Publicaranse artigos e outras informacións sobre Victoriano Taibo, escritor e académico, para o que se pide o Día das letras Galegas de 2018

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Victoriano Taibo, fillo adoptivo de Gondomar
A corporación municipal do concello de Gondomar, en sesión plenaria celebrada o día 2 de decembro de 2016, acordou, por unanimidade, outorgarlle o título de fillo adoptivo ao mestre de Morgadáns, narrador, poeta, lingüista, académico da lingua e galeguista Victoriano Taibo García polos méritos que o asisten postos de relevo polo Instituto de Estudos Miñoráns que fixo chegar ao concello unha petición neste sentido que reproducimos a continuación:


PETICIÓN DE NOMEAMENTO DE FILLO ADOPTIVO PARA
VICTORIANO TAIBO

O Instituto de Estudos Miñoráns considera a Victoriano Taibo digno de que sexa distinguido co seu nomeamento como fillo adoptivo de Gondomar considerando a súa valía profesional e persoal e o feito de que este poeta, narrador, articulista, académico, lingüista e referente cultural na súa época estivo vinculado durante 20 anos, na etapa máis frutuosa da súa vida, a este municipio como mestre da escola de Morgadáns.

XUSTIFICACIÓN.

Introdución.
Victoriano Taibo García naceu en Santiago de Compostela o día 25 de abril de 1885. Na cidade natal estudou Maxisterio e foi un xove comprometido co movemento galeguista, compromiso que o levou a involucrarse de forma activa e importante na creación e difusión das Irmandades da Fala (participou na fundación da primeira, da Coruña, cofundou, xunto con Lois Porteiro, a de Santiago, da que foi secretario, fundou a de Ortigueira, asinou o Manifesto de Lugo, etc.). Colaborador habitual de máis de corenta revistas e xornais da altura (non só da península, senón tamén de América), estivo integrado no portugués Instituto de Estudos Históricos do Minho e en 1948 ingresou na Real Academia Galega co discurso, respondido por Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, precursora da fala, publicado pola institución en 1972.
Amais da abundante obra espallada en diversas publicacións, Victoriano Taibo viu editados tres títulos da súa autoría: os poemarios Abrente, versos galegos (1922) e Da vella roseira, cántigas orixinás (1925), mais o libro narrativo Da agra aberta, contos e lêndas (1956), reeditada polo IEM en 2008; e postumamente, rescatados recentemente, Abicedo e Cabrinfollas (2008) –na editorial Follas Novas, da man de Armando Requeixo-, Lembranza da tecedeira (2013) e Contos pequenos (2016) –estas dúas editadas polo IEM.
O exercicio da súa profesión de mestre levouno a Ortigueira, Cambre, Xinzo de Limia, Morgadáns (co interludio de catro anos en Villalar de los Comuneros) e finalmente a Vigo, onde moraría ata a súa morte, acontecida o 13 de marzo de 1966.

O seu labor cultural.
Victoriano Taibo participou activamente e dende novo no ambiente cultural galego e galeguista que agromara co rexurdimento e estaba a evolucionar con pasos decisivos no movemento cultural e político apadriñado polas Irmandades da Fala. Foi dende o principio un decidido defensor da lingua galega que non só usou maioritariamente na súa obra senón que, ademais, estudou con cariño e tesón elaborando, a anacos, un pequeno tratado de lingüística galega espallado nas súas abundantes colaboracións en moi diversos medios e brevemente resumido no prólogo da súa última obra publicada en vida, Da Agra Aberta.
A importancia do seu labor cultural ponse de manifesto se pescudamos os medios nos que colaborou con traballos en prosa e en verso (ver anexo 1), cuxa listaxe reproduce a maioría das revistas culturais galegas, tanto do interior como do exilio, así como os xornais máis importantes do momento. Os seus traballos literarios, que acadaron diversos premios e mencións, xunto coas súas publicacións e a activa dedicación a prol da lingua e da cultura galega, mereceron o seu ingreso na Real Academia Galega da man de destacados persoeiros da época, como Otero Pedrayo e López Cuevillas. Outro sinal da consideración que mereceu a súa actividade cultural atopámolo revisando a bibliografía xerada sobre el e a súa obra así como a súa inclusión nas principais antoloxías da época e algunhas posteriores (ver anex. 1 e 3).
Victoriano Taibo conta con non poucos artigos en castelán en diversos medios, pagando así o prezo que a época e as circunstancias impuñan a quen quixesen colaborar en xornais e revistas. Non obstante, unha ollada ás publicacións en prosa rexistradas no anexo 4 infórmanos inmediatamente de dúas cousas: primeira, que os escritos en galego son tamén abundantes, e segundo, que os temas tratados están na súa inmensa maioría relacionados coa lingua, a cultura ou os persoeiros galegos. Non ocorre o mesmo coas súas publicacións en verso, coa súa poesía, esa manifestación das esencias íntimas que reflicte con maior veracidade a alma do escritor; neste eido o monolingüísmo en galego é practicamente absoluto (ver anexo 5). Por outra banda, os libros que deu ao prelo declaran claramente a súa vontade: son todos de expresión galega, incluídos os inéditos. Cómpre salientar, ademais, que o seu galeguismo comprometido, que lle causou un silencio de varios anos e o exilio nunha vila de Valladolid, impeleuno, secasí, a arriscarse nun ambiente nada propicio e seguir escribindo e publicando en galego despois da guerra civil.

A vinculación con Gondomar.
Victoriano Taibo naceu en Santiago de Compostela onde viviu os anos da infancia e da xuventude; aparte desta etapa de crecemento e formación, cómpre salientar que Gondomar (como mestre de Morgadáns) foi a localidade que recolleu máis anos da súa vida e docencia (ver anexo 6), pois alí chegou en abril de 1930 e marchou ao seu derradeiro destino (Vigo) en xullo de 1950, longa andaina da que hai que descontar a paréntese de catro anos en Villalar de los Comuneros, exilio imposto por sanción gobernativa como consecuencia do seu galeguismo. As súas importantes actividades nos niveis máis elevados da cultura galega non lle impediron participar activamente na vida parroquial e municipal, como o demostran o acto de homenaxe ao Padre Hermida (que culminou coa construción dun monólito no adro da igrexa), a recollida de léxico propio da zona (que incluíu no vocabulario que aparece ao final do seu libro Da agra aberta), os seus faladoiros na taberna de Paulino, en Vincios, ou a súa participación en actos do concello, como a celebración do día da República en 1936. Como mestre e intelectual foi o referente de todos os conveciños para levar adiante con eficacia calquera xestión que se escapase da rutina diaria. Vivía, pois, coma un veciño máis, querido por todos e totalmente incardinado na vida social do lugar, onde era unha estampa frecuente velo pasear polas rúas en animada conversa con outros habitantes. Foi, ademais, moi querido e respectado por todos e, en especial, por aqueles que acudiron á súa escola, como demostra a homenaxe que ex-alumnos emigrados lle fixeron en Vigo coa entrega dun pergamiño de cariñoso recordo (ver anexo 9). Cómpre tamén salientar que, despois de deixar a súa residencia e trasladarse a Vigo, seguía recordando estas terras con cariño, como podemos observar nas súas propias manifestacións en diversas ocasións, como no artigo “O serán” (Vida Gallega, “Costumbres del Valle Miñor”) onde di, referíndose a Morgadáns: “Coñezo ben o lugar e os seus boísimos veciños. Cando o recordo o esperta na miña alma vaise cara a el o meu corazón, porque nel quedaron vinte anos da miña vida que aínda permanecen alí, segundo me informan”. Cómpre salientar tamén o seu artigo publicado en Faro de Vigo en 1949 titulado “Gondomar y su primer conde”.

Quedan, pois, expresados os seus méritos como importante pedagogo, poeta, narrador, articulista, lingüista e académico, e tamén a súa incuestionable vinculación co municipio gondomarés, polo que consideramos xustificada a petición de que sexa recoñecido como fillo adoptivo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-12-2016 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal