Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Pontevedra e Vigo
Tan perto e tan lonxeVigo e Pontevedra, as dúas cidades máis importantes da miña provincia están condeadas a se entender. O problema é deixalo para máis tarde. Sempre están a deixalo para a próxima pero é unha grande irresponsabilidade se tomamos en serio o noso papel no mundo.

O que acaba de dicir o alcalde de Vigo esta mañán é ridículo. Levabamos unha semana co ruxe-ruxe que Vigo e Pontevedra habían compartir area metropolitana e hoxe á mañán e falando español vén o alcalde de Vigo a dicir que non. Isto soa a capricho cativo, pequeneiro e localista. Se os dous concellos meirandes da provincia distan entre si menos de 12 Quilómetros cómo pode ser que en vez de cooperar se viren as costas? E non é cousa de pérfidos administrativos na escuridade dos seus gabinetes, non. É o que di un cargo público que foi escollido pola xente do seu concello. Terá toda a autorización polo seu cargo para facer esta treizón á súa xente pero eu négome a que teñamos que agardar a que pasen, se cadra, 30 anos e volva saír por obvia a posibilidade de construír xuntos o noso futuro.



Non só é que haxa menos de 12 kms entre os lindeiros dos dous concellos senón que compartimos ría! A parroquia de Pontesampaio é de Pontevedra e está na Ría de Vigo!! Eu non sei en que está a pensar o papaxoubas do alcalde. Ás veces tárdase máis en ir dunha parte de Vigo a outra que en chegar a Pontevedra.

Eu sempre bromeo cun meu compañeiro pontevedrés cando digo que Pontevedra é o barrio pijo de Vigo e el mui acertadamente respóndeme que estou equivocado e que realmente Vigo é o cinturón industrial de Pontevedra. Tanto ten unha ou outra, o que está claro é que estamos mui
próximos e, quer queiran quer non, témonos que entender. E non o deixemos para outra que son muitos cartos e oportunidades de futuro para as cidades e a súas xentes as que se perden. Xa o dicía a cantiga, e antes da ponte de Rande:

Vexo Vigo, Vexo Cangas
Tamén vexo Redondela
Vexo a Ponte de Sampaio
Camiño de Pontevedra
Comentarios (4) - Categoría: Mapas - Publicado o 09-08-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Imaxes reais de Lugo, Vigo e Ourense
Imaxes aéreas
Estou mui sorprendido coa calidade que ten o visor de mapas de Microsoft. Permite ver as cidades de Vigo, Ourense e Lugo cunha claridade pasmosa. Pero non queden aí, pasen e vexan. A digna competencia ao Google Earth. ***** Cando escribín isto só se podían ver estas cidades, actualmente pódese ver bastante máis.

Curiosa chanza do destino, onte falaba dos mapas ensoñados e hoxe falo das máis fieis reproducións das nosas cidades en imaxe.
Comentarios (10) - Categoría: Mapas - Publicado o 31-05-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
Portu-Galiza
Portugal e GalizaÁs veces un ten tempo para botar a mente a soñar, e con estas ensoñacións reproducir mundos paralelos, tanxentes ou totalmente alleos.

Portugal é unha constante nas discusións, máis lingüísticas que políticas, bizantinas que non deixamos de tocar con morbo neste recanto do atlántico abeirado á chaira e seca meseta. Cómo sería todo de diferente se Portugal nunca tivese sido independente do reino de Galiza? Ás veces imaxínoo todo da cor de rosa, feliz e case hortera. As ensoñacións éche o que teñen. Pero sabendo que o que temos en común Portugal e Galiza, deixando a marxe a nosa lingua, son as miserias máis grandes, os territorios máis pobres do occidente, as colonias de emigrados máis grandes dentro ou fóra de Europa, un profundo sentimento do dramatismo, do auto-odio e capacidade de autonegación... De tal maneira, que cumprindo esta última parte esa espada atlántica da imaxe non podería nin poderá ser nunca realizada.

Pero non me diredes que non causa unha inmensa conmoción cruzar esa raia que nos divide e ver que se pode vivir 100% en galego e sen que isto traia carga de subversión ningunha. Daí a fermosura deste mapa de Galiza e Portugal.

Parafraseando, mui libremente, o que dixeron os postmodernos de Siniestro Total: Minus malem Portucalem rest...
Comentarios (3) - Categoría: Mapas - Publicado o 30-05-2007 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín sobre a Terra de Turonio
Espero que o compañeiro Arraiano saiba comprender a ilusión que me fixo obter este texto do seu caderno e non lle pareza mal que un, que sempre foi defensor do topónimo Turonio, faga publicidade del. Aínda que non haberá problema sabendo que el propio confía na benevolencia do seu autor, Méndez Ferrín, para publicalo no seu "bló".


Acaba de publicar Xaime Garrido Rodríguez coa colaboración de Natalia Zunzunegui Pérez en Revista de Estudos Miñoranos un artigo sobre dous antigos castelos da Terra de Turonio: o de Morgadáns e o de Santa Helena. Observamos que a mención da Terra de Turonio é cada vez máis frecuente, naturalmente con referencia ao pasado histórico medieval. Turonio era chamado o país e demarcación que limita ao S. polo Río Miño, ao N. pola Ría de Vigo, ao L. por unha porción imprecisa de montañas que poden ser as da Paradanta, a Fontefría e Avión e, naturalmente, ao W. con Nova Inglaterra Océano por medio. Trátase dun espacio xeográfico e cultural dotado de coherencia. Non é un territorio artificial senón unha rexión determinada pola natureza e arriquecida polo traballo do home que constituiu en Turonio unha cultura e identidade que chega aos nosos días. Por un cúmulo de coincidencias nas que o determinismo natural se combina co azar e coa necesidade, na Terra de Turonio naceu e deselvolveuse Vigo.

O que Castelao, Paz Andrade, Bóveda e a perspicacia do Partido Galeguista republicano chamaban o hinterland de Vigo e que hoxe é moda dicir "área metropolitana", coincide exactamente con aquilo que no pasado feudal floreceu como Terra de Turonio.A conciencia política e social de Vigo deberá, se quer dar no albo ou sexa na diana, pensar a cidade como centro dunha Terra de Turonio ben pensada, en termos de século XXI, polos xeógrafos, os historiadores, os sociólogos, os antropólogos sociais, os economistas, os administrativistas, naturalmente atentos ás vontades do pobo (eu nunca direi xente) e das comunidades que vivan e penan neste territorio do Sul de Galicia.

Pensar Turonio é pensar Vigo e facer isto é pensar Galicia pois en Vigo, desde que Murguía e Alexandre Chao fundaron La Oliva, constituise un dos centros de Galicia, nación que moitos desexamos policéntrica e articulada, aínda que non magmática e frouxa como está hoxe por falta de política propia. Pensar os límites de Turonio é tarefa prioritaria. Extenderse ao Morrazo sería ir literalmente contra-natura.Os intereses e plans inmobiliarios e do diñeiro rápido e non sometido á lóxica industrial que en Vigo é tradición, queren colonizar o Morrazo e, os especuladores, digo, esíxen que lles paguemos unha segunda ponte innecesaria sobre a Ría de Vigo. Pola contra, a expansión natural de Vigo e de Turonio é cara o Sul. Tantas pontes sobre o Río Miño como hai en París sobre o Sena -así rezaba unha proposta histórica de Camilo Nogueira. Porque a Turonio, capital Vigo, médralle desde sempre un tentáculo que repta en dirección Leixôes e o Porto do mesmo modo que desde o hinteland do Porto sobe en dirección a Vigo un tentáculo comercial e industrial chamado pola Historia a conectar co primeiro. É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar baixo o nome de Nova Gallaecia, porque isto e aquilo, ao Sul e ao Norte do Miño e do Xurés, foi Gallecia do mesmo modo que a Terra entre Miño a Vigo foi Turonio.

Crear unha nova provincia española en Vigo é unha das propostas máis reaccionarias e absurdas que se teñen ouvido ultimamente na Terra de Turonio, onde eu escribo agora.
Comentarios (4) - Categoría: Mapas - Publicado o 28-05-2007 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Apelidos no mapa de Galiza
O meuÉ interesante a páxina da Cartografía dos apelidos en Galiza. Encántame, é mui útil para observar a distribución dos apelidos. Pódese xogar con ela e testar a evolución da galeguización dos mesmos (buscando por exemplo Buxan e Bujan), os apelidos máis minoritarios, os de orixe foranea (adoito só teñen presenza nas cidades e sobre todo nas costeiras), distribución dialectal (buscando Raposo, Golpe, Raposa e Zorro...), a orixe de apelidos típicos dunha zona (Amoedo, Agis, Dosil...), apelidos de literatos (Pedrayo, Risco, Pondal, Ferrín, Brey, Pulpeiro...)...
Cunha pouca de curiosidade pódese topar de todo. Eu uso bastante esta páxina para imaxinar vidas pasadas, futuras, presentes... Para constatar que a nosa nación vive aínda que se camufla noutra, emigra, desplázase, evoluciona, desaparece ou é fiel a si mesma...
Que feliz sería se me puxerdes buscas e mas comentasedes desde a vosa perspectiva: historias, intuicións, opinións... Quero seguir tirando cousas desta páxina e agora coa vosa colaboración.
Comentarios (10) - Categoría: Mapas - Publicado o 31-03-2007 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal