Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ANIMACIÓN Á ESCRITA

Son ben coñecidas as campañas de animación á lectura que se veñen desenvolvendo nos centros de ensino, bibliotecas públicas ou a través de entidades culturais. Mais non me consta a existencia de proxectos de animación á escrita nas escolas, e non estaría de máis cultivar este san exercicio entre os máis novos, non pensando –aínda que tamén- en crear canteira literaria senón empregando esta actividade como estimulante intelectual e como espertador doutras destrezas necesarias na época estudantil.
Na miña lembranza aboian mesturados, Tagore, a aula de 5º de EXB, don Guillermo e uns exercicios de redacción que primeiro me preocuparon e máis tarde me engaiolaron.
Don Guillermo impartía clases no colexio Nuestra Señora de la Paloma de Madrid. Non era un mestre traballador mais tiña a imaxinación suficiente para artellar actividades que nos mantivesen entretidos mentres el lía o xornal ou facía tintinar as chaves no interior dos petos, paréceme que fumaba na aula.
Non podo lembrar se nos demostrou gusto pola literatura mais de certo contribuíu a desenvolver a miña querenza pola mesma cos seus exercicios de redacción, os cales realizabamos sen apoio profesoral, só cun breve enunciado inicial.
Don Guillermo escribía na pizarra dez ou doce palabras, as cales non posuían conexión nin parentesco algún entre elas, agás que eran termos en castelán. Debiamos copialas no caderno e a continuación procurar o seu significado no dicionario (case todos manexabamos un Iter Sopena), tomar nota do mesmo e… Facer unha redacción.
No texto compría inserir todas as palabras que o mestre nos proporcionara, e aínda que semellara non existir o xeito de encaixar aeropuerto con gallineja, a redacción tiña que xurdir e ter senso. A última parte do exercicio consistía en ler o texto diante da aula toda, en pé e mirando á infantil audiencia.
Coido que unha boa parte da miña atracción pola escrita puido ter orixe naquelas redaccións nas que o dicionario supuña un insubstituíbel instrumento. Gardo no recordo unha redacción nas que se debían conectar entre outros termos, hacha e molino… E o meu maxín, desprazouse para se inspirar até o Muíño do Novo, no Couto de Abaixo. Porque un, non é de onde nace, senón de onde viaxa nos soños.
Como dixen, nos primeiros tempos considereina unha actividade acredora de grande esforzo mais des que lle collín o tintimán ao labor, debo dicir que gocei plasmando os froitos da imaxinación no papel, e mesmo cheguei a desenvolver certa habelencia creando universos para termos irreconciliábeis.
A primeira actividade do primeiro día de curso foi copiar La flor de la champaca, un texto de Rabindranath Tagore, e acompañalo dun debuxo… Si, don Guillermo gozaba coa literatura, non hai dúbida.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2015 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal