Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Amor
Desde estas afastadas terras que case nin no noso idioma gardan nome estaba esta mañá de domingo a ler a prensa española, onde atopei este artigo. Se non queredes lelo en castelán eu ben volo resumo: apareceron mortos dous anciáns solitarios en Vigo. Cada día é máis frecuente, debido a que as familias non visitan os seus maiores pero este caso parece diferente. A parella non tiña familia e roldaban os 80 anos. O home parece que levaba 15 días morto e a muller, que apareceu morta abrazada a el, apenas 5 días. Segundo o artigo, que non achega fontes, é posible que a muller permanecese deitada á beira do seu home ata morrer por inanición.

Suxírese un final dunha fermosa historia de amor.
Eu sempre desconfío. Pero estando o mundo cheo de merda, non sei para que buscar máis.

Descansen en paz.

Parece que a historia non morreu aí. Grazas a Paideleo por avisarme e a Calveiro polo seu relato. Aquí, lonxe, eu non me entero de nada.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2010 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
Os galegos no Espanha - Portugal
Comentarios (0) - Categoría: fotoblog - Publicado o 10-07-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
Pelotas é un estado que hai no Brasil...


Por cousas simpáticas da vida e que non acabo de entender de todo, unha cantidade significativa de persoas chegan a este blogue facendo unha percura no google sobre a canción de Ana Kiro Pelotas é un estado que hai no Brasil. Faime muita graza e como onte chegou ao meus ollos e ouvidos esta versión filmada en Frankfurt d'A Requinta da Laxeira cantando, tocando e cunha sensacional coreografía d'O Galo canta, a galiña chora... Pois póñoa aquí para que quen busque esa copla atope este videazo.

Non vai ser todo textos inmensos...
Comentarios (4) - Categoría: fotoblog - Publicado o 24-06-2010 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
As arcáicas e ridículas diferentes medidas do ferrado e os media
Vou tentar ser claro na exposición das miñas ideas sobre a diferente lupa que se emprega en función de quen son as vítimas dunha noticia. Espero neste exercicio de autodescubrimento e indagación non ofender a ninguén.

Preocúpame, como a todos, a doente parcialidade da imprensa.Isto non é novo. Os mesmo que se rin do detalle de que en Galiza antes había mais de 200 arcaicas medidas de ferrado segundo a area xeográfica onde se negociasen os produtos da terra son os que ven con normalidade que os mortos en accidentes laborais teñan infinitamente menos repercusión nos media que as escasas vítimas do terrorismo. Xa non falo só de atención, se se empregasen os cartos que xustifican 5 mortos ao ano en perseguir a explotación de milleiros de traballadores viviríamos nunha sociedade máis xusta e faríamoslle fronte a problemas máis reais. Pero non é este camiño o que quero tomar hoxe.

Está clarísimo para todos que tanto eses 5 (máis ou menos) mortos anuais por terrorismo como os recentemente asasinados polo exército israelita e augas internacionais membros dunha flotilla de axuda humanitaria son mortos inxustamente asasinados e que independentemente do trato que lles dea a xustiza ás vítimas e aos verdugos debemos darlles a atención nos media suficiente para que non sexan tidos nunca por actos de acotío.

Este sería un ferrado xeneroso. Outro ferrado máis pobre é aquel que conta a morte de Jon Antza. Daba para un bo filme americano. Algúns nin sequera saberán quen era o Jon Antza. Este home non era un honrado traballador, era un membro de ETA que presumiblemente foi asasinado por persoas a quen todos lle pagamos o soldo cos nosos impostos mentres trasladaba unha abondosa cantidade de cartos da ETA a algunha parte. É o que lle chamarían unha vítima da guerra suxa do estado contra ETA. Parece ser que non se detén na ilegalización de listas electorais nin no nomeamento de persoas (e a permanencia das mesmas en listas secretas que manexa o estado, como antes de herdar o rei) que contaminan coa súa presenza listas electorais válidas para candidaturas democráticas. Parece que ademais, non chega con deter estes delincuentes (os que matan, non os que teñen ideas que non son do gusto do estado) parece ser que agora tamén é valido o feito de matar, roubar e deixar o cadáver abandonado dando ordes ás autoridades francesas de que non se investigue quen é. Pero este só pretende ser un exemplo da diversidade dos ferrados informativos.

O que me leva a escribir aquí non é unha defensa dun terrorista morto a mans do noso estado do benestar (que manda carallo!), é a atención mediática que se lle dá a algúns temas. Hoxe en día ser asasinado por ETA ten máis repercusión mediática que obter un premio Nobel e aínda que eu non creo na nobreza o estado si e encárgase de que os familiares reciban unha significativa pensión, estean exentos de impostos de por vida, teñan dereito de preferencia sobre os que non tivemos esa desgraza en oposicións e accesos a universidades. É unha nova nobreza, cos seus privilexios, que se xunta nas súas reunións e lle di ao goberno o que debe e non debe facer. Ese é o papel dos xuíces, que non o das vítimas.

Estes días houbo un rebumbio mui grande con isto do asalto do exercito israelí á flotilla. Realmente unha cafrada que sen ningunha dúbida condeno. Ademais, a miña postura sobre esa parte do mundo nunca a tiven mui clara. Debo ser o único. Pero o que pasou nestes días é un acto terrible de inhumanidade e estou dacordo en que debe ser pregoado aos catro ventos xa que a xustiza non vai actuar, como no caso do Jon Antza.

O que me sigue a preocupar é que ese ataque teña tanta repercusión e o que pasa estes días en Quirguicistán* con moreas de mortos sexa tido como algo estraño que pasa nun destes países descoñecidos (por ignorancia militante, xa que o próximo ano fará o seu 20 aniversario). Non valen tanto estas mortes como outras? Se estes países quedan fóra da atención internacional agárdalles un futuro lóbrego por máis revolución dos tulipáns que monten eles.

A perspectiva política internacional nestes 10 anos mudou. Rusia xa ten suficiente autoconfianza e aprobación desde a comunidade internacional para ir facendo das súas na súa área de influenza sen que ninguén meta os fociños de por medio. E é que non é o mesmo facer o expansionismo sendo unha potencia comunista que sendo unha democracia autoritaria, onde vai parar! Pois iso me pregunto eu. Onde vai parar? Os países que saíron da URSS están atemorizados e xa ven sobre eles a sombra de Rusia. Coñezo un rapaz que podería falar con amplo coñecemento da situación paralela do Ucraíno e o Ruso no estado soberano de Ucraína. Amplamente paralela ao caso do Galego na nosa terra. Temos que mirar para estes países, pois con toda a distancia que existe, ás veces, presentan paralelismos connosco que só os ignorantes militantes non quererían aproveitar para aprender. O tempo da paz está rematando e estamos inseridos nunha tremenda crise, non sei se vos soa a situacións anteriores. O primeiro que se pode facer é.


* Quixen comprobar o nome do país en correcto galego no Atlas Mundial Galego que se atopaba na páxina da CRTVG pero hai xa meses que a min non me deixa acceder, non sei se será problema de incompatibilidades ou de nova política da empresa.
Escribín Quirguicistán pois é a forma que aparece no artigo da wikipedia
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 13-06-2010 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Piada sobre a crise
Quen dixo que o goberno non empregaba as novas tecnoloxías para saír da crise?

Comentarios (1) - Categoría: fotoblog - Publicado o 11-06-2010 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Curiosa portado do Deia
Simplemente quero compartir convosco esta singular portada do Deia.





E para acabar, e non sei se Patxi López mente ou non, o que sei é que saíu da man de Feijoo noutra foto fardando da súa pulseiriña máxica. Até aí chega o infantilismo dos políticos. Non me gustou as compañas con que ía, a idea que tranmitían os dous gobernantes de Gz e EH dicindo como que estaba todo controlado en provincias e pareceume terrible o da pulseiriña máxica
Comentarios (0) - Categoría: fotoblog - Publicado o 11-05-2010 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
O monolingüismo non pode ser a nosa meta
Considero que non podemos perder o norte co tema das aspiracións lingüísticas e valoracións sobre a nosa lingua tanto no noso universo ideolóxico como na praxe cotiá. Na miña opinión as aspiracións ao monolingüismo en galego son actualmente brindos ao sol, que é unha categoría aínda máis afastada da realidade e pertinencia que as discusións bizantinas. A día de hoxe o monolingüismo non é unha aspiración realista.

Como sei que é algo polémico e eu mesmo me escandalizaría ao ler algo así ata fai pouco exporei as miñas argumentacións para que as consideredes:

A día de hoxe o galego está nun proceso de substitución en todos os seus ámbitos e sen excepción. Especialmente na educación, que era un ámbito recentemente encetado que tamén se perde. Calquera fontaneiro que ve unha fuga de auga, por muito que el saiba que é motivado pola mala calidade da instalación do edificio non comeza o cambio da instalación do edificio ata que repara a fuga. Polo tanto non podemos asumir como reto realista o monolingüismo en galego mentres non saibamos como parar a sangría de falantes que esta lingua perde.

Da mesma maneira. O concepto de estado nación tan doutra época, e que tanto gosta ao PP e nacionalistas periféricos, é algo que perdura nas mentalidades máis conservadoras e carcas. No meu parecer o mesmo monolitismo primario é o que fai que pensemos que a nosa lingua ten que ser a única na nosa terra. Isto é un concepto atrasado nas sociedades mono-nacionais e extremadamente utópico nas sociedades minorizadas. Hoxe en día os currículos escolares inclúen galego e castelán e ademais dúas linguas máis. Unha como lingua estranxeira A e outra como opción de lingua estranxeira B. A presenza de (polo menos) galego, castelán e unha lingua estranxeira na educación é unha necesidade indiscutible e unha garantía de excelencia da nosa educación. O monolingüismo non é un obxectivo para o futuro. Eu creo que renunciar ao uso fluído do castelán é como amputarnos un brazo para adelgazar, efectivo en canto a quilos pero invalidante e que calquera outro pobo vería con asombro e sorna. As linguas, cantas máis mellor, sabendo sempre que o galego é a nosa.

O problema é que como sempre a teoría vai por un lado e a praxe por outro. Os principais políticos españois non saben falar linguas estranxeiras mentres que para traballar nun kebab saber inglés é case un requisito. E o que é mais grave, xente que goberna Galiza e que tivo acceso a educación en galego non sabe falar galego (con toda a carga de mediocridade que isto conleva e que disfrazan en discurso ideolóxico). O BNG, partido onde peor se fala o galego (se é que iso pode ser entendido como falar galego) é capaz de caer tamén nunha falta de coherencia total. Eles piden coa boca pequena o monolingüismo en galego cando non son capaces de garantir un mínimo nivel de galego na súa militancia nin nos seus cargos públicos (escoitar a Quintana era doloso e máis sabendo que era o sucesor de Beiras). O seu galego é tan pidgin que nas televisións españolas non lexendan nin ven a necesidade de dobrar as súas declaracións. Na máis marxista (dos irmán Marx) das reaccións estes chegaron a ameazar con poñer máis acento galego! (poderían comezar por non ter que finxilo).


Hai que chegar á xente que ignora no noso país o noso idioma. Á xente que ama o galego pero o garda na vitrina que só abre para as manifestacións e reunións galeguistas. Á xente que non o fala por vergonza. Hai que chegar a esa xente e dicirlles que o galego non é un matrimonio, un compromiso que os acompañe ata a morte. É a nosa lingua. E pódese usar tan ben como o castelán e non precisa que se fale as 24 horas do día. Pero se nesas mesmas 24 horas non se fala en ningunha estamos condenando un dos nosos valores fundamentais á morte. De feito non o estamos a condenar senón que aplicamos unha condena non escrita. Como postura responsable ante esta situación e movéndonos cos pés na Terra, considero que temos que prestixiar o noso idioma sen renunciar a calquera outro idioma que nos abra portas onde co noso non chegamos.


Recomendo a lectura seria desta entrevista onde Henrique Monteagudo fala do tema sen medo.

Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal