Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Poesía e historia
Dicíalle hai pouco a un amigo que estaba un pouco farto xa de mirar tanta historia feliz e edulcorada sobre a caída do muro de Berlín, e iso que a sobredose non se perpetrou ata hoxe en todos os media. A miña natureza desconfiada lévame a descrer tanto panexírico do momento e tanta reportaxe lacrimosa sobre o cool que che foi a caída do Muro. E aínda así, algo no meu corazón dime que é un feito que só podemos comparar coa Revolução dos Cravos. Todas as análises contra esta gran festa que se armou con bombas de palenque e gaiteiros estes días en Berlín foron análises grises. Derrotadas, de xente que ese día morreu muito. Que non ergueu máis a cabeza. Non atopei xente que dixese que esa festa era unha falsidade sen provir de mans con odio nos ollos nin amargura nas palabras. Será que eu quero ser así? Será que son demasiado descrido para pensar que algo bo pode pasar no mundo e que vaian Obamas e Sarkozis a festexalo sen que sexa falsidade de cartón?

Ás veces, penso que me achego por momentos a ter un pensamento carca. Que cando a festa ten demasiadas luces dóeme nos ollos e dáme que desconfiar. Si, pero tamén son o primeiro que o 25 de Abril, á noite, festexa a vida coa inocencia dun neno feliz. Debatinme todo o día entre ignorante activo do 9 de Novembro ou fervente seguidor e festexante e creo que despois de darme unha tregua a min mesmo voume decidir por marcar a data entre as noites nas que se pode crer na poesía como parte excepcional da historia. Nas noites que ocupan a parte máis poética da historia. Esas historias sinceras e vitais de liberdade e realización colectiva. E non sei se había maus ou non... só sei que desde ese 9 de Novembro os alemáns son máis alemáns e Europa máis xusta. Hai quen di que viviamos mellor contra Fraga ou mesmo na guerra fría pero eu non son deses.

Para cando poesía na historia dos galegos?
Comentarios (5) - Categoría: Europa - Publicado o 10-11-2009 02:40
# Ligazón permanente a este artigo
A nosa crise si que é nosa!
Se comparamos os resultados continuistas das eleccións portuguesas e alemás coas rupturistas de Galiza teremos por forza que pescudar que foi determinante en que Europa vaia por un lado e Galiza por outro.
Quero comezar prescindindo das habituais análises etnolóxico-ideolóxicas. Entendo que a disputa entre esquerda e dereita nunca estivera tan diluída na política galega e que o habitual discurso sobre a criazón de Galicia Bilingüe e a madrileñización de Galiza é algo que só move uns votos marxinais (por desgraza).
Co cal chego a un punto de análise que espero non sexan novidade a pesar de nacer de observacións a nivel persoal e dalgunha estatística: A maior parte dos menores de 30 anos que coñezo non teñen traballo, algúns xa non buscan. O outro día saía unha estatística que muita xente pasou por alto que dicía que no urbano de Galiza hai 40.000 persoas de entre 18 e 24 anos que non estudan nin traballan. Isto posiblemente non pase en Alemaña pero tampouco pasa en Portugal. En Portugal non gozan dun escenario muito millor que o noso pero todos sabemos que hai unha chea de portugueses que se moven por Galiza para traballar en calquera cousa. Será que os 40.000 non queren eses traballos. E non estou facendo un apunte xenófobo. Todo o contrario. Se eses 40.000 urbanitas desorientados buscasen o pan acabarían indo fóra, como os dignos portugueses, ou tomando a iniciativa dentro. Eu apostarei por ir fóra pero Galiza é como un corpo e se non facemos exercicio imos coller obesidade mórbida.
Por iso, non pensemos que en España ou en Europa van vir polas casas dos papás dos 40.000 citados ou convencer aos empresarios para que lle manden cartas de amor aos amigos sen traballo. Hai que tomar a iniciativa, o temón das nosas vidas e do noso país. O monte xa chega ás cidades e hai silveiras nos campos da festa das nosas aldeas.
A nosa crise é só nosa.
Comentarios (0) - Categoría: Europa - Publicado o 01-10-2009 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Señora ministra, vacínese vostede
Pola doutora Mónica Lalanda *Traducido de http://ianasagasti.blogs.com/mi_blog/2009/09/se%C3%B1ora-ministra-vac%C3%BAnese-usted.html

Señora ministra, propóñolle que sexa vostede a primeira española que se vacine contra a Gripe A. De feito, con este despropósito chamado autonomías, se se vacina vostede e toda a xente que nos goberna en España, o grupo control sería o suficientemente grande como para sentirmonos todos máis seguros.

Verá vostede, agradézolle que me colocase á cabeza dos grupos de risco e que teña vostede tantísimo interese en que non me colla a gripe. Entendo que vostede presisa de min para que o sistema de saúde non se colapse; con todo, é unha gran pena que do mesmo xeito que vostede se preocupa pola miña saúde e de súpeto me valore como un ben nacional, non se preocupe nada pola miña situación laboral. Convídoa a que veña a ver o meu contrato ou o do resto dos médicos neste país. A gran maioría traballamos con contratos que no resto da Europa serían unha vergoña.

Señora ministra, eu non me vou vacinar. O virus non acabou de mutar e a partir da última mutación deberían pasar seis ou oito meses para elaborar a devandita vacina. Quere dicir, a vacina que nos propoñen non pode ser efectiva. En canto á súa seguridade, xa temos a experiencia de vacinas para a gripe fabricadas ás présas; úsanse adxuvantes perigosos para poder pór menor cantidade de virus. Francamente, eu prefiro ter mocos tres días que sufrir un Guillain-Barré.

Señora ministra, a min non me gusta ser un coello de indias. O Centro de Prevención e Control de Enfermidades da UE "espera a saber cales son os efectos da vacina nos adultos saudábeis para detectar posibles consecuencias adversas". Mire vostede, como que non. Prefiro que a poña vostede mesma e logo xa mo conta.

Señora ministra, estáselles escapando o asunto das mans. Está xa máis que claro que este virus, aínda que moi contaxioso, é moi pouco agresivo e máis do 95% dos casos cursa de maneira leve. Espérase un máximo de 500 falecementos fronte aos 1500 a 3000 que provoca a gripe tradicional.

Mentres tanto, vostede está a permitir un malgasto de recursos inaceptable. Moitos hospitais no país están a ser obxecto de cambios arquitectónicos absurdos e innecesarios para prepararse para unha hecatombe que xa sabemos non vai ocorrer. Gastáronse vostedes 333 millóns de euros nesta pandemia de cor e fantasía. A letalidade do virus é do 0.018%, francamente irrisoria.

Señora ministra, déixeme que lle lembre que a Gripe A matou até agora 23 persoas e que ten unha taxa de incidencia de 40-50 casos por semana e 100.000 habitantes.

Con todo, o tabaco produce en España 40.000 mortes ao ano e 6.000 por tabaquismo pasivo. Iso si que é unha pandemia, vostede prefire ignorala. É un tema menos atractivo e que lle crearía multitude de inimigos.

Señora ministra, explíqueme por que ten vostede o Tamiflú baixo custodia do exército. A eficacia dos antivirais nesta gripe é dubidosa e de calquera xeito o único que fai é reducir un pouquiño a duración dos síntomas e con efectos secundarios nada despreciábeis.

Calquera diría que garda vostede baixo sete chaves a cura contra o cancro ou a peste bubónica. Poña o fármaco nas farmacias que é onde debe estar e déixese de fantasías máis propias de Hollywood...

Alternativamente, faga algo sobre a patente do osetalmivir e permita que o fabriquen outras compañías farmacéuticas, así non hai abafos de restricións.

Señora ministra, as previsións da Organización Mundial da Saúde xa erraron en ocasións anteriores. Cando a Gripe Aviaria, prediciron 150 millóns de mortos que ao final quedaron en 262 falecementos. Volvéronse a equivocar, tanto ten.

O importante é parar a tolemia na que estamos montados e esa, señora Jiménez, é responsabilidade súa.

Señora ministra, aquí unha é unha cínica por natureza.

Demasiada xente leva tallada deste asunto. Non só os fabricantes das vacinas e os antivirus senón os que fan as máscaras, os da vitamina C, os do bífidus activo, os fabricantes de ventiladores artificiais e pulsiosímetros, os dos panos desbotábeis, os produtos de desinfección de mans, até os presos con enfermidades incurábeis queren aproveitar para marchar a casa. Con todo, non me negará tampouco que a pantalla de fume veulles ao xeito ao seu goberno agora que a crise segue a súa marcha, o desemprego ten niveis históricos, sóbennos os impostos, sobe o IRPF e baixa o PIB. Unha casualidade, supoño.

Señora ministra, unha cousiña máis.

Se teño que ver moitas máis fotos súas a media páxina con mirada astuta, traxes sexis e poses de modelo... vaime dar un chungo!

Mónica Lalanda pasou os últimos 16 anos en Inglaterra, a maioría deles como médico de urxencias en Leeds (West Yorkshire). Na actualidade traballa na unidade de urxencias do Hospital Xeral de Segovia, participa en varias publicacións inglesas e tamén ilustra libros e revistas con viñetas médicas.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Cita de Castelao sobre Galicia Bilingüe
Unha cita de Castelao e en castelán para rematar ben o mes de agosto.

Los catalanes, los gallegos y los vascos serían anti-españoles si quisieran imponer su modo de hablar a la gente de Castilla; pero son patriotas cuando aman su lengua y no se avienen a cambiarla por otra. Nosotros comprendemos que a un gallego, a un vasco o a un catalán que no quiera ser español se le llame separatista; pero yo pregunto cómo debe llamársele a un gallego que no quiera ser gallego, a un vasco que no quiera ser vasco, a un catalán que no quiera ser catalán. Estoy seguro de que en Castilla, a estos compatriotas les llaman "buenos españoles", "modelo de patriotas", cuando en realidad son traidores a sí mismos y a la tierra que les dio el ser. ¡Estos si que son separatistas!
Comentarios (0) - Categoría: Diglosia - Publicado o 30-08-2009 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
Múrchannos a fala
De todos é coñecida a pouca capacidade de respecto de Feijoo en temas lingüísticos e culturais que lle tocaron xetionar. É normal que poña en cuestión a diario por que para ser funcionario en Galiza fai falla coñecer o galego. Ten a súa certa lóxica xa que o presidente de Galiza, despreza o galego e está metendo o país e as institucións das que se dotou para defenderse a si propio e a cultura propia na tarefa inacabada no século XX. Non me vén agora á cabeza o nome da frase "Galiza é o país que tenta suicidarse e aínda non foi quen de facelo" pero creo que Feijoo é o método actual desa actitude xa case tradicional.
Da mesma maneira que os métodos anteriores foron errados este madrileño nacido nos Peares non conseguirá máis que o aplauso das clases privilexiadas do reino. Ese aplauso que se lle adica ao bufón que se auto-mutila mentres o xantar dos madrileños continúa sen lle conceder demasiada atención.
Chegou aos meus oídos algo que xa linda coa mutilación extrema de Galiza e a nosa lingua. Hai quen rexeita a lingua, a cultura e mesmo as palabras Galicia, galego e galeguismo e ten que seguilas sempre dun epíteto que as dilúa e lles reste a agresividade e subversión da súa mesma existencia. É que existir e non pedir perdón por tal motivo é ás veces para os uniformadores e uniformados un feito subversivo. Porque o cómodo é non ter que facer nada para que todos fagan o que eu quero, pero nós como Brasilino Álvarez (Alcalde da Guarda en malos momentos) na véspera da súa morte collemos o teléfono e sen medo dicimos as súas sagradas e nobres palabras "o meu concello non se conquista por teléfono".
Pois despois de oír que todo o tecido cultural galego é desmontado polos desleigados (e consulten e dicionario para ver o ben que lles acae o apelativo) que nos gobernan un xa non sabe se é o normal. Perseguen en Aragón a súa cultura? Perséguena en Cantabria? Perseguen acabar coa cultura propia en Murcia? Pode ser que fagan iso en Estremadura? Seica en Madrid? A resposta é sempre non e con sorpresa pola lunática pregunta e nótese que falo de comunidades fieis e leais ao réxime. Mesmo en lugares coma a soñada Baviera defenden a cultura propia. É un acto de auto-estima como lavar os dentes, a cara ou peitearse antes de saír da casa. Que se pode agardar de quen pensa que cortándose as veas vai ser máis respeitado polo próximo?
Pois ben, volvo ao fío: Prodúceme fondo pesar ver o teatro paralizado, a radio silenciada, a TVG invisibilizándonos, os grupos musicais galegos ignorados, os escritores en galego convidados a escribir en castelán, anulados os máis dos actos de promoción da nosa cultura no extranxeiro... Recentemente tamén me foi enterado que eses rapaces que veñen do estranxeiro, de aquén e alén Pirineos, para estudar galego e traballar nas diferentes entidades que a isto se adican levan xa meses sen cobrar a bolsa mensual. Casualmente os meses desde a toma do goberno do Feijoo.
Queren que murchemos, que sequemos por falta de rego e esquecen e ignoran que a nosa terra é a terra dos mil ríos e que cada un dos lectores, escritores, falantes e oíntes do noso idioma levamos auga á pranta que para nós é o noso único e máis valioso proxecto.
Longa vida a Galiza, ao galego e ao galeguismo sen epítetos acomplexados!
Comentarios (3) - Categoría: Diglosia - Publicado o 28-07-2009 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
As leis e o Galego
Hai xa tempo que dicía que a importancia de que haxa unhas leis que apoien o galego é unha axuda pero non unha solución ao conflito lingüístico. De feito cada vez que unha persoa falaba chea de fartura arredor da lexitimidade do galego en base a unhas leis españolas eu sempre puña cara de sorpresa. As leis mudan e a lingua é nosa. O galego vale para todos os feitos sociais porque é a lingua de cultura e comunicación de muitos galegos e de Galiza en xeral desde mil anos atrás. O español é unha lingua nobre como outra calisquer que goza dun estatos de superioridade económica es social na nosa terra e que temos que empregar para o noso beneficio pero nunca asumir como propia. Con pouco que nos poñamos teremos unha lingua propia e dúas linguas de difusión internacional a tiro de pedra que xunto coa aprendizaxe de inglés nos farán un pobo políglota con muitas máis posibilidades que por exemplo os orgullosos monolingües madrileños. Nós non somos o centro do mundo pero eles tampouco. Se queremos ser alguén neste planeta temos que falar máis lingua que a nosa pero nunca desatendela. Os madrileños do ejque e do ejpaña non se atreven nin a aprender galego ou catalán, canto menos inglés ou alemán... e se aspiran a ser a praia de Europa non me parece a millor postura.

Xa antes tiñamos unhas leis ben xeitosas no papel e inexistentes na realidade. As leis están agora mesmo por ser cambiadas. O vendaval Feijoo trouxo unha batasunización de Galiza. El pensaba que puña o termo en que saían desprestixiados os galegofalantes pero en realidade os que saímos desprestixiados coas súas madrileñas decisións somos todos os galegos. Se non podemos ter paz lingüística e o goberno fai o posible por rachar a convivencia entre as persoas que vivindo nun mesmo espazo físico temos dúas culturas diferentes é posible que cheguemos a un punto sen retorno onde o futuro sexa muito pior do que todos imaxinamos ata a chegada de Feijoo. O home da mangueira de xardín para apagar lumes no medio do monte trae muitos problemas e acaba coa xa mal levada convivencia na nosa terra. Esa mangueira recen estreada bota aceite, lixo, chapapote e polución pola boca mentres o home que viste a Ralph Lauren e pensa en madrileño sorrí para a cámara. O futuro muda, como as leis. Se queremos ter un futuro con opcións para todos os cidadáns de Galiza (non só son cidadáns os madrileños que se mudaron á nosa terra) o primeiro vai ser retirar a este prestigeiro do medio antes de que non poidamos saudar ao veciño porque fala a lingua dos que mandan e perseguen a nosa.
Comentarios (3) - Categoría: Diglosia - Publicado o 29-06-2009 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Moreno Cabrera e os mitos da lingua española


Ollo compañeiras e compañeiros, son 40 minutos pero non son 40 minutos perdidos.

Recomendádisimo!
Comentarios (1) - Categoría: fotoblog - Publicado o 23-06-2009 02:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal