Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

O monolingüismo non pode ser a nosa meta
Considero que non podemos perder o norte co tema das aspiracións lingüísticas e valoracións sobre a nosa lingua tanto no noso universo ideolóxico como na praxe cotiá. Na miña opinión as aspiracións ao monolingüismo en galego son actualmente brindos ao sol, que é unha categoría aínda máis afastada da realidade e pertinencia que as discusións bizantinas. A día de hoxe o monolingüismo non é unha aspiración realista.

Como sei que é algo polémico e eu mesmo me escandalizaría ao ler algo así ata fai pouco exporei as miñas argumentacións para que as consideredes:

A día de hoxe o galego está nun proceso de substitución en todos os seus ámbitos e sen excepción. Especialmente na educación, que era un ámbito recentemente encetado que tamén se perde. Calquera fontaneiro que ve unha fuga de auga, por muito que el saiba que é motivado pola mala calidade da instalación do edificio non comeza o cambio da instalación do edificio ata que repara a fuga. Polo tanto non podemos asumir como reto realista o monolingüismo en galego mentres non saibamos como parar a sangría de falantes que esta lingua perde.

Da mesma maneira. O concepto de estado nación tan doutra época, e que tanto gosta ao PP e nacionalistas periféricos, é algo que perdura nas mentalidades máis conservadoras e carcas. No meu parecer o mesmo monolitismo primario é o que fai que pensemos que a nosa lingua ten que ser a única na nosa terra. Isto é un concepto atrasado nas sociedades mono-nacionais e extremadamente utópico nas sociedades minorizadas. Hoxe en día os currículos escolares inclúen galego e castelán e ademais dúas linguas máis. Unha como lingua estranxeira A e outra como opción de lingua estranxeira B. A presenza de (polo menos) galego, castelán e unha lingua estranxeira na educación é unha necesidade indiscutible e unha garantía de excelencia da nosa educación. O monolingüismo non é un obxectivo para o futuro. Eu creo que renunciar ao uso fluído do castelán é como amputarnos un brazo para adelgazar, efectivo en canto a quilos pero invalidante e que calquera outro pobo vería con asombro e sorna. As linguas, cantas máis mellor, sabendo sempre que o galego é a nosa.

O problema é que como sempre a teoría vai por un lado e a praxe por outro. Os principais políticos españois non saben falar linguas estranxeiras mentres que para traballar nun kebab saber inglés é case un requisito. E o que é mais grave, xente que goberna Galiza e que tivo acceso a educación en galego non sabe falar galego (con toda a carga de mediocridade que isto conleva e que disfrazan en discurso ideolóxico). O BNG, partido onde peor se fala o galego (se é que iso pode ser entendido como falar galego) é capaz de caer tamén nunha falta de coherencia total. Eles piden coa boca pequena o monolingüismo en galego cando non son capaces de garantir un mínimo nivel de galego na súa militancia nin nos seus cargos públicos (escoitar a Quintana era doloso e máis sabendo que era o sucesor de Beiras). O seu galego é tan pidgin que nas televisións españolas non lexendan nin ven a necesidade de dobrar as súas declaracións. Na máis marxista (dos irmán Marx) das reaccións estes chegaron a ameazar con poñer máis acento galego! (poderían comezar por non ter que finxilo).


Hai que chegar á xente que ignora no noso país o noso idioma. Á xente que ama o galego pero o garda na vitrina que só abre para as manifestacións e reunións galeguistas. Á xente que non o fala por vergonza. Hai que chegar a esa xente e dicirlles que o galego non é un matrimonio, un compromiso que os acompañe ata a morte. É a nosa lingua. E pódese usar tan ben como o castelán e non precisa que se fale as 24 horas do día. Pero se nesas mesmas 24 horas non se fala en ningunha estamos condenando un dos nosos valores fundamentais á morte. De feito non o estamos a condenar senón que aplicamos unha condena non escrita. Como postura responsable ante esta situación e movéndonos cos pés na Terra, considero que temos que prestixiar o noso idioma sen renunciar a calquera outro idioma que nos abra portas onde co noso non chegamos.


Recomendo a lectura seria desta entrevista onde Henrique Monteagudo fala do tema sen medo.

Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
A fin do mundo tal e como agora o coñecemos
Neste comentario quero facer unha especie de reflexión sobre a febleza do mundo tal e como o coñecemos. E como, a pesar de que cremos muitas veces que o noso mundo é seguro e todo está atado e ben atado, todo pode mudar por unha mala brincadeira do planeta.

A brincadeira da que vos falo é esta simpática, ata o momento, erupción volcánica que a maioría dos medios din que é nun volcán en Islandia. A información é do máis pavera. Non hai bolseiro o suficientemente valente como para pronunciar na radio, ou TV o seu nome. E poucos dos que traballan na imprensa escrita lle chaman polo nome. Eyjafjallajokull é o volcán no quinto carallo (Islandia) que vai acabar con todo tal e como ata agora o coñecemos. Especialmente a principal industria española: o turismo.

Alguén oíu falar da crise nas empresas de voos comerciais? Que si o combustible é caro, que se a competencia das low cost fai imposible a súa viabilidade, que se a xente coa crise xa non usa tanto os avións coma antes... e finalmente se o volcán non para de botar cinza (e os técnicos seguen a pensar que este é realmente un perigo para os avións e non unha medida excesivamente alarmista) en cuestión dun ano podemos estar ante un golpe ben duro na economía do norte do continente e no verdadeiro empurrón necesario para as economías do hemisferio sur. Será a isto ao que lle chaman xustiza divina?

España é un país que vive do turismo barato. Sen avións no aire non hai quen chegue dun xeito cómodo e nun tempo razoable. Que pasará coa economía? Eu xa vexo aos do Castromil fregando as mans. Vai ser un ano de regreso ao pasado, de comunicacións en tren, bus e barco. Comprar un billete de avión con 1 mes de adianto será un exercicio de temeridade. E todo o que digo será certo se non resulta outro bluf informativo. A teoría do caos unha vez máis en movemento.
Comentarios (4) - Categoría: Europa - Publicado o 17-04-2010 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal