Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AFINIDADES ELECTIVAS

De tal maneira se denomina a actividade financiada pola Dirección Xeral do Libro (organismo de ámbito estatal) á que puidemos asistir o pasado mércores na vila de Foz. A experiencia consiste en convocar dous autores a traballaren en cadansúa lingua, co obxectivo de os someter a unha serie de cuestións relacionadas cos seus hábitos e teimas no transo da ideación narrativa.
Co auspicio da libraría Bahía, Berta Dávila e Juan Tallón foron ?enfrontados? a un acareo oficiado pola xestora do citado comercio.
A compostelá e o vilarexo procederon a despezaren polo miúdo, non unha das súas obras en concreto, senón a novela como artefacto, tal como quen explica o proceso de activación dun explosivo.
Desde o xerme que inspira o contido até o labor de expurgado textual, a xénese dunha narración foi exposta de xeito técnico, crú, íntimo.
Experimentei a sensación -sentado entre un auditorio enmascarado e distanciado por orde gubernativa- de que tanto Dávila como Tallón se viron por momentos acurrados por unhas cuestións de respostas imposíbeis.
Preguntariamos a alguén como fixo un fillo e con quen? Considero que así se sente un autor cando os seus lectores lle exixen a ecografía do feto literario.
Tivo lugar contra o final do acto un instante revelador. Sucedeu cando Juan Tallón confesou que ?Un autor non tira nada?, facendo referencia ao feito de que toda vivencia ou sensación fica rexistrada na mente do escritor, para, máis tarde ou máis cedo, acabar alimentando algunha das súas creacións.
Pola súa banda, Berta Dávila obsequiounos cunha concesión de outra tanta valía, cando afirmou que o autor adoita facer ?cameos? nas súas obras. Talvez, esta forma de explicalo resulte a máis pedagóxica e acertada para describir a achega persoal do escritor, nomeadamente cando é interrogado coa sempiterna pregunta: Canto de autobiográfico ten este libro?
Quizais, este experimento chamado Afinidades electivas estea resultando interesantísimo para as persoas vinculadas, dun ou doutro xeito, á literatura, no entanto, non sei até que punto o gran público se vai sentir atraído pola disección do proceso creativo literario.
Se o presente exercicio, no canto de presentarse dun xeito tan xenérico, atendese á análise pormenorizada de obras específicas, o lector común non se vería tan afastado dun debate que semella pensado para profesionais das letras.
Entre o obradoiro literario e o club de lectura existe un amplo espazo de posibilidades, nel deben procuraren o seu oco as Afinidades electivas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2020 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
O "MANIFESTO" DE AMEIXEIRAS CONTRA OS VAMPIROS
Asina Diego Ameixeiras un interesante, lúcido e irónico artigo no Fugas do pasado 26 de xuño.
Gocei do texto cun sorriso de resignación nos beizos, mais antes de rematar a devandita lectura, manifestóuseme no recordo unha vivencia persoal que comparto con gusto.
Recibo a chamada dunha xornalista á que trato, saudámonos con afabilidade e falamos da vida; intúo que non se trata dunha chamada de cortesía.
A redactora en cuestión, destinada na sección comarcal dun xornal de gran tiraxe, aclárame que o motivo da comunicación é transmitir unha proposta do seu superior inmediato: Ofrécenme colaborar semanalmente co diario escribindo unha columna de opinión.
Antes de deixarme posuír pola vaidade, opto por imbuírme do realismo preciso para efectuar a pregunta maldita no ámbito cultural: Hai diñeiro polo medio?
Non sentín pudor algún en lle formular a cuestión a unha xornalista que, alén do que poida gozar co seu traballo, estou seguro de que obtén uns honorarios a cambio de, por exemplo, recrutar escritores para traballar de balde no xornal.
Ameixeiras describe situacións deste teor en parágrafos gloriosos. Por iso conmino o pobo a deterse en Vampiros á hora do xantar, unha auténtica declaración de fatiga e intencións.
Invoco e convoco o pobo, non por capricho nin deformación hiperbólica, senón para que a sociedade coñeza unha realidade que non sempre se torna visíbel, a dos servos do santísimo amor á arte.
?Xa non nos sorprende o pagamento da faena intelectual pola vía gastronómica?. Talvez resulta benévolo de máis o citado articulista neste punto, pois xa se teñen pagado conferencias cun cafeíño na cantina do centro social. Non obstante, máis adiante o propio Ameixeiras remacha cunhas liñas nas que evoca esforzos intelectuais recompensados cun ?libriño de agasallo?.
De certo, por norma, non se pagan disertacións, presentacións de actos, pregóns considerados menores, encargas de textos conmemorativos? Porque, para empezar, ninguén ofrece e poucos preguntan.
O autor do artigo céntrase, sobre todo, no labor pretendidamente desinteresado dos membros de xurados de certames literarios. Debo recoñecer que un servidor non sufriu experiencias miserábeis neste senso, pois certamente foi gratificado con rigor e xenerosidade, mais, as honrosas excepcións non deben facernos caer en relativismos autocompracentes.
Algúns datos expostos no citado texto son ben reveladores, sobre todo cando se di que ?Máis dun terzo dos empregados culturais traballaron sen remuneración durante a pandemia?; habería que definir con exactitude o sintagma ?empregados culturais?, mais estou ben seguro de que unha infinidade de articulistas, narradores, poetas, dramaturgos e mesmo ensaístas, crearon gratis baixo a pauta do traballo pola causa.
Subscribo ao cen por cen este ?manifesto? contra os vampiros, e propoño comezar a dicir non, sen vergoña e con firmeza.
Que facer ante a estendida crenza de que os creativos carecen de apetito e foron exonerados do pagamento de facturas?
Como premisa indeclinábel, negarse a colaborar cos entes e institucións que teimen en manteren prácticas abusivas. E para continuar, elaborar unha relación ?pública, por que non- de entidades ruíns, coa finalidade de evitar que ninguén volva caer nas súas fauces.
Con tempo, tamén deberiamos revisar e aggiornar os dereitos do escritor con respecto á editorial, mais esa é unha batalla que deberemos dar des que venzamos nesoutras. Descúlpenme a linguaxe bélica, mais esta guerra tamén a gañaremos protexéndonos uns dos outros.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2020 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
O AGOCHO DE BÉCQUER
Non vos ten ?desaparecido? nalgunha ocasión un volume da vosa biblioteca particular? Non me refiro a libros descoidados por visitantes ou mesmo por outros moradores do fogar, senón a volumes que sabedes, positivamente, que repousan aí, nos andeis do voso santuario libreiro, e que non dades encontrado por moito que remexades.
Aconteceume con don Gustavo Adolfo Bécquer estes días.
Desde hai semanas desexaba reler o autor sevillano, e aínda por riba, os medios non cesaban de evocar o 150 aniversario do seu pasamento.
Sen lugar a erro, eu sabía que Bécquer obtivera praza fixa na miña biblioteca? Mais nunca xurdía cando eu puña en práctica os meus voos de recoñecemento inspirados na memoria fotográfica.
Memoria fotográfica, si. Porque, por moita orde que teñas estabelecida na biblioteca, e por rigorosas que sexan as relacións de títulos confeccionadas (non é o meu caso), unha sorte de instinto visual adoita guiarte até o lugar onde mora o volume en cuestión. Mais as miñas buscas resultaban infrutuosas.
Despois de todo, un erro da memoria estaba a me desorientar. Eu rastrexaba convencido de que o meu exemplar de Rimas y leyendas pertencía á editorial Publimexi, pois atesouro varios libros deste selo mexicano consagrado a editar clásicos de todos os tempos (Miguel Hernández, Neruda?), no entanto, o meu volume fora publicado polo selo castelán Alba-Libsa.
Por fin, hai uns días, tras unha exhaustiva busca que incluíu reordenación e limpeza de sustentáculos, don Gustavo acabou por se manifestar.
Coma unha aparición fantasmal das que tanto inspiraron o autor, Rimas y leyendas xurdiu en terra de ninguén: Entre un manual de introdución á socioloxía e mais as peripecias de Sherlock Holmes. Que ironía!
Non é a primeira vez que os libros xogan á lebrescura comigo.
E de novo puiden reler e mesmo ler o que non lera. Comecei por El monte de las ánimas, unha narración desas que tanto gustaron noutro tempo e que hoxe, presumo, foron superadas polos efectos especiais da cinematografía. Non digo que o cinema sexa capaz de tocar frebas que a literatura non poida facer vibrar, senón que o usuario en busca de emocións fortes, conmóvese antes pola imaxe ca polo argumento escrito. Ou? Isto daría para un bo debate.
Quixen ver neste relato, reminiscencias dun mito nórdico denominado a cazaría salvaxe, visión fantasmal vinculada á tradición cinexética.
Deixo as rimas para outra ocasión e continúo coas lendas, agora pola orde estabelecida no libro. O interese espertado por cada contiño é desigual, do mesmo xeito que varían as reaccións durante a súa lectura. Nalgúns casos, a recreación deleitosa obrígate a volver a certas páxinas, noutros, en cambio, desexas rematar decontado para dar cun texto máis vibrante.
Encontraremos en Los ojos verdes o recorrente mito das ninfas fluvias, adobiado polo sempiterno romanticismo do autor.
Mais, para min, a mellor das nove narracións presentes en Rimas y leyendas é La promesa, unha pequena xoia que nos trae noticia da literatura oral do XIX.
Resumindo: Por riba de recomendábel, imprescindíbel.
Hoxe diríase deste expoñente da corrente romántica que foi un gótico incorrixíbel, pois que o seu gusto polas ruínas, polos misterios da morte e pola premeditada confusión entre paixón e dor provocada pola ausencia, encádrano perfectamente nesa estética que gañou adeptos nas últimas décadas. Eses resortes detonantes do pracer morboso, son concretados polo autor nun sintagma sinxelo: ?Todo lo desusado y maravilloso?.
Non deixemos de nos deleitar co riquísimo castelán decimonónico e empreguemos o diccionario sen rubor; obviemos o antisemitismo exhalado por algúns dos textos -é froito dunha época en que as hoxe invocadas tres culturas se aveciñaban en Toledo ignorando que convivían- e non caiamos na tentación de censurar un poeta nacido cen anos antes que Foise co vento (a novela).
Polo contrario, reflexionemos sobre a época en que as narracións de Bécquer engaiolaron xeracións enteiras.
Calquera tempo pasado supón unha aprendizaxe. Non prohibamos as obras, desterremos si, os idearios que pretenden facérmonos retroceder.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2020 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
DÍAS DE LÍRICA HELÉNICA
Ando a ler estes días un volume da miña biblioteca particular, un libriño con certa historia que me regalaron hai, exactamente, trinta anos.
Unha das mellores profesoras que me instruíu chamouse María Ángeles Martín, impartía aulas de grego no instituto San Isidro, de Madrid, e dela, ademais da lingua clásica que deu orixe a varios idiomas actuais, aprendiamos ética do traballo.
Aquela docente citaba os alumnos menos avantaxados no Seminario de Grego (un local destinado, en principio, ao profesorado da devandita materia) ás sete e media da mañá ?unha hora antes do inicio do horario lectivo- co obxectivo de ofrecer clases de reforzo. Todo un exemplo de dedicación, celo e responsabilidade.
Dona María Ángeles tiña por costume regalar un libro o derradeiro día do curso, un para cada alumno! E por suposto, sempre se trataba dun título vinculado á cultura helénica. Na dedicatoria persoal, unha frase en grego debía facer pensar ao alumno en cuestión.
No meu exemplar, unha cita de Menandro (desde logo, escrita en alfabeto grego) aconséllame sobre o razoamento humano. Está asinada esta dedicatoria en maio de 1990.
Antología de la poesía lírica griega. Siglos VII-IV A.C. é o título do libro entregado a aqueles alumnos que rematáramos o COU na primavera de hai tres décadas, e non sei por que razón, estes días tomei o volume do andel con ansias anovadas, disposto a imbuirme da primixenia literatura europea.
Desde os versos iámbicos á lírica popular, a antoloxía fai un repaso por toda aquela poesía primitiva que así e todo, permaneceu vixente (experimentando as evolucións oportunas) até non hai tantas xeracións. Non exaxero. Pensemos que os epitalamios de Safo poden supor a remota orixe das regueifas nupciais, ou o costume de tocar o corno ante o fogar duns viúvos desposados, unha sorte de frívolo himeneo.
Fálasenos neste libro dun ?poeta mendicante? chamado Hiponacte de Éfeso, e ao ler o que se nos conta sobre a súa vida, non puiden evitar pensar nos cegos cantores, mais sobre todo, naqueles poetas que os meus maiores acordan rogando caridade polas portas, tal como foi Eugenio Díaz Martínez ?El aventurero?, tamén alcumado ?O poeta?. Este vadío percorría os camiños do Valadouro a mediados do século pasado e del temos falado aquí con anterioridade.
Poderiamos hoxe divulgar un poema en loor do autor dun magnicidio? Sabemos que non; no entanto, na Hélade, si. Non temos máis que ler En honor de los tiranicidas.
Endebén, hoxe sería reprobada, non sen razón, certa composición machista que se lle ocorreu a Semónides de Amorgos; pura misoxinia.
Desde logo, na actualidade gozamos dunha poesía que pode competir perfectamente coa creación destes primeiros vates, mais dubido, con infindo pesar, que os estudantes de hoxe gocen de profesionais da educación coas cualidades da miña profesora de grego. Síntoo por eles e por todos nós.
O antólogo, tradutor e prologuista desta publicación de Alianza Editorial é o profesor Carlos García Gual, helenista e académico da RAE que a finais do ano pasado manifestou: ?Es un mundo absurdo, pero estaba previsto que fuera así. Los pensadores de la Escuela de Fráncfort se dieron cuenta de que el marxismo no triunfaría porque la gente no iba a hacer la revolución si se contentaba con pequeñas cosas.?
Aquela xeración de profesores educou a quen agora somos hipercríticos e tachados de radicais. A culpa radica na transmisión da paixón pola cultura e o saber. Gloria a eles!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-05-2020 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
POÉTICA VONTADE DE FERRO
?Toda a terra era un cantil de anxos caídos?
Manuel Rivas

Fomos moitos os que permanecemos pendentes das pantallas de móbiles e computadores o pasado primeiro de maio, o día en que se celebra ?entre moitas outras dignísimas conmemoracións- ?Mondoñedo é poesía?.
Desde aquel 2014 en que a evocación de Leiras Pulpeiro abriu o camiño, un congreso anual da carminofilia ten lugar polas rúas de Mondoñedo, tal como fomos dado conta puntualmente nesta bitácora.
A edición do presente ano houbo de ser ofrecida a través dunha rede social, entendo que a organización auspiciadora colixiu que nós, os adeptos, máis que nunca precisabamos o alento tépedo do verso próximo, do escenario local e acolledor, e por riba de todo, das voces dos vates e bardos da tribo, a proporcionarnos a cadencia precisa para afrontar unha realidade que unicamente proclama incerteza.
Cun estado de alarma decretado, no medio dunha emerxencia sanitaria e en pleno confinamento por corentena, resultou imposíbel manter a cita de 2020 tal e como a esperabamos, mais os activistas do colectivo MONDOÑEDO É? non se deixaron someter pola resignación e trasantonte, facendo gala dunha vontade de ferro, foron quen de sortearen as ameazas todas.
O proxecto medra e mellora substancialmente en cada edición, e a presente, pese ás dificultades, non supuxo excepción ningunha.
Nesta ocasión, o evento foi denominado Mondoñedo é Luz, rendendo homenaxe á desaparecida Luz Pozo Garza, unha poeta que estivera a punto de participar nunha das edicións e que finalmente debería escusar a súa asistencia.
Xaora que botamos de menos as actuacións ao vivo, o encontro cos amigos, o ambiente festivo das Quendas e aquelas rúas atemporais, no entanto, puidemos gozar da poesía como cada primeiro de maio. Isto, nas actuais circunstancias supón un regalo impagábel.
Abriu a presente edición o son das campás da catedral, e a seguir, Antonio García Teijeiro comeza a recitar sobre unhas estacións baleiras, tan baleiras coma eses empedrados que ano tras ano transitabamos en comitiva pletórica, facendo paraxes ante bustos de poetas, casas de poetas e flanqueados por poetas, mais todo se acaba para que todo renaza.
Porá colofón ao evento un poema de Luz Pozo Garza na voz de Cristina Lombao, mais polo medio soaron e conmovéronnos os principais nomes da poesía nacional, como Miriam Ferradás e os seus paxaros infelices, ou os Ex-poemas de Manuel Rivas, co evocador O tolo de abril e os seus vagalumes extintos.
Como sempre, ?Mondoñedo é poesía? non é para contar, é para sentir.
Visiten o YouTube e embébanse de emoción con Mondoñedo é poesía 2020 Edición Virtual definitiva, e recoméndeno ás súas amizades.
Fomentemos as orxías das letras, excitemos a lingua de noso e gocemos da sensualidade do verso, velaquí a chave para que a primavera retorne, mil Mondoñedos máis.


LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-05-2020 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
UN DRAMATURGO FLAMENGO
Nunha das acostumadas ?doazóns espontáneas? da Ponte Literaria, fixérame cun opúsculo intitulado Máxia Vermella, obra dramática que aínda non degustara e que lin estes días de alarma e corentena.
Escrita por Michel de Ghelderode en 1931, a obra foi editada en galego hai trinta e cinco anos, grazas á tradución realizada por Francisco Pillado para o selo Libros de Teatro Don Satúrio.
De Ghelderode é un dramaturgo flamengo pouco coñecido no noso ámbito, mais moi celebrado, por exemplo, na Arxentina. Seguramente, a obra máis célebre deste autor é Escurial-Hop, Signor!, unha sátira sobre a ocupación dos Países Baixos por parte dos Habsburgo-Austria ibéricos.
Máxia vermella, o título que nos ocupa, conta cun prólogo da profesora Maria Pilar Garcia Negro (respéctase aquí a grafía reintegracionista presente na edición), escrito onde se tratan con xenerosidade as interioridades da obra.
Na opinión dun servidor, a preeminencia do personaxe protagonista fará que tras a lectura, rematemos algo fartos dos longuísimos monólogos de Xerome, auténtico factótum da comedia. Porén, non dicimos con isto que non se trate dunha obra de interese, sobre todo polas mensaxes que emana, todas vinculadas á cobiza e á adicción aos bens materiais. Non obstante, contra o final do texto descubriremos que moitas desas ambicións desaforadas ocultan o medo á morte, ou talvez unha sorte de afán de transcendencia.
Expón cumpridamente a prologuista as influencias recollidas polo autor e mais as sementes que planta, inferindo que Michel de Ghelderode déixase influír polo protosurrealismo pictórico dos seus compatriotas, do mesmo xeito que ensaia co absurdo no drama, achaiando o camiño que vai tripar, con grande éxito, o mesmísimo Ionesco.
Obriña recomendábel como curiosidade, pois non todos os días podemos accedermos á creación dun dramaturgo flamengo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2020 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
EPIDEMIA
Robin Cook, ademais de novelista, é médico. Este norteamericano escribiu hai trinta e tres anos un texto angustioso, unha obra que sen ser de calidade, resultará terribelmente ilustrativa nestes tempos que nos toca padecer. Dito queda, non é unha boa novela, máis si reveladora.
A obra en cuestión intitúlase Epidemia (Outbreak na edición orixinal) e chegou ás nosas latitudes da man de Plaza & Janés, nunha versión en castelán de Raquel Albornoz. Pese a teren transcorrido máis de tres décadas desde a súa publicación, a lectura desta novela desvelaranos inquietantes intrigas cultivadas nas altas esferas.
Todo brote vírico conta, non só cunha orixe, senón tamén cunha motivación, e a que coñeceremos durante a lectura de Epidemia provén das buracas da profesión médica, da ultradereita estadounidense e en definitiva, duns bastardísimos intereses económicos avivados polo clasismo.
Xa dixemos que esta obra non ten grande interese desde o punto de vista literario, non resulta amena nin moito menos adictiva, mais convén lela para abrirmos os ollos e chegarmos a certas conclusións.
A redacción, pobre e excesivamente técnica (propia dun profesional da ciencia), faranos sentir o impulso de deixar a lectura en máis de unha ocasión, sobre todo cando asistamos á tentativa ?escasamente exitosa- de introducir tramas amorosas para enriquecer o texto.
?Probablemente de la extrema derecha (?) limitar la inmigración de médicos extranjeros, impedir que se establezcan subsidios por salud (?)?
Neste breve extracto podemos encontrar boa parte da cerna desta novela. Non nos soa de algo todo disto? Cavilemos.
Epidemia foi escrita e publicada en plena vaga de psicose pola Sida, mais o virus que escolle Cook para esta trama é o Ebola, o mesmo que nos fixo tremer na vida real hai seis anos.
?Todas las clínicas de sistema de salud mediante pago adelantado comenzaron contratanto a grandes cantidades de médicos del extranjero. Los graduados estadounidenses se inclinan por el ejercicio privado de la profesión?.
Descríbenos don Robin a implantación dun tímido esbozo de seguro social no seu país, proxecto que desencadea unha cruzada destrutiva auspiciada por un escuro comité e mais polo republicanismo norteamericano, auténticos trasuntos literarios do conservadurismo adiñeirado, retrógrado e fundamentalista.
Encontraremos dúas referencias curiosas en Epidemia: Unha ao teléfono móbil (falamos de finais dos ?80) e outra á obra A peste, de Camus; lóxica pura, rabiosa vixencia.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2020 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
PAPEL E PRIMEIRAS NECESIDADES
?Sexo seguro, pero sexo?, cantaban Os Resentidos na súa peza Contra a sida rock and roll. Supuxera esta unha formidábel lección de serenidade ante aquela vaga de pánico e incerteza.
Sermos conscientes do risco e calibrar a maneira de actuar sen deixar de manter os costumes saudábeis, velaí a estratexia para combater a ameaza sen que o medo nos engane.
Hoxe, inmersos na maré de temores, recomendacións, vaticinios e teorías espalladas polo sensacionalismo, todos coincidimos nunha premisa esencial: permanecer no fogar fomentando a preservación xeral.
Mais, que facer na casa unha fin de semana enteira, ou catorce días coas súas catorce noites, ou no peor dos casos, un tempo indefinido?
Ler.
Á parte das obrigas e entretementos que cada un manteña e cultive, a lectura preséntase como unha eficiente práctica contra o tedio e as horas de forzado cónclave doméstico.
Mellor un libro ca un xornal (as noticias han ser monotemáticas), tanto ten en papel coma en pantalla, e por suposto, do xénero que adoite proporcionármonos máis gozo.
Están a reflectiren os medios unha esperanzadora nova: Miles de persoas visitaron as librarías nas últimas horas. Coa intención de adquiriren volumes cos que mitigaren o encerro que temos por diante, moitísima xente prepárase para un travesía do deserto social, fornecéndose do máis fiábel material de lecer.
É unha noticia reconfortante que se esgote o papel nos comercios do ramo, pois iso quere dicir que aínda nos momentos de incerteza extrema, a xente confía na literatura como bálsamo.
É o papel ?impreso- un artigo de primeira necesidade? Por suposto.
Sabedoría e coñecementos, lecer, calma, fantasía? Moitos, variados e benignos son os factores que medran ao abeiro da lectura, por outra banda, non ten por que abordarse sempre como actividade individual.
Agora que os habitantes dun mesmo fogar van ter que compartiren oxíxeno durante horas e días (despois de moito tempo sen o facer), poderán improvisaren pequenos clubes de lectura domésticos, foros nos que opinaren e departiren acerca deses libros que circulan pola casa, de cuarto en cuarto e de man en man. Deste xeito, irán fluíndo as recomendacións de títulos e mais os debates sobre preferencias, suavizando así o paso desas horas que todos temían compartiren, seguramente por falta de costume.
Algúns optarán polo libro electrónico, outros manteranse fieis á tradición do papel e mesmo haberá quen ature a corentena sen ler, evocando os días en que eran libres de achegarse a un bar para beber, a un parque para pasar frío ou a un centro comercial para empobrecerse, enriquecendo ao tempo a entidade bancaria á que lle venderon a alma contratando unha tarxeta, de plástico.
Confiemos no papel, por algo se esgotou estes días nos andeis dos comercios.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2020 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
O PRIMITIVO FRANQUISMO TELEGRAFADO POR UMBRAL
Quen non ten chanceado algunha vez coa frase ?Eu vin aquí falar do meu libro?? Os que peiteamos canas recordamos vívidamente aquel programa televisivo do ano 1993, cun Francisco Umbral fóra de si, confesando o nulo interese pola temática discutida. O debate tiña que ver coas problemáticas xuvenís do momento, e o Paco, enmascarado tras as súas enormes lentes e con sesenta e un anos ás costas, regalou un alarde de sinceridade; el non se desprazara até os estudos de Antena3 para opinar sobre a rapazada e o seu futuro.
Resulta que estes días tiven moi presente a Umbral, pois veño de ler Madrid 1940. Memorias de un joven fascista. Esta novela, publicada por Planeta o mesmo ano daquel rauto de soberbia televisiva, goza dunha triste vixencia hoxe en día, cando os apóstolos do españolismo asumen con visceral naturalidade, poño por caso, a eliminación dun verdadeiro prócer da cultura hispana no seu tempo, tal foi Lorca.
Francisco Umbral na década dos ?90 avisaba dos perigos da ?derechona?, facíao desde a súa columna diaria en El Mundo, e é que neste autor, o ámbito reaccionario exerceu sempre unha fascinación emparentada coa oferta estética circense: Imaxe pública e dupla moral, miseria agochada tras as cores dos estandartes, ilusionismo para desviar atencións?
Todo isto vese claramente na novela que nos ocupa, un verdadeiro álbum de fotos da inmundicia, da fame, da sucidade e da desesperación que condicionaron a posguerra, e que non deixaron exentos de padecemento a boa parte dos ?vencedores?.
Resulta esta unha novela frouxa e cómoda de ler a un tempo. A ausencia de profundidade e a levidade do texto vólvena accesíbel, doada de devorar en intervalos mortos, sen facer imprescindíbel unha concentración rigorosa.
Xorde polo medio do texto unha fugaz referencia á rapa das bestas (hai varios personaxes galegos), mais revela tal mención unha absoluta falta de documentación, algo presente ao longo da obra.
Umbral, que no momento da publicación de Madrid 1940 era un autor consagradísimo, cúrase en saúde e introduce até a extenuación a seguinte advertencia: Ya se ha dicho aquí, e faino admitindo as dúbidas ou tamén, a conveniencia dunha oportuna reiteración. Certo; a novela é o trasunto dun diario e soporta o peso de tales licenzas, mais creo que o Paco, moi cuco, redactou espontaneamente e eludindo calquera clase de revisión ou reordenación, abeirándose na auréola de recoñecido escritor.
Atrévome a dicir que esta composición telegráfica foi escrita á présa, pois algunha incongruencia argumental chega até lector como indicador dunha cocción deficiente. Con todo, nas derradeiras páxinas cruzámonos cun Umbral máis lúcido e coidadoso, reconfortado seguramente por ter chegado ao final do traxecto.
Xaora, debemos recordar que o autor madrileño entregaba cada ano varias obras aos seus editores.
Estimo que Ya se ha dicho aquí resultaría o título máis acaído para esta noveliña de breve consumo, porén, todo o dito non debe ser considerado como crítica negativa, senón como mera avaliación de estilo, pois a lectura de Madrid 1940 proporciona un bo sabor e mais unhas suculentas informacións.
Por riba, non deixa de ter algo de precursor o texto, de visionario o escritor e de concomitancia a ruína daqueles ?40 coa traza do momento actual.
?Se proyecta el Valle de los Caídos, (?) Yo veo claramente que es el futuro panteón de Franco,(?)?. ?En Cataluña vamos por los 9.385 fusilados. Era la zona más peligrosa y difícil de limpiar?. ?El Servicio Nacional del Trigo. Un nido carísimo de burócratas cuando lo que no hay es trigo?. ?Hay tres banderas (?) La falangista, que va siendo meramente decorativa, la nacional, que me recuerda demasiado a los borbones y la carlista, que es una coña, un alarde de posibilismo de Franco?. ?Yo sé de muchos hombre y mujeres (?), que tienen previsto en su casa el cuchillo del pescado, el hacha de la leña, la navaja barbera, la pistola, y que saldrían mañana mismo a la calle, (?) a buscar a su enemigo entre los enemigos, (?) Sólo con esa alegría de la sangre, (?)?. ?Comprendí que Franco, (?) se proponía perpetuar la España medieval, artesana, rezadora, pecuaria.?
E así andamos, cativos do Estado herdado daquel que a mirada umbraliana retratou de maneira acertadísima.
Recomendo a lectura de Madrid 1940, non pola calidade da obra, senón polo calafrío avisador que envía ao lector.
Desexan coñecer o parágrafo que exercería como sinopse urxente da obra? Velaí:
?Esa segunda generación falangista que ha confundido ya la bizarría de José Antonio con el matonismo. Son violentos y ágrafos. No tienen nada que ver con el Jefe. Pero es justo lo que necesitaba Franco: un falangista violento y demagógico, rupturista y falso, la imitación en provinciano de Amadís de Gaula?.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2020 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
OBRIGADO, SEÑORÍA
O ano adicado a Carvalho Calero principia con azos e fértil debate. Algo osmabamos.
É noticia que un deputado galego estea a empregar a fórmula ?obrigado? no parlamento do Estado, e mais que o presidente do goberno (naquela altura aínda en funcións) optase por reproducir a mesma fórmula para lle expresar o agradecemento polo apoio prestado.
Hoxe non imos valorarmos as restricións e a desconsideración que o devandito foro gasta coas ?outras? linguas do Estado, tan só analizar o rebumbio que ?parece ser- axitou as redes sociais por conta dun lexítimo ?obrigado?.
Se un parlamentario castelanfalante tivese empregado termos como ahorita, regio ou padrísimo, nada tería sucedido, e hoxe ninguén estaría a falar de confusións idiomáticas nin apurándose a realizar buscas nos dicionarios electrónicos.
Alguén consideraría vulneración o feito de introducir termos tirados das múltiples variantes do castelán de América? Pois do mesmo xeito, nada sucede porque un galego empregue expresións propias da variante falada alén Miño, nin por que a un galego se lle mostre agradecemento co sintagma convencional adoitado en Portugal.
Alguén debería explicar nas redes sociais o que é un diasistema lingüístico (aquí fixémolo non hai moitos días), e ao mesmo tempo, divulgar ?desde o punto de vista científico- que o idioma que hoxe denominamos portugués a nivel mundial, naceu no territorio que hoxe chamamos Galiza, xa que logo, portugués e galego constitúen pólas dun tronco común.
Aquén Miño podemos dicir ?e dicimos- obrigado, moito ben, con licenza? E non estamos a contaminar a nosa variante lingüística senón a estimular a circulación ?sanguínea? dun corpus idiomático común.
Do mesmo xeito, no territorio inserido entre o Miño e o Douro a pronuncia resulta máis próxima á nosa fala ca a dos lisboetas, por exemplo, e a terminación ?çao non se percibe dun xeito tan nidio coma no centro e o sur de Portugal, non en van, o resto dos portugueses chaman galegos aos do norte.
Na Casa de América de Madrid (institución á que tamén fixemos alusión non hai moito) está a celebrar un ciclo denominado ?Acá es aquí?. O xogo de palabras, a chiscadela léxica e o irmandamento buscado co castelanfalante americano son evidentes. Paréceme que non serían precisos máis datos para argumentar a natureza dun ?obrigado? en boca galega ou cara a un galego, mais ben sabemos que no fondo a porfía reborda o eido da semántica.
Onte, desde a tribuna de oradores, un deputado barakaldarra proclamou ?Galiza ceibe? pronunciándoo á catalá; definitivamente, a galaicofonía gaña adeptos e racha fronteiras.

Imaxe: Obra artística de Igor Lugris

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2020 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [28]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0