[VDF Blog]


Blog de Xabier Pérez Igrexas sobre o barrio do Val do Fragoso de Vigo.

Quen son?
xabiergz[arroba]gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As túas novas
AGORA ES TI QUEN DECIDE O QUE É NOTICIA


Dende [VDF Blog] tes a posibilidade de envíar novas, de votar as que te parecen de interese, seguindo o modelo de sitio de novas de editorial non xerárquico como Chuza ou Menéame.

Para envíar noticias é necesario rexistrarse (de balde).

ACCEDE AQUÍ
AS TÚAS NOVAS
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2007 16:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O noso barrio (III): Delimitación xeográfica do Val do Fragoso.
DELIMITACIÓN XEOGRÁFICA DO VAL DO FRAGOSO NA ACTUALIDADE


SOBRE MAPA:




SOBRE IMAXE DE SATÉLITE:



*Imaxes tiradas de Google Maps.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2007 15:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O noso barrio (II): As necesidades do Val do Fragoso.
No referido ás dotacións e infraestructuras , cabe sinalar que o barrio arrastra un défice histórico neste senso. Na actualidade conta coas seguintes dotacións no sei interior e nas proximidades:

* Educación: Colexio Público de Balaídos eCEIP Canicouba (en Castrelos).
* Cultura: Centro Cultural "Val do Fragoso" (que é sede da asociación), Museo Etnográfico Liste (A Pastroa) e Museo Quiñones de León (Castrelos).
* Deporte: Estadio Municipal de Balaídos, Estadio de Atletismo de Balaídos, Instituto Municipal dos Deportes, Piscina Municipal de O Carme, Canchas de baloncesto ao ar libre (Parque de Castrelos), pista polideportiva (ao carón do Centro Cultural).
* Zonas Verdes: Corredor natural do Lagares, Parque de Castrelos e A Miñoca (Coia).
* Parques infantís: Parque de Castrelos, Eugenio Krapft e Pablo Iglesias.


As principais necesidades dotacionais do barrio son, entre outras, as seguintes:

* Centro social para os maiores.
* Centro de día para maiores.
* Carril bici no corredor natural do Lagares.
* Campo de fútbol ao aire libre en Pablo Iglesias (onde o antigo Campo de Leri agora sustiudio por un aparcamento privado de superficie de Zona Franca).
* Dúas garderías.
* Un centro de saúde.
* Unha bibloteca municipal de distrito.
* Un aparcamento soterrado de uso priorizado para residentes.
* Amplicación da infraestructura deportiva (xa que o IMD, as piscinas e a grada de Río están saturados).


No apartado das comunicacións, o barrio viu mellorada a rede de transporte urbano colectivo coa implantación dos circulares, mais segue precisando dunha mellora urxente da conexión con Praza de España, Beiramas as praias e as parroquias periurbanas, así como a mellora das frecuencias e cadencias dos autobuses.

Un dos principais problemas que sufre esta populosa zona da cidade de Vigo é o tráfico. Dúas das principais arterias viarias da cidade, que serven para conectar esta con outras comarcas, como son a Avenida de Castrelos e a Avenida da Florida, son á súa vez os dous principais viais do barrio.

A apertura do segundo cinturón de circunvalación e especialmente a conexión deste co polígono de Zona Franca, supuxo unha reducción significativa do tráfico rodado, especialmente do pesado, na Avenida Alcalde Portanet, que durante anos se viu duramente castigada por tráfico e ruídos.

A falta de aparcamento segue a ser unha asignatura pendente. Os milleiros de desprazamentos que se producen cada día desde diferentes puntos da cidade, e mesmo desde fora, até as factorías do polígono industrial de Balaídos, producen un serio problema de aparcamento que ten como consecuencia a dobre fila que dificulta a circulación provocando nalgúns viais colapsos temporais en horas punta.

A reforma do Estadio Municipal de Balaídos debe aproveitarse para por solución a esta necesidade urxente, pensando especialmente nos residentes, coa construcción de aparcamentos soterrados.
Delimitación do Val do Fragoso na actualidade, sobre mapa*
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2007 15:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O noso barrio (I): Unha aproximación histórica ao Val do Fragoso.
O VAL DO FRAGOSO HISTÓRICO

A Wikipedia define ao Val do Fragoso como "unha das zonas de expansión urbana da cidade de Vigo (...) Situado ao SE da cidade, entre as parroquias de Lavadores e Valladares (...) ocupa amplamente o centro do interior do municipio."

"En pasadas épocas, foi a mellor terra de labor de Vigo e municipios circundantes, famosa pola sua fecundidade e por ter máis povoación que a propia vila de Vigo, por entón (indade media e moderna) principalmente mariñeira." O Val do Fragoso abranguía daquela as parroquias de "Bembrive, Beade, Matamá, Sárdoma e Castrelos ademáis de Lavadores e Valladares".

O VAL DO FRAGOSO ACTUAL

Na actualidade a denominación "Val do Fragoso" serve para referirmonos a un ámbito territorial de moita menor extensión. Enclavado entre os barrios de Coia (ao oeste), Castrelos (ao leste) e Pereiró, Matamá e San Andrés de Comesaña (ao sul), o barrio do Val do Fragoso abrangue todas as rúas do interior do triángulo conformado polas avenidas de Castrelos, Florida e Citroen-Alcalde Portanet na confluenza destas.

Esta denominación foi recuperada, e concebida co seu significado actual, coa constitución da asociación veciñal que adoptou "Val do Fragoso" como razón social precisamente para fomentar a identidade barrial.

Cabe destacar os ambitos de escasa urbanización de A Carballa e A Espedrigada, que ocupan o eixo central do barrio. O Val do Fragoso está atravesado de leste a oeste, no sur, polo Río Lagares, e fica a escasos metros dun dos principais pulmós verdes da cidade: o Parque de Castrelos.

O barrio desenvolveuse urbanísticamente ao redor das factorías do polígono industrial de Balaídos ( Zona Franca), co que limita polo sur.destacadamente da fabrica de PSA-Peugeot Citroen. Xa que logo ten unha configuración propia de barrio industrial dunha grande cidade.

A falta de dados oficiais, calculase que o Val do Fragoso ten unha povoación de arredor dos 20.000 habitantes.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2007 16:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Balaídos C.F. estrea novo sitio web.
O Balaídos C.F., que dende 1963 é o equipo de fútbol do noso barrio, ven de estrear unha nova páxina na Rede, cun renovado deseño, novos contidos e mesmo un foro no que participar.

Non podo se non parabenizar ao club pola súa nova fiestra na rede de redes á que se pode acceder dende o enderezo http://www.balaidoscf.com

Pero tamén é de xustiza aplaudir e agradecer publicamente o inxente traballo desenvolvido por todas as persoas que formaron parte da equipa directiva do clube ou os seus colaboradores.

Esa importantísima laboura en favor do deporte de base no barrio ten como resultado os centos de rapaces e mozos que xogaron e xogan coa camisola verdibranca.

O Balaídos C.F. é o equipo que toda a veciñanza do barrio sentimos como propio.


Grazas polo voso traballo e parabéns pola nova web.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2007 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Florida, Castrelos e un Alcalde xordo.
Abel Caballero na Rolda de Prensa posterior á reunión da Xunta de Governo Local do 10-12-2007.
Abel Caballero trala xunta de governo local celebrada o pasado luns 10 de decembro, anunciaba que os proxectos de humanización das avenidas da Florida e Castrelos estaban aprobados e que ían ser remitidos á Consellería de Ordenación Territorial, que será a encargada de financiar os case 12 millóns de euros que custarán as obras.

A humanización desas avenidas, que son as principais vías do barrio e dúas arterias importantes da cidade, é unha vella reivindicación da veciñanza. A Asociación Veciñal "Val do Fragoso" traballou arreo na pasada lexislatura para conseguir desbloquear os proxectos que ficaban no caixón do maior desinterese da anterior alcaldesa, a popular Corina Porro. Xuntanzas coa delegada da COTOP, cos anteriores concelleiros de Vías e Obras e distrito, coa Alcaldesa, numerosos escritos e mesmo unha moción apresentada polo BNG e que foi aprobada pola unanimidade do pleno, foron en síntese as actuacións da asociación urxindo a actuación na Florida e Castrelos.

Porén o governo municipal anterior sí presentou, froito dese traballo de reivindicación, á A.V. Val do Fragoso a documentación e o deseño dos proxectos de humanización.

Abel Caballero pola contra, ao igual que os concelleiros Isaura Abelairas, Vías e Obras, e Xulio Calviño, Mobilidade, ignorou sistematicamente á entidade socialmente máis representativa do barrio, obviando a opinión da veciñanza residente nuns proxectos que lles afectarán directamente, nunha actitude escandalosa, antidemocrática e prepotente.

O Alcalde si recibiu mesmo a un reducido grupo de comerciantes que non estaban constituidos formalmente, pero na súa axenda de previsións na que ten tempo para recibir a directivos de Alcampo ou Ikea non tivo vontade política de escoitar á Asociación Veciñal "Val do Fragoso" que a día de hoxe segue a descoñecer as modificacións feitas no proxecto.

Ogallá as obras rematen en 20 meses como dixo o Alcalde, e o seu resultado sexa satisfactorio, pois a veciñanza do barrio non merece menos. Pero se Abel Caballero non cambia de actitude, seguiremos a ter un Alcalde xordo, que é o primeiro síntoma da doenza do despotismo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2007 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
[VDF Blog] na imprensa.
Quero agradecer con esta entrada no meu blog a difusión que diversos meios de comunicación lle concederon a traves de reseñas e noticias publicadas.

Inda que teño o convencemento de que o desenvolvemento das potencialidades do web 2.0 revolucionará definitivamente o concepto de comunicación, os meios clásicos coma a imprensa, inda que sexa dixital, seguen a ser ferramentas non só complementares senón mesmamente fundamentais.

Grazas pola cobertura.


A PENEIRA
http://www.apeneira.com/baixo_minho/baixominho_450.pdf

MUNDO GALIZA
http://www.mundogaliza.com/content/view/2126/34/
http://www.mundogaliza.com/content/view/2097/34/

XORNAL.COM
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20071201131322
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2007 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Alcalde recibe a directivos de Alcampo e Ikea pero non á A.V. Val do Fragoso
Abel Caballero negase a escoitar á veciñanza.
Escandaloso e inaceptábel. Só así se pode calificar o feito de que o Alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, continue sen recibir á Asociación Veciñal "Val do Fragoso".

Hai case un mes e meio a asociación solicitaba ser recebida polo Alcalde para abordar o tema das humanizacións das avenidas da Florida e de Castrelos, despois de que Abel Caballero sistematicamente obviase á entidade socialmente máis representativa do barrio nun asunto que afecta de maneira directa á veciñanza residente.

Caballero si tivo a ben reunirse cos comerciantes de AETRAVI, e mesmo con outro colectivo formalmente non constituido, pero non tivo oco na axenda para recibir aos representantes dunha entidade que representa directamente a máis de 1200 familias do barrio, como é a AV Val do Fragoso.

O asunto xa revirte suficiente gravidade até aquí, pero se cadra adquire tintes inda máis inadmisíbeis cando consultamos a axenda de previsións do Alcalde, xulgade vós mesmas/os, esta é a axenda de mañá venres:

Previsións

venres, 30 de novembro 2007
10:00 O alcalde, Abel Caballero, reúnese con representantes do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais (SÓ GRÁFICOS)
10:30 O alcalde, Abel Caballero, recibe os directores dos centros comerciais que Alcampo ten na cidade (SÓ GRÁFICOS)
11:00 A concelleira de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo, Chus Lago, xunto con representantes de Mercados vigueses, presenta una xornada de Sanidade nos Mercados Municipais
11:30 O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visita o mercado do Progreso
11:30 O alcalde, Abel Caballero, recibe a representantes de IKEA (SÓ GRÁFICOS)
12:15 O alcalde recibe os representantes das Asociacións de Transportistas da cidade
12:30 O alcalde, Abel Caballero, presenta a nova normativa de acceso ao casco urbano de tráfico pesado e a sinalización
12:45 O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presenta o Memorial Belarmino Alonso
14:00 O alcalde, Abel Caballero, clausura as III Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatizacón Industrial
17:00 O alcalde, Abel Caballero, asiste ao XV aniversario da Titulación de Enxeñería de Minas
18:00 O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e as concelleiras María Méndez e Elena Maure asisten á entrega dos premios Aproin "Edificio Galego 10"
20:30 Festival de Música de Vigo "Are-More"
20:30 O alcalde, Abel Caballero, asiste á cea-aniversario do Club Financiero de Vigo


1(1) Información tirada da web do Concello de Vigo ^
Axenda de Previsións
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2007 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
¿Que suporá o novo PXOM para o barrio?
O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, que como todo o mundo sabe é o documento que serve para regular o desenvolvemento urbanístico da cidade, leva alo menos tres anos de retraso.

En termos socioeconómicos este retraso supón un custe de oportunidade relevante. Vigo non está na cubeta sometida ao valeiro dun laboratorio, senón que está insertada nunha realidade global de competencia intermunicipal. Nos proximos anos determinarase cal é a cidade cabeceira do eixo Atlántico e da Eurorexión Galiza-Norde de Portugal, na que cidades como Oporto debuxanse como un competidor relevante.

Porén todo isto, inda que importante, situase no nível macro, alonxado do común dos mortais.

Pero ¿en que afecta ao conxunto da cidadanía? ¿que suporá o novo PXOM para o barrio?

De entrada cabe distinguir entre a cidadanía, entre a veciñanza, dous grupos diferenciados: propietarias/os e veciñanza.

Propietarios son aqueles que posúen os terreos que se desenvolverán urbanisticamente nos diferentes APR, xa que logo, son axentes implicados a un nível diferente ao dun veciño residente, no que ao seus intereses económicos, absolutamente lexítimos e comprensíbeis se refire.

A perspectiva fundamental, e a que tivo en conta a Asociación Veciñal "Val do Fragoso" cando acordou apoiar o PXOM nas súas liñas xerais, foi a da veciñanza. Sen entrar no concreto ou particular a respecto de coeficientes de edificabilidade, senón abordando a globalidade.

Para as/os veciñas/os do barrio o desenvolvemento do PXOM suporá varias consecuencias positivas:

1. A mellora dos suministros de electricidade e auga, que actualmente están nunha situación case crítica sobre todo na Espedrigada e na Carballa.

2. Máis zonas verdes e espazos de esparcemento. O PXOM inclue para cada APR (antes denominados PERIs) unha reserva de solo destinada a zona verde, que no caso do noso barrio está recollida nuns níveis máis que suficientes.

3. Solo dotacional. Unha das caracterísitcas máis positivas do deseño urbanístico do noso barrio no PXOM é unha reserva moi elevada de solo dotacional, é dicer, a porcentaxe de terreos que se van destinar a solo público, sobre o que poder edificar dotacións tan necesarias como centros de saúde, garderías, biblioteca, centro social para maiores...

4. Vivendas de promoción pública. Como é sabido o PXOM destina unha porcentaxe das vivendas construídas a vivendas de promoción pública para as que se fixan restriccións nos prezos máximos destas.

Fiando co do solo dotacional, hai que ser conscientes de até que non se aprobe o PXOM e comece a desenvolverse urbanisticamente as zonas da Espedrigada e a Carballa, o noso barrio non poderá superar o seu histórico défice dotacional e infraestructural xa que as administracións públicas non dispoñen de solo de titularidade pública para poder construir esas instalacións tan necesarias.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2007 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Visita do Tenente de Alcalde e as/os concelleiras do BNG ao barrio.
O venres 23 fun convidado xunto a representantes da Asociación Veciñal "Val do Fragoso", do Balaídos C.F. ou do colectivo de comerciantes AETRAVI, a un xantar co Tenente de Alcalde, Santi Domínguez, e con outros tres concelleiros.

Agradezo o convite feito por parte do Grupo Municipal do BNG, para participar nun xantar agradábel e que serviu tamén para trasladar aos edís nacionalistas as necesidades do barrio in situ.

Alí estaban Xabier Alonso, concelleiro de deportes, Xesús López Carreira, concelleiro de cultura, Elena Moure, concelleira de Patrimonio Histórico.

Tralo xantar, os asistentes percorreron unha parte significativa do barrio, dando a oportunidade aos colectivos sociais de explicarlle sobre o terreo os problemas e necesidades.

Santi Domínguez ao remate da comida, e antes de iniciar o paseo pola zona, afirmaba ser consciente de que haberá problemas aos que non se poida dar solución inmediata ou a que se lle de non sexa definitiva ou plenamente satisfactoria. Pero o importante é que o Tenente de Alcalde demostrou unha profunda responsabilidade política ao afirmar que o dialogo, entendido como un instrumento útil para solucionar problemas, será o leit motiv desta lexislatura no que compete as áreas dirixidas polos nacionalistas.

Pero non quedou aí. Nos temas que se refiran ás áreas socialistas, Santi afirmou que non escurrirán o bulto, e como parte do governo municipal, farán todos os esforzos que fagan falta para trasladar as necesidades e axudar a dar respostas efectivas.

Independentemente de que este tipo de declaración son verificadas ou corrixidas trala avaliación do paso do tempo, e que este tipo de xestos inda que se agradecen non debe supor relaxar nen o máis minimo o nível de exixencia social ao governo municipal, o certo é que existe un alto contraste.

Contrasta o talante cercano, dialogante, de proactividade á hora de escoitar á cidadanía, demostrado nesta ocasión polo Grupo Municipal do BNG, cun Alcalde e os seus concelleiros do grupo socialista que siguen sen recibir á asociación veciñal, ou botando balóns fora en relación ao escasisimo orzamento municipal destinado ao barrio.

Por non falar das bravuconadas en forma de promesa electoral do actual Alcalde en relación á construcción dun campo de fútbol, onde o antigo campo de Leri, na rúa Pablo Iglesias, ao que sorpresivamente non destina nen un só euro no Proxecto de Orzamentos Municipais.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2]
© by Abertal
Visitaron este blog:
coches
persoas.



Safe Creative #0712310012931



Todos os contidos e algunhas imaxes deste blog están suxeitos a unha Licenza Recoñecemento - NonComercial - CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons.

IBSN: Internet Blog Serial Number 00-12-06-1979