Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Imaxes reais de Lugo, Vigo e Ourense
Imaxes aéreas
Estou mui sorprendido coa calidade que ten o visor de mapas de Microsoft. Permite ver as cidades de Vigo, Ourense e Lugo cunha claridade pasmosa. Pero non queden aí, pasen e vexan. A digna competencia ao Google Earth. ***** Cando escribín isto só se podían ver estas cidades, actualmente pódese ver bastante máis.

Curiosa chanza do destino, onte falaba dos mapas ensoñados e hoxe falo das máis fieis reproducións das nosas cidades en imaxe.
Comentarios (10) - Categoría: Mapas - Publicado o 31-05-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
Portu-Galiza
Portugal e GalizaÁs veces un ten tempo para botar a mente a soñar, e con estas ensoñacións reproducir mundos paralelos, tanxentes ou totalmente alleos.

Portugal é unha constante nas discusións, máis lingüísticas que políticas, bizantinas que non deixamos de tocar con morbo neste recanto do atlántico abeirado á chaira e seca meseta. Cómo sería todo de diferente se Portugal nunca tivese sido independente do reino de Galiza? Ás veces imaxínoo todo da cor de rosa, feliz e case hortera. As ensoñacións éche o que teñen. Pero sabendo que o que temos en común Portugal e Galiza, deixando a marxe a nosa lingua, son as miserias máis grandes, os territorios máis pobres do occidente, as colonias de emigrados máis grandes dentro ou fóra de Europa, un profundo sentimento do dramatismo, do auto-odio e capacidade de autonegación... De tal maneira, que cumprindo esta última parte esa espada atlántica da imaxe non podería nin poderá ser nunca realizada.

Pero non me diredes que non causa unha inmensa conmoción cruzar esa raia que nos divide e ver que se pode vivir 100% en galego e sen que isto traia carga de subversión ningunha. Daí a fermosura deste mapa de Galiza e Portugal.

Parafraseando, mui libremente, o que dixeron os postmodernos de Siniestro Total: Minus malem Portucalem rest...
Comentarios (3) - Categoría: Mapas - Publicado o 30-05-2007 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín sobre a Terra de Turonio
Espero que o compañeiro Arraiano saiba comprender a ilusión que me fixo obter este texto do seu caderno e non lle pareza mal que un, que sempre foi defensor do topónimo Turonio, faga publicidade del. Aínda que non haberá problema sabendo que el propio confía na benevolencia do seu autor, Méndez Ferrín, para publicalo no seu "bló".


Acaba de publicar Xaime Garrido Rodríguez coa colaboración de Natalia Zunzunegui Pérez en Revista de Estudos Miñoranos un artigo sobre dous antigos castelos da Terra de Turonio: o de Morgadáns e o de Santa Helena. Observamos que a mención da Terra de Turonio é cada vez máis frecuente, naturalmente con referencia ao pasado histórico medieval. Turonio era chamado o país e demarcación que limita ao S. polo Río Miño, ao N. pola Ría de Vigo, ao L. por unha porción imprecisa de montañas que poden ser as da Paradanta, a Fontefría e Avión e, naturalmente, ao W. con Nova Inglaterra Océano por medio. Trátase dun espacio xeográfico e cultural dotado de coherencia. Non é un territorio artificial senón unha rexión determinada pola natureza e arriquecida polo traballo do home que constituiu en Turonio unha cultura e identidade que chega aos nosos días. Por un cúmulo de coincidencias nas que o determinismo natural se combina co azar e coa necesidade, na Terra de Turonio naceu e deselvolveuse Vigo.

O que Castelao, Paz Andrade, Bóveda e a perspicacia do Partido Galeguista republicano chamaban o hinterland de Vigo e que hoxe é moda dicir "área metropolitana", coincide exactamente con aquilo que no pasado feudal floreceu como Terra de Turonio.A conciencia política e social de Vigo deberá, se quer dar no albo ou sexa na diana, pensar a cidade como centro dunha Terra de Turonio ben pensada, en termos de século XXI, polos xeógrafos, os historiadores, os sociólogos, os antropólogos sociais, os economistas, os administrativistas, naturalmente atentos ás vontades do pobo (eu nunca direi xente) e das comunidades que vivan e penan neste territorio do Sul de Galicia.

Pensar Turonio é pensar Vigo e facer isto é pensar Galicia pois en Vigo, desde que Murguía e Alexandre Chao fundaron La Oliva, constituise un dos centros de Galicia, nación que moitos desexamos policéntrica e articulada, aínda que non magmática e frouxa como está hoxe por falta de política propia. Pensar os límites de Turonio é tarefa prioritaria. Extenderse ao Morrazo sería ir literalmente contra-natura.Os intereses e plans inmobiliarios e do diñeiro rápido e non sometido á lóxica industrial que en Vigo é tradición, queren colonizar o Morrazo e, os especuladores, digo, esíxen que lles paguemos unha segunda ponte innecesaria sobre a Ría de Vigo. Pola contra, a expansión natural de Vigo e de Turonio é cara o Sul. Tantas pontes sobre o Río Miño como hai en París sobre o Sena -así rezaba unha proposta histórica de Camilo Nogueira. Porque a Turonio, capital Vigo, médralle desde sempre un tentáculo que repta en dirección Leixôes e o Porto do mesmo modo que desde o hinteland do Porto sobe en dirección a Vigo un tentáculo comercial e industrial chamado pola Historia a conectar co primeiro. É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar baixo o nome de Nova Gallaecia, porque isto e aquilo, ao Sul e ao Norte do Miño e do Xurés, foi Gallecia do mesmo modo que a Terra entre Miño a Vigo foi Turonio.

Crear unha nova provincia española en Vigo é unha das propostas máis reaccionarias e absurdas que se teñen ouvido ultimamente na Terra de Turonio, onde eu escribo agora.
Comentarios (4) - Categoría: Mapas - Publicado o 28-05-2007 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Miss España en Miss Universo
Española típica
Esta é a representante española vestida de traxe nacional para Miss Universo.

Xa din que unha imaxe vale máis que mil palabras. Algún dos que pase por este recuncho da rede pode dicir que se sente identificado con esta muller? O fallo é noso por non nos idenfificar ou é da imaxe de España que nunca nos inclúe?
Cada quen que chegue á súa conclusión.
Comentarios (11) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2007 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Dobarrismo con fundamento
Os máis vendidos 6 setembro de 1970Si señor, préstame muito a música de Andrés Dobarro e estou contentísimo coas noticias que van chegando do enaltecemento da súa figura e mesmo do recoñecemento do que vén sendo obxecto ultimamente. Entre outras cousas por unha manchea de grupos de música galega pop (e non só) que lle han render homenaxe coa publicación dun duplo cd con versións actualizadoras da súa música.

O motivo deste post é duplo tamén. Primeiro deixar constancia desta miña filia polo meu homónimo e segundo mostrar esta imaxe obtida por corta e pega do blog d'A Regueifa en que queda demostrado no papel o éxito que sempre afirmo que tiña na súa época o Andrés Dobarro. Teño dito que era numero un nas listas dos 40 pero os corente aínda non estaban nin en xermolo, simplemente era superventas e grande éxito do momento, tendes que perdoar o meu falar con tan pouca propiedade pero o que quería significar é que este home triunfou en galego anos ha e que é o reto da nosa xeración dignificalo e superalo en éxito e calidade.

Mirádeo de primeiro na listaxe por riba de artistazos coma Simon & Garfunkel, Serrat, Victor Manuel, Raphael... ou temazos universais coma o Achilipú!!!
Comentarios (1) - Categoría: os máis míticos - Publicado o 20-05-2007 03:15
# Ligazón permanente a este artigo
O caneco no Ulster


Os que me coñecen fan de min a caricatura dicindo que en canto a cousa se pon musical e tomo eu a iniciativa sae pola miña boca sempre o Caneco. Esa grande peza. Pois ben aquí enriba tendes a interpretación máis lírica que topei do caneco e tivo lugar no norte de Irlanda, ademais foi seguida dunha guiri-obación. Claro que alí os guiris eran os galegos, que por certo foron os que me dixeron que este video existía.

Non podía deixar de poñelo. Parece como se cantasen con medo non?

Que documentazo!!!
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2007 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Votar ou non votar?

Non é algo que pensase escribir nunca pois son un seguidor habitual da vida política e sempre que miro que alguén pon que non vai votar paréceme gravísimo pero xa está ben. Estou ata arriba.

Non me gusta nada como vai a política nestes tempos, supoño que sempre foi igual pero antes estaba máis implicado. Sempre souben que nunca votaría ao PSOE pq de todas as siglas que ten só cumpre e toma en serio a de español e aínda non teño fígado para votar ao PP aínda que son os mais transparentes: son como son e non o ocultan. O BNG...

...Onde quedou o meu Beiras? Mudáronme un intelectual con chiscadelas á cultura clásica por un enfermeiro que non sabe falar castrapo por máis que o tenta. E non se presenta á alcaldía, xa sei, pero no concello todos van ao que van. Tanto os de sempre coma os alternativos oficiais. Que me deixen vivir no meu idioma e xa está. MANDA DE VENDE-PATRIAS...

Todo é sempre para eles e ás veces tamen de cara á galería. Que gañen o soldo. A cidadanía non é un neno de catro anos que cada vez que chora ten preparado un mesmo caramelo con diferente envoltorio. EVOLUCIÓN é o que falta.

Disculpen a arroutada
Comentarios (12) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2007 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal