Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LECTURAS DE INFANCIA (IV)
Por esas datas apareceu na miña casa un libro que xa era mítico para a miña familia, Corazón, de Edmundo de Amicis. Miña nai levábame falado moito desta obra que ela lera na súa infancia, mais o libro quedara na casa petrucial ou se cadra desaparecera. A casualidade quixo que un domingo nun posto do Rastro –morabamos no barrio de La Latina- aparecese un impecábel exemplar de Corazón, encadernado en coiro verde escuro e letras douradas… Agora forma parte da miña biblioteca e máis da miña memoria evocadora.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE INFANCIA (III)
Da EXB lembro outra lectura por audición (malia que daquela xa podía interpretar o código en por min) da que mesmo creo que tivemos que facer un traballo, debeu ser un resumo ou algo semellante.
Don Pedro líanos cada día un pouquiño (todo serio como el era) de El polizón del Ulises, aquela obra de Ana Mª Matute galardoada en 1965 co Lazarillo de Literatura Infantil. Mais eu daquela andaba engaiolado pola banda deseñada da época (mediados dos ’80), Mortadelo y Filemón, Zipi y Zape, 13 Rue del Percebe, Famosas Novelas de Bruguera onde descubrín a Verne, a Salgari e a outros monstros da literatura, grazas a ese sabedor caramelo multicolor, a viñeta.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE INFANCIA (II)

Hai outro libro na miña infancia que, coido, nunca tiven nas mans, xa que nolo lía a mestra de párvulos. Encantábame o son daquelas capas duras e o voo daquelas follas grosas. De cando en vez virávanolo para que visemos os debuxos, eran ilustracións nas que imperaban un can e unha ovella, tales eran Can y Me aventureros, un conto da mestra Aurora Medina e ilustrado por Francis Bartolozzi, editado en 1976 por Santiago Rodríguez. Decátome agora de que cando nolo lía a señorita Mercedes no colexio Vázquez de Mella, de Madrid, tratábase dunha novísima publicación. Non sei se foi a propósito da ovella do conto que, un día, a mestra preguntounos como se denominaban os fillos das ovellas, e eu respostei mutton, doutra volta preguntounos cal era o contrario de viejo e eu dixen nuevo… Aquelas influencias idiomáticas do francés e do galego non eran moi ben recibidas pola señorita Mercedes.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE INFANCIA
LECTURAS DE INFANCIA
É posíbel que moitas persoas, mesmo boas lectoras, non lembren o seu primeiro libro, aquelas primeiras páxinas que ficaron arquivadas no cerebro e que inconscientemente marcaron gustos por certas cores, recendos, tipografías…
Eu non só o lembro, eu consérvoo. E estou certo de que foi o primeiro porque gardo recordo, non de lelo, senón de que mo leran. Líamo miña nai, por dous motivos, o primeiro é obvio, e o segundo é que está en francés.
Títúlase Qu’attend donc Caroline?, os autores son P. Ferrel e máis o ilustrador L.W. Myers, o selo editorial ten o fermoso nome de Éditions des deux coqs d’or e o conto foi inserido na colección Praline. É unha publicación de 1972, así que cando mo lía miña nai tratábase dunha publicación recente.
Caroline é unha xirafa, unha xirafa á que ninguén escribe cartas. Ela agarda, vai á poste, pregúntalle ao perroquet Isidore (que exerce de carteiro) mais nunca ten correo; e a miña pobre observa como os outros animais reciben moreas de cartas… Un día acontece… Ben imos deixalo aquí para non rebentar a historia a ninguén. Só unha pista, a cousa remata ben.
O volume presenta certo deterioro lóxico, algunhas engurras e algúns borranchos meus (non sei se tentei perfecciónalo na miña inocencia pueril) mais continúa a ser practicábel. Para min xa é un fetiche.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
UN NOVEMBRO MOI LITERARIO (A sombra de Cunqueiro está sentada na praza)
Foto: Pepa Losada
E agora si, marchamos cara a Mondoñedo, cidade que frecuentei por motivos laborais durante todo o mes de novembro.
Remexendo nunhas dependencias municipais atopei unha alfaia que me entretivo e me engaiolou naquelas visías xornadas. Trátase de Entrevistas a A. Cunqueiro, de Ramón Nicolas, publicada por Nigra en 1994, naquelas páxinas íspen o verdadeiro Cunqueiro con parágrafos tirados de conversas e diversos encontros con xornalistas ou críticos. Emocioneime, cando atopei unha referencia ao meu grande amigo Manuel Lourenzo, quen levou aos escenarios varias obras dramáticas do mindoniense; dise nesta obra que don Álvaro ficara moi satisfeito co traballo do director e dramaturgo valadourés.
Cunqueiro continúa fabulando por aquelas ruelas máis tamén continúa sendo obxecto de estudo nas universidades, vímolo ben claro o sábado 22 na presentación de Álvaro Cunqueiro 30 poemas, unha contundente análise asinada pola profesora Camiño Noia e editada polo Centro Pen-Galicia na súa colección Arte de Trobar, coa axuda do ente autonómico e máis da Universidade de Vigo.
O traballo da autora raia na cirurxía literaria, case diríamos na microcirurxía da poética cunqueirana, á que somete a uns raios x que por veces semellan translucir a vida privada –sentimental, familiar, matrimonial- do escritor mindoniense. Se cadra foi por iso, ou non, que César Cunqueiro (presente no evento) amosou unha opinión contraria a algunhas teorías plasmadas no estudo, feito que non foi desaproveitado pola autora na súa quenda, na cal, aclarou que a primeira pexa que lle puxo Luís G. Tosar (tamén presente na mesa) para a publicación da obra, foi unha hipotética negativa do fillo
-antes citado- do autor á hora de ceder os dereitos sobre a obra paterna.
Sexa como for, é verdade que percibimos a sensación de que algunhas pasaxes introdúcense de máis na privacidade dun don Álvaro que seguramente para os máis novos fica desmitificado como persoa despois destas páxinas, onde por outra banda, se castiga con dureza a súa conivencia coa Ditadura.
Con todo, Cunqueiro foi, é e será, excelso.
Nos meus días mindonienses coñecín o escritor Xosé Ruiz Leivas, quen me agasallou dúas das súas obras, Don Celestino, editada pola Deputación de Lugo en 1992 e máis Franceses en Mondoñedo 1809, publicado en 2011 pola Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, ambas obras en castelán. Contoume Pepe Ruiz Leivas a xénese destas narracións e mesmo algún obstáculo malintencionado que tivo que salvar a primeira para chegar ao prelo.
Quen tamén me foi presentado nese literario novembro foi Félix Villares, autor de estudos sobre a Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e do poeta homenaxeado nas Letras Galegas do presente ano, Xosé Mª Díaz Castro, traballos que consultei para preparar unha conferencia que pronunciei o 17 de maio no Castelo do Castrodouro. Comenteillo a don Félix –en Mondoñedo chámanlle así- e recordoume que a RAG estaba a preparar un simposio sobre Díaz Castro para esas datas.
Así que… Quen dixo que maio era o mes das letras? E logo novembro? Para min foi un completísimo e rotundo mes da literatura. Por suposto, axudou moito a miña estadía mindoniense, porque como xa dixen, don Álvaro anda por alí, e Leiras tamén, eu vin as pegadas das ferraduras do seu cabalo no portal dunha casa, unha casa onde mora por veces, outro compañeiro das letras, Antón Meilán.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 15:05
# Ligazón permanente a este artigo
UN NOVEMBRO MOI LITERARIO (Entre O Valadouro e Mondoñedo)
Novembro resultoume un mes mindoniense, literario e cunqueirano por excelencia, mais iso comentarémolo máis adiante porque agora quedamos na bisbarra do Douro.
O Seminario de Estudos do Valadouro vén de publicar o seu terceiro caderno, trátase de Canción Mitoloxía da Nai no Valadouro, do dramaturgo Xesús Pisón.
Pisón, apaixonado pola etnografía e teimoso mergullador na mitoloxía de todos os tempos, entregou ao SEVA un interesante estudo sobre as reminiscencias da deusa nai na mitoloxía valeca; temática ben emparentada coa materia edípica, da cal, o autor nos fala extensamente noutra obra fundamental: Memoria da esfinxe, publicada no 2002 pola compañía de teatro Casahamlet co apoio da Deputación da Coruña.
No caderno presentado o 21 de novembro en Ferreira, Pisón trae á luz unha manchea de textos publicados naqueles volumes que revolucionaron o hábito de lectura na bisbarra do Douro, Contos do Valadouro, para furgar nos restos do mito da deusa, da nai, da bruxa, da ninfa, da virxe, da santa… Da morte?
Non é unha obra doada nin de lectura relaxada, pois que contén ducias de galladuras (ritos e cultos antigos, a compaña, a estantiga…) que nos convidan á pescuda; e por suposto nos fan ir correndo ao Estanco da Praza de Ferreira (si! Único lugar onde se pode mercar hoxe o “libro dos contos”) para adquirir un exemplar de Contos do Valadouro, unha desas experiencias imprescindíbeis para os amantes do “de antes”. Esta colectánea é unha obra escrita a seis mans, na que Xesús Pisón foi alma mater (xunto a Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira), e da que o selo A Nosa Terra publicara dúas edicións, unha en 1998 e outra ao ano seguinte. Xa en 2005, Ediciós do Castro tirara unha edición corrixida e aumentada, por agora a última.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2014 15:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal