Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

A fin do mundo tal e como agora o coñecemos
Neste comentario quero facer unha especie de reflexión sobre a febleza do mundo tal e como o coñecemos. E como, a pesar de que cremos muitas veces que o noso mundo é seguro e todo está atado e ben atado, todo pode mudar por unha mala brincadeira do planeta.

A brincadeira da que vos falo é esta simpática, ata o momento, erupción volcánica que a maioría dos medios din que é nun volcán en Islandia. A información é do máis pavera. Non hai bolseiro o suficientemente valente como para pronunciar na radio, ou TV o seu nome. E poucos dos que traballan na imprensa escrita lle chaman polo nome. Eyjafjallajokull é o volcán no quinto carallo (Islandia) que vai acabar con todo tal e como ata agora o coñecemos. Especialmente a principal industria española: o turismo.

Alguén oíu falar da crise nas empresas de voos comerciais? Que si o combustible é caro, que se a competencia das low cost fai imposible a súa viabilidade, que se a xente coa crise xa non usa tanto os avións coma antes... e finalmente se o volcán non para de botar cinza (e os técnicos seguen a pensar que este é realmente un perigo para os avións e non unha medida excesivamente alarmista) en cuestión dun ano podemos estar ante un golpe ben duro na economía do norte do continente e no verdadeiro empurrón necesario para as economías do hemisferio sur. Será a isto ao que lle chaman xustiza divina?

España é un país que vive do turismo barato. Sen avións no aire non hai quen chegue dun xeito cómodo e nun tempo razoable. Que pasará coa economía? Eu xa vexo aos do Castromil fregando as mans. Vai ser un ano de regreso ao pasado, de comunicacións en tren, bus e barco. Comprar un billete de avión con 1 mes de adianto será un exercicio de temeridade. E todo o que digo será certo se non resulta outro bluf informativo. A teoría do caos unha vez máis en movemento.
Comentarios (4) - Categoría: Europa - Publicado o 17-04-2010 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Garzón ao banco
Desde a distancia en que me atopo non me acabo de enterar ben de porqué se está a xulgar ao xuíz Garzón. Quede claro que este xuíz non goza de máis afinidade para min que outro xuíz calquera coa única salvidade que el non xurou os principios do Movimiento Nacional cando foi nomeado xuíz no ano 83. E haberá quen pense que este detalle do xuramento é pouco a ter en conta. Eu penso o contrario e a seguir me explico.

Cando o fascismo caeu en Italia e Alemaña houbo un proceso de refundación de ambos estados que afectou absolutamente a todos os funcionarios. Estes foron investigados por colaboración co réxime e nos seus expedientes (o dos que continuaron no cargo) sempre figurou que foran funcionarios do fascismo pois aínda que a posteriori xuraron as novas constitucións tamén xuraran as vellas e un xuramento nunca borra o anterior. Especial atención se lle prestou aos funcionarios de xustiza pois foron os que xustificaron o rexime e fixeron cumprir as súas leis.

Cando Franco morreu de vello en España non houbo proceso de refundación do estado feixista, nin revisión da colaboración dos funcionarios. Por non haber non houbo nin eleccións para escoller o xefe de estado. Automaticamente pasou a selo a persoa que o líder do rexime feixista escollera seguindo unicamente o mandato da súa vontade. Os xuíces, que todos xuraran adhesión ao Movimiento Nacional, seguiron exercendo o seu posto sen ningunha revisión das súas sentenzas nin carreiras xudiciais.

Na Alemaña e máis na Italia foron prohibidos os partidos de inspiración feixista e a día de hoxe calquera movemento que se adapte ás características ideolóxicas destes corre perigo de ser ilegalizado.

Na España ao día seguinte da morte de Franco, e mesmo bastantes anos depois, o movemento con máis militancia era a falanxe española. Presente e case omnipresente no exercito, funcionariado, igrexa e xuíces.

E aquí chego a onde quero chegar. Actualmente hai un xuíz que non xurou lealdade aos principios do Movimiento Nacional que vai ser xulgado por defender as vítimas do tal Movimiento. Para máis inri a maior parte dos xuíces que o xulga xuraron adhesión ao Movimiento Nacional e a acusación é un sindicato herdeiro do Movimiento Nacional. Pode facer máis España o ridículo? Sempre pode :)

E eu sigo pedindo que a sentenza de morte de Alexandre Bóveda deixe de ser vixente. Foi un asasinato e aínda non se considera como tal. Cousas da nosa exemplar restauración borbónica.
Comentarios (1) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 29-03-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Os touros e o estado
Creo que vivimos nunha sociedade na que xa chegou o momento de lle por freo aos touros desde unha maneira civilizada. Aplaudo as iniciativas de concellos ou países (como Cataluña) declarándose zonas libres de torturas de touros pero ese non é o meu estilo.

Tampouco é o meu estilo recordar que desde 1567 existe un escrito papal da autoría do santo e pontífice Pio V condenando á excomuñón aos que participen ou promovan espectáculos taurinos tanto a pé como a cabalo.

Pero si que me gustaría chamar a atención sobre as implicacións do estado nestes espectáculos de mutilación (a maior parte das veces só animal). Vivimos nun mundo onde non se permite sacar imaxes de xente fumando por televisión, nin a súa propaganda e aínda así conséntese o espectáculo previo pago e multitudinario de torturas animais?

Eu posiciónome en contra disto. Xa non quero entrar no milleiro de motivos nos que fundamento a miña perspectiva do tema. Só quero chamar a atención sobre algúns aspectos nada novidosos pero que nunca son tidos en conta.

Estas corridas taurinas normalmente fanse en lugares públicos. E non me refiro a que sexan accesibles a muita xente senón a que son de titularidade municipal ou dalgunha outra entidade do estado. Isto é inconcibible! Eu non quero que un só céntimo dos meus impostos sexa dado para que se constrúan ou restauren lugares de cruel tortura animal. E suxiro que se a organización privada destes sádicos eventos altera a normalidade do tránsito rodado se lles pase a factura aos organizadores das horas de servizo empregadas polos policias municipais que teñan que aliviar este problema que xera o espectáculo privado.

Da mesma maneira, e sabendo que neste país hai sanidade universal, suxiro que sempre que algún dos torturadores sufra algunha lesión que teña que ser tratada na sanidade pública sexan atendidos coma outra persoa en función da gravidade da autolesión e posteriormente se lles pase a factura do tempo de quirófano e persoal empregado nesa lesión voluntaria facilmente evitable. Porque algúns non o saben pero o tempo é limitado, os medios tamén e mentres se atende un paciente kamikaze déixase de atender a outros que posiblemente sexan vítimas dunha doenza que non buscaron con temeridade.

Eu non me posiciono demasiado a favor de prohibir este tipo de espectáculos pero si, de que se fagan en lugares de titularidade privada, se paguen as accións que teña que tomar o estado para manter a normalidade no transito rodado e que estean equipados con equipos sanitarios privados ou paguen o uso da sanidade pública que xeren estes incivilizados espectáculos.
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 27-03-2010 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Carallada
Haben Sie einen schönen Tag!

Ao final ten un minuto baleiro para volver á normalidade despois de tanta sobredose de rir
Comentarios (1) - Categoría: fotoblog - Publicado o 18-03-2010 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa diez
Non puiden reprimirme e deixar de publicar esta xenial montaxe que tirei do Blogue do Demo intitulada "Ela, no senso mais pejorativo".

Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 12-03-2010 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
A Xanela
Xa está no ar o Videazo de Daria :)

"A Xanela" (2010) from daria on Vimeo.



Mil Grazas, Daria, por facerme sorrir e sentirme xenial despois de mirar este traballazo!
Comentarios (0) - Categoría: fotoblog - Publicado o 07-02-2010 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Como observadores dun tempo que pasa alleo a eles
Volvo ao blogue porque hoxe fun facer unhas xestións de cara ao meu inmediato futuro no estranxeiro e observei unha imaxe con ollos de quen escribe, ou escribía, estas liñas.

Hoxe visitei por vez primeira as instalacións da seguridade social na Rúa Galeras. Alí onde había un hospital e agora van facer un edificio de vivendas (iso pode resumir a economía do noso país nunha única imaxe). A verdade é que todo estaba limpo, moderno, amplo, luminoso... Debe ser un pracer ir alá a pedir os papeis do paro... O conto é que estaba agardando pola miña quenda e tiña diante un espazo aberto con 8 mesas para atender á xente. As que tiñan o funcionario no posto atendían con bastante rapidez, que me sorprendeu. A miña espera foi apenas de 5 ou 10 minutos. A verdade é que está ben organizado.

Ese tempo non foi suficiente para poñerme en observación pasiva. Tiña xusto diante de min dúas persoas que destacaban sobre o conxunto. O resto dos atendidos polos funcionarios estaban sentados mentres que estes permanecían en pé. As súas caras reflectían con sinceridade o paso do tempo. Unhas fermosísimas pupílas azuis no fondo duns ollos cansados e como de vaca. Un pai e un fillo. Entendo que de orixe rural e vida agraria. Desta xente que debe saír pouco da casa. Mentres eu vou e volvo en avión a diferentes partes de Europa eles tiñan aspecto de traballar duramente na casa todos os días, todas as horas.

O rapaz debía ter a miña idade, achegámonos perigosamente aos trinta, pero o seu aspecto era dun home vello. O seu peiteado ao natural e graxento permitía saberlle un futuro escaso ao pelo, que xa era asexado por dúas rias paralelas. Un home vello doutra época, que non quere sentar diante do funcionario e que de cando en vez mira cos seus cansados ollos azuis o resto da sala. Rezuman dignidade eses ollos cansados. As mans demostran muita batalla vivida e a absoluta submisión ao funcionario confirma a humilde orixe galega dos nosos compañeiros. Están aí. aí quedarán para sempre no meu maxín. Mesmo me deu impresión que miraban con curiosidade o ordenador.

Xente nobre e traballadora que non se asoma ao noso modo de vida. Quedan poucos, valen muito!
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2010 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal