Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Múrchannos a fala
De todos é coñecida a pouca capacidade de respecto de Feijoo en temas lingüísticos e culturais que lle tocaron xetionar. É normal que poña en cuestión a diario por que para ser funcionario en Galiza fai falla coñecer o galego. Ten a súa certa lóxica xa que o presidente de Galiza, despreza o galego e está metendo o país e as institucións das que se dotou para defenderse a si propio e a cultura propia na tarefa inacabada no século XX. Non me vén agora á cabeza o nome da frase "Galiza é o país que tenta suicidarse e aínda non foi quen de facelo" pero creo que Feijoo é o método actual desa actitude xa case tradicional.
Da mesma maneira que os métodos anteriores foron errados este madrileño nacido nos Peares non conseguirá máis que o aplauso das clases privilexiadas do reino. Ese aplauso que se lle adica ao bufón que se auto-mutila mentres o xantar dos madrileños continúa sen lle conceder demasiada atención.
Chegou aos meus oídos algo que xa linda coa mutilación extrema de Galiza e a nosa lingua. Hai quen rexeita a lingua, a cultura e mesmo as palabras Galicia, galego e galeguismo e ten que seguilas sempre dun epíteto que as dilúa e lles reste a agresividade e subversión da súa mesma existencia. É que existir e non pedir perdón por tal motivo é ás veces para os uniformadores e uniformados un feito subversivo. Porque o cómodo é non ter que facer nada para que todos fagan o que eu quero, pero nós como Brasilino Álvarez (Alcalde da Guarda en malos momentos) na véspera da súa morte collemos o teléfono e sen medo dicimos as súas sagradas e nobres palabras "o meu concello non se conquista por teléfono".
Pois despois de oír que todo o tecido cultural galego é desmontado polos desleigados (e consulten e dicionario para ver o ben que lles acae o apelativo) que nos gobernan un xa non sabe se é o normal. Perseguen en Aragón a súa cultura? Perséguena en Cantabria? Perseguen acabar coa cultura propia en Murcia? Pode ser que fagan iso en Estremadura? Seica en Madrid? A resposta é sempre non e con sorpresa pola lunática pregunta e nótese que falo de comunidades fieis e leais ao réxime. Mesmo en lugares coma a soñada Baviera defenden a cultura propia. É un acto de auto-estima como lavar os dentes, a cara ou peitearse antes de saír da casa. Que se pode agardar de quen pensa que cortándose as veas vai ser máis respeitado polo próximo?
Pois ben, volvo ao fío: Prodúceme fondo pesar ver o teatro paralizado, a radio silenciada, a TVG invisibilizándonos, os grupos musicais galegos ignorados, os escritores en galego convidados a escribir en castelán, anulados os máis dos actos de promoción da nosa cultura no extranxeiro... Recentemente tamén me foi enterado que eses rapaces que veñen do estranxeiro, de aquén e alén Pirineos, para estudar galego e traballar nas diferentes entidades que a isto se adican levan xa meses sen cobrar a bolsa mensual. Casualmente os meses desde a toma do goberno do Feijoo.
Queren que murchemos, que sequemos por falta de rego e esquecen e ignoran que a nosa terra é a terra dos mil ríos e que cada un dos lectores, escritores, falantes e oíntes do noso idioma levamos auga á pranta que para nós é o noso único e máis valioso proxecto.
Longa vida a Galiza, ao galego e ao galeguismo sen epítetos acomplexados!
Comentarios (3) - Categoría: Diglosia - Publicado o 28-07-2009 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal