Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
O MEU PRIMEIRO LIBRO EN GALEGO - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O MEU PRIMEIRO LIBRO EN GALEGO
Pode quedar moi rebuscado, moi galeguista ou preparado para a ocasión mais creo recordar que o primeiro volume en galego que adquirín foi Sempre en Galiza. Isto aconteceu no verao de 1991, na Libraría Marta de Ferreira, no histórico local da rúa Triana, hoxe pechado.
E se a memoria non me engana, foi nesa altura cando adquirín ?amais da devandita obra de Castelao- o costume de mercar no verao varios libros en galego para ler durante o resto do ano en Madrid. A tarefa non era doada, pois que o fondo bibliográfico das dúas librarías da bisbarra do Douro non eran moi xenerosos, en ningunha lingua.
Eu xa tiña mercado o primeiro xornal en galego ?realmente era un semanario- dous veraos antes, fora tamén na Libraría Marta e tratábase de A Nosa Terra, o titular rezaba ?O nacionalismo apreséntase como o único cámbio posíbel?? Non sei a quen nin a cantos lles afectaría o cambio mais a min mudoume para sempre; a lectura daquelas follas converteron un fillo de emigrantes galegos nun galego sen máis matices.
Nun verao posterior, ou nun Nadal, non lembro ben, merquei Os outros feirantes, na Libraría A Seara; onde tamén me fixen cun pequeno vocabulario Galego-Castelán Castellano-Gallego do selo coruñés Ediciones Nós. Tempos aqueles en que na parroquia de Mor había libraría!
Mais un vocabulario que gardo como unha xoia é o que merquei na Casa del Libro, na Gran Vía de Madrid, era o Vocabulario Castellano-Gallego de F.Fernández del Riego, editado por Galaxia en xuño de 1984 (unha cuarta edición!), con este libriño experimentei varias sensacións. A primeira de curiosidade, orixinada polo descubrimento do galego culto, a segunda máis adiante, cando vin que a normativa oficial era ben distinta da terminoloxía que Paco del Riego escolmara para aquel traballo, e a terceira sensación foi a de posuír un tesouriño que gardaba palabras ?prohibidas? por unha norma restritiva de máis en ocasións e desorientada noutras.
Voltando a Castelao, aquel exemplar de Sempre en Galiza mercado no Valadouro lino en Madrid, recordo que interrompín a patriótica lectura por unha viaxe á Galiza Irredenta con amigos da universidade, un deles era oriúndo do Bierzo.
Á volta retomei a lectura e a través dela fun descubrindo o escritor rianxeiro, a historia de Galiza, as arelas dunha xeración e por riba de todo, unha identidade nacional con sólidos alicerces.
Nese mesmo ano, o xornal El Correo Gallego celebraba os seus cento catorce anos de existencia cun proxecto denominado Biblioteca 114, grazas ao cal, a miña curiosidade pola realidade galega coñeceu centos de autores e a miña avidez pola lectura centos de títulos en galego. O achádego fixérao meu pai cando vira un exemplar do devandito xornal nun quiosco de Callao, a partir de aí entrarían na casa ducias daqueles libriños agasallados polo diario compostelán.
Mais se cadra, as miñas primeiras experiencias lectoras en lingua galega foron nuns opúsculos que publicaban as comisións de festas a finais dos ?80, neles narrábase a historia dos concellos, aparecían datos demográficos das parroquias, e mesmo algún retallo de obras de Francisco Mayán ou algún artigo de Trapero Pardo.
Mais voltemos ao Irmán Daniel, a súa obra cimeira supuxo a miña primeira adquisición literaria en galego, aquel volume de Galaxia editado en 1986
?ano do seu centenario- encetou a miña biblioteca en galego, unha lingua que aínda non empregaba mais que escoitaba decote, malia a morar lonxe da Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2014 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0