Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

O son das campás
Igual que a xente que asubía polas rúas, cando era adolescente tiña o proxecto de escribir sobre o oficio do campaneiro.
Teño a sensación dunha certa mística envolvendo o son das campás. Cando non había internet, teléfonos, nin lerias diversas; abondaba un toque de campá concreto para saber se había unha muller parindo, un enfermo en problemas, un morto, unha morta, lume, algunha emerxencia ou simplesmente a hora da misa e na que se vivía.
Isto non é cousa do pasado. Na cidade de Vigo, tocan as campás desde o Centro Cultural e non de igrexa ningunha. Son grabacións enlatadas pero dunha certa calidade. Como anécdota dicir que ás 8 da mañán tocan coas campás a Alborada Galega de Pascual Veiga e ás dez da noite tocan Negra Sombra. Un detalle que pouca xente, viguesa ou non, coñece e que a min tanto me gusta.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-09-2006 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Operación Carballo
Coma a muitas persoas ardeume o monte. E estaba cuidado e todas esas macacadas que se din. Se non o tiñades cuidado agora é un bo momento para comezar a facelo. Unha recomendación:

Hai que vender rápido a madeira xa que non somos os únicos nesta situación e poden tardar muuuuuito en vir talar e levala. A cousa pode ser grave pq podemos perder o ano enteiro. Todos sabemos que se sementas agora algo os abrollos van ser masacrados polos "ecoloxistas" que destrozan as leiras cando veñen á madeira. A imaxe despois da tala normalmente é tan dura coma a do día despois do incendio. Pois ben. NON PODEMOS PERDER O ANO. Hai que buscar métodos alternativos, aquí vai un modelo de prantación dómestica de carballos para poder trasplantar cando xa pasasen os garrulos da motoserra pola leira.


OPERACIÓN CARBALLO


1. Setembro- outubro: recollida das landras. Procurar que non teñan puntos nin marcas de insectos. Gardalas nun lugar seco quen non lles dea o sol directamente. Se lles dá moito o sol estráganse en catro ou cinco días. Recoller follas caídas de carballo e gardalas na neveira.

2. Setembro- outubro: recollida de envases tetrabrick e/ou de
botellas de plástico de litro e medio; cómpre cortar estas e aproveitar os dous terzos desde a base. Aos tetrabrick cortarlles a tapa. Cunha navalla furar a base dos envases no centro. Dos dous tipos de envase, o mellor é o tetrabrick. As botellas son boas para ver como progresa a xerminación e como van crecendo as raíces.

3. Encher os envases con terra rica en humus (negra). Se é posíbel poñer no fondo do envase unha capa de area de río limpa. Se non dá igual.

4. Outubro- novembro: Selección das mellores landras: metelas nun caldeiro con auga e deixalas de cinco a dez minutos. Aproveitar as que axiña van ao fondo e teñen boa pinta. Son as mellores. Rexeitar as que aboien (teñen aire dentro e, polo tanto, algún burato na casca feito por insectos, pola caída da árbore, polo sol...).

5. Plantación das landras: outubro- novembro. Non esperar moito desde a recollida pois perden a capacidade de xerminación nunhas semanas. Poñer as sementes, dúas ou tres por envase, a uns oito- dez centímetros da superficie. Esta profundidade é orientativa; máis ou menos ten que ser de dúas a tres veces o diámetro da landra. Protexer a superficie da terra cunhas cantas follas das recollidas asemade coas landras.

6. Deixar os envases coas landras no exterior. É necesario que
noten o frío do inverno. Evitar que a terra estea enchoupada.

7. Cando saian os plantóns (abril- maio) poden levarse ao sitio escollido. Agardar a que teñan quince centímetros ou máis de lonxitude e varias follas ben desenvolvidas.

8. Para plantalos: facer un burato no chan do tamaño un pouco máis longo e largo có tamaño do envase. Cortar as paredes e metelo dentro. Cómpre ter coidado coa raíz principal: é moi longa e estará enrolada. Ollo!: é necesario pedir permiso aos donos do terreo (xuntas de montes, propietarios particulares...)

9. Protexer as arboriñas cunha malla de coellos.

10. Mirar para elas, coidalas e gozar da súa presenza.
operación carballo no canal ciencia
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2006 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
PERSPECTIVA DA LOITA E MARTIRIO DUN GRANDE GALEGUISTA
Anxel CasalNon adoito por artigos doutras persoas, pero eu que non son emigrado emocioneime ao ler na edición de barcelona de vieiros este panexírico en torno á figura de Anxel Casal. É da man e cabeza do Amauta Castro. Xa que estamos no ano da memoria e para avanzar hai que coñecer os referentes no pasado, propóñovos este artigo para ocupar unha breve parte do voso tempo.





A Imprenta de Ánxel Casal

[07/09/2006 11:14] Agora que o país sae da fragua do estío, esmorece agosto, mes onde se cadra se cumpla a vontade dos mártires. Lonxe da inviabilidade de soster un acto de alto calado emocional após o Día da Patria -Galiza ardente eucalipto abaixo-, as rúas de Ferrol lembran (agardo) as descárregas dolosas sobre o corpo guerrilleiro de Reboiras cando asemade os piñeiros da Caeira sosteñen o exceso ruín da morte sobre Bóveda (se é que non prenderon nas labaradas confusas que asulagaron as fragas).

Pero hogano, a miña procupación, e supoño que a doutros moitos, diríxese cara á digna representación do cabodano dun home que atravesou 20 anos que describiron unha das xeiras máis produtivas da nación. Falo do irmán Ánxel Casal, aparecido morto nunha gabia do lugar de Cacheiras un 19 de agosto do 36. Pasaba só un mes da vergoña húnica, cando o corpo do Alcalde frentepopulista de Compostela amosou o martirio deshumanizador do golpismo fascista ou feixista.

Falo eu, dunha súa loita que se estendeu desde 1916 até o día derradeiro. Casal, home de ben que sufriu a emigración americana e europea (Bos Aires-Burdeos), sumou o seu pulo ao da primeira Irmandade da Fala (1916) aló na súa cidade natal, A Coruña. Casal vitalizou con forza enorme as Irmandades sendo protagonista na edición do seu voceiro, A Nosa Terra.

Era Casal un mozo inspirado na idea galeguizadora de Antón Vilar Ponte e impresionado pola visita de Cambó a Galiza (cando una delegación da Lliga Regionalista visitara o país). Mozo que, envolveito nas actividades das Irmandades da Fala enceta canda Leandro Carré Lavarellos, o labor editorial que continuou o resto da súa vida. A necesidade dunha autonomía editorial no seo do movimento xa fora plantexada por A. Vilar Ponte e X.V. Viqueira. Nembargantes, non é até 1924 cando Casal bota a andar a Editorial LAR desde A Coruña. É no obradoiro de LAR onde nace unha colección de novela curta e a impresión dos "Arquivos" do Seminario de Estudos Galegos. Ánxel Casal incansábel crítico esixe rematar coa liña bilingüe que sostiña o Seminario de Estudos Galegos, e é na súa época cando o Seminario edita Arredor de Si, As cruces de pedra na Bretaña ou o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae (téndose coñecemento tamén, dunha edición inacabada do Codex Calixtinus).

Namentras, a liña da historia enréstrase entre o Seminario e o grupo NÓS que, malia aparecer constituído en 1920, non contará co apoio de Ánxel Casal até o ano 1925 cando se fai cargo da revista do devandito grupo. A revista NÓS, que até o momento só levaba impresos 18 números, chega ao non desprezábel número 144 grazas ao compromiso de Casal e ao seu padecemento persoal e económico.

Nestes anos o devalar político do galeguismo vai facendo entrever a necesidade da reorganización do movimento e dun reaxeitamento das súas liñas de acción. Son xa moitos, amais de Ánxel Casal, os que vén a necesidade de dar o salto do mero resistencialismo cultural cara á actividade política pura. Son os tempos das Asembleas de Lugo e Monforte, onde Casal mantense dentro do espectro político marcado por Risco e Castelao. Nembargantes Casal é un fervoroso republicano, un home que puxo por riba a unidade do galeguismo (diante do que for), pero que ve en Risco un impedimento para as súas ideas autonomistas e republicanas. É por iso que movido por Antón Vilar Ponte, se integra na ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) onde Casares Quiroga lanza un proxecto supostamente autonomista e republicano. Mais cedo foi o tempo en que as posturas estatalistas se antepoñen á problemática galega dentro da ORGA, e Casal deixa a organización antes da propia crise do proxecto (do que Vilar Ponte inda non abdicara).

Dentro daquel devalar do galeguismo, a Ditadura de Primo de Rivera exerce unha dura represión sobre o movimento e comeza unha progresiva politización do galeguismo. A finais da década dos 20 entra no cenario político o autonomismo galego, co Manisfesto de Barrantes. E finalmente aparece o Partido Galeguista onde converxe todo o espectro nacionalitario galego e onde Bóveda e Castelao levan o lábaro da unidade partidaria de tantos e tantos sectores ideolóxicos. Casal súmase ao Partido e canda Lugrís Freire e o conxunto do P.G., apreséntase volcado na campaña autonomista, dándolle cobertura propagandística desde a editorial NÓS.

Ánxel Casal sostén unha entrega militante que, desde as Irmandades, sempre mantivera e pona desta vez do lado do que desde sempre fora o seu soño, o partido dos galegos, o Partido Galeguista. Pero claro está, que nos grandes debates, o republicanismo de Casal faise notar, cun posicionamento claro a prol da postura frentepopulista e do retorno do que fora o seu mestre, Antón Vilar Ponte ( que reentra no galeguismo en 1934).

Daquela, en febreiro do 36, chega a data definitiva, a Frente Popular gaña o Concello de Santiago de Compostela con 8 rexedores do Partido Galeguista. Por unanimidade Casal é elixido alcalde. Comeza pois unha pequena xeira na que da personalidade de Casal saen proxectos como o da "Asociación de Escritores de Galicia", o de dotar dunha rúa co nome de Murguía a Compostela, a campaña estatutaria, etc.

Facendo reconto, e alén do xa subliñado, a paixón de Casal na popularización do libro galego, na exaltación dos valores nacionais, no unitarismo, na galeguización da sociedade de pre-guerra, na dinamización da cultura e das letras; otórganlle un posto de privilexio na galeguidade que Casal gañou sobranceiramente. Obras todas do prelo de Casal e da humilde casa de María Miramontes (a súa dona). Partes dunha historia de mecenado e implicación até a morte que sobreveu.

Que sobreveu, dicía, a morte cando atopado na zona de Arzúa, tralo alzamento ilegal do exército sublevado, o día 4 de agosto do 36 é encadeado e asasinado posteriormente. O 19 de agosto, Ánxel Casal aparece morto en Cacheiras. Arestora solicito pois, a homenaxe merecida polo inxente esforzo e a tarefa inacabábel. Abrángueme o peito a derradeira lección do mestre, a pantasma mortuoria do abrente encancelado de Casal e a figura penitente da redención esfarelada no odio dos facciosos. Ánxel Casal irmán, 70 anos lonxe.

Amauta Castro

Palabras de Amauta
O artigo, en Vieiros Barcelona
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2006 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Baroña ou morte
O outro día regaláronme esta aventura dos Barbanzóns de Pepe Carreiro. Éche unha historia simpática. O conto non é o regalo en si senón a má uva da regaladora. Vós non o sabedes pero hai 5 meses que partín unha costela polas corredoiras de Baroña, e parece unha coña pero aínda deu bastantes molestias. Desde entón mesmo hai quen me chama Baroña, así nacen os alcumes ou chamadoiros. Humor do país. Somos do que non hai.

A foto non é do millorciño e a historia tampouco pero apeteceume postalo.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2006 01:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal