Publicaranse artigos e outras informacións sobre Victoriano Taibo, escritor e académico, para o que se pide o Día das letras Galegas de 2018

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Taibo e Bouza-Brey
O Instituto de Estudos Miñoráns tivo a honra de recibir dos herdeiros de Victoriano Taibo o encargo de custodiar o fondo documental do mestre de Morgadáns, co compromiso pola nosa parte de catalogalo e darlle paulatinamente a debida divulgación para que interesados, estudosos e investigadores poidan ir accedendo a estes documentos e consultar, baixo determinadas condicións, as copias dispoñibles, cuxa cantidade irá aumentando a medida que avancen os traballos de catalogación e indexación. Nestes momentos estamos levando a cabo a organización do seu amplo epistolario onde podemos constatar que o escritor e académico mantivo unha relación máis ou menos intensa coa maioría dos persoeiros da cultura da súa época; así, entre moitas outras, atopamos cartas de Alonso Montero, Álvarez Blázquez, Bouza-Brey, Cabanilas, Carré Alvarellos, Álvaro Cebreiro, Benchosey, Filgueira Valverde, Iglesia Alvariño, Neira Vilas, Otero Pedrayo, Manuel Antonio e Paz Andrade, por citar só algúns dos nomes máis coñecidos. A lectura destes textos ofrece información interesante, ás veces curiosa, sobre a vida cultural da época, se ben para sacar as conclusións pertinentes cómpre realizar a pescuda dos escritos enviados por Taibo que completarían as ideas expostas nos recibidos, traballo que algún día, máis cedo que tarde, alguén terá que acometer para corresponder aos merecementos que este persoeiro acumula.

Unha das relacións epistolares máis intensas mantena co seu amigo da xuventude compostelá Fermín Bouza-Brey Trillo co que tece un interesante diálogo (do que coñecemos, como queda dito, só unha parte) sobre diversos asuntos, como a biografía de Rosalía de Castro ou a política de nomeamento de novos académicos. Non é posible polo de agora facer unha análise seria de todo este intercambio de textos, pero vou comentar unha anécdota menor que, emporiso, pode exemplificar o seu teor.

En carta de 19 de novembro de 1959 acepta o agasallo ofrecido por Taibo dun exemplar de “Da agra aberta” pois non lle era doado mercalo porque “teño 5 fillos estudando”. Agradécello tamén porque “teño todolos teus libros adicados que gardo como ouro en pano”. O 18 de decembro acusa recibo da recepción do volume. Aínda non tivo tempo de lelo a xeito porque “o leva matinado moito, con vagar” e non se conforma con ler, “os contos hai que estudalos”. Só comenta algunhas cousas sobre o prólogo -que chama “sarego” (o mesmo que soarego), isto é, soleira ou limiar-, única parte que parece que leu a fondo. E rexeita o uso de “nosoutros” por parte de Taibo por parecerlle estraño á lingua1; non obstante o poeta usa este vocábulo con estudada corrección, pois faino cando se refire a un grupo concreto2; na maior parte dos casos, cando non alude a un colectivo acoutado, usa “nós” (el escribe “nòs”). Tamén está en desacordo co sentido que o escritor lle dá a un coñecido refrán. Explícallo así:

E xa que do popular falamos, direiche que o dito “A aldea Diol-a dea”, que citas, topeino sempre nos beizos aldeás, siñificando o contrario. E decir, equivalente a “Diola dea para quen a queira”. E ainda se confirma isto con outro dito parello que o sustituie por veces: “Na aldea o que ben está ben estea” que teño recollido.

Eu entendo que Taibo ten razón ao considerar o refrán como unha expresión laudatoria. E esta convicción dáma non só o feito de que sempre o pensei así, senón tamén o de ter escoitado a mesma construción en expresións non estandarizadas coa intención clara de valorar algo (por exemplo, a saúde). Pero tampouco podo dubidar do aserto de Bouza-Brey, tendo en conta, ademais, que alén de coñecer o refrán “parello” que cita, teño escoitado queixas sobre a vida aldeá; cando neno, corría pola vila unha anécdota contada como verídica, aínda que supoño que sería a personificación dun chiste, que exemplifica esta visión: Uns veraneantes madrileños chegaron a Morgadáns, detiveron o coche na beira da estrada, a carón dunha leira que estaba sendo sachada por un labrego; preguntáronlle como se chamaba aquel lugar e, despois de escoitar a resposta, comentaron: “Qué tierra tan maravillosa”. Ao que o labrego respondeu: “Si, señor, pero só pra vela”.

A gabanza de aldea, como sabemos, é unha constante nas letras, polo menos dende o Beatus Ille de Horacio. Agora ben, se examinamos os autores máis coñecidos que trataron este xénero observamos que a loa provén sempre de persoas que non están na aldea e non sofren as inconveniencias dunha estancia continua convivindo coas esixencias e as carencias da vida aldeá. Así ocorre, por citar algúns casos, con Frei Antonio de Guevara (Menosprecio de Corte y alabanza de aldea), Frei Luís de León (Oda a la vida retirada), Fernández de Andrade (Epístola moral a Fabio) ou Góngora (Ándeme yo caliente). Os habitantes da corte, das vilas e das cidades botan de menos unha vida pura e idealizada na distancia que, quizais, saborean de vez en cando en breves estancias aldeás, contribuíndo así á consolidación do ideal sublimado. Os habitantes das aldeas, en troques, arelan unha vida cidadá que imaxinan magnífica en comparanza cos traballos e privacións aos que están sometidos acotío.

Así as cousas, considero que o de Taibo é un refrán vilego, mentres o “parello” de Bouza é aldeán; dúas visións distintas da mesma realidade, ambas as dúas verdadeiras de acordo coas características percibidas por cada un deles. Pero dicía antes que non dubido da aseveración do ponteareán; non podo dubidar dunha persoa que dedicou a súa vida á investigación (rigorosa) no amplo marco da nosa cultura, do fundador3 do Seminario de Estudos Galegos, do máximo coñecedor da vida e obra de Rosalía4 e dun dos escritores en galego con máis textos publicados. E, xa que logo, considero que é certo que el sempre escoitou o refrán (en beizos aldeáns!) co mesmo sentido negativo do outro. O que pode suceder é que estes proverbios, creados nun ámbito e un ambiente concretos, pasan a seren propiedade dos usuarios que poden darlles un sentido distinto do orixinal de acordo coas novas (ou distintas) circunstancias que os rodean. Hai un refrán español que exemplifica moi ben esta idea; é aquel que di “Al seguro lo llevaron preso”, que chama á desconfianza. Eu oíno innumerables veces co sentido negativo virado en positivo: “Al seguro no lo llevan preso”. Do mesmo xeito, o refrán vilego, que indica admiración, cando pasa a ser propiedade dun aldeán cambia o senso só con aumentarlle (explicitamente ou non) “a quen a queira”.

Seguindo o plan anecdótico que me propuxen só deixei constancia dun par de conceptos nos que existe desacordo entre ambos os dous persoeiros, por iso me interesa salientar que o ton xeral desta carta (e das restantes) é de aprobación. Valora Bouza, ademais, o achegamento que a obra e as actuacións de Taibo (coma as del mesmo) supoñen para a lingua e a cultura de noso, e despídese con este parágrafo:

Adeus, ilustre. Penso que si todolos galegos que puidesen fixesen outro tanto como nós levamos feito, outro galo nos cantara. Ao menos quixera ollar a todos tan preocupados polas nosas cousas como ti mais eu...

Non podo estar máis de acordo. Bouza Brey xa tivo o seu Día das Letras Galegas hai case 25 anos. Coido que o de Taibo xa tarda demasiado.


(1) Bouza-Brey naceu nunha familia acomodada e culta de finais do século XIX e, presumiblemente, non frecuentou o galego popular, ao contrario de Taibo: “...cómpreme declarar que eu, con perdón das caras máis novas ─e disimúlenme as máis vellas─ son de fala galega materna, paterna, familiar e de veciñanza; demoréi boa parte da miña xa longa vida entre os peisáns das nosas aldeas...” ("Par’ôs lectores cursidosos leren", prólogo ao libro Da agra aberta, Vigo 1956. ^


(2)Pois nosoutros, os que escribimos na túa fala, facémolo nunha libertade unha migalliña de poldro reloucador...” ("Par’ôs lectores cursidosos leren", prólogo ao libro Da agra aberta, Vigo 1956. ^


(3) En carta datada o 8 de xaneiro de 1963 na que fala do futuro nomeamento de Paz Andrade como académico numerario, di que ten méritos abondo e recorda o xornal GALICIA onde el (Bouza) empezou literariamente e de onde “saíron voces amicaes alentadoras da MIÑA fundación do Seminario de Estudos Galegos”; a transcrición é literal, incluíndo as maiúsculas que parecen reclamar un dereito talvez non suficientemente recoñecido. ^


(4) 17 de marzo de 1961: “Fálame canto queiras de Rosalía que eu che escracerei os pontos que gostes, entre outros como a “madriña” non era a tía. Dicho quen ten a partida de nacimento da tal “madriña”, que viveu dempois ca nai en vida de Rosalía e con ista na morte de aquela, e quen ten copia de cartas da tía de Rosalía a ista. Todo “DOCUMENTADO” (sic). Hoxe podo presumir de que son o que máis sei da vida da nosa lírica, por esforzo de coranta e dous anos seguidiños”. ^
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2017 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN DO LIBRO GAÑADOR DO IX PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO
O pasado sábado 10 de decembro o auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar acolleu o acto de entrega da 9ª edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo cunha audiencia ben numerosa que se deixou engaiolar pola maxia irresistible dun escenario repleto de calidade literaria, calidade oratoria, calidade dramática e exquisita sensibilidade.

A clave do éxito que, sen dúbida, acompañou o desenvolvemento deste evento estivo, sobre todo, na afortunada conxunción de catro extraordinarios representantes do mundo cultural: Marta Dacosta, directora do acto, que foi introducindo todos os intervenientes coa axilidade e dinamismo que a caracteriza ao tempo que proporcionaba a información necesaria, breve pero oportuna, sobre o que o público precisaba saber para apreciar non só a aparencia senón tamén a substancia do que alí estaba sucedendo, todo adornado con pinceladas poéticas e eruditas que lle engadían atractivo ao seu ben facer; Xosé Lois Vilar, comentarista do libro gañador, que nos deleitou cunha maxistral descrición dun número incrible de elementos que conforman o noso mar e a relación que con el ten o mariñeiro, para introducirnos na degustación dos valores, mariñeiros e poéticos, que adornan A relixión do mar, o libro que mereceu o galardón deste ano, que cualificou de “mito fundacional da nosa literatura”, todo cunha linguaxe expresiva, forte, contundente e chea de imaxes mariñeiras e telúricas; Xosé Iglesias Lamela, poeta galardoado, que nos deu a coñecer algunhas claves do poemario, este berro, en palabras súas, silenciado entre as tapas que emerxe forte, sonoro e firme cando se abre para denunciar que nos están a roubar o mar dos nosos avós, que nos fixo unha entrañable profesión de fe mariñeira, pois, así como outros precisan ir a misa ou orientarse cara á Meca para rezar, el necesita ver o mar, sentilo, respiralo, amarrarse sobre o seu lombo líquido, que nos fixo transitar por artes do xeito, cardumes, sardiñas e xardas, ardoras, noctilucas, vagalumes mariños, rosas dos ventos, cuadrantes, partes meteorolóxicos ... e nos engaiolou cun sentido e breve recital para acabar emocionándonos co recordo da súa sobriña Nerea, moi prematuramente morta, a quen lle dedica o libro, antes de despedirse facendo soar unha buguina do mar de María Antonia; e Xesús Alonso Montero, que puxo o punto e final con palabras gabanciosas para o IEM, o Concello e todos os intervenientes no acto, gabanzas que intensificou cando se referiu ao poemario e ao seu autor que fixeron del un novo e fervoroso crente da relixión do mar, libro insólito no panorama da poesía de hoxe pola súa forza e orixinalidade que vai marcar un antes e un despois, como xa sucedera con Manuel Antonio, e que motivou, ademais, a presentación maxistral de Xosé Lois Vilar “o máis grande orador de Galicia dende Prisciliano a hoxe en galego mariñeiro”.

Outros elementos importantes para o feliz transcurso do acto foron a Banda de Gaitas Balcón do Val Miñor, de Morgadáns, que abriu e pechou o espectáculo, e os alumnos de 6º curso de primaria do CEP Neira Vilas, de Peitieiros, que escenificaron magnificamente dous contos do manuscrito de Victoriano Taibo Contos pequenos, cuxa recente edición polo IEM se recordaba hoxe.

Entre o numeroso público asistente había algúns xornalistas que deron noticia do evento; un deles, Roberto Ledo, director do Grupo ES Comunicación, publicou unha importante e completa reportaxe con imaxes e vídeos que son os que reproducimos nestas páxinas e polas que lle quedamos moi obrigados.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-01-2017 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal