Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Metabloguizando
Co cinismo irónico habitual dos blogues hai anos xa que escoitei (ou lin) por aí que o blogomillo era xa a blogomorgue. É natural, posto que o mundo cambiou de maneira extremadamente veloz e os catro, logo catrocentos, que queríamos comunicar os nosos pensamentos na rede a través de blogues topámonos con novos produtos (facebook, twitter...) con moita difusión e xa directamete á xente que nos interesa e interesamos. Isto democratizou a comunicación en internet aínda que tamén lle puxo cancelas.

Dame a impresión que despois dese tempo de expansión comunicativa que tamén houbo nos blogues está a chegar o momento do silenzo. E nisto sofremos a mesma doenza blogues e redes sociais. Non é crise por falta de textos senon por falta de lectores. Aqui toda a xente quere falar e poucos son os que queren escoitar, ainda que amen falar.

Este esmorecer que eu percibo, quizais equivocado, nas privadas redes sociais sexa un bo momento para retornar aos abertos e mais ou menos anónimos blogues.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-05-2012 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
cagada
Hoxe teño quenda de tarde no traballo e esta mañá, mentres daba as últimas voltas na cama, consultaba caralladas desde o meu móbil. Andaba a fedellar nas cousas do facebook despois de comprobar a través da xanela que o día convida a un par de voltas máis na cama.

Entroume a curiosidade e fun mirar o perfil da miña ex no facebook. Nada interesante. Escribín o nome doutra persoa e deille ao botón. E en vez de aparecer o perfil novo quedou escrito, o nome, no perfil da miña ex. Inmediatamente borrei pero deixou de ser unha visita anónima.

Nunca máis facebook e durmido desde a cama!
gr...
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2010 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Amor
Desde estas afastadas terras que case nin no noso idioma gardan nome estaba esta mañá de domingo a ler a prensa española, onde atopei este artigo. Se non queredes lelo en castelán eu ben volo resumo: apareceron mortos dous anciáns solitarios en Vigo. Cada día é máis frecuente, debido a que as familias non visitan os seus maiores pero este caso parece diferente. A parella non tiña familia e roldaban os 80 anos. O home parece que levaba 15 días morto e a muller, que apareceu morta abrazada a el, apenas 5 días. Segundo o artigo, que non achega fontes, é posible que a muller permanecese deitada á beira do seu home ata morrer por inanición.

Suxírese un final dunha fermosa historia de amor.
Eu sempre desconfío. Pero estando o mundo cheo de merda, non sei para que buscar máis.

Descansen en paz.

Parece que a historia non morreu aí. Grazas a Paideleo por avisarme e a Calveiro polo seu relato. Aquí, lonxe, eu non me entero de nada.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2010 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
O monolingüismo non pode ser a nosa meta
Considero que non podemos perder o norte co tema das aspiracións lingüísticas e valoracións sobre a nosa lingua tanto no noso universo ideolóxico como na praxe cotiá. Na miña opinión as aspiracións ao monolingüismo en galego son actualmente brindos ao sol, que é unha categoría aínda máis afastada da realidade e pertinencia que as discusións bizantinas. A día de hoxe o monolingüismo non é unha aspiración realista.

Como sei que é algo polémico e eu mesmo me escandalizaría ao ler algo así ata fai pouco exporei as miñas argumentacións para que as consideredes:

A día de hoxe o galego está nun proceso de substitución en todos os seus ámbitos e sen excepción. Especialmente na educación, que era un ámbito recentemente encetado que tamén se perde. Calquera fontaneiro que ve unha fuga de auga, por muito que el saiba que é motivado pola mala calidade da instalación do edificio non comeza o cambio da instalación do edificio ata que repara a fuga. Polo tanto non podemos asumir como reto realista o monolingüismo en galego mentres non saibamos como parar a sangría de falantes que esta lingua perde.

Da mesma maneira. O concepto de estado nación tan doutra época, e que tanto gosta ao PP e nacionalistas periféricos, é algo que perdura nas mentalidades máis conservadoras e carcas. No meu parecer o mesmo monolitismo primario é o que fai que pensemos que a nosa lingua ten que ser a única na nosa terra. Isto é un concepto atrasado nas sociedades mono-nacionais e extremadamente utópico nas sociedades minorizadas. Hoxe en día os currículos escolares inclúen galego e castelán e ademais dúas linguas máis. Unha como lingua estranxeira A e outra como opción de lingua estranxeira B. A presenza de (polo menos) galego, castelán e unha lingua estranxeira na educación é unha necesidade indiscutible e unha garantía de excelencia da nosa educación. O monolingüismo non é un obxectivo para o futuro. Eu creo que renunciar ao uso fluído do castelán é como amputarnos un brazo para adelgazar, efectivo en canto a quilos pero invalidante e que calquera outro pobo vería con asombro e sorna. As linguas, cantas máis mellor, sabendo sempre que o galego é a nosa.

O problema é que como sempre a teoría vai por un lado e a praxe por outro. Os principais políticos españois non saben falar linguas estranxeiras mentres que para traballar nun kebab saber inglés é case un requisito. E o que é mais grave, xente que goberna Galiza e que tivo acceso a educación en galego non sabe falar galego (con toda a carga de mediocridade que isto conleva e que disfrazan en discurso ideolóxico). O BNG, partido onde peor se fala o galego (se é que iso pode ser entendido como falar galego) é capaz de caer tamén nunha falta de coherencia total. Eles piden coa boca pequena o monolingüismo en galego cando non son capaces de garantir un mínimo nivel de galego na súa militancia nin nos seus cargos públicos (escoitar a Quintana era doloso e máis sabendo que era o sucesor de Beiras). O seu galego é tan pidgin que nas televisións españolas non lexendan nin ven a necesidade de dobrar as súas declaracións. Na máis marxista (dos irmán Marx) das reaccións estes chegaron a ameazar con poñer máis acento galego! (poderían comezar por non ter que finxilo).


Hai que chegar á xente que ignora no noso país o noso idioma. Á xente que ama o galego pero o garda na vitrina que só abre para as manifestacións e reunións galeguistas. Á xente que non o fala por vergonza. Hai que chegar a esa xente e dicirlles que o galego non é un matrimonio, un compromiso que os acompañe ata a morte. É a nosa lingua. E pódese usar tan ben como o castelán e non precisa que se fale as 24 horas do día. Pero se nesas mesmas 24 horas non se fala en ningunha estamos condenando un dos nosos valores fundamentais á morte. De feito non o estamos a condenar senón que aplicamos unha condena non escrita. Como postura responsable ante esta situación e movéndonos cos pés na Terra, considero que temos que prestixiar o noso idioma sen renunciar a calquera outro idioma que nos abra portas onde co noso non chegamos.


Recomendo a lectura seria desta entrevista onde Henrique Monteagudo fala do tema sen medo.

Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Como observadores dun tempo que pasa alleo a eles
Volvo ao blogue porque hoxe fun facer unhas xestións de cara ao meu inmediato futuro no estranxeiro e observei unha imaxe con ollos de quen escribe, ou escribía, estas liñas.

Hoxe visitei por vez primeira as instalacións da seguridade social na Rúa Galeras. Alí onde había un hospital e agora van facer un edificio de vivendas (iso pode resumir a economía do noso país nunha única imaxe). A verdade é que todo estaba limpo, moderno, amplo, luminoso... Debe ser un pracer ir alá a pedir os papeis do paro... O conto é que estaba agardando pola miña quenda e tiña diante un espazo aberto con 8 mesas para atender á xente. As que tiñan o funcionario no posto atendían con bastante rapidez, que me sorprendeu. A miña espera foi apenas de 5 ou 10 minutos. A verdade é que está ben organizado.

Ese tempo non foi suficiente para poñerme en observación pasiva. Tiña xusto diante de min dúas persoas que destacaban sobre o conxunto. O resto dos atendidos polos funcionarios estaban sentados mentres que estes permanecían en pé. As súas caras reflectían con sinceridade o paso do tempo. Unhas fermosísimas pupílas azuis no fondo duns ollos cansados e como de vaca. Un pai e un fillo. Entendo que de orixe rural e vida agraria. Desta xente que debe saír pouco da casa. Mentres eu vou e volvo en avión a diferentes partes de Europa eles tiñan aspecto de traballar duramente na casa todos os días, todas as horas.

O rapaz debía ter a miña idade, achegámonos perigosamente aos trinta, pero o seu aspecto era dun home vello. O seu peiteado ao natural e graxento permitía saberlle un futuro escaso ao pelo, que xa era asexado por dúas rias paralelas. Un home vello doutra época, que non quere sentar diante do funcionario e que de cando en vez mira cos seus cansados ollos azuis o resto da sala. Rezuman dignidade eses ollos cansados. As mans demostran muita batalla vivida e a absoluta submisión ao funcionario confirma a humilde orixe galega dos nosos compañeiros. Están aí. aí quedarán para sempre no meu maxín. Mesmo me deu impresión que miraban con curiosidade o ordenador.

Xente nobre e traballadora que non se asoma ao noso modo de vida. Quedan poucos, valen muito!
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2010 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
Señora ministra, vacínese vostede
Pola doutora Mónica Lalanda *Traducido de http://ianasagasti.blogs.com/mi_blog/2009/09/se%C3%B1ora-ministra-vac%C3%BAnese-usted.html

Señora ministra, propóñolle que sexa vostede a primeira española que se vacine contra a Gripe A. De feito, con este despropósito chamado autonomías, se se vacina vostede e toda a xente que nos goberna en España, o grupo control sería o suficientemente grande como para sentirmonos todos máis seguros.

Verá vostede, agradézolle que me colocase á cabeza dos grupos de risco e que teña vostede tantísimo interese en que non me colla a gripe. Entendo que vostede presisa de min para que o sistema de saúde non se colapse; con todo, é unha gran pena que do mesmo xeito que vostede se preocupa pola miña saúde e de súpeto me valore como un ben nacional, non se preocupe nada pola miña situación laboral. Convídoa a que veña a ver o meu contrato ou o do resto dos médicos neste país. A gran maioría traballamos con contratos que no resto da Europa serían unha vergoña.

Señora ministra, eu non me vou vacinar. O virus non acabou de mutar e a partir da última mutación deberían pasar seis ou oito meses para elaborar a devandita vacina. Quere dicir, a vacina que nos propoñen non pode ser efectiva. En canto á súa seguridade, xa temos a experiencia de vacinas para a gripe fabricadas ás présas; úsanse adxuvantes perigosos para poder pór menor cantidade de virus. Francamente, eu prefiro ter mocos tres días que sufrir un Guillain-Barré.

Señora ministra, a min non me gusta ser un coello de indias. O Centro de Prevención e Control de Enfermidades da UE "espera a saber cales son os efectos da vacina nos adultos saudábeis para detectar posibles consecuencias adversas". Mire vostede, como que non. Prefiro que a poña vostede mesma e logo xa mo conta.

Señora ministra, estáselles escapando o asunto das mans. Está xa máis que claro que este virus, aínda que moi contaxioso, é moi pouco agresivo e máis do 95% dos casos cursa de maneira leve. Espérase un máximo de 500 falecementos fronte aos 1500 a 3000 que provoca a gripe tradicional.

Mentres tanto, vostede está a permitir un malgasto de recursos inaceptable. Moitos hospitais no país están a ser obxecto de cambios arquitectónicos absurdos e innecesarios para prepararse para unha hecatombe que xa sabemos non vai ocorrer. Gastáronse vostedes 333 millóns de euros nesta pandemia de cor e fantasía. A letalidade do virus é do 0.018%, francamente irrisoria.

Señora ministra, déixeme que lle lembre que a Gripe A matou até agora 23 persoas e que ten unha taxa de incidencia de 40-50 casos por semana e 100.000 habitantes.

Con todo, o tabaco produce en España 40.000 mortes ao ano e 6.000 por tabaquismo pasivo. Iso si que é unha pandemia, vostede prefire ignorala. É un tema menos atractivo e que lle crearía multitude de inimigos.

Señora ministra, explíqueme por que ten vostede o Tamiflú baixo custodia do exército. A eficacia dos antivirais nesta gripe é dubidosa e de calquera xeito o único que fai é reducir un pouquiño a duración dos síntomas e con efectos secundarios nada despreciábeis.

Calquera diría que garda vostede baixo sete chaves a cura contra o cancro ou a peste bubónica. Poña o fármaco nas farmacias que é onde debe estar e déixese de fantasías máis propias de Hollywood...

Alternativamente, faga algo sobre a patente do osetalmivir e permita que o fabriquen outras compañías farmacéuticas, así non hai abafos de restricións.

Señora ministra, as previsións da Organización Mundial da Saúde xa erraron en ocasións anteriores. Cando a Gripe Aviaria, prediciron 150 millóns de mortos que ao final quedaron en 262 falecementos. Volvéronse a equivocar, tanto ten.

O importante é parar a tolemia na que estamos montados e esa, señora Jiménez, é responsabilidade súa.

Señora ministra, aquí unha é unha cínica por natureza.

Demasiada xente leva tallada deste asunto. Non só os fabricantes das vacinas e os antivirus senón os que fan as máscaras, os da vitamina C, os do bífidus activo, os fabricantes de ventiladores artificiais e pulsiosímetros, os dos panos desbotábeis, os produtos de desinfección de mans, até os presos con enfermidades incurábeis queren aproveitar para marchar a casa. Con todo, non me negará tampouco que a pantalla de fume veulles ao xeito ao seu goberno agora que a crise segue a súa marcha, o desemprego ten niveis históricos, sóbennos os impostos, sobe o IRPF e baixa o PIB. Unha casualidade, supoño.

Señora ministra, unha cousiña máis.

Se teño que ver moitas máis fotos súas a media páxina con mirada astuta, traxes sexis e poses de modelo... vaime dar un chungo!

Mónica Lalanda pasou os últimos 16 anos en Inglaterra, a maioría deles como médico de urxencias en Leeds (West Yorkshire). Na actualidade traballa na unidade de urxencias do Hospital Xeral de Segovia, participa en varias publicacións inglesas e tamén ilustra libros e revistas con viñetas médicas.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
As cartas de amor
Xa o dicía Pessoa por medio do seu heterónimo Álvaro de Campos...



as cartas de amor são ridículas:

todas as cartas de amor são
ridículas.
não seriam cartas de amor se não fossem
ridículas.

também escrevi em meu tempo cartas de amor,
como as outras,
ridículas.

as cartas de amor, se há amor,
têm de ser
ridículas.

mas, afinal,
só as criaturas que nunca escreveram
cartas de amor
é que são
ridículas.

quem me dera no tempo em que escrevia
sem dar por isso
cartas de amor
ridículas.

a verdade é que hoje
as minhas memórias
dessas cartas de amor
é que são
ridículas.

(todas as palavras esdrúxulas,
como os sentimentos esdrúxulos,
são naturalmente
ridículas).
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2009 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal