Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Breve apuntamento sobre a raiña en Ferrol
Non pretende ser nada máis que un apuntamento breve sobre tres cousiñas arredor da presenza da raiña de españa en Ferrol.


A primeira e máis simpática é que visto o video que poñen na Voz de Galicia parece que a familia real, alén de ter que vestir ridículos traxes rexionais pseudo-burkas, debe ter un aplausímetro instalado nalgunha parte do corpo (non fago especulación con lugares concretos) xa que a raíña achégase á ferrolá con mais sotaque ferrolán da historia (recollan a luva os do ILG) para recollerlle o papel que lle entrega segundo a potencia dos aplausos do público. Vaise achegando conforme aumentan os aplausos polo xesto e cando está a un metro estes case desaparecen co cal desactívaselle o aplausimetro e tende a retornar á ruta orixinal pero a multitude dase conta de como funciona e colabora coa nai do xa famoso "Cabo Gago" (parece nome de chiste). Tomamos nota para vindeiras ocasións.

Outro apuntamento simpático é que á señora non hai quen a pare! Nin as vallas, nin 3 militares... Se os militares españois non saben nin deter unha muller cuns aniños enriba... que se xubilen todos, máis ben que os boten á rúa, están malversando fondos públicos. Ou máis ben... será que os militares non traballan a gusto diante de tanta cámara? Inclínome máis ben polo segundo e supoño que muitos afganos pacificados estarán dacordo comigo. Corneta obxecta!!!

O terceiro é aplaudir que tanto BNG como a esquerda española non asistisen a ese acto, aínda que só fose por non ter que ver un antroido tan pouco pavero cunha grega que manda muito vestida de musulmana e un montón modelos gustándose a si mesmos cos seus folclóricos atuendos que pasean polo mundo cando os chaman para actos folclóricos doutra época e cultura. Ai se fixeran algo máis que desfilar e foder cabras...
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-10-2008 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
Nafarroa - Navarra

Pois si xentiña. Unha vez máis é Nafarroa un dos lugares onde a política loita polo futuro de España. Parecerá mui esaxerado para algúns pero pido unha oportunidade para me explicar.

Na constitución española, antes da existencia de calquera autonomía, xa se cita nun artigo de aparente pouco sentido nunha lei de leis que Navarra ten dereito a decidir sobre se quere ou non quere ser parte da mesma comunidade que Guipúscoa, Áraba e Biscaia baixo administración española. Co cal parece que dicimos algo evidente pero non o é tanto. O condado de Treviño, un enclave burgalés no medio de Áraba, leva décadas tentando entrar a formar parte de Áraba e sempre lles é denegado ese dereito. Co cal, con esta xogada evítase que o País Basco e Navarra formasen directamente unha mesma comunidade autónoma. Primeira derrota seria do nacionalismo basco.

A represión e acción violenta verbal e física da dereita española sobre Nafarroa consegue que a maioría dos habitantes rexeiten a opción de reintegrarse no País Basco. Disto é testemuño o documentario sobre os feitos dos San Fermins do ano 1978 e varios asasinatos por parte da estrema dereita española baixo diferentes siglas.

Usando privilexios propios doutras épocas o Opus Dei faise forte e omnipresente en Navarra e ninguén lle tuse pois é a punta de lanza contra os bascos.

Co tempo chega a segregación lingüística (as tres cores da fotografía). Trátase dunha xogada silenciada ou ignorada polos non bascos nin navarros polo cal a comunidade foral é dividida en zona vascoparlante, zona mixta e zona españolparlante. Digamos que na zona bascoparlante non é problema falar en éuscaro. Mentres que nas outras duas zonas o éuscaro é tratado de lingua extranxeira e como tal se ensina no ensino público, coas admirables excepcións das ikastolas privadas.

Se fose un paciente humano diríamos que esta é a situación basal: unha zona con cultura basca en retroceso á que se lle ofrece a opción de integrarse con outras zonas de mesma cultura pero que cada vez que camiña un paso nesa dirección labazada e cada vez que se afasta das mesmas carameliño, privilexios económicos e mimiños. Nestas circunstancias existen partidos bascos, partidos españois (PSOE), e partidos españois aparentemente provincialistas (UPN). Ata agora o PSOE e a esquerda basca parecían comportarse como aliados naturais contra unha UPN (siglas do PP en Navarra) cunha exemonía case absoluta.

A enfermidade é o que cambiou nas últimas eleccións autonómicas. Despois de que todo o nacionalismo basco se axuntase baixo as siglas de Nafarroa Bai e conseguise 12 escanos, empatándolle ao PSOE (12) e podendo sumar estes dous 24 mentres UPN apenas 22 e IU 2, outros independentes 2 tamén. Con este cadro de resultados todo parecía que chegaría a unha alternacia de goberno. Un desafiuzamento dos enmascarados do PP a través do pacto PSOE e NaBai, se for mester IU tamén.

Comezaban os primeiros tusidos. O lider do PSOE navarro xa dixera que si e apenas restaba discutir quen ía en cada lugar cando entrou en escena e de xeito despótico Pepe Blanco (a quen os españois gustan minusvalorar chamándolle Pepiño Blanco afondando nesa longa tradición de ridiculizar o galego) dixo que o PSN (desde entón PSOE) deixaría que UPN gobernase.

Un aire frío e mesetario empeorou o paciente. Foran épocas en Madrid nas que como se fosen a inquisición se cuestionaban se metían ou non NaBai na lista dos partidos a ilegalizar/herexes. Cando xa repetiran até o aburrimento que NaBai non era terrorista e finalmente parecía un cambio de aires en Navarra o Pepe Blanco impide o pacto e obriga aos seus inferiores a facer o que el dicta mostrando que ademais de dicilo tamen consegue que sigan as súas ordes.

Pensei daquela que os do PSOE non poderían ter xestionado pior aquel momento deixando claro que eran unha franquía madrileña sen capacidade propia de decisión final. O marco político en Navarra esclarecíase muito, a única oposición real ao PP era NaBai e os grupos minoritarios. Pero visto o visto estes días estou comezando a pensar que o Pepe Blanco aparte de ser un destes galegos antigalegos, como o que ás veces escribe por estes lares, aínda vai ser un xenio dos movementos políticos. Se consegue que UPN e PP se enfrenten e rachen relacións con motivo das posturas de cara aos orzamentos do estado asegúrase que o PP e UPN practicamente desaparezan nas próximas eleccións navarras ou cando menos teñan que dividir en desiguais proporcións os seus votos. O PP comeza a sentir unha inflamación de certas partes e o home de palla comeza a tomar decisións propias. Que gañará? A ideoloxía españolista con franquías provinciais ou o aparello de goberno coas súas redes clientelares que apoia a quen for preciso con tal de continuar no asento?

Navarra volve a ser a chave. A ver que porta abre desta volta. Estenderáse a doenza? Cantas veces miramos ao PSC facer fronte contra o PSOE e nunca chegou o sangue á ría?
Comentarios (1) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 14-10-2008 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Crise no ar
As cousas non están no mundo como para botar foguetes, anda a xente con pésimas perspectivas de futuro. Nótase no ambiente, en todas partes.

Estando eu de paseo por un dos millores sitios do mundo e en boas compañas cruceime cunha parella de vinte e algún ano. Normalmente falan do gran hermano, da última noite de festa, de la Pantoja e o Cachuli... son cousas que non me chaman. Cousas que manteñen a normalidade dentro do repertorio de temas alleos que nos fan propios e outros escollen para que falemos as persoas da rúa. Ás veces vánseme os ouvidos, pois sonche de natureza curiosa, e descubro temas máis reais.

Onte pasaba pola praia de Menduíña, sorte que ten un, e unha parelliña xeitosa cruzouse comigo. Ela dicíalle a el con voz ilusionada "se che botan de Citroën marchamos a traballar en calquera illa, en calquera sitio que che guste...". El coa mirada pouco fixa non respondeu nada.

Hai veces que unha frase fai de termómetro dun momento e estamos nun destes momentos en que vamos descubrir que pasa cando todo o mundo vendeu o pouco que tiña e xa non ten máis que vender. Estamos en crise, tempo de poetas famentos!
Comentarios (6) - Categoría: Diglosia - Publicado o 01-10-2008 07:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal