Hoxe sábado 25 de setembro dirixímonos a Chapela para participar no festival que organiza o grupo Anaquiños. Como podedes ver no cartaz, catro formacións subiremos ao escenario entre elas unha portuguesa e outra de Calatayud! Ás 17 h. está prevista a saída desde o Paseo da Ribeira.
E mañá a charanga de Vai de Roda tocará no Campo de Rianxo ás 19 h. para recibir a un grupo de Úbeda convocados pola asociación a Moreniña.
E os que teñades fotos ou videos da actuación da Guadalupe, facédenolos chegar! Graciñas.
Categoría: Actuacións - Publicado o 25-09-2010 08:39
A nosa charanga, ademais das actuacións coa escola de baile, estivo este verán na Festa Rachada da Baña, no San Roquiño de Tállara, na Feira Rural de San Sadurniño-Ferrol, na Festa dos Vellos da Baña e pechando tamén as actividades da Galescola de Rianxo, entre outras...
E o sábado que vén actuará na Noite Folk de Negreira compartindo cartel con Avelaiña e Pepe Vaamonde Grupo.
Desde as seis da tarde haberá actividades e música na praza do concello. Vémonos en Negreira!
Categoría: Actuacións - Publicado o 19-08-2010 21:41
En maio na Estrada, en xuño no Principal en Santiago, en xullo en Bueu, en agosto en Escarabote... Os grupos de baile da escola de Vai de Roda estiveron rodando nestes meses e aquí vos deixamos testemuña fotográfica das actuacións. Por suposto a charanga e as pandereteiras puxeron a música que os fixo bailar! Mirade, mirade...
Categoría: Actuacións - Publicado o 19-08-2010 21:28
Hoxe os nosos bailadores e bailadoras máis novos participarán no VI Concurso de Baile Tradicional da Asociación Tequexetéldere.
A cita é no Teatro Principal de A Estrada a partires das cinco da tarde.
Pasádeo moi ben bailando! Iso é o importante.
Categoría: Actuacións - Publicado o 01-05-2010 12:03
Sábado 6 de marzo, 19.30 h.
Auditorio Municipal-Entrada Libre
Xavier Blanco é traballador do Concello de Moaña como profesor de gaita onde dirixe a Escola Obradoiro de Instrumentos Musicais Tradicionais. Do seu traballo como investigador dan cumprida conta discos como A Gaita de Cana de Moaña, As Gaitas Troncais ou Os Instrumentos Pobres. Neles amosa a riqueza da nosa música tradicional. O seu concerto didáctico é unha mostra deste traballo de recuperación e das súas habilidades expresivas nas que nos permiten ver a un Xavier Blanco que canta e toca diferentes instrumentos e pezas nunha hora e media de auténtico goce para as persoas que se acheguen ao auditorio rianxeiro.
Categoría: Actuacións - Publicado o 03-03-2010 16:18
Ano novo vida nova
ano novo que traerás
O vello sospiros leva
O novo xa os traerá
Rematamos a andaina deste ano 2009 despois de celebrarmos a gala, actuación, festival, mostra, d´O Aguinaldo. Fermoso punto e final para un ano intenso de actividade de Vai de Roda, na que se celebrou o quinto ano de vida do noso colectivo.
Foron moitos os momentos para a nosa lembranza, nas que salientar as participacións en Aguiño, Cedeira ou Boiro, dos meniños e meniñas da escola, ademáis do propio Rianxo. Unha formación moi viva e como puidemos ver nas actuacións, xermolo e canteira para manter en Rianxo aceso o facho do baile tradicional, xunto a outros colectivos que isto comparten.
Vimos tamén dun ano de consolidación do serán, que chegou á cuarta edición congregando a centos de persoas na lonxa que a este paso se consolidará como o local por antonomasia. Iso sí, se non chove, volverase ao Campo.
Ano de tamén cargado de moitas actuacións das pandeireteiras de Vai de Roda e da nosa charanga de música tradicional que percorreu vinte localidades nun verán e outono intensos e plenos de actuacións. Para poñer ese punto e aparte no serán da Nasa neste mes de decembro. A nosa charanga, as nosas pandeireteiras... A seguir traballando.
E na lembranza unha vez máis a actuación da Guadalupe 09, onde investimos os esforzos colectivos e orzamento propio en dotalo dun equipo de son e iluminación acorde co que compartir cos moitos veciños e veciñas o noso traballo.
Ou o curso de palletas, coa presenza de Cano e Moncho Marín que iniciou a primeira dunha serie de actividades complementarias de formación abertas tamén á participación de persoas que non son de Vai de Roda. Un curso financiado coas achegas do alunado e da asociación.
E finalmente a gala d´O Aguinaldo, onde cincoenta persoas subiron ao escenario ao abeiro de Vai de Roda para compartir e festexar estas datas do Nadal cun auditorio completo de familia, amizades, veciños que a Rianxo viñeron para pasalo ben xunta nós, unha asociación pequena con corazón grande e andaina garantida polos que nos relevarán. Grazas a todos e Feliz 2010!
Categoría: Actuacións - Publicado o 30-12-2009 18:13
O sábado 26 de decembro ás 19 h. no Auditorio de Rianxo estades convidados/as a participar connosco da gala de Nadal, baixo o nome d´O Aguinaldo. Unha boa ocasión para escoitar, e ver, ás diferentes seccións da escola de Vai de Roda interpretando panxoliñas e cantares destas datas e algún dos bailes tradicionais froito do traballo da escola neste primeiro trimestre.
Señores nos marchamos
Moi boas noites
Perdoen se faltamos
Foi sen querer
se nos dan o aguinaldo
teremos alegría para volver
Categoría: Actuacións - Publicado o 21-12-2009 11:26