Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CREDO! CREDO! CREDO!

A Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro chámase “Manuel Lourenzo”, igual –e non é casualidade- ca o autor da obra que foi presentada nesa casa o derradeiro día de xaneiro. O salón de actos ficou pequeno para brindar recebemento ao texto dramático Pedro e Constanza, unha creación con fonda raigaña na historia da Galiza.
O recoñecido literato (é fillo predilecto do Valadouro, onde conta cun monolito e unha placa na casa natal) repasou na súa exposición as coitas mariscalianas do século XV, as reminiscencias suevas na toponimia do Valadouro, as entranas de Hamlet –como non-, os tempos da censura nos que se facía máis teatro para ler ca para representar e mesmo os desaparecidos antroidos locais, pois que así é este xigante da literatura, así é o Manolo de Vilaúde, unha enciclopedia dos tempos e os sentimentos.
Pedro e Constanza é unha obra que logra transmitir a sensación de acoro dun cativo. Conquire que o lector (por agora non se representou) viaxe á mente dun reo que sabe próxima a súa execución e que pasa a derradeira noite de vida a carón da súa filla, quen lle promete que continuará a loitar contra Castela e os seus secuaces.
Afirma o autor que esta obra naceu da reflexión sobre a decisión heroica que tomou Constanza de Castro, cando todo estaba perdido e o destino revirávase contra ela e o seu home Fernán Arias de Saavedra. Para Lourenzo, a resistencia exercida na torre de Caldaloba supón unha satisfacción patriótica que manifestou na súa exposición con rexas palabras: “Teño orgullo de pertencer á mesma raza ca Constanza, xa que por fin alguén da nosa raza decide resistir”. Non en van, a obra encétase cunha xustificación asinada polo propio autor, na que Constanza é debuxada como símbolo dunha resistencia pasada mais tamén futura, para quen desexe entender “(…) O xesto de Constanza é, para alén de exemplar na súa lealdade ao pai, un mastro chantado no camiño, en calquera dos camiños que sulcan o País. Un recordo, unha alerta, unha encomenda.”
Antes deste alegato en prol da resistencia, confesara o dramaturgo valadourés que a figura do mariscal Pardo de Cela exercera nel unha grande fascinación dende a infancia, cando súa avoa lle contaba que ela mesma estivera presente na execución do nobre galego, confundindo a este con Luxilde “Bretoñés”, o asasino axustizado polo célebre crime de Santa Cruz, acontecido en 1888. Esta confusión, serviulle anos despois para comprobar que en certas ocasións e circunstancias, a historia e o mito acaban por fundirse na memoria colectiva.
E non podemos rematar a crónica desta presentación sen mencionar un agasallo realizado polo autor á súa terra; Manuel Lourenzo aproveitou o evento para facer unha importante doazón ao Seminario de Estudos do Valadouro –entidade editora do caderno- fornecendo así, unha biblioteca que está a nacer e que xa ten recibido senlleiras doazóns, trátase dunha colección de 150 cadernos da Escola Dramática Galega. Boísima nova para unha sociedade filantrópica que traballa decote no atesouramente da cultura local, e óptima novidade para as terras do Douro, pois que en breve contarán cunha biblioteca máis. Credo! Credo! Credo!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2015 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal