Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Nova Caixa Galicia
A verdade é que o trato de Nova Caixa Galicia aos falantes de galego deixa muito que desexar. Nunha ocasión pasárame en Múnic arredor dunha hora tentando realizar unha operación de banca electrónica do máis sinxelo. A cousa non ía e deille tantas voltas que analisei un por un todos os pasos e posibles motivos polo que o resultado fose nulo. Mudei as opcións de todo e cando xa só me quedaba a opción de que os espelidos traballadores de banca patrios escolleran a opción de inhabilitar as operacións feitas desde o estranxeiro viume unha luz á cabeza. Ao principio descarteina por demasiado paranoide pero acabei por tentalo. Esta era: tiña a páxina en galego, cambieina a castelán por ver se funcionaba así e en menos dun minuto todo o que quería facer estaba feito. O único erro era o idioma, non escollera un válido para a miña entidade.

Eu teño conta na entidade xa antes citada e estes días sorprendeume que ao mudar o sistema aparece un texto en Portugués, ou en mínimos (a gusto do consumidor) mentres esperas que che dean os cartos. Eu seleccionei a primeira vez que usei a miña tarxeta o idioma galego e sempre me figura desta maneira pero desde que mudou o nome da caixa mudou tamén a súa maneira de comunicarse. Este é o caso que lle fan aos que falamos en galego que nos poñen un texto en portugués e quedan tan tranquilos? Xa levan mínimo 2 meses sen cambialo. Espero que garden os cartos mellor do que escriben porque senón aínda vai ser certo que están rozando a creba.

Para os máis leigos direilles que a maneira correcta de escribir o texto en galego sería "Ocupándose do seu pedido". Xa que non creo que sexan precisamente reintegracionistas estes peixes, supoño que son vítimas do seu tradutor automático e falta de revisor. Toda unha actitude concienciada co idioma.
Comentarios (23) - Categoría: Diglosia - Publicado o 28-04-2011 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
Nostalxia do camiño
Coñecín na miña vida unha chea de peregrinos, tanto cando eu peregrinaba canda eles como agora que de cando en cando recibo algún peregrino na miña casa. Sempre teñen historias incribles que contar e ás veces resultanme do máis aborrecido de escoitar. Todos teñen unha especie de sindrome da Terra Santa, ou de Xerusalem.
É fermoso miralos nese estado pero non sempe empatizo con eles. Hoxe chegou un italiano de Roma á casa. Cando entrou pola porta impresionoume o seu tamaño. Dificilmente podes ser empático cun bicho tan grande, pensei. Pero cando comezou a falar e a sorrir como un neno contando historias que me soaban de xa telas vivido conseguiu non só que disfrutase dos seus falares senón crear en min unha nostalxia inmensa de cando eu facía o camiño.
Este rapaz inmenso que ri coma un neno acaba de meter unha ganas inmesas de coller a mochila e deixalo todo atrás. Cada día durmir nun lugar diferente e coa comunidade nómade dos peregrinos. É como unha aldea en movemento que se preocupa polos seus veciños e ao tempo vai descobrindo cousas dos novos entornos xeográficos que atravesan.
Tiña que escribir isto nalgures, xa que co meu traballo non poderei satisfacer as nostalxias da vida do peregrino.
Comentarios (11) - Categoría: Europa - Publicado o 01-04-2011 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal