Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Tradución ou diferente?

Muito teño lido sobre se se o mesmo autor dunha creación literaria é o seu propio tradutor a outro idioma que domina suficientemente é tradutor da obra orixinal ou creador dunha obra nova. Finalmente non me queda claro se a "tradución" que artella é unha obra nova inspirada na primeira ou unha tradución do mesmo autor.

Cada vez inclínome máis a pensar que as traducións de literatura, feitas ou non polo autor da obra a traducir, son sempre reelaboracións do texto con achegas novas diferentes do orixinal. Isto en poesía é indiscutíbel pois hai que escoller entre a tradución literal dunha metáfora ou unha metafora paralela adaptada culturalmente que leve á mesma imaxe.

Si, pero se levamos isto de que por máis que for o mesmo autor o que a traduza dá luz a unha nova obra ao estremo... Poderíamos dicir que cando estamos a falar en castelán, inglés ou calquera outra lingua que dominemos suficientemente e non sexa a nosa estamos a ser outra persoa? Elaborando outro personaxe/personalidade? Outra vida?

Cando falamos unha lingua que non é a habitual estamos a traducirnos ou estamos a ser outra persoa? Quitando sempre o caso das persoas bilingües harmónicas, que disque existen.

Meu Deus, quedei mui raiado con este pensamento desque chegou á miña cabeciña. A ver se chega pronto a fin de semana!
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2007 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
A Nova A Nosa Terra
Nunha destas veces que non teño tempo para facer nada e aínda así me poño diante dunha pantalla e penso nalgunha páxina que debera visitar e que fai tempo que non o faga tecleei a url que me pareceu axeitada e, desta vez si, a resposta foi toda unha sorpresa: http://www.anosaterra.com/. Probade vós tamén!

Vaiche boa! vai se que a próxima semana vai saír un xornal diario EN GALEGO.

Iso é o que podo comentarvos do que mirei nese enlace. Alguén sabe algo máis do tema? Terei que volver mercar a prensa diaria?

Sexa o que for, todo parace indicar que sairá un diario só en formato dixital, sairá á luz este luns ás 10 da mañán. Muita sorte co que for!
Comentarios (3) - Categoría: Diglosia - Publicado o 26-11-2007 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Cada día somos máis
Arriscados revolucionarios buscando solucións a instintos primarios
(o blogomillo coñecido son 4512 blogues)

É a mensaxe esperanzadora e final da páxina que en Blogaliza dedican a recoller a case totalidade do Blogomillo.

E a imaxe, que non ten nada a ver co anterior, é a proba fotográfica dun acto subersiviño que tivo lugar en Lugo (intramuros) nas festas do San Froilán, para máis seña. Infórmanme pola banda do alto Miño que apareceu un retrete no medio dunha concorrida rúa e malia a que tiña unha foto das súas maxestades reais (do oriente pero non muito) a multidão foi incapaz de conter os seus efluvios primarios que atoparon cauce natural no improvisado wc. Como sabemos que a multa por queimar certas imaxes cotízase ultimamente á alza e descoñecemos a canto se cotiza o refresco ouriñario de tales imaxes permitan que exiba esta proba da escesiva inxesta líquida buscando improvisada e antimonarquica solución adubiada cunhas fermosas espirais nas cariñas dos aliviados revolucionarios.
Comentarios (4) - Categoría: Diglosia - Publicado o 22-11-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Vale. E despois que?
Hai unha serie de loitas que sempre pulan pola obtención dun resultado anceiado, que se agarda de seu beneficioso e un fin polo que loitar.

A Cidade da Cultura foi o proxecto preferido de quen todos sabemos. Tanto se esmerou en conseguir que fose de tal maneira grande e maxestuoso que o que facer con el cando estiver realizada a súa estrutura física quedou algo no ar.

Que si, que xa co nome quedaba claro que non ía ser un campo de tiro militar, nin unhas consellerías, nin un aeroporto. Pero claro... agora que?

Todo o mundo, alentado pola desventura absoluta dos seus artífices (desaloxados do goberno do estado, do goberno galego e do goberno da maioría das cidades galegas non asustan tanto como acostumaban) deu en facer escarnio da falta de previsión do proxecto, da súa viabilidade... Agora os edificios, os que menos van collendo forma e outros están xa están acabados. A xente clama para dotalos de sentido de maneiras tan realistas como: agora facer neles as consellerías da Xunta, tiralos abaixo, deixar que os toxos recuperen o espazo perdido...
E chegou Quintana e dixo agora que xa está feito o continente habemolo dotar de contidos necesarios para a cultura nacional galega. Este enfermeiro que non exerce está claro que sabe cambiar sondas nasogástricas.

E non acaba aquí o que quero dicir. Sería unha crítica máis nun mar delas. O que pretendo facer é autocrítica.

Tanto tempo estivemos pensando en ter o goberno galego que cando se chegou a el demostramos que ganas había pero... E despois que?
Non houbo grandes cambios, nin tan sequera no nome de muitos dos altos cargos, nin na lingua en que exercen, nin se notou nas estatísticas de uso de galego na administración, muito menos na rúa.

Polo tanto suxiro que ideemos e contruamos grandes proxectos que realizar cando teñamos a posibilidade e non que esteamos na percura da posibilidade sen termos grandes proxectos en mente.

Hai muitas persoas e loitas que quedarían anuladas con esa resposta: Vale. E agora que?. Non quero pensar que pasaría o mesmo coa obtención do autogoberno anceiado, así que suxiro que independentemente da súa obtención (ou non) loitemos polos grandes proxectos que temos para despois porque por muito que construamos o barco se non temos as cartas mariñas nin os coñecementos para manexalos imos ir á valga, sen rumbo. E para iso xa vamos no barco do viciño rico.
Comentarios (1) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 20-11-2007 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Oito
Suxeríranme varias persoas que me únise coma un elo máis desta cadea do blogomillo que poderíamos chamar Meme do 8. Recordo agora mesmo a Pau e Anxélica pero non sei, agardo que non pero ultimamente non ando muito por estes vieiros, se mo suxerira algunha outra man tecleante. Pido desculpas de antemán por se así for.

Pois ben, isto de deixar o cu ao ar cando un leva este blog coa sua discreción é algo que custa aberto pero ala vai. Agardo non defraudar a quen se mire interesado en saber este tipo de interioridades.

Das oito cousas que asinalaría unhas nacen das outras e todas vense entrelazadas ao máis puro estilo dos entrelazados céltigos. A primeira é unha medida pola cal todo se valora: o Tempo. Xa di o refrán "tempo é diñeiro" e eu son celoso defensor da liberdade do meu tempo para empregalo asegún me poida parecer. Isto pasa pq nesta vida ninguén é dono do seu tempo ao cento por cento e eu gosto ter tempo para min e para muitas máis cousas.

Do tempo nace a segunda: os Amigos eu sempre distribuín o meu tempo libre case a terzos entre amigos, durmir e adicarme tempo a min mesmo. Realmente teño a sorte de gozar de máis amigas que amigos e polo xeral podo escollelos eu, que ás veces nin escoller un pode.

Do tempo e dos amigos náceme a terza cousa a salientar que é o tempo da tranquila soidade vén a ser o primeiro sen o segundo. Gosto desta tranquila soidade para pensar, escribir, ler o blogomillo, oir música, mirar videos, inventar cousas novas ou simplemente ollar pola miña xanela.

Hoxe descubrín que adoito escoitar música apenas cando estou só pero non exclusivamente. Eu sempre fun folki e como para non selo se os meus anos de acordar adolescente cadraron coa eclosión do mellor momento da Música Galega con aqueles Berrogüetto, Luar na Lubre, Violia, Leilia e (a vítima do ostracismo da nosa música) Carlos Núñez. Pero tamén a vivo en público desde sempre e agora máis ca nunca. A ver se lle dou uns pasos algún día en público! O de tocar é algo que non fago habitualmente por amor á humanidade, hai algún que se encargou sempre en deixarme esta parte bastante nidia.

E o lugar máis musical que coñezo é Compostela. Non é este o seu momento máis fachendoso, hai quen acredita que vivimos nun declive cultural da cidade, pero reborda musicalidade por tures. E é o lugar onde eu máis gozo destes momentos musicais.

Gústanme até condicionar amplamente a miña vida o Galego e Galiza. A miña lingua e o grupo social en que me considero parte. E non van para min nunca por separado pois se que me gustase o galego non condicionase a miña vida cotiá tampouco o faría que a miña nación non sexa algo recoñecido por todos nin polas leis. Ese proceso de cambio e de reinvidicación do que é noso e non nos queren dar é lírica pura. Contradición máxima e movemento. Porque as cousas nunca van quedar como están e nós somos axentes do cambio do estatus da lingua e do país.

E para finalizar dicir que o que máis me gusta nesta vida é a xente e considero que é a convivencia e a sociabilidade a que nos fai pensar, evoluír... as contradicions son toda unha arte e sen comunicación habería pouquiñas de todo. Gústame falar con todo o mundo e dificil é que un descoñecido que se dirixa a min non sexa ben tratado ou respondido, gústame darlle unha oportunidade sempre á xente e con ela á vida. Outra cousa é andar a perder o tempo.

E bo, xa que a min me enlearon nesta tarefa eu convido a que fagan novo elo na nosa cadea a Nacho con queixo, Palabras de Amauta, Próxima estación Valldaura , Diatonia, Unha Leituga en apuros, Fecham-me com mil candados mas esquecem que sou a chave e Bulir como o vento do Nordés. Que non son oito mais case
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-11-2007 04:16
# Ligazón permanente a este artigo
Que le han fet al mar?
Man de Camelle
Pro Manfred, que le han fet al mar?
Comentarios (3) - Categoría: fotoblog - Publicado o 13-11-2007 16:42
# Ligazón permanente a este artigo
Método catalán
Encantoume oílo.

É tempo de pasar á acción. Os cuitadiños son os que sen saber por que falan castelán nunha terra onde a nosa lingua é a propia. Xa está ben de tentar ser bos e non ofender a ninguén.

Traio de Catalunha unhas aprendizaxes que cando menos vou experimentar, a ver que resultado dan. Resulta que en Catalunha son mui formais e correctos e o máis que fan cando dis que non es daló é preguntar en perfecto castelán e con cara de superbueniños (imaxinade como o faría Buenafuente) "Me entiendes cuando hablo en catalán?" e só hai unha resposta instintiva posíbel ante unha pregunta tan cortés.

Pois ben, eu suxiro que esa arma tan amábel e doce ben vale para a nosa terra. Cada vez que vas a un bar e pides un café con leite e o camareiro pon cara rara e pregunta se é un café con leche en vez de cabrearnos, apoucarnos ou sorprendernos o que temos que facer é a famosa preguntiña "oh, disculpa, me entiendes cuando hablo gallego no?".

Primeiro: porque quedas la mar de bien
Segundo: porque é altamente humillante preguntarlle a un galego por mui castelan que fale se entende o galego.
Terceiro: porque ademais xa non che vai dicir nada mais e chegas a un acordo para dicir que ti falas galego e el que faga o que queira.
Cuarto: ten un alto valor subersivo xa que a xente non ve nunca o conflito lingüístico e así queda expresamente citado.

Estou desexando ir xa tomar un café. A ver que pasa con este xoguetiño novo.

Tentarei seguir a cadea á que me convidaron a unirme Anxélica e Pau. Supoño que será o meu próximo post. E graciñas por vos acordardes de min.
Comentarios (22) - Categoría: Diglosia - Publicado o 05-11-2007 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal