Publicaranse artigos e outras informacións sobre Victoriano Taibo, escritor e académico, para o que se pide o Día das letras Galegas de 2018

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PRESENTACIÓN DO LIBRO GAÑADOR DO IX PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO
O pasado sábado 10 de decembro o auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar acolleu o acto de entrega da 9ª edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo cunha audiencia ben numerosa que se deixou engaiolar pola maxia irresistible dun escenario repleto de calidade literaria, calidade oratoria, calidade dramática e exquisita sensibilidade.

A clave do éxito que, sen dúbida, acompañou o desenvolvemento deste evento estivo, sobre todo, na afortunada conxunción de catro extraordinarios representantes do mundo cultural: Marta Dacosta, directora do acto, que foi introducindo todos os intervenientes coa axilidade e dinamismo que a caracteriza ao tempo que proporcionaba a información necesaria, breve pero oportuna, sobre o que o público precisaba saber para apreciar non só a aparencia senón tamén a substancia do que alí estaba sucedendo, todo adornado con pinceladas poéticas e eruditas que lle engadían atractivo ao seu ben facer; Xosé Lois Vilar, comentarista do libro gañador, que nos deleitou cunha maxistral descrición dun número incrible de elementos que conforman o noso mar e a relación que con el ten o mariñeiro, para introducirnos na degustación dos valores, mariñeiros e poéticos, que adornan A relixión do mar, o libro que mereceu o galardón deste ano, que cualificou de “mito fundacional da nosa literatura”, todo cunha linguaxe expresiva, forte, contundente e chea de imaxes mariñeiras e telúricas; Xosé Iglesias Lamela, poeta galardoado, que nos deu a coñecer algunhas claves do poemario, este berro, en palabras súas, silenciado entre as tapas que emerxe forte, sonoro e firme cando se abre para denunciar que nos están a roubar o mar dos nosos avós, que nos fixo unha entrañable profesión de fe mariñeira, pois, así como outros precisan ir a misa ou orientarse cara á Meca para rezar, el necesita ver o mar, sentilo, respiralo, amarrarse sobre o seu lombo líquido, que nos fixo transitar por artes do xeito, cardumes, sardiñas e xardas, ardoras, noctilucas, vagalumes mariños, rosas dos ventos, cuadrantes, partes meteorolóxicos ... e nos engaiolou cun sentido e breve recital para acabar emocionándonos co recordo da súa sobriña Nerea, moi prematuramente morta, a quen lle dedica o libro, antes de despedirse facendo soar unha buguina do mar de María Antonia; e Xesús Alonso Montero, que puxo o punto e final con palabras gabanciosas para o IEM, o Concello e todos os intervenientes no acto, gabanzas que intensificou cando se referiu ao poemario e ao seu autor que fixeron del un novo e fervoroso crente da relixión do mar, libro insólito no panorama da poesía de hoxe pola súa forza e orixinalidade que vai marcar un antes e un despois, como xa sucedera con Manuel Antonio, e que motivou, ademais, a presentación maxistral de Xosé Lois Vilar “o máis grande orador de Galicia dende Prisciliano a hoxe en galego mariñeiro”.

Outros elementos importantes para o feliz transcurso do acto foron a Banda de Gaitas Balcón do Val Miñor, de Morgadáns, que abriu e pechou o espectáculo, e os alumnos de 6º curso de primaria do CEP Neira Vilas, de Peitieiros, que escenificaron magnificamente dous contos do manuscrito de Victoriano Taibo Contos pequenos, cuxa recente edición polo IEM se recordaba hoxe.

Entre o numeroso público asistente había algúns xornalistas que deron noticia do evento; un deles, Roberto Ledo, director do Grupo ES Comunicación, publicou unha importante e completa reportaxe con imaxes e vídeos que son os que reproducimos nestas páxinas e polas que lle quedamos moi obrigados.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-01-2017 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal