Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PORCOS E PORCALLADAS DE ONTE E HOXE
“Alguén entrou no salón de don Celidonio e dixo:
¡A Biblioteca Municipal está ardendo!
A música emprincipiou outra tocata.”

Así remata O porco de pé, unha novela de Vicente Risco publicada hai 87 anos. Esta obra considerouse vangardista no seu momento, e hoxe, diríamos dela que é un texto rebordante de vixencia.
Sería considerada unha desgraza na actualidade o incendio dunha biblioteca? Seguramente dependería de factores como a latitude do suceso e outros de índole non xeográfica.
Continuaría avante a verbena mentres se calcinan centos de libros? Seguramente dependería do nome da orquestra que estivese a embrutecer o auditorio.
Se cadra, os comentarios do día seguinte transmitirían o consolo de que unicamente arderan libros, e os estudantes cismarían quedos nas bondades da era dixital; todo está na Rede, e se non aparece será que non merece estar.
Mais non é a única pasaxe rechamante desta obra risquiana. Confeso que fiquei irto cando lin unhas liñas que semellan tiradas dunha cisma que supoñía contemporánea mais que polo visto, xa se pode catalogar como tradición galega. Trátase da obsesión coa cidade de Madrid.
Veño observando dende hai anos –e a teima recrúa- que é moi común entre certos galegos gabarse non só de ter visitado Madrid, senón de coñecer ben a devandita cidade.
“Hai que ver o exquisito, o riguroso coidado, a prolixa exactitude, a precisión minuciosa e detallada que poñen na localización topográfica dos máis banais acontecementos da súa vida cortesana, os que van a Madrid, observade que todos gastan moito máis tempo incomparablemente en dicir onde foi que en referir o que pasou. Como o que pasou, sendo en Madrid, non ten importancia; o que ten importancia é que fose en Madrid (…) cómpre localizar os acontecementos que un refire nun sitio de madrileñismo tan patente, que non admita confusión posible (…) e aínda haberá quen saque un lápiz e emprincipie a trazar riscadelas nun papel, dicindo: “Esta é a praza de Santo Domingo; por aquí báixase á praza de Isabel II; aquí vai San Bernardo.” ”
Así nolo narraba don Vicente nos anos ’20 do século pasado e así o baballan os incorrexíbeis pailáns ben encetado o século XXI… Que lles pasa a algúns galegos con Madrid? Mesmo estou chegando á conclusión de que no interior de todo burrán galaico mora en réxime parasitario… Un madrileño.
Nada ten que ver este comentario –encirrado por don Vicente Risco- cunha malquerenza pola cidade de Madrid, imposíbel por outra banda, pois que un servidor, criouse na devandita urbe e nela morou até os 23 anos. Mesmo teño dito, máis en brincadeira ca en serio, que noutro tempo fun madrileño.
Mais con tales antecedentes –motivados pola emigración que ten afectado a tantas familias galegas- o meu ego non utiliza Madrid para proxectar unha imaxe cosmopolita ou trangalladas semellantes. Non abuso do meu coñecemento da metrópole matritense nin ofrezo conferencias espontáneas sobre o callejero de la villa y corte, como teño observado en numerosas ocasións pola Galiza adiante.
E con mestría e precisión Risco dálle unha volta á sociedade do seu tempo, que para o mao e para o peor, continúa a ser a do noso. O caciquismo e as ideoloxías “versátiles” tamén reciben a raiola da literaria lanterna de don Vicente, a quen máis ca malévolo cualificaremos como metódico xusticeiro, pois que non esquece advertirnos da exaltación da mediocridade ou das gabanzas destinadas aos ignorantes, cuxo grande valor no mundo é precisamente esa incultura que os fai imprescindíbeis para as manobras dos miserábeis, quen endexamais esquecen ocultar as virtudes dos sapientes, a quen temen e rexeitan.
Recomendábel, moi recomendábel.
Ah! Que arda unha biblioteca non é boa cousa, e nos países adiantados (descoñezo como anda a cuestión en Madrid) xa se fala da creación dun corpo de bombeiros bibliófilos… Non sei até onde chega a influencia de don Vicente nisto.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2015 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal