Publicaranse artigos e outras informacións sobre Victoriano Taibo, escritor e académico, para o que se pide o Día das letras Galegas de 2018

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

X PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO

CONVOCATORIA


Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, comprácese en convocar unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas.

O premio instituíuse no ano 2008 co mecenado inicial da Entidade Local Menor de Morgadáns que, en 2015, a través do novo equipo de goberno resultante das últimas eleccións, eliminou unilateralmente o compromiso adquirido, e a continuidade do premio quedou garantida polo concello de Gondomar, que asumiu o mecenado a partir dese momento.

Dende aquela data inicial o acervo literario galego incrementouse con 10 novos poemarios de 11 autores diversos que acadaron sempre críticas favorables. Esta aparente incoherencia entre 9 certames, 10 libros e 11 autores ten doada explicación. En 2009 o premio foi repartido ex aequo entre dous poemarios; un deles, ademais, era de dobre autoría. Esta é a relación dos galardóns concedidos ata o de agora:

2008..Carlos Negro.........Cultivos transxénicos
2009..Elvira Tobío e
.........Silvia Penas.........Biografía da multitude
.........MªCarmen Caramés.........Cuarto minguante
2010..Mª Goretti Fariña.........Devastacións dispoñibles
2011..Calros Solla.........Holocausto Zacoe
2012..Conchita Álvares Lebredo.........Distancias e simetrías
2013..Ramón Sandoval.........Territorios estraños
2014..Lara Rozados.........O caderno amarelo
2015..Iñaki Varela.........Do outro lado das portas
2016..Xosé Iglesias Lamela.........A relixión do mar

O último poemario citado está aínda de plena actualidade, acadando críticas moi favorables e colleitando éxitos nas diferentes presentacións (incluída a realizada, suxestivamente, por el dende o seu barco) que están tendo lugar en moitos e diversos lugares de Galicia, como antes fixeron outros.

Queda, pois, convocado, no centenario da fundación da Irmandade da Fala de Santiago, o X Premio de Poesía Victoriano Taibo dirixido a poetas en lingua galega que queiran achegar as súas obras antes do 31 de xullo de 2017, como se recolle nas bases que podedes descargar aquí.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-03-2017 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
ARREDOR DAS IRMANDADES DA FALA
En 2016 Edicións Xerais tirou do prelo un completísimo traballo, coordinado polo profesor Luís Cochón, sobre este fenómeno que se desenvolveu entre os anos 1914, en que se empeza a fraguar, e 1931, ano da proclamación da II República, da celebración da VII Asemblea das Irmandade da Fala e da súa integración no Partido Galeguista, fundado tamén nese ano. Luís Cochón reúne, nun volume conmemorativo daquela andaina que marcou con pegada indeleble o futuro daquela Galicia, unha trintena de escritores actuais e doutras épocas para enriquecer o patrimonio literario de noso cun libro imprescindible cuxo contido se distribúe en tres bloques: Pensamento, Política e Poética, precedidos dun prólogo de Méndez Ferrín e dunha introdución do profesor editor. Un dos capítulos (que podedes descargar aquí), moi completo, interesante, ameno e documentado, estivo a cargo de Armando Requeixo e dedícase ao estudo da figura de Victoriano Taibo, actor importante e moi involucrado naquela angueira dende os primeiros momentos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-03-2017 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
ACADÉMICOS (1)
Dende a súa fundación en 1905, ou máis ben dende a súa constitución no ano seguinte, a Real Academia Galega tivo necesidade de procurar, elixir e nomear os 173 numerarios que por ela pasaron ata o de agora, cifra da que hai que restar os 40 académicos fundadores. O seu número permaneceu constante1 e as vacantes íanse producindo lentamente por falecemento2; isto traducíase, ás veces, na época de Taibo (e non só), en serias dificultades para acordar a incorporación dun novo membro de entre as múltiples posibilidades que se presentaban, dificultades debidas a un cúmulo de circunstancias entre as que podemos destacar algunhas: a xa indicada de moitos candidatos posibles para prazas moi escasas, o agrupamento de facto dos académicos en grupos cidadáns que tentaban barrer para casa, as presións orixinadas en determinadas amizades (e inimizades), a dificultade de comunicación da época que facía complicado o intercambio oportuno de información e de opinións3 ou os compromisos adquiridos polos académicos. Isto referíndonos só aos numerarios, mais cómpre ter en conta que a nómina de nomeamentos complétase con 42 membros honorarios e case 1000 correspondentes.

Así as cousas, os membros numerarios desenvolveron, fóra das sesións plenarias, unha máis ou menos intensa actividade negociadora que non sempre transcorría polas canles máis adecuadas, a xuízo dalgúns, para unha institución que debería ser exemplar e que mereceu, na colección epistolar de Taibo, críticas máis ou menos veladas, entre as que podemos citar a modo de exemplo a de Paulino Pedret que, con motivo das negociacións para o nomeamento dun novo académico de honra no que el, Taibo e Iglesia Alvariño propuñan a Victoriano García Martí, quéixase da intransixencia da maioría dos membros da Academia e di que ten razón quen dixo que “o galego é cacique ou larva de cacique”.

Na colección epistolar do fondo de Victoriano Taibo, que contén, ademais das cartas recibidas, copia dalgunhas enviadas, hai constancia de que o mestre de Morgadáns participou, en maior ou menor grao, na proposta de 21 cargos académicos (correspondentes, numerarios, honorarios, presidente, secretario), que, agás os irmáns Carré Alvarellos (Luís para académico e Leandro para secretario), acabaron sendo nomeados4.

Unha das negociacións máis veces citadas nestas cartas é a de Xosé Mª Álvarez Blázquez a quen, en decembro de 1948, pídelle Taibo que lle dea por escrito os datos sobre o seu currículo do que xa lle falara no café, sen explicar para que. A relación taibá co persoeiro vigués ten un punto de misterio aínda sen aclarar; parece que foi a finais do verán de 1948 cando se coñeceron (ou cando empezaron a intercambiar coñecementos con asiduidade), seguramente a través de Paco del Riego, a quen o mestre lle entregaría unha nota para o polígrafo con algunhas preguntas sobre diversos termos e conceptos lingüísticos. A partir de aí, e durante 1 ano, manteñen unha intensa correspondencia, case sempre sobre temas lingüísticos e literarios, cuxo teor, no que a tratamento persoal se refire, é sempre de amizade e admiración mutua e expresa. Córtase esta corrente (polo menos neste fondo documental) o 9 de xullo de 1949 en carta na que Taibo lle explica os detalles relativos á súa designación como correspondente en resposta a outra do interesado na que dá conta da recepción, a través do seu fillo Fuco, do nomeamento e agradece a súa intervención (“Xa adiviñei que andaba Vde. âs voltas con isa ideia, ao me pedir por carta fai tempo a lista dos meus ‘méritos’, pero coma non tiña ‘méritos’ ningúns, non llos enviei”) e estráñase de dúas cousas: “a primeira, a data retrasada -25 de abril- do oficio; a segunda, que non se pubricara na prensa a referencia da xuntanza da Academia”. As deficiencias nas comunicacións debían ser importantes, pois xa Taibo, en carta a Otero Pedrayo de 3 de maio, pedía explicacións de por que, segundo a prensa, non saíran, nas sesións do 16 e 17, ningún dos dous correspondentes que el propuxera. Debeu recibir cumprida explanación e trasladoulla ao seu amigo: “A data retrasada e non pubricar na prensa a referencia da sesión, pode ser resultado dos encomenentes que â Academia se lle presentan. O segredario, mestre de escola, daba antes lecciós particulares, e supoño que agora tamén. Naya, o bibriotecario, é redactor da ‘Voz de Galicia’ e pouco tempo lle ha quedar. A Academia carece de cartos e fan as cousas como pode”. Hai unha soa carta máis pero fóra desta corrente, pois corresponde ao 11 de xaneiro de 1951 e ten como único obxecto agradecerlle agarimosamente ao autor de Roseira do teu mencer a dedicatoria que lle fai nun exemplar deste libro.

Emporiso, algún temor descoñecido debía albergar D. Victoriano. O 7 de abril de 1949 escríbelle a Otero Pedrayo falándolle de dúas próximas reunións consecutivas da Academia, os días 16 e 17, supón que para nomear novos académicos e tamén os correspondentes dos que xa falara con el e con Vales (Ángel Sevillano e Álvarez Blázquez). E pídelle un favor, cuxo motivo non explica: quere que a proposta do primeiro leve a súa sinatura, “pero no que atinxe â de Xosé Mª Alvarez Blazquez, teño muito interés en que o meu nome non figure nela”; parece que o seu desexo non se cumpriu, porque na citada misiva de xullo do 49 explícalle ao novo correspondente que o seu nomeamento lle foi remitido a el porque, contra o acordado con Otero Pedrayo, seguramente por un despiste de Naya, figuraba el na proposta. Algún tempo despois, en carta a Bouza Brey de 23 de abril de 1951 en resposta a outra na que D. Fermín lle pedía refráns populares, dálle unha noticia pero rógalle “o máis rigoroso silencio” por tratarse “d’un señor c’o que eu teño o firme propósito, por razós que non veñen ô caso, de vivir en absoluta discreción”; a noticia é que X.M. Álvarez Blázquez contoulle en certa ocasión que ten recollidos mil refráns do mar.

Quizais a creba da correspondencia escrita se explique polo nomeamento de Taibo como mestre en Vigo no ano 1950 o que facilitaría, probablemente, unha relación persoal. De calquera xeito, a relación amigable debeu continuar porque o mestre de Lavadores segue presente nas negociacións, durante os anos 61 e 62, para erguer a Xosé María á cadeira de académico numerario. Parece que neste caso quen tomou a iniciativa de presentar a súa candidatura foi Bouza Brey que llo comunica a Taibo e pídelle o voto. Pero esta pretensión ía tropezar con algúns atrancos debidos, entre outras cousas, á política do grupo coruñés que, por ser a sede da institución, reclamaba o mantemento dun número suficiente de membros residentes “para que o carro ande”, en expresión do mestre galeguista que parecía comprender a esixencia. Así as cousas, sabemos por noticias epistolares de Bouza e Bugallal que, para conseguir esta designación, houbo que intercambiar compromisos de votos cos grupos da Coruña e de Santiago. D. Xosé Mª lería o seu discurso de ingreso o 28 de novembro de 1964, pero o seu nomeamento oficial produciuse, segundo a Academia, en 1962, sen que precise día e mes, data sorprendente dado que o 17 de novembro de 1962 Bugallal escríbelle a Taibo sobre a candidatura de Paz Andrade dicindo que non o esquece, pero que por política académica tiveron que comprometer o voto con Álvarez Blázquez para a seguinte vacante. As cousas deberon precipitarse.


(1) Coa aprobación dos novos estatutos no ano 2000 o pleno reduciuse a 30 membros. ^
(2) Coa excepción do período inmediatamente posterior á guerra civil en que tivo lugar unha importante e obrigada renovación (nomeamento nunha soa sesión de 19 novos membros) debido ás consecuencias directas da contenda. ^
(3) Taibo dá conta nas súas cartas de varias novas das que soubo a través dos xornais ou dos amigos, mesmo, con motivo do seu nomeamento como membro numerario (no segundo intento), confésalle a Manuel Casás, presidente da RAG, en carta datada en Morgadáns o 11 de xuño de 1946, o seguinte: “Xa se fixera a miña presentación sin consultarme, sin contar co meu parecer, facendo logo caso omiso dos meus males. Despois de elexido, ninguén, absolutamente ninguén, tivo que decirme algo. Só pol-os xornales puiden enterarme. Non foi a brétema traslúcida, que tan ben pode cadrar a certas cousas das academias, foi unha nevoeira pecha e preta, que aínda agora semella falar de segredos que xa non existen”. ^
(4) Por orde alfabética: Álvarez Blázquez (Emilio), Álvarez Blázquez (Xosé Mª), Calvo (Dámaso), Carballo Calero (Ricardo), Carré Alvarellos (Leandro), Carré Alvarellos (Luís), Cunqueiro Mora, (Álvaro), Díaz García, (Gumersindo), Fernández del Riego (Francisco), Ferro Couselo (Xesús), García Álvarez (Manuel Rubén), García Martí (Victoriano), Iglesias Vilarelle (Aquilino), Martínez-Risco (Sebastián), Meixide Pardo (Antonio), Paz Andrade (Valentín), Piñeiro (Ramón), Rodríguez Yordi (Julio), Sevillano (Ángel), Taboada Roca (Antonio), Vales Villamarín (Francisco). ^
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2017 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal