que recibín a chamada de Sole, a presidenta da devandita sociedade, comunicándome que o xurado escollera o meu relato. Días despois, no fermoso lugar do Beque, ás aforas de Moaña, tivo lugar a entrega do premio, nunha amigábel cea con escritores e letraferidos.
Mais fóra do Morrazo non sei da existencia de colectivos homólogos; si emerxeron dende hai uns anos os clubs de lectura, certamente grupos necesarios para que a literatura medre vizosa, mais cómpre distinguir os encontros entre lectores e os suscitados entre creativos, malia que as ocasionais fusións poidan ofrecer froitos de considerábel altura literaria.
Se os escritores contasen con referencias societarias nas que cambiar impresións, aconsellar, criticar e onde os autores vedraños profesasen o seu maxisterio –espontáneo, involuntario, pasivo, ou non- entre os noveis, o eido literario gozaría dun maior dinamismo, sen esquecer que as panaceas –sempre esquivas- nunca adoitan visitar a escrita e a súa parentela.
Son ben coñecidos no noso país a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e máis o Centro PEN-Galicia, colectivos que dende o descoñecemento presumo de carácter máis gremial -e mesmo profesional- ca de fomento do encontro para debater acerca de correntes, vangardas ou tendencias.
Existe dende hai uns meses o Grupo Literario Leiras Pulpeiro, colectivo que desenvolveu unha fermosísima –e eminentemente literaria- actividade en maio do ano pasado. Tratouse dun roteiro urbano por Mondoñedo, con paraxes en lugares vinculados á figura do poeta que dá nome ao grupo, onde un autor recitaba, narraba ou relataba fragmentos de colleita propia. O evento convocou un altísimo número de escritores e público en xeral,o cal, gozou dun colofón con poesía e música no Centro Cultural da Alcántara. Iniciativas coma esta –tanto a da creación dun grupo literario coma a do roteiro- supoñen rebentos nun ermo cultural xeral, e literario en particular, se nos circunscribimos ás comarcas que conforman a artificial Mariña administrativa. Mais non sei até que punto podemos inserir o GLLP na esguivia listaxe de sociedades literarias, xa que presumo que a súa finalidade é honrar a figura do “médico dos pobres”.
Hai vimbios dabondo para nutrir unha sociedade literaria do Valadouro? Rotundamente si. E falo abeirado nas experiencias gozadas en sucesivos veráns, cando unha boa parte dos valecos relacionados coa escrita dun ou doutro xeito, regresan ao val matricial e aos lares petruciais. Nas terras do Douro contamos cun bo número de escritores ou ensaístas que ben encarreirados nun colectivo que coordinase e canalizase inquedanzas e soños na gabeta, producirían froitos que outorgarían renome e rica bagaxe ao val e á súa vida cultural. Tales son Andrés Canoura, Isaac Ferreira, Cilha Lourenço, Manuel Lourenzo, Obdulia Méndez, Arturo Mogo, Xesús Pisón, Ramom Reimunde, Pedro Rubal, Miguel Vila e xa na outra banda do mar, Rita Geada.
Ninguén está a falar de imitar arquetipos, unha sociedade literaria actual non ten porque ser un club dos poetas mortos nin un Café Gijón, terá de ser o que lle aqueza ao lugar onde se cree e por riba de todo o que arelen os seus fundadores e integrantes.
Consola saber que o futuro próximo fornecerase dunha canteira de literatos que hoxe non contan máis de dez ou once anos, pois que quen isto escribe adoita ser membro do xurado dos certames literarios infantís do Alfoz (certame literario de Nadal e certame do Día das Letras Galegas), onde xa se ten configurado un elenco que vén gañando premios edición tras edición, nenos todos, autores duns textos onde xa teño albiscado lóstregos de realismo máxico. Tales síntomas indican que as terras do Valadouro continuarán a ser berce de escritores e fonte de inspiración.

Foto superior: Xurado do Certame Literario Infantil polo Día das Letras Galegas. Alfoz do Castrodouro, 2014.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2015 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal