Hoxe estrea no auditorio Sempre en Rianxo. O soño de barbeiro, obra do rianxeiro Pancho Martínez, que tal e como el mesmo di "pretende ofrecer unha visión sinxela do Rianxo máis xenial". E pretende facelo da man de máis de cincuenta persoas de Rianxo que participan nesta peza teatral representando aos moitos persoeiros do noso rico pasado cultural e tamén ás xentes do pobo.
Na obra participan Sabela e Marina con dous dos nosos cabezudos: Peito de Lobo e a velliña.
Hoxe os meniños non foron á escola, estamos en alerta laranxa, pero contra vento e marea estaremos no auditorio nesta estrea, porque a obra promete. E para quen non se atreva hoxe están as funcións do sábado e do domingo.
O venres 14 presentouse o CD Son de Rianxo no auditorio do C.E.P. Xosé Mª Brea Segade de Taragoña.
O actou contou coa actuación en directo da charanga de Vai de Roda, da Banda de gaitas Buxaina, do grupo Río do Anxo e tamén de Xosé Romero fillo dos Rosales de Asados, que mostrou así o seu apoio ao proxecto.
E como xa é habitual Vai de Roda tamén sacou os seus instrumentos para montar foliada despois de tomar os pinchos. Mira que che hai ganiñas de festa, eh! Pois que nos duren!
A fin de semana pasada estivo chea de actividades e boa música en Sarándón (Vedra).
A charanga e as pandereteiras de Vai de Roda participaron no xantar e na foliada que tivo lugar o domingo 26 como peche dunha fin de semana moi intensa.
Montouse unha boa festa coa participación de:
A requinta da Laxeira, Grupo de requinteiros A Gaita de Sarandón, Os Campantes da Baña, , Os Esfolladores de Illobre e Vai de Roda de Rianxo.
Noraboa á Asociación Cultural San Campio por un magnífico xantar, por unha boa foliada e polo bo ambiente que se viviu durante toda a xornada.
Xa temos unha boa reportaxe fotográfica da gala da Guadalupe 2008. Nesta foto vemos o aspecto da praza no saúdo final dos bailadores e bailadoras, as pandereteiras e a charanga.
O espectáculo foi un éxito. Grazas a todas aquelas persoas que contribuiron a facelo realidade traballando arreo durante estes últimos meses.
A murga de Vai de Roda tivo un verán ben movido recorrendo as festas do país: Cabo de Cruz, Vilasantar, Boimorto, Muxía e Corcubión puideron deleitarse coa nosa charanga en acción. As pandereteiras acompañáronnos en Muxía, espectáculo ao completo!
Hoxe 5 de xullo VII Festa Rachada na Baña coa actuación entre outros de Vai de Roda.
Non deixedes de achegarvos á Area Recreativa Agra de Chans en San Vicente da Baña.
Dende as 13:00 horas actuarán:
Os Pequenos da Baña.
Armadanzas de Laraño (Baile Tradicional).
Murga e Pandereteiras Vai de Roda, Rianxo.
Charanga Follas Novas , Ames
O Trioliro.
Murga Os Campantes da Baña,
e a espectacular actuación de O CarriÇo (Coimbra).
Tamén participarán os gaiteiros (uilleanpipe e whistles) Dennis O´Toole e Carmel O´Leary (Irlanda).
E xa á noite, estarán como convidados á foliada:
Milloverde da Coruña, Os Enxebres de Cacheiras, Pablo Carpintero, Raúl Galego, Charanga de Ultreia, Os Contracochenos, Os Viqueiras de Ordes e todos aqueles e aquelas que os queiran acompañar cos seus instrumentos porque a troula continuará ata...
Ao longo do serán levaranse a cabo obradoiros para pequen@s e maiores.
Contan con zona de acampada e lémbrannos que temos que levar o xantar e a merenda para ir repoñendo forzas.
Non o pensedes máis, nós xa marchamos para alá. Vémonos na Baña.
Vai de Roda actuou na I Festa Fin de Curso das Galescolas que se celebrou o pasado 22 de xuño no Campus sur de Santiago de Compostela. A charanga e as pandereteiras animaron ao longo da mañá unha festa chea de obradoiros, de música, de contos e sobre todos nenos e nenas que tamén gozaron da nosa música tradicional.