Publicaranse artigos e outras informacións sobre Victoriano Taibo, escritor e académico, para o que se pide o Día das letras Galegas de 2018

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CINCUENTENARIO DO PASAMENTO DE VICTORIANO TAIBO
O día 13 de marzo de 1966 falecía en Vigo Victoriano Taibo; 50 anos despois, o día 18 de marzo de 2016, o IEM conmemorou este aniversario na súa sede de Gondomar, aula de cultura Ponte de Rosas, nun acto no que participaron Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo. A este último correspondeulle pronunciar a laudatio do persoeiro cun fermoso discurso documentado e vibrante que reproducimos a continuación:


Contos pequenos para saír do abicedo


Armando Requeixo


Victoriano Taibo naceu na cerna do país, foi durame desa terra na que medrou cando neno, aprendendo da xente nosa os xeitos e os dicires, os contos e os cantos que oíu dende cativiño na fonda que os seus pais rexentaban na Algalia compostelá.
Por iso, cando chegou a mozo quixo estudar para ser ensinante e devolverlle ao pobo todo o que fora e ía del asimilando. E cando principiou a se atrever a dar a coñecer os primeiros escritos, afirmou o seu sentir sen dubitacións declarándose “un rexionalista de toda a vida e case fanático”.
Aquel rapaz que a primeiros dos anos dez enviaba os seus versos a Vida Gallega e Ilustración Gallega de Vigo, á Gaceta de Galicia de Santiago, ao xornal El Ratón de Vilalba e mesmo a Estudios Gallegos de Madrid e Labor Gallega de La Habana foi dos cabezaleiros en dar un paso adiante e, en resposta o que días antes fixeran os seus compañeiros coruñeses, converteuse nun dos fundadores das Irmandades da Fala de Santiago. Corría o 28 de maio de 1916, hai agora practicamente cen anos, e Taibo contaba pouco máis de trinta.
E é que Taibo se sentiu sempre un poeta das Irmandades, pois non en van se comprometeu coa súa causa como secretario das mesmas en Compostela e, como tal, asistiu ás súas asembleas, carteouse con destacados líderes nacionalistas galegos e cataláns e despregou un importante labor como orador e articulista defensor dos seus ideais.
A Galicia das Irmandades, da que este ano celebramos o centenario, viu como Taibo tomaba a palabra en mitins históricos ao pé de compañeiros que se chamaron Castelao, Lugrís Freire, Peña Novo, Pita Romero ou Cabeza de León, entre outros. Porque a súa voz era non só estimada en alto grao polos seus ideais, senón apreciada como a dun dos poetas de referencia do seu tempo.
Pero non acabou aí o seu fondo compromiso coa fraternidade, senón que o sentido ecuménico do alentar irmandiño levouno a nuclear arredor da súa persoa unha nova Irmandade da Fala, a de Ortigueira, onde permaneceu como docente entre 1918 e 1921. E foi tamén mercé á súa intervención que tomou corpo a Sociedade Cooperativa Agraria Xuntanza Labrega, da que incluso foi accionista, colectivo que moito fixo pola (re)galeguización, con todo o que isto implica, do noso campesiñado nordestino.
O que levo dito abondaría para que a figura de Taibo gañase para sempre un recordo admirativo entre nós. Pero é que, ademais, están Abrente e Da vella roseira, os poemarios de 1922 e 1925 que o consagraron como un dos nomes do Parnaso de Preguerra, onde, xunto ás voces de Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela e Gonzalo López Abente, Taibo completa o cuarteto dos máis significados vates daquela hora.
E está tamén o feito relevante de ter sido Taibo un dos membros destacados do Seminario de Estudos Galegos, onde ingresou o 14 de marzo de 1926, por tanto, hai agora case exactamente noventa anos. E non podemos esquecer que en abril de 1930 pasou a formar parte do prestixioso Instituto Histórico do Minho, honras todas que non o distraeron do seu empeño como articulista e poeta en numerosas cabeceiras tanto da Galicia da terra coma da da emigración.
Aqueles anos foron tamén o xermolo dunha outra circunstancia marabillosa na vida de Taibo. Namorado de Carmen Rebollar Martínez, casou con ela en Mera, Ortigueira, o 12 de setembro de 1929 e daquela benfadada unión naceron pronto Francisco Vicente e logo Gloria, orixe dos benqueridos familiares do poeta que hoxe nos honran aquí coa súa compaña.
Tamén por ese tempo hase de producir outro feito transcendental na vida de Taibo: a súa chegada a estas terras, concretamente a Morgadáns, onde pasou a encargarse da Escola de Nenos o 15 de abril de 1930. Dende ese momento, o seu vencello a esta bisbarra fíxose indisoluble e a posterior andaina vital do escritor a confirmación dunha querenza a estas xentes e estas paisaxes que xa nunca o abandonou.
Coa proclamación da II República o 14 de abril de 1931 Taibo redobrou os seus esforzos a prol da causa na que sempre militou: Galicia, o seu pobo, a súa cultura. E velaí como, cando en decembro de 1931 se constituíu en Pontevedra o Partido Galeguista, o mestre de Morgadáns foi un dos primeiriños en enviar adhesións. Consecuentemente, cando houbo que amosar publicamente este compromiso Taibo non fallou e está documentada a súa participación en actos de exaltación galeguista e republicana; poño por caso, en Vincios no primeiro aniversario da República, onde xunto ao seus amigos Castelao e Valentín Paz-Andrade e mais ao tamén mestre local Benedicto Crespo tomou a palabra para falar á concorrencia dende o balcón da casa de Paulino Pazos.
Cando en xullo de 1936 o exército sublevado de Franco forzou un golpe de Estado que arrastrou o país á Guerra Civil Taibo era xa un persoeiro das nosas letras querido e admirado. Tiña daquela cincuenta e un anos e unha carreira autorial feita. Podía terse deixado ir. Podía non terse significado demasiado. Podía ser discreto e gardar silencio. E non foi así. A ética insubornable do seu credo fixo que se enfrontase coas nefandas novas autoridades e os seus adláteres cómplices e, de resultas disto, padeceu o desterro docente sendo destinado ao ermo valisoletano de Villalar de los Comuneros, onde permaneceu catro anos, de 1938 a 1942.
Por tanto, Taibo foi un represaliado do franquismo, que non dobregou o xeonllo ante a ignominia das inxustizas das que o querían facer partícipe. Só por iso, merecería esta homenaxe que hoxe lle tributamos e todas as que no futuro poidan vir.
O poeta, logo desa longa travesía do deserto, foi restituído á súa praza de Morgadáns. Falamos de febreiro do 42, tempos grises onde calquera manifestación en favor da lingua nosa significaba pouco menos que tentar a sorte e, no mellor dos casos, gañar a fama de individuo pouco recomendable. Taibo, que sufrira o castigo do Réxime, que vira como a súa familia tiña que soportar aquel afastamento, volveu ter fronte si unha nova encrucillada: abandonar toda expresión pública do seu quefacer intelectual por Galicia, silenciarse, ou seguir cultivando, con azos renovados, a fe na nosa terra e a nosa lingua que ía no seu adn. Taibo volveu estar á altura e comezou a enviar textos a O Gaiteiro de Lugo, Sonata Gallega, Cartel, Cuadernos de Estudios Gallegos e La Noche. Máis aínda, non faltou ás xustas líricas da época e nos Xogos Florais do Círculo Industrial de Santiago de 1944 foi distinguido o seu poema en galego “Só na miña terra”.
A xenerosa entrega de Taibo veuse recoñecida e, en febreiro de 1946, é proposto como numerario da Real Academia Galega por Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Ángel del Castillo e Eladio Rodríguez González. Acabou ingresando na institución o 15 de outubro de 1948 e fixo, simbolicamente, coa lectura dun discurso no que honraba a figura da nosa matriarca, sobre a que, amais, levara a cabo unha importante investigación documental e biográfica. A este seu discurso, titulado Rosalía de Castro, precursora da fala, respondeu Otero Pedrayo. Case un cuarto de século despois, en 1972, publicouno a Academia e, para os que teñan curiosidade nel, hoxe pode lerse e descargarse do seu web corporativo.
Os últimos anos do escritor, lonxe do que puidese pensarse, foron, se cabe, aínda máis intensos: publicou Da agra aberta en 1956, nun tempo no que a prosa galega estaba aínda a se espelir do soterramento á que a sometera o desastre bélico; prologou libros de amigos como Faustino Rey Romero ou José Veredas; continuaron aparecendo colaboracións súas en Vida Gallega, La Noche, Lar, La Hoja del Lunes de Vigo e nas porteñas Mundo Gallego, Airiños e Eufonía; asistiu a relevantes actos e eventos como, por exemplo, a coroación poética do seu vello amigo Ramón Cabanillas en Padrón en abril de 1958; estreitou o trato con amigos cos que coincidía en faladoiros como Sigüenza, Cunqueiro, Bene, Castroviejo, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Granell, e carteouse sobre temas de investigación lexicográfica, trobadoresca, historiográfico-literaria e filolóxica en xeral con Álvarez Blázquez, Fernández del Riego, Iglesia Alvariño, Neira Vilas, Bouza-Brey, Otero Pedrayo e outros; por descontado, proseguiu coa súa dedicación docente, decote exemplar, xubilándose na Escola de Lavadores, a onde foi destinado en xullo de 1950, o que explica que os seus derradeiros anos transcorresen xa na cidade olívica.
O 13 de marzo de 1966 deixounos Victoriano Taibo, vai alá medio século e, con tal motivo, hoxe honramos a súa memoria. Persoalmente, non deixei nunca de admirar a súa impresionante traxectoria, a rectitude e coherencia da mesma, a xenerosísima entrega na formación de centos de escolares identificados nos valores da terra, a desprendida colaboración que brindou sempre aos colegas que lla solicitaron, a amorosa dedicación familiar, a bonhomía coa veciñanza e os colegas intelectuais.
E chegados a este punto, pregúntome: as bondades que adornan a figura de Taibo, ¿non merecen unha homenaxe de todo o pobo de Galicia? ¿Parece pouca cousa que fose un dos fundadores das Irmandades da Fala e o seu secretario en Santiago? ¿É de pouco relevo que pertencese ao Seminario de Estudos Galegos? ¿Non importa nada que nos representase no Instituto Histórico do Minho? ¿Que fose un dos poetas máis laureados e aplaudidos da Preguerra con Abrente e A vella roseira non vale ren? ¿Que por defender o noso sangue identitario tivese que vivir o desterro durante anos en Villalar de los Comuneros foi, por acaso, unha simple anécdota? ¿Que fose un dos pioneiros na recuperación da narrativa galega de Posguerra é baladí? ¿Que ducias de xornais e revistas da Galicia das dúas beiras se nutrisen do seu saber filolóxico e da súa poesía, non ten relevancia? ¿É indiferente que fose numerario da Real Academia Galega, que participase das súa xuntanzas e axudase nela a comisións de estudo lingüístico coas que a institución chegou a ser hoxe o que é? Miñas donas, meus señores: Taibo levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar. ¿que máis se precisa para celebrar comunalmente tan grande memoria?

Deixo dito. Moitas grazas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-12-2016 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal