Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS LECTURAS DO ARREPENTIDO
Co gallo do 150 aniversario do nacemento de Pío Baroja, vén intervindo en diversos espazos literarios a académica da RAE Soledad Puértolas.
Sempre nos describe a señora Puértolas a don Pío como un retratista do vello Madrid, un amante das castañas asadas e un académico aveciñado ao edificio da propia institución. Todo aceptabelmente castizo.
O que eu non sabía da aragonesa Puértolas é que posúe residencia na Galiza, concretamante en Vilanova de Arousa; seica a paisaxe da ría lle evoca unha pretérita estadía californiana. Todo aceptabelmente exótico.
Por pura casualidade, tales novidades colléronme lendo Queda la noche, a novela coa que a devandita escritora gañara o Premio Planeta no afastado 1989.
O caso é que a novela non arrinca até a páxina 180 (conta con 239), e pese a engalar con forza ao introducir unha trama de espionaxe internacional, o que levamos lido sobre unha rapaza madrileña que navega entre as súas conquistas erráticas e mais a atención aos seus anciáns pais, non comprace nin conmove, nin moito menos dá acadado a credibilidade precisa para valorar como sólido o artefacto.
Non a recomendaría, mais tampouco ouso dicir que se trate dunha creación infumábel; iso si, percíbise claramente que a autora non tiña claro por onde facer desembocar a historia, e optou por introducir unha trama de alta voltaxe como remendo.
De ningunha maneira critico os escritores de brúxula, pois téñome por un deles, mais tal estratexia require un manexo exhaustivo da singradura. O argumento sen trazado previo non absolve nin revalida materias, ao contrario, exixe encarreirar o carácter intuitivo da trama e mais o instintivo desenvolvemento dos personaxes.
En Queda la noche, os personaxes carecen da necesaria descrición para a camiñada por unha novela adiante, da mesma maneira, a autora obvia os pormenores (e está no seu dereito) de toda escena amorosa, alegando que o acontecido naquel leito a ninguén incumbe.
A trama, que non logra inquedar en ningún momento, acabará resolvéndose mediante os textos en cursiva de tres cartas, deixándonos o desabor dunha frustrada novela de espías.
De novo, estamos ante un relato estirado artificiosamente, e convertido en novela, unicamente, en virtude da súa extensión.
En resumidas contas, non sei ben o que veño de ler nin podería elaborar un resume sólido do lido, mais, sérveme para non volver caer en certos erros, e lecturas.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-01-2023 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
O ANO DA LINGUA GALEGA NO ÁMBITO MUSICAL INTERNACIONAL
Trátase dunha impresión persoal contrastada con outros pareceres observadores: o afluxo, profusión e protagonismo de grupos a empregaren o galego nos seus temas musicais, está situando a nosa lingua, e por tanto a nosa cultura, no panorama mundial.
É certo que sería inxusto fixarse no acontecido estes últimos meses e obviar o camiño andado por Miro Casabella, Andrés Dobarro, Pucho Boedo, Fuxan os Ventos, Os Resentidos, Luar na Lubre, Uxía, Ugia A Pedreira, Guadi Galego, Sés, Sabela Ramil e moitos outros, mais o momento tecnolóxico ao que asistimos, sumado á repercusión da catarse eurovisiva e a posterior fraude, logrou catalizar a visibilidade da actual fornada lírica, cara a dentro e mais cara a fóra.
Elaboremos unha listaxe rápida, conscientes do risco de deixarmos fóra considerábeis expoñentes: Tanxugueiras, Baiuca, A banda da Loba, Caxade, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Grande Amore, Carolina Rubirosa, Fillas de Cassandra…
Ben pode ser certo que a mestura do tradicional con bases electrónicas teña axudado a obrar unha parte do milagre (non obstante, non todos os artistas enumerados o fan), que o factor maioritariamente feminino e o histórico momento de loita social teña contribuído (falamos do empoderamento e a seguranza que aporta), mais por riba de todo, triunfa unha lingua viva, válida, homologada ao resto de linguas do mundo e tan actual como milenaria.
Por iso, do mesmo xeito que temos celebrado nesta bitácora a concesión do premio Nobel de Literatura a Bob Dylan por algo moi concreto: facer visíbel que a letrística musical forma parte da riqueza literaria dos pobos, dos falantes e por extensión da cultura universal, hoxe facemos reconto dun ano dourado para o idioma galego.
Congratulémonos de que as letras galegas, si, o sistema literario de noso, estean a obteren un recoñecemento mundial grazas ao traballo e a valentía dese enxame de trobadores que, de vez, rachou a perniciosa inercia de interiorizaren pexas lastrando as linguas alcumadas como minoritarias, periféricas…
As hipotéticas limitacións con respecto á difusión e comprensión dos idiomas habitan nas mentalidades, nunca nos propios códigos lingüísticos.
Coido que vimos de gañarmos outras mil primaveras para a lingua que xa contribuira ao patrimonio universal coa lírica medieval galego-portuguesa, con Voces Ceibes, co Bravú e con todos eses artistas que cantan, contan e requintan na lingua da Galiza.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2022 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
O INFANTE ROBOÁN ENTRE AUGA, PEDRA E LUME
Situémonos. Mediados de novembro, o momento en que a transición entre outono e inverno comeza a dar mostras de inminente nacenza; un reducido grupo de persoas acudimos á primeira edición do programa “Abertas de par en par-Recitais ao serán”, enxebre proxecto da Federación Galega de Turismo.
Ter escollido a Finca Galea como escenario do encontro do pasado domingo supuxo, por riba de todo, escusar calquera clase de atrezzo para o desenvolvemento da actividade, pois que un salón medieval (tal é o nome que na casa lle outorgan) coa lareira a pleno rendemento, un picho de auga corrente aportando a súa sonoridade ancestral, e a estancia toda fornecida naturalmente de madeira e pedra de grao, aportaron o ambiente idóneo para a recreación do lendario relato do infante Roboán.
Charo Pita, actriz, escritora, cantora e narradora oral, foi a responsábel de transmitir a historia, auxiliada musicalmente pola arpa medieval de Manuel Vilas.
O citado estabelecemento, situado no corazón do Alfoz do Castrodouro (a poucos metros do castelo), nunca permaneceu alleo ao activismo cultural, baste nomear a asociación O Mundo de Galea, o colectivo que dinamizaba o espazo turístico até non hai moito tempo.
A narración oral é unha das formas máis primitivas de divertimento, mais tamén de transmisión de coñecemento, lingua e convencións sociais, quizais por iso continúa a atraernos, pola fascinación que exerce sobre nós a regresión a un tempo onde a oralidade era o vehículo principal (por veces único) dos noticieiros, da poesía, dos cancioneiros, da precaución ante un perigo real ou imaxinario… e en definitiva da tradición do momento e a época.
A culta iniciativa da Fegatur vén encher un oco que moitos demandabamos desde hai tempo, tal é a narración oral ideada para un auditorio adulto, algo que tamén logrará achegar o público a unhas casas de turismo que, normalmente, frecuentamos tan só para aloxármonos ou visitarmos os seus xardíns.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2022 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
RELENDO A TELEVISIÓN PÚBLICA ESTATAL
A 2 da TVE é un dos refuxios televisivos dos amantes das letras, e por extensión, dos seguidores da cultura como amplo concepto; nesta canle moran os programas especializados en ópera, danza, fotografía, cinema, arquitectura, historia, ciencia… porén, tamén no corazón da perla se fan apreciábeis as contradicións, as ausencias inexplicábeis e as comparanzas delatoras, como a que procedemos hoxe a formular.
Desde hai década e media emítese na citada canle Página2, un programa que, pese a eu o seguir con regularidade, presenta un formato mellorábel baixo o meu punto de vista.
É verdade que o programa presentado por Óscar López é o decano e máis lonxevo dos espazos literarios da TVE, mais, naceulle “competencia” na propia casa.
Desde hai unhas poucas semanas, Mario Obrero presenta Un país para leerlo, unha novísima proposta que favoreceu a entrada dunha bafarada de ar fresco a través da pantalla.
Un país para leerlo supón a grande esperanza (non só no eido da diversidade literaria) dos culturais televisivos; confiemos en que cree escola logrando converter en tendencia o seu espírito.
Xa temos falado aquí deste poeta, e non só pola súa excelente calidade literaria, senón tamén pola súa actitude integradora, curiosa e holística.
A concepción do territorio estatal para este autor é inclusiva con respecto ás diferentes culturas e identidades presentes, e boa proba disto é que Obrero se desenvolve con relativa soltura en galego, catalán e éuscaro, sendo natural de Getafe (Madrid).
Algo que sempre botei de menos en Página2 foi a atención ao publicado nas “outras” linguas do Estado, indefectibelmente excluídas do contido.
No entanto, Un país para leerlo atende con rigorosa ecuanimidade as malchamadas periferias, eses extrarradios onde a lingua castelá perde a condición de nativa para se converter en código burocrático. Aí (aquí) tamén existen publicacións, editoriais, lectores, autores, e por suposto espectadores financiando ese ente público chamado Televisión Española.
Considero que o camiño iniciado por Mario Obrero é o vieiro idóneo, e non só na esfera televisiva, tamén na social.
Non está perdendo algo (eu creo que moito) un cidadán do Estado Español que só é capaz de articular frases nunha das linguas oficiais? Ou que xamais poderá gozar dun libro publicado por Elkar, L’Altra, Bromera, Cuatro Gotes ou Fervenza? Ou que desbota por defecto as opcións televisivas representadas por ETB, TV3, À Punt, IB3, TPA e TVG?
Mario Obrero racha a malfadada inercia do hispanocentrismo para abrirse ao coñecemento, desbotando o ancoramento no clasismo cultural, adoito reducionista e empobrecedor.
Recomendo vivamente este programa dos seráns dos venres, un espazo grazas ao
que o espectador adquirirá, a través da literatura, a visión ampla e necesaria para a comprensión do espazo territorial no que nos tocou, por lei, desenvolver a nosa cidadanía.
Un país para leerlo; también entre líneas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-11-2022 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
ESTÍBALIZ ESPINOSA E AS ACTIVIDADES CON ESTRELA
O pasado domingo, encadrada no programa institucional “Ler conta moito”, puidemos gozar no Valadouro da actividade Estrelas no bico, na fronte un cantar, guiada con voz firme pola polifacética Estíbaliz Espinosa e sutilmente ambientada polo pianista Juanma Varela.
É mágoa que esta sorte de eventos de alta calidade cheguen de xeito esporádico, e non me serve a desculpa de que o público non os demanda ou acode de maneira minoritaria, pois se non creamos a cultura do espectáculo edificante, sen estridencias, nunca deixaremos de alentar un público adepto á pailanada berrona de chiste fácil. Como dixo a propia poeta ao remate do acto: “Somos xente cultivada, temos millóns de bacterias”.
Toda a actividade que nos ocupa é absolutamente defendíbel, mais contou con momentos maxistrais, como as referencias a Rosalía de Castro e as súas repercusións no espazo sideral, ou a lectura do poema Da nasa ao ceo, sublime.
En xeral, unha mensaxe de esperanza nun futuro sen a supremacía da ignorancia e os ignorantes envolve (con doses de ironía) este ecléctico espectáculo onde letras, canción e astronomía ferran perfectamente. Estelar!

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-10-2022 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
A MONTAÑA DO POETA CHEGA ÁS LIBRARÍAS
“En el cine, en los libros y en el arte, igual que en la vida, cuando no hay dificultad desaparece la sensación de placer, de satisfacción.”
ALBERT SERRA. Babelia, 20-8-2022

Hoxe, oito de setembro, chega ás librarías A montaña de poeta, a novela premiada no certame “Manuel Lueiro Rey”, do Grove, a finais do pasado ano.
Mais non foi doado chegar até aquí.
Teño a intención de relatar, nalgunha presentación, as vicisitudes dun manuscrito que antes de coñecer a prosperidade no Grove, probou fortuna nalgún outro concurso literario.
O antigo título do texto non era o actual, inspirado n’O Poeta da Montaña, alcume literario de Antonio Noriega Varela. Do mesmo xeito, o corpus xeral tamén iría experimentando enmendas ao longo do tempo.
Non obstante, o máis salientábel da xénese da narración xurdira a partir de dúas vivencias concretas: a conversa co sabio veciño que me informa do vínculo da Casa das Mirixas co poeta mindoniense, e mais a recuperación dun ciclomotor que fora da miña propiedade.
A Casa das Mirixas é hoxe unha construción abandonada á súa sorte na espesura do Alfoz do Castrodouro; alí, naquel abismo do tempo inzado de hedra e silvas, fora agochado o Suzuki Maxi (na novela transmútase nunha motocicleta de alta cilindrada) tras a súa subtracción da vivenda do novo propietario.
Curiosamente, cando o texto estaba a ser aprontado para a súa publicación, recibín a chamada do editor suxerindo a introdución dun pequeno cambio. Na redacción orixinal a ficticia motocicleta era unha Kawasaki Z500, mais resulta que por estas mesmas datas andará a publicarse outra novela onde unha moto da mesma marca goza de gran protagonismo. Na suxestión propónseme cambiar o vehículo da miña novela por unha Suzuki… casualmente a mesma marca do meu antigo ciclomotor, un elemento que alimentou considerabelmente a trama. Xa o dixemos nalgunha ocasión, a literatura encerra un ingrediente máxico nada desprezábel.
Por que houben de ir eu rescatar o vehículo das ruínas e non o novo propietario? Porque a tal hora esa persoa ingresaba en prisión. Así é, mais os motivos reais da condena nada teñen que ver co recreado despois na trama literaria d’A montaña do poeta.
Antes de obter o premio “Lueiro Rey”, un amigo vinculado ao eido literario pedírame permiso para levar o texto a unha editorial da súa confianza. Asegurábame este solícito compañeiro que A casa das Mirixas (como se intitulaba daquela o manuscrito) “é a novela dos centros sociais autoxestionados”, e parece ser que o é en virtude do seu argumento contemporáneo. Desde logo, os ambientes xuvenís e contestarios deses espazos alternativos nutriron considerabelmente o contido do traballo.
O ofrecemento non era desdeñábel mais preferín agardar.
Eu tamén cría nesta novela, pese a ser froito dunha xestación delongada e duns cantos partos igualmente complexos.
Hai, na sementeira d’A montaña do poeta, moito labor, algo de carraxe, numerosas vivencias e algúns testemuños memorábeis, mais por riba de todo hai dedicación ao oficio das letras. Non digo isto con convencemento de suficiencia ningunha, senón como mera constatación.
Para quen considere que as flutuacións e desandadas resultaron cuantiosas, direille que soamente estou mostrando a biqueira do iceberg. Coido que do making of (permíteseme o anglicismo cinematográfico?) tamén podería saír un relatiño xeitoso.
Hai uns días, a editorial envioume os primeiros exemplares da edición; todos viñan enfeitados con cadansúa faixa.
Confeso que me fai especial ilusión un lanzamento con volumes enfaixados, pois, aínda que o auténtico valor de toda obra radica no seu contido, este ornato tradicional non deixa de nos emparentar coa vella tradición editora.
Agora, o que procede é que o lector exerza o seu papel e o autor fique, por fin, nun segundo plano.
Vosa é xa a novela. Obrigado sempre.

LIONEL REXES

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-09-2022 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
O ESCURO RESPLANDOR DO FANATISMO
Logo de trinta e tres anos padecendo persecución, o escritor Salman Rushdie vén de sufrir o ataque violento dun fanático. Cómpre ter presente que varios tradutores da súa obra xa foran asasinados.
Nunca lin a este autor, polo que non pretendo hoxe gabar os seus textos, outramente, avogo polo dereito á liberdade de expresión do escritor (e por extensión dos creadores todos) para plasmar nas súas obras o que crea oportuno.
Considero que o único factor que pode reprobar ou impulsar unha creación, é a súa calidade.
Quen se sinta ofendido polo contido dun argumento literario, debería deterse a pensar nas motivacións que apuxaron o autor a recrear, denunciar, ou sinxelamente empregar como recurso narrativo, aquelas situacións que o incomodaron como usuario.
Con todo, hoxe, 19 de agosto, o que me move a recordar que no mundo moitos escritores padecen as consecuencias da súa valentía, é que tal día coma hoxe de hai oitenta e seis anos, centos de libros foron queimados na Dársena da Coruña por orde dos fascistas sublevados. Tales episodios non se vivirían exclusivamente na cidade herculina, pois, tristemente, iríanse reproducindo ao ancho e longo do Estado.
Non esquezamos tampouco, que nesa mesma xornada eran fusilados Federico García Lorca e Ánxel Casal. O poeta e mais o seu editor en lingua galega, morrerían o mesmo día en latitudes distantes, mais irmandadas pola barbarie dos valedores da incultura.
Moito se especula, aínda hoxe, polas causas que conduciron a Lorca até o barranco de Víznar: a ideoloxía, a orientación sexual, o compromiso artístico… e eu creo, modestamente, que o feito condenatorio tivo moito máis que ver coa súa condición intelectual que con ningún outro factor. O peor inimigo do fascismo é a cultura, a formación e a información. En definitiva, a civilización.
Coido que un dos deberes do escritor actual é reflectir o crítico momento que atravesa, xa non o país ou o continente, senón o mundo todo. E tal labor debería poder desenvolvelo con absoluta normalidade, especialmente á hora de describir todo aquilo que contravén a orde natural da Civilización.
Teñamos en conta que a emerxencia de fanatismos de toda índole (supremacismo, imperialismo, aculturación deliberada, fascismo…), conculca esa orde natural que, instintivamente, pula pola concordia, a diversidade, o pluralismo, o respecto, e de maneira basilar pola LIBERDADE.
Cando nos enfastíe unha lectura e a antipatía cara ao autor aniñe no noso ánimo, teremos a potestade de deixar de consumir as súas obras, no entanto, a nosa sensación non nos outorgará, xamais, o dereito ao asedio, nin sequera no nome do sagrado status de lector.
Non hai castigo máis primitivo e irracional ca o perseguimento, e convén recordar, cantas veces faga falla, que a tal hora deberiamos ter ben superados os atavismos da Prehistoria.

Imaxe: Queima de libros na Coruña o 19 de agosto de 1936

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2022 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
DE SEDICIÓNS E LEALDADES
Evocoume a lectura de La guerra del general Escobar moito do acontecido hai cinco anos en Cataluña, cando, invocando unha lexislación tan vixente como emanada das derradeiras vontades de Franco, algúns defenderon e xustificaron a violencia policial contra os partidarios do referendo de autodeterminación. Curiosamente, moitos daqueles legalistas mantiñan (e manteñen) unha xenerosa aquiesciencia á hora de ponderar o réxime franquista, un réxime evidentemente sedicioso, fascista e excretado pola sublevación armada contra a legalidade democrática.
Cóntase no relato que veño de ler a historia de Antonio Escobar Huertas, un coronel da Garda Civil que se mantén fiel á II República, fai a guerra do lado da legalidade constitucional e acaba padecendo as consecuencias da súa lealdade.
O autor, José Luis Olaizola, non dubida (falamos dunha obra redactada nos anos oitenta do pasado século) en dilucidar a través da trama que o acontecido en 1936 foi un golpe de Estado. Mais iso non debe facernos crer que a imparcialidade ou a obxectividade inzan o argumento, non, pois a intencionalidade da obra déixase albiscar desde os primeiros parágrafos.
Reitérase a través do personaxe principal unha proverbial neutralidade da Garda Civil ante os conflitos sociais… e, inevitabelmente, xurdirán na nosa memoria certas imaxes das vésperas do un de outubro de 2014: axentes ondeando bandeiras, arengas de incitación ao odio e coches patrulla engalanados para a televisada partida cara a Cataluña.
Pese ás interesantes leccións ofrecidas pola novela de José Luis Olaizola, non deixa este de ser un relato interesado. O texto, galardoado co Premio Planeta en 1983, non aforra esforzos en deostar dúas ideoloxías concretas: o comunismo e o anarquismo.
Por outra banda, o encomio á Garda Civil faise constante durante a narración toda.
No entanto, tampouco considero que a motivación primeira do texto sexa inculcar a febre militarista, pois se hai algo que Olaizola tenta por riba de todo, é erixirse en propagandista do credo católico.
Entendo que a conclusión do autor é que Escobar Huertas, por riba da súa integridade persoal e o seu uniforme, viuse obrigado a actuar con rectitude en virtude da súa fe cristiá. Xa o anunciamos, esta novela non dá puntada sen fío e a sutileza á hora de mostrar a mensaxe non é afortunada.
Así a todo e evanxelizacións á parte, o documento pode resultar pedagóxico á hora de analizar un presente que parece recuar deixándose engolir polo rodopío da historia recorrente.
Non deixemos de achegarnos a este volume comercializado pola Editorial Planeta en diversas edicións (a que manexei é unha especial de 2004 para Planeta DeAgostini) para decatármonos, máis unha vez, de que tripamos camiños mal balizados á mantenta.
Por certo, Antonio Escobar Huertas era fillo dun galego de Sarria.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2022 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
O ALÉN DOS LIBREIROS
A Suso Fernández, “Suso do Bahía”, téñolle escoitado infinidade de cousas interesantes, e outras tantas se estarán publicando agora nos medios de comunicación da Mariña.
Onte soubemos que o tótem da cultura focega emprendía singradura cara a esa morada onde a tal hora estará departindo con Leiras, con Noriega e con Cunqueiro, casualmente mindonienses todos.
Porque a Suso tamén lle escoitei, unha tarde no ventre da libraría Bahía, “se me perdo en Foz, buscádeme en Mondoñedo”, así que agora, andará parolando animadamente da Escola Poética do Seminario ou de reeditar Se o vello Sinbad volvese ás illas, onde a Foz se lle chama Bolanda.
Doutra volta, contáranos Suso que no transcurso dunha homenaxe a unha vítima de presidio durante a Ditadura, un orador mencionara o gran mérito do encarcerado, ao que o homenaxeado respondera: “mérito ningún, que a min leváronme á forza”.
E con estas e outras anécdotas estarán divertíndose agora don Manuel, don Antonio e don Álvaro, satisfeitos por ter a Suso canda eles, mais sen caeren na conta do orfa que queda Bolanda, e A Mariña toda, e este país que Suso soñou culto e consciente do propio ser, agora que o ciclo da vida nos arrincou o noso libreiro “á forza”.
É seguro que xa preguntou o noso libreiro polo seu grande amigo Manuel María, e ben sei, houberon dicirlle que anda a percorrer as parroquias do alén, como soñara sempre o chairego facer na vida terrea.
Se non me engana a memoria, a derradeira vez que vin a Suso entre o público dun acto literario (sentado na cadeira de brazos que a súa filla Cielo lle tiña reservada na libraría) foi no lanzamento de O Alén dos Barqueiros, de Anxo Muíños.
Escollérame o amigo Anxo como mestre de cerimonias na presentación da súa novela e aló fóramos, nunha noite de temporal de finais de novembro. Mais, en entrando na libraría Bahía, arroupados pola calor humana de Suso, Marita, Cielo e moitos outros amigos, forámonos mergullando nese ambiente íntimo que exhala a fusión de literatura e amizade.
Agora, no alén dos libreiros, andará Suso a recomendar lecturas e a deseñar rutas, mágoa que ningunha leve outra volta a Bolanda.


LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2022 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
TAKETORI MONOGATARI
Tal é o título orixinal do conto do cortador de bambú, a considerada primeira obra literaria en lingua xaponesa.
Pese a tratarse dun pequeno volume, esta edición a cargo da profesora Kayoko Takagi resulta ben completa, pois consegue aproximarnos a unha distante tradición oral, cando menos xeograficamente falando.
Tan interesante coma o propio conto, resultaranos o breve ensaio sobre oralidade nipoa ofrecido na primeira parte do libro, introdución ben oportuna á hora de abordar o relato.
Iníciase El cuento del cortador de bambú como calquera lenda que nos resulte familiar: un ser sobrenatural xorde inesperadamente, o descubridor humano sérveo, e desde ese momento, a fortuna en forma de ouro capitaliza a existencia do solícito mortal. Non nos recorda isto os contos de mouras e encantos da mitoloxía galaica?
A partir de aquí, o relato familiarízase co conto medieval europeo, cortesán e cabaleiresco.
Polo medio da narración asaltarannos de novo as reminiscencias atlánticas, nomeadamente cando na illa máxica se deixe ver unha estraña muller recollendo auga nun cunco de prata, para, a seguir, desaparecer misteriosamente. Inevitabelmente, a evocación das aureanas a peitearen as cabeleiras nas fontes xurdirá no lector galego.
Xa no remate da lenda, o tan contemporáneo estudo de mundos extraterrestres e aeronaves fabulosas cruzarásenos no camiño, no entanto, estamos ante unha narración tradicional datada entre os séculos IX e X. Nada novo baixo o sol.
Advertencia para lectores impetuosos: Até o derradeiro parágrafo non se desvela o senso do conto.
Na introdución desta versión castelá publicada en 2005 pola Unesco e a Editorial Trotta, fálasenos dunha antiga crenza nipoa denominada kotodama; trátase dunha sorte de superstición oral pola que determinados poderes máxicos son atribuídos a certas palabras. Se cadra, non está lonxe esta convicción da eufemística presente na tradición galega, fenómeno polo que determinados animais son chamados con sobrenomes. Moito leva falado Cunqueiro dos sabios raposos a quen os paisanos chamaban “García” por precuación, pois que, segundo o autor mindoniense, o golpe entende perfectamente a nosa fala.
Volvendo ao texto que nos ocupa, no ensaio previo aclárase que tal temor condicionou o nacemento da literatura xaponesa, posto que algúns conceptos e acepcións supuxeron tabús en certas épocas e momentos sociais.
Aprenderemos no Taketori Monogatari que a rebeldía e o amor, quen sabe se conceptos irmandados no Oriente, adoitan chegaren doutros mundos.
Non esquezamos que en ocasións os mundos descoñecidos, máis ca afastados, preséntansenos imperceptíbeis.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-07-2022 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0