Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA CAMIÑADA GALEGA DO ESPINÀS
O feito de difundir que adoito gozar de lecturas en catalán obtivo un inmediato premio: O obsequio de volumes na devandita lingua.
E tal aconteceu durante a pasada celebración do solsticio de inverno, ocasión na que fun agasallado con A peu per Galícia, de Josep M. Espinàs (Edicions La Campana, 2002).
Entre o título e o subtítulo (De la Ulloa a Val de Camba), déixasenos ben claro que estamos ante un libro de viaxes, malia que se trate dunha serie de traxectos executados a forza de camiñadas.
O autor acompáñase de dous amigos, un home e unha muller. Van deténdose en toda taberna tradicional que xurda no camiño, e se lles cadra (o autor faille cadrar acotío), non deixan de falaren coa xente que a andaina lles vai presentando.
Pese a tratarse dunha obra redactada en catalán por un autor de tal nacionalidade, no texto apreciaremos a presenza doutros dous idiomas: O galego e o castelán. O feito de reproducir os parlamentos emitidos orixinalmente en galego resulta unha intrepidez malograda, aínda que a boa intención queda fóra de toda dúbida, pois Espinàs non cesa de gabar, durante a obra toda, as potencialidades da nosa cultura.
As proclamas a prol da galaicofonía (facendo mención da irmandade lingüística co Brasil e con Portugal) son constantes, as críticas ás actitudes pseudocosmopolitas tamén, pese a non deixar de exhalar este texto, por veces, un recendo a esa busca de ancestralidade e tipismo tan dada nos urbanitas. Con todo, esa ansia por recibir un baño de arcaísmo non desloce a narración en ningún momento.
A peu per Galícia é, por riba de todo, un documento do doméstico. O autor fíxase en paisanos, usos, labores e fogares, mostrando ás veces a contrariedade ante a aparición de elementos perturbadores da paisaxe idealizada (granxas industrializadas, individuos procedentes do medio urbano…), mais non deixa de ser unha auténtica guía do visitante (non necesariamente camiñante), xa que nos descobre lugares de interese que moitos galegos descoñecen ou non dan prezado co merecemento preciso. A Espinàs marabillouno, ante todo, o mercat de pedra de Agolada, o carrer dels porxos de Chantada, e por suposto o complexo fluvial de Monterroso.
Houbo de padecer don Josep os célebres monólogos proferidos por anciáns, e con resignación, aturou as chufas sobre triunfos laborais de fillos e parentes, mais toda recolleita a redacta con graza este escrupuloso observador catalán.
O grupo chegado de Barcelona non rexeita nada e aproveita todo, mesmo os sermóns ceibados como terapia por solitarios e rallantiños, pois raras veces se mostra crítico co que o camiño lle depara.
Resulta curiosa a nula mención aos teléfonos móbiles (a viaxe tivo lugar no verao de 2001), e mesmo semella que os tres barceloneses practicaron as rutas sen se dotaren destes aparellos, pois dase o caso de teren regresado á pousada cando un deles se retrasa ou non dá aparecido.
Sobrevoa a experiencia unha mensaxe de complicidade galeguista evidente, como se o autor quixese, non exactamente congraciarse co país, senón axudarlle a espertar, facéndolle decatarse do tesouro identitario que encerra. Non en van, don Josep dá testemuño do coñecemento de numerosos escritores galegos, así como de obras lidas na nosa lingua.
Debemos termos en conta que Espinàs é un experimentadísimo camiñante, posto que ten publicado moitos outros títulos en virtude da súa experiencia viaxeira. Este autor (hoxe nonaxenario) ten percorrido diferentes territorios da península e mesmo unha parte da costa atlántica, pois tamén existe A peu per la Costa da Morte.
En definitva, un llibre molt interessant.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2021 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
A DRAMATIZACIÓN PISONIANA DA MATERNIDADE
Paréceme que, desafortunadamente, a Erregueté (Revista Galega de Teatro) é unha publicación pouco coñecida fóra dos ámbitos da dramaturxia e a escena, e considero que as institucións do ramo deberían auspiciaren a súa difusión en centros educativos e determinados colectivos culturais (grupos de teatro amador, clubs de lectura…), pois aínda que vai empezar a ser popularizada a través da rede -logo deixará de imprimirse-, é seguro que restan ducias de exemplares sen finalidade concreta en arquivos públicos. Ao fío disto, é proverbial a sona do soto da Deputación de Lugo, un lugar onde, polo que parece, centos de títulos subvencionados pola devandita entidade agardan por un destino que ninguén dá trazado.
Volvendo á cuestión que nos ocupa, a Erregueté deste outono vén centrada nun colosal texto de Xesús Pisón, unha obra de obras intitulada Materna.
Se estivesemos a falar dun texto novelístico diriamos que se trata dunha roman-fleuve, mais no xénero dramático non existe tal concepto, polo tanto, conviremos que Materna é unha sorte de saga vinculada por un lóstrego sensorial, tan animal coma humano, tan racional como visceral: A maternidade.
O leitmotiv desta obra exérceno as sensacións e as actitudes da nai, de diferentes nais como obxecto de observación, en todas as súas vertentes e opcións, deténdose en toda posíbel heterodoxia, diverxencia, perversión ou disxuntiva, mais sempre en torno a esa capacidade inherente ao xénero feminino.
Xa dixemos que Materna dá título a unha obra de obras, a unha riola de monólogos vibrantes e inquietantes (por veces “incómodos”), crus e indefectibelmente sazoados cunha fereza extrema.
A obra comeza con sabor clásico, mais continúa a través dos personaxes ideados por Shakespeare (Ofelia planea sobre a obra toda), a seguir homenaxea a obra cimeira de Mary Shelley, camiñando aos poucos cara á actualidade, remexendo nesa sordidez que todos evitamos, agás á hora de lermos as noticias.
Neste formidábel –cualitativamente falando- e monumental –cuantitativamente agora- monólogo, advertiremos un algo desa linguaxe urbana que nos aproxima a certos submundos. E é que o universo urbano fica retratado maxistralmente no tramo final, feito que non é óbice para que o primitivismo máis rural estoure cun vigor inusitado noutras partes da obra.
Impresiona a peza número 16, o texto onde se recrea con gran fidelidade a fobia de impulsión, no entanto, a número 5 resultoume tremendamente familiar, pois nútrese dun suceso real acontecido na montaña alfocesa. Aviso a lectores incrédulos: Todo o que se conta neste monólogo situado en 1986, é absolutamente real.
Unha anécdota: Recordo a Xesús, hai seis ou sete veráns, procurando información sobre este feito case fabuloso. Estrañamente, tal acontecemento parece ter desaparecido das hemerotecas.
As facetas máis dolorosas ou menos edificantes da maternidade xorden aquí retratadas, delimitando cada parágrafo de Materna.
E agora unha curiosidade: Empréganse en máis dunha ocasión topónimos tirados da área montañesa do Alfoz do Castrodouro, porén, cando é preciso citar un barrio urbano, o coruñés dos Castros xorde como paradigma da cidade.
Ningún lector, independentemente do seu grao de proximidade ou distancia coa maternidade, permanecerá indiferente tras gozar da lectura de Materna.
Rabiosamente recomendábel.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2020 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
E BALBINO VOLVEU POLO VALADOURO
Non hai moito tempo que falabamos aquí dunha novela de Pepe Peinó, un dos escritores máis prolíficos das terras do Douro valeco.
E hoxe volvemos sobre este lugués asentado na Mariña para valorar o texto que lle valeu o premio do V Concurso “Balbino” de Relatos, un certame convocado pola Fundación Neira Vilas e Edicións Fervenza entre outras entidades colaboradoras.
Bica de Montouto non é un relato costumista, todo o contrario, esta doce –e tamén amarga- narración pode estar contribuíndo ao xurdimento dunha corrente asociada á cuestión demográfica. Do mesmo xeito que a pandemia inzou na literatura de xeito oportunista, as localidades desertas ou semibaleiras darán en incitaren e provocaren tramas literarias de xeito ineludíbel.
Quen escribimos desde o ámbito aldeán non podemos sermos alleos a isto. Calquera autor que sitúe unha trama no rural de hoxe en día, non poderá obviar certos aspectos inelutábeis (ausencia de infancia e mocidade, precaria ou anticuada rede comercial, carencia de servizos básicos…) e estes mesmos factores xeradores de tremendas carencias sociais, orixinarán tamén correntes artísticas e novos argumentos.
Devorei Bica de Montouto en dous días escasos, satisfeito por estar a ler, non só a mellor obra literaria de Peinó, senón a constatación da viraxe cara á excelencia que xa comezáramos a intuír en textos de recente publicación.
Un coidado vocabulario, unha cuantiosa presenza de termos patrimoniais e mesmo un tímido emprego do infinitivo conxugado, denotan o compromiso do autor coas esencias da lingua de noso.
Quen descoñeza os pormenores, non só de épocas pretéritas, senón do agro como hábitat e sistema sociocultural, terá en Bica de Montouto un ameno manual de iniciación. Ao fío desta cuestión, non deixei de ter presente durante a lectura unha circunstancia curiosa: Os que coñecemos a Pepe na distancia curta sabemos que segue os postulados do vexetarianismo desde hai moito tempo, polo que non deixa de resultar cómico que houbese de documentarse sobre matas e elaboracións cárnicas para a redacción deste texto.
O exhaustivo repaso polos labores e actividades tradicionais do rural galego (feiras, mallas, seituras, festas…), premeditadamente hiperdescritivo, pode exhalar un recendo a unidade didáctica, nada raro –e desde logo remisíbel- en quen fixo da docencia o seu modo de vida até hai unhas semanas.
Acho algúns diálogos perfilados en demasía, correndo o risco de imprimir (ao pór en boca de anciáns uns termos e expresións infrecuentes en individuos de idade avanzada) unha certa artificialidade por momentos á narración. Mais o documento encerra un valor innegábel como testemuño de tempos idos e tamén da vixencia dun territorio que vemos esmorecer e que, endebén, todos nos negamos a inhumar.
No verao de 2010, Xosé Neira Vilas pronunciaba unha conferencia na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” do Valadouro, o mesmo espazo onde dez anos despois, un autor local presenta a obra gañadora do concurso que leva o nome do protagonista principal de Memorias dun neno labrego.
Tanto Balbino como don Xosé houberon estaren o venres pasado mirando por un furadiño, plenos de orgullo campesiño.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2020 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
PARA TODA A VIDA
Unha crítica formidábel nun suplemento cultural levoume a adquirir de inmediato Para toda a vida, a novela de Eva Moreda acabada de publicar polo selo allaricense Aira.
“Enorme dominio dos recursos da oralidade ao servizo da alta literatura”, “Quere cuestionar os límites da linguaxe”, “A autora profundiza, tamén, na propia gramática e sintaxe do idioma galego”, son algúns dos sintagmas laudatorios que afiaron os meus dentes de lector curioso.
O abuso de preposicións e un coloquialismo premeditado, practicando ao tempo o aforro de termos predecíbeis, supoñen certamente un experimento inquietante; saberemos co tempo se crean escola na novelística galega ou non.
Para toda a vida vén sendo un diario de nostalxias e incertezas, a recreación desa sensación de que o espazo vital dun mesmo aínda non te distinguiu como inquilino. É ben certo -e xa o expresaba aquela crítica asinada por R.L. nun número do Táboa redonda do mes pasado- que esta vai ser a tónica de varias xeracións actuais, e non só das circunscritas a ese territorio en desputa chamado mocidade.
Coa superficialidade como atmosfera latente, a trama vai augurando e desvelando o gran crack en que desembocarán as crises socioeconómicas que nos deixaron as décadas pasadas, aquelas nas que aínda se adoitaba planear a longo prazo. E todo isto sen pandemias polo medio! Pois o argumento navega nun tempo anterior.
O mercantilismo instaurado na educación universataria actual, e mais a futilidade dun sistema que vende títulos no canto de formación, proxéctanse ao longo desta trama estreitamente ligada a ese alumnado cosmopolita de hoxe en día.
Aviso a lectores distantes do inglés: Será recomendábel manter aberto o tradutor en liña durante a lectura ou ter un dictionary á man, pois non son infrecuentes os “remendos” nesta lingua.
Do mesmo xeito, encontraremos algunhas licenzas na lingua de noso (“qué”, uso de canda a no canto de a carón de, etc.) que poden estar contribuíndo ao experimento amentado.
Botamos de menos os xiros propios da narrativa superior, esa complexidade esperada nun xénero que, aínda estando ben emparentado co relato curto, enseñórase nas reviravoltas ás que se presta o traxecto de longo alcance. É certo que nas derradeiras páxinas nos sacode facendo gala dunha destas estratexias literarias, mais talvez dun xeito pouco críbel nos perfís dos personaxes concibidos.
A edición de Aira é impecábel, e outros selos deberían fixarse na pulcritude do traballo, no axeitado tamaño de grafías e grafismos, e noutros detalliños de estilo que converten o libro nun confortábel e atractivo volume.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2020 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
UNA HISTÒRIA FOSCA I BRUTA
Podería ser este o título dun artigo de opinión acerca do debate sobre as linguas vehiculares no ensino, mais non vai por ese lado. Outramente, non foi alleo o meu exercicio lector á normalidade coa que deberiamos vivir a realidade dun estado absolutamente diverso.
Por segunda vez, accedín a unha lectura en lingua catalá. Non me aprendeu ninguén este idioma nin teño vivido en países catalanófonos, mais grazas ao coñecemento doutras linguas románicas, escasa dificultade presentou este idioma empregado por dez millóns de falantes.
Esta experiencia, envolta nun ar de rebeldía nuns tempos –outra volta- en que volven estaren cuestionadas as distintas identidades nacionais peninsulares, resultou plenamente satisfactoria.
Vicenç Villatoro, presenta en 1980 a novela Papers robats que cremen ao premio Joaquim Ruyra, obtén o galardón e ao ano seguinte o texto é publicado pola Editorial Laia.
Corenta anos despois, un exemplar –que no seu tempo houbo pertencer a unha estudante de bacharelato chamada Esther- chegou a un posto de libros usados dun mercado galego.
Pola cantidade dun euro adquirín un volume minuciosamente forrado e aceptabelmente conservado; tal é o destino dalgúns libros tan nómades como pródigos en usuarios.
Non parece que catro décadas teñan pasado por riba dun argumento que podería estar redactado hoxe mesmo, tirado da cloaca cheirenta de certos concellos.
Non vou dicir que esta trama de corruptos manipuladores e honestos insubornábeis me teña descuberto un edén literario, porén, resultou entretida. Estamos diante dunha novela moi básica no elenco de personaxes e doada de seguir pola súa estrutura narrativa, naturalmente pensada para un público xuvenil; pese a todo botei de menos algún alarde (xiros, acontecementos inesperados…) que tornase vibrante a lectura para a rapazada inexperta e ávida de emocións.
Con todo, Villatoro resolve apropiadamente o traballo contra o final do texto, cando a trama vai caendo nun cul-de-sac que nos fará cavilar, e quizais por primeira vez durante a lectura, introducírmonos na pel dalgún personaxe principal.
Coido que ningún lector peninsular debería renunciar ás diferentes linguas latinas –sen esquecérmonos das súas riquísimias variantes- presentes na Iberia, pois supón un formidábel antídoto contra prexuízos e miopías territoriais ou culturais, e por riba de todo, proporcionaranos un impagábel enriquecemento intelectual.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2020 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
HUMOR ATLÁNTICO
A primeira noción que tiven de Julio Camba non me chegou a través do ámbito literario, senón do humorístico.
De certo, cada vez que un humorista é interpelado sobre os seus mestres, o entrevistado adoita nomear -á parte dos consabidos santóns do espectáculo- un ínclito arousán.
Este guieiro de monologuistas da actualidade viviu de a cabalo entre os séculos XIX e XX, experimentou un extravagante periplo ideolóxico -como moitos outros intelectuais do seu tempo- e acabou os seus días en Madrid. Grazas ao oficio de cronista, don Julio viaxara por boa parte do mundo, retratando as súas observacións e vivencias en mordaces artigos.
La ciudad automática é un libro sobre a cidade de Nova York, interesante por varios motivos: O primeiro deles é que nel poderemos comprobar como algún dos adiantos que hoxe nos parecen modernos nesta punta de Europa, supuñan algo común na Norteamérica dos anos ’30; o segundo é que a moitos dos problemas e carencias que hoxe contemplamos nos Estados Unidos de América (desigualdade, racismo, economía de alto risco, consumismo desaforado…) atoparémoslles as causas en épocas pretéritas, precisamente as mesmas en que Camba habitou a urbe dos rañaceos.
Desde logo, é inevitábel reprimir o riso ao recibir o sarcasmo hábil de don Julio, e ao mesmo tempo resulta imposíbel non relativizar todo iso que os sistemas políticos occidentais deron en denominar progreso, riqueza ou benestar. Grazas ao Camba revelarásenos a calella traseira do flamante bulevar, esa que non brilla nin recende, senón que cheira e permanece na tebra, aloxando a excrecencia do sistema.
A edición que manexo é unha “ocorrencia” da casa Espasa Calpe, pois hai quince anos a histórica editora lanzou unha colección de facsímiles de obras conservadas na súa Biblioteca Histórica, e o resultado deveu nun híbrido desconcertante: Portadas de fasquía antiga e código de barras na contracapa.
Unha anécdota: Nun posto de obxectos de segunda man, o tendeiro pregoaba como “reliquia” un destes volumes co antigo prezo inserido -3 pesetas-, até que un bibliómano lle sinalou a tatuaxe delatora, o código de control implantado no noso Estado en 1984.
Tornando ao contido, nada ten desperdicio nesta obra e todo é aplicábel aos nosos días. A técnica da alegoría retorta está presente de modo reiterado en todos e cada un dos artigos que conforman o compendio, e con tristura veremos o pouco que a Humanidade se autoexplora.
Nas páxinas desta “lámpada votiva” dos humoristas, encontraremos brillantes e lúcidos tratados sobre a impopularidade da intelixencia, referencias ao Gallegan (sic) broth que servían nalgúns restaurantes de Nova York ou inquietantes concomitancias entre as gangs e as mafias gobernativas.
É para ler rindo, tamén para ler laméntandose, e noventa anos despois de redactado, para empezar a tremer.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2020 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
OUTUBRO DE LÍRICA E PLURALISMO
Quen non conmemoramos xenocidios, celebramos coa sensibilidade que nos outorgou a civilización. Por iso quero compartir a maneira ?literaria- en que vivín un sábado coma outro calquera, aínda que sinalado polas festividades que algún día haberán de ser obxecto de recordo e xustiza, máis nunca motivo de orgullo para paifocos.
Á mañá, no mercado semanal da vila, detívenme nun posto de libros de segunda man. Con prezos tentadores e un estado de uso impecábel, aqueles volumes seducírome desde lonxe coa súa coidada colocación.
Porfillei tres exemplares: La ciudad automática, do arousán Julio Camba, Papers robats que cremen, do barcelonés Vicenç Villatoro e El extraño caso del Dr. Jekyll y Mr. Hyde, do edimburgués Robert Louis Stevenson.
Un galego, un catalán e un escocés son os autores das obras que ocuparán o meu tempo de lectura na primeira metade do outono. Lerei en castelán e tamén en catalán, pois pretendo deixarme enriquecer por todas as culturas peninsulares, mais aspiro a que o devandito proceso supoña, sempre, un acto voluntario.
Á tarde, a lírica medieval visitou o meu municipio, pois o grupo musical A Quenlla veu presentar, por medio dun concerto didáctico, o seu traballo Trobador no camiño. Este disco está inspirado na obra de Martin de Padrozelos, o primeiro poeta lírico do que nos queda testemuño escrito.
Mero Iglesias, a alma máter da formación musical, fixo referencia en reiteradas ocasións a Gonzalo de Berceo, o sinalado pola tradición como primeiro autor en lingua castelá. Resulta que douscentos anos antes, Martin de Padrozelos xa empregaba o idioma galego para plasmar as súas composicións amorosas, é dicir, as súas cantigas de amigo.
Algo moi semellante a este concerto didáctico xa o puidera gozar o pasado xaneiro en Mondoñedo, até onde A Quenlla chegara convocada por un colectivo en defensa da memoria.
Falounos Mero, nesta auténtica cerimonia da literatura oral, das súas pescudas acerca dos cantos populares, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade ?institución creada no seo do Museo do Pobo Galego-, da tentativa de xenocidio cultural ensaiada polos Reis Católicos e
como non, da importancia do Alfoz do Castrodouro na historia da nación galega.
Este concerto, que recomendo tanto para o deleite dos sentidos como para a ilustración do coñecemento, supón, xa digo, unha verdadeira estratexia de aproximación a esa lírica medieval que converteu o galego nun obxecto de estudo a nivel internacional.
Por isto, por outras cousas e porque se achega o 12 de outubro, na mañá de onte adquirín un libro en catalán. Non vai ser a primeira vez que lea neste idioma, e non descarto ir alimentando a miña biblioteca privada de volumes chegados desde a gran nación do mediterráneo.
Dicía onte Mero: "Temos lingua porque existimos e existimos porque temos lingua", e manifestaba Ramón Cotarelo -intelectual castelán de apelido galego e simpatías catalanistas- nun debate televisivo, que en cada comunidade con idioma de seu a educación debería primar ese factor determinante, e a seguir, desde un exercicio tan democrático como voluntario, contemplar ?el indudable tesoro de la lengua castellana?. Amén.
Cultivar a diversidade desde a defensa do inmediato constitúe un factor de progreso, un xerme de tolerancia e unha vacina contra o fanatismo. Mañá celébrase, para moitos, o día da resistencia indíxena; se queremos que algún día as resistencias supoñan unicamente un termo vinculado á electricidade,
continuemos a cultivar e a cultivármonos.


Imaxe: A Quenlla no pavillón municipal do Alfoz do Castrodouro
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-10-2020 16:34
# Ligazón permanente a este artigo
QUOUSQUE TANDEM?
Con esta celebérrima pregunta de Cicerón remata El Valle de Oro. Apuntes históricos, un ensaio de 29 páxinas escrito a comezos do século pasado por José Martínez Cobo, crego que o foi da alfocega parroquia de Bacoi.
O libro viu a luz na histórica imprenta Mancebo de Mondoñedo en 1912, época en que as sociedades indianas abrían vieiros de dinamismo no rural galego. Esta concomitancia non pasa inadvertida no corpus da obra, pois as referencias aos círculos habaneiros son numerosas.
Atrévome a dicir que as recurrentes denuncias contra o caciquismo proferidas polo autor agroman, seguramente, apoiadas nas críticas descarnadas dunhas misivas chegadas desde a emigración, textos que Martínez Cobo non dubida en reproducir na publicación.
Os Apuntes veñen sendo un extenso artigo de opinión chapicado de datos históricos con interese e rigor tan variábel como considerábel. É dicir, aparecen algún erros perdoábeis, nomeadamente cando o texto fai referencia á relación de Pardo de Cela coa fortaleza do Castrodouro. Resulta curioso que este párroco xa se queixase dalgunha das reconstrucións acometidas na sempre maltratada torre da homenaxe.
A redacción enfática e ampulosa dificulta por veces a lectura do texto, mais o documento supón unha verdadeira alfaia, ora polo interese demostrado no avance socioeconómico local, ora pola divulgación do saber que até aquel momento fora atesourado.
Escrutándoa 118 anos despois, a listaxe de curiosidades reflectidas en El Valle de Oro. Apuntes históricos resulta asombrosa e talvez, algo desalentadora. É verdade que as condicións sociais, hixiénicas e laborais mudaron radicalmente, no entanto, tamén é certo que a demografía e o tecido comercial viraron as costas á comarca valeca (do mesmo xeito que a moitos outros territorios do interior peninsular), deixando un mapa de resistencias e pouquidades.
Sabiamos que en Ferreira houbo unha fábrica de chocolate ou que nunha casa de Carballido se conservou unha espada con lenda mariscaliana? Ben sei que tampouco son coñecidos os intentos por construír un sanatorio no Valadouro.
Entre as sás fixacións deste cura idealista destacan dúas: Converter A Grandadouro nunha escola de capacitación agraria, e liberar a poboación valeca da miseria orixinada polo maldito xugo do caciquismo -?repugnante y vil?-.
Fica claro que as propostas de don José permanecen virxes e non estaría mal ir pensando nunha acordanza colectiva. A masa boscosa compartida entre as parroquias de Mor, Bacoi e Budián continúa desaproveitada, e o clientelismo como sistema de xestión permanece vixente, polo tanto, as materias pendentes constitúen unha obviedade.
Á parte dun exhaustivo inventario de casas grandes, Martínez Cobo recrea a loita do crego Castañón (outro dinamizador) en prol do mercado semanal de Ferreira. Parece ser que as feras controversias estabelecidas entre mercados levaron a Castañón a desexar males e mortes desde o púlpito.
Porque houbo unha época en que O Valadouro xeraba mercadorías de toda caste en cantidades industriais, e precisaba de feiras e encontros públicos onde exhibir os seus produtos. O declive, polo visto, é secular, pois mantén o autor dos Apuntes históricos que desde o século XVI houbo viño nas terras do Douro. Tanto era así que nos anos en que se redactou a obra, o autor constatou a recuperación de viñedos de cepa antiga e a introdución de vide americana.
Non acho que ninguén continúe hoxe a senda das iniciativas expostas nesta obra. Quousque tandem?



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2020 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
TOMOGRAFÍA DA SOIDADE
A soidade non é unha doenza, nin un síntoma, nin sequera unha moderna patoloxía social; non, a soidade, tal como se desprende da lectura da última novela de Pepe Peinó, representa unha fonte de creatividade. E se nos detemos a reflexionarmos sobre a cuestión, nin sequera encarna ese estado de ánimo que tendemos a rexeitar ou criminalizar.
A Solo no le gustaba su nombre é o primeiro texto que Peinó lanza en castelán. Até agora, toda a súa obra literaria (publicada) fora escrita en galego, malia ter recoñecido que se incorporou á lingua do país na adultez, cando unha praza de mestre o trouxo até o Alfoz do Castrodouro.
Estamos diante un texto sinxelo e sen grandes reviravoltas, unha proposta que ben poderiamos entender como un ensaio sobre a solitude, e que malicio, conserva aruxos diso que agora alcuman autoficción e que antes chamabamos trazos autobiográficos.
Non é esta novela un produto máis da factoría Peinó, pois demostra un xiro cara á madurez no estilo do autor. É verdade que o texto conserva aquela síndrome da adxectivación exhaustiva, mais Solo é unha narración puída e límpida, axustada ao canon dunha estética de pretensións austeras; toda unha declaración de intencións nun autor que chega desde a dramaturxia e a escrita de guións cinematográficos. Non é a primeira novela de Pepe Peinó, mais esta obra (cualificada polo autor como mininovela) non deixa de ser un relato enfundado en roupaxes de novela; sería, segundo a clasificación dos taxónomos, unha nouvelle.
Nos albores do confinamento do pasado marzo, a presentación de Solo xa fora anunciada nos medios, no entanto, a situación desaconsellaba as reunións e o evento acabou sendo cancelado. A consecuencia do incerto ambiente, a nouvelle de 62 páxinas non puido ser presentada en sociedade e houbo de ser proxectada a través das redes sociais.
Neste verán, Pepe Peinó foi galardoado cun premio de literatura dramática e con outro de narrativa. Estamos, ben seguro, asistindo á consolidación dun escritor que peteirou en diversos xéneros até chegar á conclusión de que queda con todos, pois Peinó é un renacentista incorrixíbel, e desde o cinema ao teatro, pasando pola narrativa, nada lle resulta alleo.
En resumidas contas, A Solo no le gustaba su nombre fala moito máis da esperanza que da soidade, do éxito como regalo envelenado, ou da importancia de esconxurar a negatividade mudándolle o nome, non en van, na páxina 36 podemos encontrar a pedra de Rosetta da narración: ?No estoy medio muerto, estoy medio vivo?.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2020 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
ENCONTRANDO A LORCA
?No les faltó más que insultarlo de gran poeta?
Félix Grande

A semana pasada cumpríronse 84 anos do asasinato de Federico García Lorca, e por pura casualidade, neses días lin Diario de una búsqueda lorquiana (1955-56), un compendio de apuntamentos confeccionado polo catalanoamericano Agustín Penón.
Trátase dun traballo concibido como colectánea de entrevistas que acabaría sendo editado polo eminente estudoso Ian Gibson. Grazas ao coñecido investigador irlandés, o diario viu a luz convenientemente enriquecido en 1990, da man da editorial Plaza & Janés.
Estamos diante unha obra interesantísima, reveladora e de tremenda actualidade, non só pola efeméride maldita, senón porque aínda hoxe non foi resolto o grande enigma que rodea a morte deste poeta, dramaturgo e pescudador da tradición oral.
Cales foron as xoias que encontrei neste texto?
Unha mención referida a Blanco-Amor, a descrición dos cármenes do Albaicín, unha formidábel xénese literaria da obra La casa de Bernarda Alba, a descrición da canallada en forma de estafa sufrida pola familia do escritor cando xa fora asasinado, os pormenores dun acontecemento no que todo involucrado desexa pasar por clemente e ao tempo por descoñecedor, e como non, o nome dos responsábeis dunha das accións máis repugnantes do culturicidio practicado na Guerra Civil.
Paréceme un magnífico e necesario exercicio o de divulgar os nomes dos verdugos, pois non son amigo desa cautela benévola partidaria de evitar vergoña aos descendentes; despois de todo, ninguén é culpábel das ignominias cometidas polos seus devanceiros.
Non se dan exhumado os restos de García Lorca, no entanto, tamén está resultando imposíbel de inhumar, pois que ninguén se chama (aínda hoxe) a aquel infame fusilamento. En definitiva, Lorca descansa nun sepulcro de prestixio, xenialidade, e tamén rubor.
Mercé á contribución literaria legada polo andaluz en Seis poemas galegos, o escritor Manuel Rivas defende un Día das Letras Galegas adicado a Lorca. E, por que non? Don Federico representa un claro exemplo de poeta alófono e de algo aínda máis grandioso: O intelectual que logrou aprehender as realidades culturais da Península Ibérica sen complexos nin delirios, achegándose a elas con sá curiosidade para as degustar con paixón.
O autor de Romance de la Guardia Civil española deixounos a herdanza pedagóxica dun español que entendeu España como o que é e non como o que nunca foi.
Lendo os documentos sobre Lorca e aínda máis léndoo a el, fun chegando á seguinte conclusión: Como nun perfecto exercicio de xustiza poética, os herdeiros ideolóxicos dos asasinos teiman en invocaren unha identidade cultural que, pese a carecer de soporte nacional-estatal, tería tido no granadino un claro expoñente de consolidación. Eles mesmos cercearon o futuro da súa fantasía.
Penón nunca puido ver publicado o froito das súas intensas pescudas, e tería que ser Gibson quen recollese o legado daquelas entrevistas transcritas durante as visitas ás localidades lorquianas; agora nós, cos ollos do século XXI, deberemos interpretar uns testemuños recollidos a mediados dos ?50 por un viaxeiro entusiasta, auténticos tesouros orais que máis tarde serían revisados por un rigoroso historiador para unha publicación de comezos dos ?90. E Lorca sen aparecer.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-08-2020 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [28]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0