A información que deu orixe a estes artigos foi recollida na bisbarra do Valadouro, isto todo foi publicado na revista O Prado das Chantas (D.L.: C-2394/05) entre xullo do 2008 e xaneiro do 2010 baixo a epígrafe O forno das meigas, facendo referencia á cova homónima dos montes da parroquia de Mor.
A revista O Prado das Chantas é unha publicación da Asociación LIGA CÉLTIGA GALAICA.
O forno das meigas I
Alguén coñece un lugar chamado Terra de Patariños? Eu procureino, e o máis semellante que atopei foi Patara, poboación da antiga Roma na que o deus Apolo tiña un oráculo, amais dun templo.
É ben posíbel que algúns de vós teñades escoitado falar dun lugar no que sempre é noite (non estou a
falar da Laponia nin de efectos astronómicos estudados e coñecidos), un lugar no cal, a presenza das
tebras é contínua, e a escuridade a única cor que coñecen os que alí moran. Eis Terra de Patariños.
Seica nese lugar os bois aran a terra armados con fachos nos cornos, para alumear o camiño e o labor. Cavilade na imaxe. Unhas leiras na noite pecha, e varias xugadas de bois coroados con lume seguidos por labregos que sucan a terra cos arados, alumeados só pola luz que abrolla dos cornos dos animais... Non produce un chisco de inquedanza?
O forno das meigas II
Houbo un tempo no que as ánimas andaban polos camiños. A aparición de seres do alén, defuntiños e estantigas, era tan frecuente e mesmo tan abafante para os seres do aquén, que estes decidiron facer algo para deter esa enxurrada de presenzas da outra banda.
A solución tróuxoa a Igrexa. Disque a mensaxe que esas aparicións traían era o desacougo que sentían ?aló?, non estaban ben porque lles faltaba algo, ou non estaban en bo sitio. Así naceu a novena das ánimas, un oficio relixioso que se prolongaba durante nove xornadas e que remataba no día dos defuntos. A devandita liturxia aplacou a interminábel ringleira de manifestacións pantasmais, e estas voltaron ser algo esporádico como foran até daquela, mais non algo cotián.
Datar isto éme moi difícil, quizais poderiamos falar de 1910 ou 1920 como as décadas nas que os valecos comezaron a amedoñárense perante as insistentes manifestacións do alén. O remate da novena das ánimas é máis doado de sinalar, entre finais dos ?50 e comezos dos ?60 comezou a esmorecer este costume, coincidindo co baleiramento xeral das parroquias por mor da Emigración cara a Europa desenvolvida.
O forno das meigas III
Isto aconteceu na parroquia de Carballido. Un fato de rapaces e rapazas voltaban dunha festa, ao lonxe albiscaron unha luz, claridade, fulgor... Algo inexplicábel. Tres dos mozos decidiron seguir sen torcer o camiño nin amosar receo. De alí a pouco, apareceron enchoupados, mollados de riba a abaixo, coma se caesen nun rego. Non souberon dar explicación do acontecido.
Isto que veño de narrar, tivo lugar secadra hai perto de cen anos, mais hai testemuñas que escoitaron o feito da boca dunha das mozas que viñan na cuadrilla.
O que vou contar agora é ben recente, e aconteceu non hai máis de oito anos. Dous rapaces voltaban dunha festa na Mariña, no mesmo coche e cara a cadansúa casa, contra as sete da mañá un deles ficou en Mor, o outro continuou até unha parroquia de Mondoñedo, o traxecto non ten porque durar máis de media hora, mais desta volta e de xeito inexplicábel, cando o mindoniense chegou e mirou o reloxo viu que eran perto das doce do mediodía, decontado fitou o automóbil, temendo terse durmido namentres conducía e marchar da estrada ou algo semellante. O coche non amosaba croque ningún, nin el lembra terse detido para durmir nin facer parada ningunha.
O forno das meigas IV
Un home ía andando na noite cando notou a presenza doutro home ao seu carón, unha figura moi alta que camiñaba canda el.
Se se atopaban con xente o home alto desaparecía, mais ao ficar só o camiñante, volvía sentir a presenza daquel ser alto achegado a el, acaroado coma se se tratase da súa propia sombra. Cando o medo xa logo lle empecía camiñar foi petar á porta dunha casa, nese intre sinteu unha labazada e escoitou: Cando vaias comigo non volvas chamar en ningún sitio.
Disto que describo tiven noticia en Mor, e na parroquia veciña, en Lagoa, faláronme da zarrulada, unha grea de cans pequeniños que aparece na noite facendo ghau ghau ghau, e que en ocasións tamén se achega aos camiñantes entorpecéndolles a andareta. Ás veces non se ven os cans e só se escoita o seu ladrar, nomeadamente se se vai nun vehículo, mais no intre que un se detén a escoitar, o bruído cesa.
A zarrulada é un agoiro de morte, un sinal que nos anuncia o inminente pasamento de alguén próximo, dun veciño do burgo onde se nos manifestou o sinal, por exemplo, case sempre con poucas horas de antelación.
O forno das meigas V
Aquel señor contaba que lle apeteceu fumar un cigarro mentres camiñaba, daquela tirou do peto o cuarterón e máis o librito e dispúxose a elaborar o cilindro cando de súpeto lle arrebataron todo da man. Estrañado, ollou para as mans baleiras e tamén ao seu arredor, non zoaba vento ningún, ninguén había cabo del, ía só... Cando ?algo? lle tirou o tabaco.
Que pensaría aquel home? A que descoñecidas forzas atribuiría aquilo?
Non tardou moito en atoparlle unha interpretación. El lembraba con exactitude a hora á que lle acontecera o misterioso episodio, e non tardou moito en chegarlle o aviso de que á aquela mesma hora, un seu fillo morrera esmagado baixo unha árbore que estaba a pinchar.
O forno das meigas VI
Contan por terras de Santa Cruz que naquela casa morrera unha meniña sendo aínda naipela, ninguén contaba con aquela morte, e a familia amais de padecer tivo que improvisar. Houbo que encargar a caixiña e preparar a mortalla, e mentres... Onde se gardaría o corpiño da nena?
Aos pais, o único lugar que lles semellou axeitado pra conter o corpo mentres non era soterrado foi unha hucha, a mesma hucha onde se tiña gardado o gran ou a roupa das camas. A meniña marchou da casa para sempre nunha caixa branca -como era costume para os ?anxos?, denominación que se lles daba aos nenos mortos- entre bágoas e laios, mais axiña os seus descubriron que aquela nena deixara algo no fogar para que nunca fora esquecida, un arrecendo que lle faría estar presente acotío... Sempre que se abría a hucha onde aquela anxiña fora depositada antes de ser amortallada, saía un ulido a mazás.
Por terras de Mor falábase doutro misterioso recendo. Ao mencer, cando a xente se erguía para ir pola auga á fonte, disque as primeiras raiolas traían un cheiriño a cera, os vellos dicían que tal recendo viña das lámpadas de Xerusalén.
Debemos lembrar que na tradición galega o cheiro a cera case sempre é agoiro da morte, se cadra pola asociación entre as candeas que velan o defunto e o material do que estas son feitas.
O forno das meigas VII
Oístes falar do coche dos pícaros? Disque polos anos ?40 do século pasado se estendeu unha lenda rural que falaba dun coche (unha sorte de ómnibus ou camioneta) que percorría as aldeas secuestrando nenos.
Dicíase que utilizaban os pícaros para obter sangue. Só con nomear o coche dos pícaros, nenos e non tan nenos gardábanse nas casas. Se o pensades ben, non é máis ca unha sofisticación do mítico sacauntos.
O forno das meigas VIII
Agoiros de morte (I)
Como era nonaxenaria quixeron ocultarlle a morte dun seu sobriño. Mais ao cabo, o día despois do enterro contáronllo con moito xeito.
A muller, nada abraiada, escoitou a nova con afouteza, e ao remate afirmou: Eu sabía que algo acontecera, moitas voltas din estes días polo cemiterio da aldea...
A velliña quería dicir que o seu pensamento tivera moi presente o cemiterio da aldea, xa que moraba a centos de quilómetros do lugar do pasamento.
O forno das meigas IX
Agoiros de morte (II)
Dise que a campá está laiona cando o seu son é arrastrado no tempo coma un laído de dor, cando a badalada non é limpa e concreta senón que se escoita acompañada dun estraño eco... Adoita percibirse isto cando as campás tocan a defunto. Ese son alongado e doroso anuncia a inminente morte doutro veciño. É frecuente escoitar entre a veciñanza: Logo ha de haber outro que laia moito a campá.
As fachas son estrelas fugaces (fenómeno tamén chamado ?cambiarse as estrelas?), que no ronsel de luz debuxado no ceo están a indicar a orientación do lugar onde vai acontecer un pasamento. Hai quen diferenza entre estrelas fugaces comúns e fachas, afirmando que as fachas caen ao chan (estariamos a falar entón de asteroides) e que só neses casos podemos interpretalo como agoiro de morte. Por iso adoita escoitarse: E a noite antes de morrer caeu unha facha ao pé da casa.
O forno das meigas X
A cerimonia da morte (I)
Era frecuente até hai uns anos, que antes de sacar o defunto da casa se lle botase algo de comer ao gado.
Seica se non se facía isto, corríase o perigo de que o gado deixase de comer. As explicacións que a xente dá sobre este fenómeno son confusas. Disque ao saír o defunto do seu fogar para sempre, prodúcese unha tensión ambiental que só os animais son quen de percibir, mais se nese tránsito o gado está a comer, o trauma é menor ou non dá entrado nel.
Este ritual aínda se levou a cabo nunha casa de Lagoa hai nove anos.
O forno das meigas XI
A cerimonia da morte (II)
Antes, non existían as vías de comunicación que hoxe existen nas parroquias do rural, agora estamos afeitos a estradas asfaltadas, pistas forestais, camiños máis ou menos transitábeis... Mais non sempre foi así. Noutrora, congostras, corredoiras, carreiros e carrilleiras conformaban a rede viaria aldeá.
A escaseza de vieiros rurais practicábeis puido ser a orixe do que vou narrar. Ás veces o tránsito do cadaleito dende a casa até o cemiterio convertíase nun labor nada doado, sen coches fúnebres nin estradas polas que circular, e con distancias ben longas, as ringleiras de apesarados parentes e veciños do defunto víanse obrigados a atravesar terreos de toda caste, sempre tras os restos mortais do finado. Daquela, o traxecto tripado pola fúnebre compaña ficaba oficializado como camiño público. Xa que logo, por onde atravesaba un cadaleito cara a derradeira morada, viña de nacer un camiño, e ningún dono dos terreos afectados podía opórse.
O forno das meigas XII
O pasamento
Aquela muller estaba soa na casa, era noite e tiña as fiestras e as contras todas pechadas. Dende a cociña ouviu como se taraboulasen na ventá do comedor, ergueuse e foi ver, cando se atopaba no corredor percibiu que ?algo? unha forza invisíbel, como unha corrente de ar moi forte penetraba pola fiestra e continuaba polo corredor até abrir a porta dun cuarto, para seguidamente facer o mesmo camiño á inversa e saír pola mesma ventá que entrara. Tempo despois soubo que esa noite morrera, por vontade propia, unha persoa que adoitaba pasar tempadas naquela casa, e que decote durmía no cuarto do que aquela forza ?fora despedirse?.
É común a asociación dos derradeiros instantes da existencia dunha persoa coa ruxida e bruscos movementos de portas e fiestras, e non sempre o pasamento ten que acontecer na devandita casa, abonda con que a persoa teña estado vinculada a ela.
O forno das meigas XIII (Adicado a Xosé Ramón Maseda Blanco)
Non haberá máis de dez anos que aconteceu, foi nunha noite de verao, xeira na que as casas do Valadouro se enchen de visitantes, motivo polo que as testemuñas foron numerosas.
Dende as casas de San Tomé púidose observar un grande relostro que xurdía de? O Prado das Chantas!
Unha persoa do lugar aventurouse a coller o automóbil e subir decontado pola pista que leva ao curro, non ía só, canda el levaba a un seu fillo, un neno de oito ou nove anos. Cando ámbalas dúas testemuñas coroaron a pista forestal e se atoparon no espazo de lecer habilitado para celebrar a rapa das bestas, viron algo espectacular: Unha renque de luces pousada enriba do Prado das Chantas.
O pánico que xurdiu no neno fixo que se visen obrigados a marchar de alí e voltar á casa. A testemuña adulta sempre describe a escena do mesmo xeito: ?Era como ver unha festa ao lonxe?.
O forno das meigas XIV
A comezos do século XX produciuse un eclipse, o cal foi visíbel dende o noso val. Daquela non se debían anunciar tales acontecementos con antelación, xa que na parroquia de Mor, o medo e a superstición marcaron a data na que se escureceu o sol.
Unhas mozas viñan do pozo cuns caldeiros cheos de auga, no momento no que ían cara a casa tivo lugar o eclipse, daquela os seus maiores mandáronlles desbotar a auga que traían, e botárona ao chan.
Supoñíase que a falta de luz solar no traxecto podía ter creado algún efecto negativo no líquido elemento, a escuridade sempre estivo asociada ao mal, nomeadamente cando a xente non coñecía a orixe desta caste de fenómenos.
O forno das meigas XV
Cando a veciñanza intercambia os ovos das galiñas ou se empresta un animal para mellorar a xenética da facenda, se non hai pagamento polo medio, córrese o risco de que as cousas non vaian ben (que os pitos non saian, que a coella non empreñe...), por iso se paga de xeito simbólico, por exemplo con dez céntimos, e dise: Dez céntimos para as ánimas.
O forno das meigas XVI
Fauna fantástica
Se te pica o alacrán pide a cera e máis o pan e se te roe a delonciña pídeo moito máis axiña. É un dito valeco que advirte do perigo de certos animais (eses seres que viviron decote acarón noso, e que tamén espertaron medos, receos e fantásticas crenzas), outro becho nada recomendábel é a cadela de frade
-insecto morador da leña húmida- xa que se se nos mete nun ouvido a morte é certa.
No val sucado polo río Ouro (ou Douro, como realmente é) cóntase que noutrora as ovellas falaban, e delataron a Xesús Cristo cando foron preguntadas polo seu agocho, xa que respostaron: ?Belén, Belén?. Daquela o fillo de Deus dixo: ?Nunca vosoutros máis faledes?, e privounas da fala, deixándoas cunha voz que aínda lembra ás derradeiras palabras que pronunciaron os ovinos.
Outros animais moi vinculados á historia sagrada son as anduriñas, paxariños emigrantes dos que algúns valecos din que non teñen pés.
Hai ao redor de setenta anos naceu en Vilagabe (Mor) un xato ou un año (os datos son confusos) cunha cabeza humana, a explicación que se deu verbo do fenómeno estaba vinculada ás prácticas zoofílicas.
Dise que a delonciña séntese atraída pola cor vermella e pode atacar ás persoas vestidas con roupaxes da devandita cor.
Da raposa cóntase que cando anda quente -xeira na que late e ouvea ruidosamente- bota lume pola boca.
A pebida é un vulto que lles sae ás galiñas debaixo da lingua empecéndolles a inxestión, cando se lles arrinca, dise que hai que queimalo para que non se lle reproduza ao animal... As mesmas persoas que toman esta precaución afirman que pode ser sinxelamente: Unha bruxaría.
LIONEL REXES
|