Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Amarguinhas
As AmarguinhasMuito me prestaba de rapás mirar o video das Amarguinhas que saía no Xabarin. Recordo que varias veces buscara os seus mp3 e o outro día por acaso dei no youtube co seu videoclip e outros poucos doutros temas.

Outra vez, con apenas darlle ao play, volvinme ver como un perigoso pubertoso con aspiracións galego-portuguesas en máis eidos que os lingüísticos. Recordei que as rapazas alén de ser ben feitas cantaban mesmamente en galego e as dúas cousas impactábanme por igual. Agora de menos novo, que tampouco vello, a maior parte do tempo dame algo de noxiño a musica popeira. E como son rapás que goza dunha chea de contradicións oín con xúbilo aquela de Meninhas vamos saír.

Como di algún comentario frívolo aos videos que topei no youtube: Eu sou mais da morena!
Comentarios (3) - Categoría: fotoblog - Publicado o 26-09-2007 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
Vaiche boa!

Agora vennos A Voz de Galicia a mostrar a súa postura lingüística. Non é novidade a súa aposta polo castelán de maneira covarde xa que sempre din que non publican en galego porque perderían cartos. Non por principios nin nada parecido.
E ultimamente cheiran demasiado a xornal madrileño con complexos provincianos. Aínda está a anos luz de ser un xornal de esquelas e anuncios por palabras como o Faro de Vigo pero se se seguen a esforzar poden chegar ao mesmo nivel.

E antes ainda puñan algunha noticia en galego, botaba sobre a mesa excusas economicistas para xustificar por saír en castelán agora xa case nin publican na nosa lingua e dirixen disimuladamente a opinión dos lectores contra o galego. A ver cando comezan a atacalo abertamente porque parece que esa é a progresion que nos agarda.

Que foi do xornal novo que ía saír en galego hai uns anos? E para cando tomar en serio o Galicia hoxe?
Comentarios (7) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 18-09-2007 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
A Pomarbella mediatizada
Pois si, algún do que pasa por aquí xa estará enterado de que recentemente saíu un espazo no único xornal de frecuencia diaria escrito en galego sobre a Operación Carballo e algunhas pingas da miña positiva experiencia con ela.

E como é de bennacido ser agradecido quero expresarlle publicamente o meu agradecemento a Xiana Iglesias pola súa reportaxe, tanto polo que pon como polo a gusto que me sentín contándolle toda a historia. Grazas!

E que saibandes que este domingo estiven unhas poucas horas tirando algún que outro potente abrollo de eucalipto e gardando as novas carballizas. Tamén saíron dúas árbores que creo que son salgueiros e en fin que todo vai indo como ten que ir malia a algún que outro rato de campo, fungos e problemas do común. E unha amiga prometeume unhas pequenas crías de castiñeira orixinarias dunha zona chantadina que estaban condeadas a un futuro cruel polo perto que naceran do pai.

E por certo hai quen lle chama Pomarbelle á veiga e eu creo que é por unha destas peculiaridades do vogalismo galego que nalgunhas zonas fai que o A sexa pronunciado case coma un E. Isto poderédelo mirar muito máis facilmente sempre en topónimos porque os nomes dos lugares gardan estes trazos que a fala espontánea foi perdendo castelán mediante.

E o máis importante, este ano o solo xa está fixado por unha chea de pequenas herbas e non haberá problemas de posible perda de terra fertil polo desnivel do terro. Así que podo dicir todo contento: Que chova!
(pero con sentidiño eh!)
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 18-09-2007 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
9 Agosto de 1097
Imaxe das ruínas de San Domingos, PontevedraVivimos nun mundo herdado e da mesma maneira en que as innovacións tecnolóxicas chegan inglés mediante a historia chéganos castelán mediante e escasa (tanta atención nos dedican como protagonistas somos na actualidade do mundo español ou menos).

O simpático desta situación é que a cidade con mais peso de Galiza, Vigo, non se sabe nada dela por fontes escritas (se non me equivoco, se é o caso espero ser correxido) até 9 de agosto de 1097. Segundo as miñas fontes, un libro do máis habitual en todas as casas viguesas sobre a historia local, a primeira vez que aparece escrito Vigo é nesa data. É chamativo isto, xa que ata entón é como se non existise. Bueno si, antes cítase o entorno de Bemvibre e, por suposto, Turonio.

Pregúntome se isto segue a ser un dato vixente ou simplemente é algo que coa investigación quedou desfasado. Daí temos esas teorías pataqueiras sobre o nome do Vigo romano: Vicus Espacorum, Vicus Grobium, Vicus Helenii... Vamos, todas elas con bastante probabilidade de ser paus de cego máis ou menos aplaudidos.

O que me chama a atención desta data e primeiro texto de Vigo xa non é o aberrante do descoñecemento do noso pasado e a falla de interese que esperta na historiografía española (máis unha vez non somos os excluíntes senón os excluídos). O que me chama a atención é que o motivo desta aparición é por un problema de lindes entre o concello de Vigo e o de... CANADELO!!!! Se ate aquí a temática era de caracter localista pero calquera compatriota seguía sen apenas problema desde agora a aparición deste topónimo deixará fóra de xogo a practicamente todos os galegos e boa parte de vigueses.

Canadelo é ese barrio asasinado polas vías e estación do tren e logo pola autoestrada de tal maneira que só quedan como lugares medio esquecidos Canadelo de Riba e Canadelo de Baixo. Estes barrios masacrados pola historia foron o que quedou dun antigo concello que lle plantou cara ao de Vigo no século XI. O primeiro documento ao que fago referencia é un conflito de lindes no que declaran habitantes dos dous concellos e finalmente determinan que o lindeiro atravesa tal dólmen e regato que hoxe non existen pois é todo edificacións ata o mar.

Ás veces paso polas rúas do actual Canadelo preguntándome onde podería estar a casa do concello e cantas cousas tiveron que suceder para que acabase sendo un dos barrios máis abandoados da actual cidade. Un paseo por estas co autor de Novas de arqueoloxía seguro que me había aclarar muitas dúbidas.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2007 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
O estado é un acto de fe
O estado é un acto de fe. Non se come, non se ve e ás veces nin tan sequera parece que estea aí. Este é o problema de todos os estados modernos. Algúns, os máis deles, aplícanse unha sorte de eutanasia e van vendendo a quen pague algo o pouco que son. Viven de alugado e venden as empresas familiares: estaleiros, comunicacións, autoestradas, seguridade, transportes públicos... Todo isto de tal maneira que o estado non existe entre nós. Para un galego medio de calquera parte da Terra o estado só está presente nas comisaría de policía, cuarteis militares e nas subdelegacións do goberno (delegacións na Coruña, que xa se sabe que aínda que non é a capital de Galiza nin a cidade máis poboada é a cidade escollida polo goberno para ter a súa presenza no noso reino). Sempre sen esquecer os queridísimos xulgados, delegacións de facenda e xestións (enriquecedoras) dos portos e aeroportos.

Entón o estado ten unha certa presenza física entre nós pero o goberno queda reducido a xestión. Xestionan os recursos e, en principio, garanten que todo vaia ben. Ás veces non pasa nada e non hai queixa, que todos sabemos como é a vida, pero outras hai situacións excepcionais como o Prestige, os apagóns, as catástrofes naturais, ou as protestas masivas polo mal funcionamento dalgún servizo que ofrecen estes xestores. As xentes quéixanse da mala xestión pero non poden escoller outra. Esa xestión parece como un matrimonio amañado polas familias anos atrás e que a parte dominada da parella consinte por norma pero se rebota en momentos puntuais. E ese tipo de relacións non son modernas. Ten que haber un dereito ao divorcio se hai un modelo de relación en que un manda e o outro sufre as consecuencias do que dispón o primeiro. É como un contrato temporal perpetuo cunha transnacional.

Hai dúas consecuencias nominais de todo este roio que son chamadas (segundo o punto de vista): A síndrome do cidadán cabreado ou, o que comeza a repetirse nos territorios periféricos baixo goberno español, a fatiga de España.

E é normal cando ti non podes escoller e o estado, que ti non escolleches, non cumpre coa súa parte do trato.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-09-2007 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
A Biblia contada aos vascos
Cheirando polo youtube dei con esta revelación de Deus, Vaya Semanita mediante. Era boa que collesen exemplo disto na TVG que están a pedir a segunda canle e non saben aínda que pór na primeira.













Topei ata o número XV pero con esta dose xa é suficiente para un día. Se queredes ver como acaba buscande polo youtube.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2007 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Unha paleta de Cerceda
Parece mentira pero é algo tan habitual e frecuente que lle vou adicar unha categoría enteira á diglosia.

Teño, por motivos de traballo, que establecer comunicación con diferentes lugares e persoas de Galiza. Normalmente a mesma xente pero un círculo extenso. Os compañeiros falan coa mesma xente ca min e xa nos coñecemos todos mais ou menos. Ata aí todo normal: uns falan galego e outros español.

Hai unha rapaza en Cerceda que non fai unha soa vogal neutra ao xeito do español e fai que o seu galego sexa realmente auténtico. Eu cando falo con ela sorpréndome do ben que o fai, recordame a algunha señora maior pola fonética tan pouco contaminada polo castelán. Ás veces lercheamos entre os compañeiros: "esta sempre me di cariño", "este sempre ten voz de durmido", "este é un coñeiro", "que mala uva ten este"... O normal. Pero o outro día resultou que alguén falaba da rapaza de Cerceda. Eu pola súa pouca contaminación fonética collinlle cariño e estaba ocupado no momento pero logo quedei safado e preguntei. Estaban falando dela. Dicían que era medio subnormal e bastante parviña pero que traballaba mui ben. Normalmente as "rajadas" que facemos son muito máis suaves mesmo cos que lles temos algo persoal pero con este caso non son eles os que falan senón o autoodio e por suposto: a diglosia. Os meus compañeiros falan case todos galego e non ven millor a ninguén por falar castelán, normalmente tiran cara o contrario pero neste caso fan a excepción e consideran que con esa fonética a rapaza só pode ser parva ou subnormal.
Un claro exemplo de diglosia e autoodio. Neste caso en xente que aparentemente non debería presentalo. Ou ben de idealismo pola miña banda que tampouco teño muito trato con ela e igual eles teñen mais datos ca min. Polo dagora quedareime con que é diglosia.
Comentarios (4) - Categoría: Diglosia - Publicado o 07-09-2007 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal