Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Traumatizando ao Xefe de Estado (futuro?)
Ocultan sistematicamente nas fotos a pinta que ten no narisNestes tempos en que nunha xa afamada foto da modelo á que lle quitaran aquela imperfeizón que tiña, como o resto dos nacidos, chamada embigo... Nestes tempos de negación de imperfeccións nas figuras políticas topámonos cun proceso de criazón dun grande trauma. Os traumas normalmente son cousa dun mesmo e non afectan a máis ninguén que o propio contorno. Este trauma, do que quero hoxe escribir, é por unha pequena peculiaridade física que ten unha meniña. Unha penca no naris.

Se isto fose unha sociedade igualitaria o conto morrería aquí. Habería que dicirlle á meniña que unha pinta no naris non lle ha impidir traballar nunha boa empresa ou mesmo chegar a xefe de estado coma o foi Gorbachov coa súa senlleira mancha na fronte.

E digo se isto fose unha sociedade igualitaria porque realmente non o é e esta meniña naceu coa promesa de ser herdeira dun reino. Xa sei que soa raro pero si, naceu princesa e pretende herdar. Eu son totalmente contrario a isto pero nacín no mesmo mundo e teño máis posibilidades de que esa muller non me reine nunca máis por futuras desligazóns da miña comunidade nacional co seu reino que por pensar que algún día lle vaian quitar o poder á súa familia. Entón penso que vai reinar, non sei se a min e aos meus tamén pero reinará.

Pois esta neniña, ser superior de nacemento, ten unha penca ou pinta no naris que a podería facer máis ou menos simpática pero que a prensa e quen corresponda vai conseguir que sexa o comezo dunha personalidade escura e resentida co mundo. Basta con mirar as fotos que ata o de agora publican dela. A súa manchiña fica no lado dereito do naris e por iso sempre sae de perfil lixeiramente esquerdo nas fotos. Nalgunha que teño mirado para dotar de material gráfico esta entrada mesmo a tiña fotoxopeada (era predecíbel). E diredes que vaia carallada se me deu desta volta por tratar. Realmente esta nena que naceu cunha pinta simpática (non é de recibo meterse coa xente por cousas físicas por muito de familia real que foren) sen máis vai ser levada ao trauma pola prensa pelota e manipuladora e vai convertir esa peculiaridade nun grande trauma que pode afectar ao futuro das súas posesións. E xa que pensan cambiar unha constitución (que non se pensa cambiar para que os pobos vasco, galego e catalán decidan o seu futuro) para que quede claro que a ela lle corresponderá reinar, esta parvada da ocultación da pinta pódese virar na creación dunha personalidade resentida.

Eu propoño que se van mudar a constitución do imperio pequeno que o fagan para decidir por cantas xeracións se quere soster a monarquía, e xa que non queren dar liberdade aos colectivos que integran os rescoldos do imperio (nin ás cabras de Perejil) cando menos que non nos traumaticen á pequena que non ten culpa nin da pinta que lle naceu no naris nin de ter nacido nunha familia destinada pola graza de Deus (e a constitución) a gobernar.
Comentarios (8) - Categoría: fotoblog - Publicado o 29-08-2007 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Alexandre
Hoxe todos os camiños neuronais discorren cara ou por Alexandre, 71 anos despois. Porque eu mirei o lugar onde foi soterrado coa bandeira galega oculta na súa roupa. Porque sempre me estremezo ao pasar pola Caeira, até limites intxaorrondís. Porque cada persoa que deixou de xeito involuntario a Nosa Terra desde a súa morte é culpa dos que non fixeron nada para evitalo e mataron aos que o querían tentar.

Levan Alexandre na cara todos os xenerosos. A minisaia que quedou atrás no meu cuarto hoxe só é martir. Os papaventos zoan neste día de sol de inverno o seu nome. Os que o poden contan non calan e os que calan non o poden contar por vergonza.

Alexandre, sempre na memoria. A porta que abría a outra realidade e que uns porcos vestidos de señores dictaron sobre ela a pena de morte, esa sentenza que segue hoxe vixente e non condeada pola actual e democrática "xustiza" española. A que condea a quen se mete con quen manda. A que só fala unha lingua. A xustiza diglósica e continuísta. Herdeira de falcatruadas, asasinatos, censuras, desterros e silenciadora das millores voces. Porque a súa xustiza acaba naquelas balas pero despois delas continúan as ideas. Non silenciaron a todos as balas que acabaron con un senón que aumentaron o seu grande nome e o envolven en coros de humildade e peticións de redención.

Todo hoxe é Alexandre, ou Moncho Reboiras, ou Brasilino Álvarez...
Comentarios (4) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 17-08-2007 14:10
# Ligazón permanente a este artigo
Ialma, lévame


Non toda a música galega é igual. Estas raparighas sonche do que non hai. Atrévense a versionar a cantiga que se lles poña diante e non o fan nada mal!

Mágoa que sexan fillas de emigración e non se poidan pasar por Galiza máis porque habían ter muita máis difusión.
Comentarios (9) - Categoría: fotoblog - Publicado o 15-08-2007 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
O Pirimpimpín


Eis o verdadeiro gran ghit do verán pasado, só á altura da Cabritinha do Quim Barreiros (o autor de Sou galego).
Ambas teñen indiscutíbel sabor luso-galaico. O video das señoras dándolle cañita e beiliño especial paga a pena ser mirado. Se houbese xustiza no mundo dáballe vinte volta á Macarena, non é?

E aquí a versión karaoke e con "El Puto Koke".


Comentarios (3) - Categoría: fotoblog - Publicado o 13-08-2007 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
Hai un ano ardía a Pomarbella
A 10 de Agosto de 2006 había xa uns días que comezara un incendio en Cerdedo. Conforme foran pasando os días avanzaba dirección sur oeste sen que ninguén o parase fóra do eirado das casas. Pasara xa por lugares mui queridos das súas xentes. Este día 10 entrou en Pontecaldelas pola parroquia de Tourón, xa restaba menos para morrer no mar. Os viciños organizáronse e tentaron trazar devasas no terreo. O vento impediu que estas fosen operativas. O lume non paraba nas devasas pois o vento batía forte e constante e coa pouca humidade do ambiente calquera faísca que levase prendía comodamente.

Eu non estiven alá cando os veciños se organizaran. Cousas de vivir afastado da aldea, por non ter non teño nin casa nela. Dous días antes sabía que estaba chegando porque había unha mesta bóveda de chapapote gaseoso impedindo ver o sol na costa. Pontevedra, a cidade, tiña focos a metros das casas e no que lle tocaba á aldea xa viña campante por Viascón. Todos comentaban pero había ben pouco que facer. Asombroume a pasividade dese día. O demo estaba perto pero a xente non lle facía alá muito caso. Eu, que son forasteiro na miña aldea, pensei que algo saberían eles que eu non tiña en conta. Segundo os meus cálculos aquilo viña de camiño e non había tardar muito.

E viu. Cando xa estaba a unha distancia racional de reacción os viciños, algúns levaban tempo indo a axudar a outras aldeas e amigos, tomaron cartas no asunto. Non había muitas que tomar, todas as levaba o vento, a sequedade e a abafante temperatura. Despois de tentar parar o lume antes da aldea finalmente decidiron salvar as casas e a carballeira, na parte que está máis coidada. Demostraron parando o lume na carballeira que tela coidada é todo un avance e que ás veces parece que está todo perdido pero loitando pódese salvar o que for. Tamén deixaron claro que a carballeira non se toca, que é parte importante no concepto de aldea que teñen e a defenden como unha casa máis. Deron extinguido o lume que enfiaba o camiño da aldea e estiveron cos ollos espertos varios días para non ter sorpresas desagradabeis.

Vaia hoxe, que fai un ano unha lembranza con respecto e admiración aos viciños da aldea de Mirón, en Tourón, que fixeron o que millor puideron e conseguiron salvar a aldea. Tamén para o resto dos que tiveron que gastar os días das vacacións en apagar lumes, vixiar e axudar aos viciños máis vellos ou impedidos. Foi un verán duro que a estas alturas xa parece que non vai ser emulado por este.

As leiras arderon pero nestes casos iso é o de menos. Agora mesmo estou tentanto reforestar coas miñas carballizas a Pomarbella e malia a que algunha pagou a miña novatada son bastantes as que pousan firmes as súas raíces e comezan a percorrer un camiño que eu desexo próspero e afastado de calquera contratempo. Hai que coidar as leiras aínda que non vivamos na aldea, cada quen debe facelo cos seus medios. Eu boto alí o tempo que lle podo dedicar e lle adico os meus mellores coidados, dentro do chapuciñas e urbanita que estou feito.
Comentarios (3) - Categoría: os máis míticos - Publicado o 10-08-2007 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
Pontevedra e Vigo
Tan perto e tan lonxeVigo e Pontevedra, as dúas cidades máis importantes da miña provincia están condeadas a se entender. O problema é deixalo para máis tarde. Sempre están a deixalo para a próxima pero é unha grande irresponsabilidade se tomamos en serio o noso papel no mundo.

O que acaba de dicir o alcalde de Vigo esta mañán é ridículo. Levabamos unha semana co ruxe-ruxe que Vigo e Pontevedra habían compartir area metropolitana e hoxe á mañán e falando español vén o alcalde de Vigo a dicir que non. Isto soa a capricho cativo, pequeneiro e localista. Se os dous concellos meirandes da provincia distan entre si menos de 12 Quilómetros cómo pode ser que en vez de cooperar se viren as costas? E non é cousa de pérfidos administrativos na escuridade dos seus gabinetes, non. É o que di un cargo público que foi escollido pola xente do seu concello. Terá toda a autorización polo seu cargo para facer esta treizón á súa xente pero eu négome a que teñamos que agardar a que pasen, se cadra, 30 anos e volva saír por obvia a posibilidade de construír xuntos o noso futuro.



Non só é que haxa menos de 12 kms entre os lindeiros dos dous concellos senón que compartimos ría! A parroquia de Pontesampaio é de Pontevedra e está na Ría de Vigo!! Eu non sei en que está a pensar o papaxoubas do alcalde. Ás veces tárdase máis en ir dunha parte de Vigo a outra que en chegar a Pontevedra.

Eu sempre bromeo cun meu compañeiro pontevedrés cando digo que Pontevedra é o barrio pijo de Vigo e el mui acertadamente respóndeme que estou equivocado e que realmente Vigo é o cinturón industrial de Pontevedra. Tanto ten unha ou outra, o que está claro é que estamos mui
próximos e, quer queiran quer non, témonos que entender. E non o deixemos para outra que son muitos cartos e oportunidades de futuro para as cidades e a súas xentes as que se perden. Xa o dicía a cantiga, e antes da ponte de Rande:

Vexo Vigo, Vexo Cangas
Tamén vexo Redondela
Vexo a Ponte de Sampaio
Camiño de Pontevedra
Comentarios (4) - Categoría: Mapas - Publicado o 09-08-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín e o portugués de España
Sorprendeume amplamente o artigo de Ferrín deste luns no Faro de Vigo. Trata do portugués falado nas comunidades de Castela e León e Extremadura. O que chamou máis a miña atención foi que o meu propio pai me recomendou a súa lectura pois fala de Alamedilla (lugar de onde provén a raíz máis exótica da familia).

Escribe dunha maneira un pouco superficial sobre que en varias zonas arraianas foi ou é empregado o portugués como lingua familiar de maneira tradiconal. E non só se refere a Olivença, última conquista militar do reino de España que perdura no seu interior desde 1815 malia aos acordos internacionais que recoñecen a súa nacionalidade portuguesa.

Eu algo así xa intuíra, pois nos mapas dialectais do galego no extremo máis leste e sur temos o caso de Calabor que atesoura un galego bastante integro malia a que entre esta poboación e a máis próxima galego-falante hai unha grande zona habitada por castelán-parlantes que anteriormente falaban leonés. Vamos que non cadraba muito e conservan trazos do portugués que o galego "normal" non retén. Claro que falar do portugués do Reino de España mentando apenas 6 poboacións de Castela e Leon e Extremadura semella un pouco isolino de máis para o meu fígado.

Recomendo que leades o artigo a ver que vos parece.

Por Terras de Portugal e de España


"Trátase agora de evocar a realidade oculta da lingua portuguesa en Castela-León e Extremadura


X.L. MÉNDEZ FERRÍN Existen en España realidades culturais que constitúen algo así como secretos de Estado. Por exemplo, só os filólogos hispanistas versados en dialectoloxía saben que, en territorio español, o portugués é unha lingua propia. Non falo dos emigrantes portugueses ou brasileiros ou africanos exportugueses establecidos en territorio español, senón de xentes nacidas neste reino que herdaron lingua portuguesa dos seus pais e estes dos seus, e así.
Non estou a falar de Valverde do Fresno, As Esllas e Trebello (Cáceres) cuxas poboacións falan hoxe con orgullo, e escriben tamén, a súa fala dialectal galega. Non: trátase agora de evocar a realidade oculta da lingua portuguesa en Castela-León e Extremadura.

O portugués é a lingua propia e tradicional de Alamedilla e La Bouza na provincia de Salamanca, de Herrera de Alcántara e de pobos de Valencia de Alcántara, así como do concello de Cedillo, na provincia de Cáceres e de La Codosera e Olivenza e Táliga na provincia que Afonso o Sabio chamaba Badallouce e hoxe din Badajoz. Se cadra esta relación de concellos e pobos lusófonos non é completa ou resulta inexacta ou debería escribirse na forma portuguesa: non teño a man bibliografía dialectolóxica e escribo de memoria aínda que ésta auxiliada por unha chamada telefónica de Xosé Henrique Costas, catedrático da Universidade de Vigo. Debe de haber razóns histórico-políticas para que na banda española da raia salmantina e extremeña se fale portugués e non se fale nas correspondentes partes alentejanas e beirás o castellano. O único territorio portugués cuxa lingua propia non é a da República resulta ser o de Miranda do Douro, que fala unha variedade dialectual asturiana ou asturleonesa (recoñecida polas leis). En todo caso, Olivenza e a súa zona foronlle arrebatadas a Portugal por España na Guerra das Laranxas nos de Godoy. Olivenza, que deixou de ser Olivença en 1815. Insisto en que o orgullo que amosan as poboacións galegófonas de Cáceres non parece existir nas poboacións lusófonas de Salamanca, Cáceres e Badallouce. Os españois utentes do portugués diminúen en todas partes. Están dominados polo auto-odio. O portugués funciona como unha lingua secreta, que se fala só de portas adentro das casas. O lusófono salmantino e extremeño ten vergoña de selo. Apelídanse Piñeiro por non seren Pinheiro e Méndez porque non saben que a castelanización de Mendes é Menéndez. Na escola, no exército, na vida social e desde a administración, todo conspira para que os que falan portugués por aló deixen de facelo. E a República Portuguesa fecha culpabelmente os ollos. Os dialectólogos constatan que no concello extremeño de Táliga, o portugués extinguiuse; o seus derradeiros falantes morreron na década de 1970. Portugal olla para o ceo e todo o que fai o Instituto Camões é fomentar o ensino do portugués entre os emigrantes caboverdeanos do Bierzo (os de Burela non necesitan diso, galeguízanse naturalmente).
Supoño que José Saramago non quererá que un día todo do Portugal se converta nunha enorme Téliga."
Comentarios (1) - Categoría: Europa - Publicado o 07-08-2007 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal