Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA INVOCACIÓN, UNHA INSPIRACIÓN
María González Rouco
Volver a Galicia é un blogue, tamén é o título dun libro mais por excelencia é unha invocación. Unha arela proferida polos millóns de emigrantes que deu o noso país dende o século XVIII até a actualidade.
María González Rouco naceu en Bos Aires, seus pais tamén, mais os seus avós chegaron á Arxentina dende Galiza, e ese episodio impregnou a vida do clan xeración tras xeración. Nada novo, é verdade. Se cadra a única novidade aparece nesta terceira xeración con María, quen se converte nunha escritora obsesionada (é un xeito de dicilo) coa orixe e coa historia dos seus devanceiros. Si, igual que nalgunhas outras familias emigrantes, mais María recolle a mágoa, o degoxo, a reminiscencia, a sensación! E vólveos literatura. Herda as viaxes inconclusas e conclúeas, nas letras e nas xeografías reais.
María González Rouco converte Volver a Galicia nunha sorte de sinatura, de escudo de armas da súa estirpe, e iso xa é literario per se, mais por riba María é poeta! Daquela o círculo péchase con honras de tinta. María é consciente de que aló, na outra banda do océano da cronoloxía está Galiza, o seu herdo; afectivo. E que os avós che leguen o amor a un país que recibes por tradición oral, tamén é moi literario, mais cómpre saber administralo.
María soubo, e en 2009 o selo arxentino El Escriba publicoulle Volver a Galicia, co subtítulo Cuentos y poemas con gallegos argentinos. Adicado, como non, aos pais dos seus pais, e encetado cunha cita literaria que non tivo que tirar de ningunha obra, senón que achou no recordo dos encontros familiares, pura materia literaria!
“Cada vez que se juntaban, mis mayores tenían dos temas de conversación, a saber: cómo cambió su vida al llegar a América y cuándo iban a ‘Volver a Galicia’.”
Non habería mellor remate para o artigo mais non me resisto a reproducir o verso polo que descubrín a María e co que experimentei unha descarga emocional, desas que só entendemos os que non somos galegos de nación senón de pulsión, é dicir, de tendencia instintiva.
“Hoy, conmovida, bendigo mi sangre”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2015 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal