Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Garzón ao banco
Desde a distancia en que me atopo non me acabo de enterar ben de porqué se está a xulgar ao xuíz Garzón. Quede claro que este xuíz non goza de máis afinidade para min que outro xuíz calquera coa única salvidade que el non xurou os principios do Movimiento Nacional cando foi nomeado xuíz no ano 83. E haberá quen pense que este detalle do xuramento é pouco a ter en conta. Eu penso o contrario e a seguir me explico.

Cando o fascismo caeu en Italia e Alemaña houbo un proceso de refundación de ambos estados que afectou absolutamente a todos os funcionarios. Estes foron investigados por colaboración co réxime e nos seus expedientes (o dos que continuaron no cargo) sempre figurou que foran funcionarios do fascismo pois aínda que a posteriori xuraron as novas constitucións tamén xuraran as vellas e un xuramento nunca borra o anterior. Especial atención se lle prestou aos funcionarios de xustiza pois foron os que xustificaron o rexime e fixeron cumprir as súas leis.

Cando Franco morreu de vello en España non houbo proceso de refundación do estado feixista, nin revisión da colaboración dos funcionarios. Por non haber non houbo nin eleccións para escoller o xefe de estado. Automaticamente pasou a selo a persoa que o líder do rexime feixista escollera seguindo unicamente o mandato da súa vontade. Os xuíces, que todos xuraran adhesión ao Movimiento Nacional, seguiron exercendo o seu posto sen ningunha revisión das súas sentenzas nin carreiras xudiciais.

Na Alemaña e máis na Italia foron prohibidos os partidos de inspiración feixista e a día de hoxe calquera movemento que se adapte ás características ideolóxicas destes corre perigo de ser ilegalizado.

Na España ao día seguinte da morte de Franco, e mesmo bastantes anos depois, o movemento con máis militancia era a falanxe española. Presente e case omnipresente no exercito, funcionariado, igrexa e xuíces.

E aquí chego a onde quero chegar. Actualmente hai un xuíz que non xurou lealdade aos principios do Movimiento Nacional que vai ser xulgado por defender as vítimas do tal Movimiento. Para máis inri a maior parte dos xuíces que o xulga xuraron adhesión ao Movimiento Nacional e a acusación é un sindicato herdeiro do Movimiento Nacional. Pode facer máis España o ridículo? Sempre pode :)

E eu sigo pedindo que a sentenza de morte de Alexandre Bóveda deixe de ser vixente. Foi un asasinato e aínda non se considera como tal. Cousas da nosa exemplar restauración borbónica.
Comentarios (1) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 29-03-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Os touros e o estado
Creo que vivimos nunha sociedade na que xa chegou o momento de lle por freo aos touros desde unha maneira civilizada. Aplaudo as iniciativas de concellos ou países (como Cataluña) declarándose zonas libres de torturas de touros pero ese non é o meu estilo.

Tampouco é o meu estilo recordar que desde 1567 existe un escrito papal da autoría do santo e pontífice Pio V condenando á excomuñón aos que participen ou promovan espectáculos taurinos tanto a pé como a cabalo.

Pero si que me gustaría chamar a atención sobre as implicacións do estado nestes espectáculos de mutilación (a maior parte das veces só animal). Vivimos nun mundo onde non se permite sacar imaxes de xente fumando por televisión, nin a súa propaganda e aínda así conséntese o espectáculo previo pago e multitudinario de torturas animais?

Eu posiciónome en contra disto. Xa non quero entrar no milleiro de motivos nos que fundamento a miña perspectiva do tema. Só quero chamar a atención sobre algúns aspectos nada novidosos pero que nunca son tidos en conta.

Estas corridas taurinas normalmente fanse en lugares públicos. E non me refiro a que sexan accesibles a muita xente senón a que son de titularidade municipal ou dalgunha outra entidade do estado. Isto é inconcibible! Eu non quero que un só céntimo dos meus impostos sexa dado para que se constrúan ou restauren lugares de cruel tortura animal. E suxiro que se a organización privada destes sádicos eventos altera a normalidade do tránsito rodado se lles pase a factura aos organizadores das horas de servizo empregadas polos policias municipais que teñan que aliviar este problema que xera o espectáculo privado.

Da mesma maneira, e sabendo que neste país hai sanidade universal, suxiro que sempre que algún dos torturadores sufra algunha lesión que teña que ser tratada na sanidade pública sexan atendidos coma outra persoa en función da gravidade da autolesión e posteriormente se lles pase a factura do tempo de quirófano e persoal empregado nesa lesión voluntaria facilmente evitable. Porque algúns non o saben pero o tempo é limitado, os medios tamén e mentres se atende un paciente kamikaze déixase de atender a outros que posiblemente sexan vítimas dunha doenza que non buscaron con temeridade.

Eu non me posiciono demasiado a favor de prohibir este tipo de espectáculos pero si, de que se fagan en lugares de titularidade privada, se paguen as accións que teña que tomar o estado para manter a normalidade no transito rodado e que estean equipados con equipos sanitarios privados ou paguen o uso da sanidade pública que xeren estes incivilizados espectáculos.
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 27-03-2010 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Carallada
Haben Sie einen schönen Tag!

Ao final ten un minuto baleiro para volver á normalidade despois de tanta sobredose de rir
Comentarios (1) - Categoría: fotoblog - Publicado o 18-03-2010 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa diez
Non puiden reprimirme e deixar de publicar esta xenial montaxe que tirei do Blogue do Demo intitulada "Ela, no senso mais pejorativo".

Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 12-03-2010 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal