Como en Portugal uns vão bem e outros mal



O meu perfil
teño conta en gmail.com
 Portos de recalada recomendada
 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Os soldados abandonados
Sempre me chamou a atención a imaxe dos soldados abandonados e illados nalgúns recantos especialmente periféricos do mundo que pensan que a guerra continúa malia a que os gobernos xa acordaron o cesamento do fogo.
Nos oitenta e noventa era unha historia recorrente no imaxinario fantasioso que un grupo chegara a unha illa lonxe lonxe e topase de súpeto cun "maluco" xaponés que os quixese matar. Esta historia non debeu suceder nunca pero tivo éxito na imaxinación da xente. Sempre contada desde unha óptica americana, mostraba como se o soldado abandonado fose un pobre tolo.
O interesante é a perspectiva contraria. Como pode ser que se eran certas todas as cousas malas que lle contaran do inimigo acabase a guerra? Desde a perspectiva do isolado os tolos deben ser os demais, pois matan cando cadra con toda a razón e deixan de facelo cando os gobernos chegan a avinza. Quen son os tolos?
Na imaxe a chegada a Xapón de Hiro Onoda. Podedes ler a súa historia na Wikipedia (en portugués).
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 03-06-2013 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
Quen é María Mera?
Pois non sei de que me soa o nome pero parece que é a actriz escollida entre outros 60 candidatos para representar o papel principal na próxima obra do novo Centro Dramático Galego. Podedes ler a nova en Xornal aquí Maria mera será a Salomé do Centro Dramático.

Pero como apuntaba unha mente retorcida nada máis ler a noticia, xa a coñeciamos de antes. Concretamente daquel video de Feijoo ao máis puro estilo Berlusconi que comentaban así no xornal Público Feijóo: "Voy a ser breve porque he quedado con María".
Pero non pensedes mal, a escolla non é política. Está realizada por unanimidade polos membros dun xuri constituído a tal efecto.

Viva F(raga)eijoo! (de que falarían aquela noite?)

Por certo, que xa hai quen se fixo eco desta asombrosa coincidencia. Aquí o tendes en Galicia Confidencial

E xa postos, aquí o famoso video:
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 10-08-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
As arcáicas e ridículas diferentes medidas do ferrado e os media
Vou tentar ser claro na exposición das miñas ideas sobre a diferente lupa que se emprega en función de quen son as vítimas dunha noticia. Espero neste exercicio de autodescubrimento e indagación non ofender a ninguén.

Preocúpame, como a todos, a doente parcialidade da imprensa.Isto non é novo. Os mesmo que se rin do detalle de que en Galiza antes había mais de 200 arcaicas medidas de ferrado segundo a area xeográfica onde se negociasen os produtos da terra son os que ven con normalidade que os mortos en accidentes laborais teñan infinitamente menos repercusión nos media que as escasas vítimas do terrorismo. Xa non falo só de atención, se se empregasen os cartos que xustifican 5 mortos ao ano en perseguir a explotación de milleiros de traballadores viviríamos nunha sociedade máis xusta e faríamoslle fronte a problemas máis reais. Pero non é este camiño o que quero tomar hoxe.

Está clarísimo para todos que tanto eses 5 (máis ou menos) mortos anuais por terrorismo como os recentemente asasinados polo exército israelita e augas internacionais membros dunha flotilla de axuda humanitaria son mortos inxustamente asasinados e que independentemente do trato que lles dea a xustiza ás vítimas e aos verdugos debemos darlles a atención nos media suficiente para que non sexan tidos nunca por actos de acotío.

Este sería un ferrado xeneroso. Outro ferrado máis pobre é aquel que conta a morte de Jon Antza. Daba para un bo filme americano. Algúns nin sequera saberán quen era o Jon Antza. Este home non era un honrado traballador, era un membro de ETA que presumiblemente foi asasinado por persoas a quen todos lle pagamos o soldo cos nosos impostos mentres trasladaba unha abondosa cantidade de cartos da ETA a algunha parte. É o que lle chamarían unha vítima da guerra suxa do estado contra ETA. Parece ser que non se detén na ilegalización de listas electorais nin no nomeamento de persoas (e a permanencia das mesmas en listas secretas que manexa o estado, como antes de herdar o rei) que contaminan coa súa presenza listas electorais válidas para candidaturas democráticas. Parece que ademais, non chega con deter estes delincuentes (os que matan, non os que teñen ideas que non son do gusto do estado) parece ser que agora tamén é valido o feito de matar, roubar e deixar o cadáver abandonado dando ordes ás autoridades francesas de que non se investigue quen é. Pero este só pretende ser un exemplo da diversidade dos ferrados informativos.

O que me leva a escribir aquí non é unha defensa dun terrorista morto a mans do noso estado do benestar (que manda carallo!), é a atención mediática que se lle dá a algúns temas. Hoxe en día ser asasinado por ETA ten máis repercusión mediática que obter un premio Nobel e aínda que eu non creo na nobreza o estado si e encárgase de que os familiares reciban unha significativa pensión, estean exentos de impostos de por vida, teñan dereito de preferencia sobre os que non tivemos esa desgraza en oposicións e accesos a universidades. É unha nova nobreza, cos seus privilexios, que se xunta nas súas reunións e lle di ao goberno o que debe e non debe facer. Ese é o papel dos xuíces, que non o das vítimas.

Estes días houbo un rebumbio mui grande con isto do asalto do exercito israelí á flotilla. Realmente unha cafrada que sen ningunha dúbida condeno. Ademais, a miña postura sobre esa parte do mundo nunca a tiven mui clara. Debo ser o único. Pero o que pasou nestes días é un acto terrible de inhumanidade e estou dacordo en que debe ser pregoado aos catro ventos xa que a xustiza non vai actuar, como no caso do Jon Antza.

O que me sigue a preocupar é que ese ataque teña tanta repercusión e o que pasa estes días en Quirguicistán* con moreas de mortos sexa tido como algo estraño que pasa nun destes países descoñecidos (por ignorancia militante, xa que o próximo ano fará o seu 20 aniversario). Non valen tanto estas mortes como outras? Se estes países quedan fóra da atención internacional agárdalles un futuro lóbrego por máis revolución dos tulipáns que monten eles.

A perspectiva política internacional nestes 10 anos mudou. Rusia xa ten suficiente autoconfianza e aprobación desde a comunidade internacional para ir facendo das súas na súa área de influenza sen que ninguén meta os fociños de por medio. E é que non é o mesmo facer o expansionismo sendo unha potencia comunista que sendo unha democracia autoritaria, onde vai parar! Pois iso me pregunto eu. Onde vai parar? Os países que saíron da URSS están atemorizados e xa ven sobre eles a sombra de Rusia. Coñezo un rapaz que podería falar con amplo coñecemento da situación paralela do Ucraíno e o Ruso no estado soberano de Ucraína. Amplamente paralela ao caso do Galego na nosa terra. Temos que mirar para estes países, pois con toda a distancia que existe, ás veces, presentan paralelismos connosco que só os ignorantes militantes non quererían aproveitar para aprender. O tempo da paz está rematando e estamos inseridos nunha tremenda crise, non sei se vos soa a situacións anteriores. O primeiro que se pode facer é.


* Quixen comprobar o nome do país en correcto galego no Atlas Mundial Galego que se atopaba na páxina da CRTVG pero hai xa meses que a min non me deixa acceder, non sei se será problema de incompatibilidades ou de nova política da empresa.
Escribín Quirguicistán pois é a forma que aparece no artigo da wikipedia
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 13-06-2010 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Garzón ao banco
Desde a distancia en que me atopo non me acabo de enterar ben de porqué se está a xulgar ao xuíz Garzón. Quede claro que este xuíz non goza de máis afinidade para min que outro xuíz calquera coa única salvidade que el non xurou os principios do Movimiento Nacional cando foi nomeado xuíz no ano 83. E haberá quen pense que este detalle do xuramento é pouco a ter en conta. Eu penso o contrario e a seguir me explico.

Cando o fascismo caeu en Italia e Alemaña houbo un proceso de refundación de ambos estados que afectou absolutamente a todos os funcionarios. Estes foron investigados por colaboración co réxime e nos seus expedientes (o dos que continuaron no cargo) sempre figurou que foran funcionarios do fascismo pois aínda que a posteriori xuraron as novas constitucións tamén xuraran as vellas e un xuramento nunca borra o anterior. Especial atención se lle prestou aos funcionarios de xustiza pois foron os que xustificaron o rexime e fixeron cumprir as súas leis.

Cando Franco morreu de vello en España non houbo proceso de refundación do estado feixista, nin revisión da colaboración dos funcionarios. Por non haber non houbo nin eleccións para escoller o xefe de estado. Automaticamente pasou a selo a persoa que o líder do rexime feixista escollera seguindo unicamente o mandato da súa vontade. Os xuíces, que todos xuraran adhesión ao Movimiento Nacional, seguiron exercendo o seu posto sen ningunha revisión das súas sentenzas nin carreiras xudiciais.

Na Alemaña e máis na Italia foron prohibidos os partidos de inspiración feixista e a día de hoxe calquera movemento que se adapte ás características ideolóxicas destes corre perigo de ser ilegalizado.

Na España ao día seguinte da morte de Franco, e mesmo bastantes anos depois, o movemento con máis militancia era a falanxe española. Presente e case omnipresente no exercito, funcionariado, igrexa e xuíces.

E aquí chego a onde quero chegar. Actualmente hai un xuíz que non xurou lealdade aos principios do Movimiento Nacional que vai ser xulgado por defender as vítimas do tal Movimiento. Para máis inri a maior parte dos xuíces que o xulga xuraron adhesión ao Movimiento Nacional e a acusación é un sindicato herdeiro do Movimiento Nacional. Pode facer máis España o ridículo? Sempre pode :)

E eu sigo pedindo que a sentenza de morte de Alexandre Bóveda deixe de ser vixente. Foi un asasinato e aínda non se considera como tal. Cousas da nosa exemplar restauración borbónica.
Comentarios (1) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 29-03-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Os touros e o estado
Creo que vivimos nunha sociedade na que xa chegou o momento de lle por freo aos touros desde unha maneira civilizada. Aplaudo as iniciativas de concellos ou países (como Cataluña) declarándose zonas libres de torturas de touros pero ese non é o meu estilo.

Tampouco é o meu estilo recordar que desde 1567 existe un escrito papal da autoría do santo e pontífice Pio V condenando á excomuñón aos que participen ou promovan espectáculos taurinos tanto a pé como a cabalo.

Pero si que me gustaría chamar a atención sobre as implicacións do estado nestes espectáculos de mutilación (a maior parte das veces só animal). Vivimos nun mundo onde non se permite sacar imaxes de xente fumando por televisión, nin a súa propaganda e aínda así conséntese o espectáculo previo pago e multitudinario de torturas animais?

Eu posiciónome en contra disto. Xa non quero entrar no milleiro de motivos nos que fundamento a miña perspectiva do tema. Só quero chamar a atención sobre algúns aspectos nada novidosos pero que nunca son tidos en conta.

Estas corridas taurinas normalmente fanse en lugares públicos. E non me refiro a que sexan accesibles a muita xente senón a que son de titularidade municipal ou dalgunha outra entidade do estado. Isto é inconcibible! Eu non quero que un só céntimo dos meus impostos sexa dado para que se constrúan ou restauren lugares de cruel tortura animal. E suxiro que se a organización privada destes sádicos eventos altera a normalidade do tránsito rodado se lles pase a factura aos organizadores das horas de servizo empregadas polos policias municipais que teñan que aliviar este problema que xera o espectáculo privado.

Da mesma maneira, e sabendo que neste país hai sanidade universal, suxiro que sempre que algún dos torturadores sufra algunha lesión que teña que ser tratada na sanidade pública sexan atendidos coma outra persoa en función da gravidade da autolesión e posteriormente se lles pase a factura do tempo de quirófano e persoal empregado nesa lesión voluntaria facilmente evitable. Porque algúns non o saben pero o tempo é limitado, os medios tamén e mentres se atende un paciente kamikaze déixase de atender a outros que posiblemente sexan vítimas dunha doenza que non buscaron con temeridade.

Eu non me posiciono demasiado a favor de prohibir este tipo de espectáculos pero si, de que se fagan en lugares de titularidade privada, se paguen as accións que teña que tomar o estado para manter a normalidade no transito rodado e que estean equipados con equipos sanitarios privados ou paguen o uso da sanidade pública que xeren estes incivilizados espectáculos.
Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 27-03-2010 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa diez
Non puiden reprimirme e deixar de publicar esta xenial montaxe que tirei do Blogue do Demo intitulada "Ela, no senso mais pejorativo".

Comentarios (0) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 12-03-2010 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
Guerra á carta en Irán, con guión estándar

Propoño un exercicio de buscar as diferenzas entre dous feitos que relato a seguir:

Un grupo de persoas realiza barricadas con pneumáticos e protesta polas rúas dunha cidade. Berran as súas protestas e entorpecen a regularidade do tránsito da xente que tenta seguir a súa rutineira vida. A policía actúa de maneira violenta para tentar disolver os grupos cargando con porras, disparando con balas de goma e mesmo gases lacrimóxenos. O Metal en Vigo.

Un grupo de persoas realiza barricadas con pneumáticos e protesta polas rúas dunha cidade. Berran as súas protestas e entorpecen a regularidade do tránsito da xente que tenta seguir a súa rutineira vida. A policía actúa de maneira violenta para tentar disolver os grupos cargando con porras, disparando con balas de goma e mesmo gases lacrimóxenos. Protestas despois das eleccións de Irán.

O primeiro feito ten repercusións na prensa local e cabreos de baixa intensidade entre os condutores da cidade que non poden aturar o caos xa endémico acrescentado con paróns do tránsito non previstos. Nada se di da violencia que exerce o estado.

O segundo feito ocupa portadas en prensa escrita de todo o mundo. Os telexornais na TV e os noticiarios na radio abren con este tema e adícanlle papel protagonista nos feitos do día. É presentado como un acto de afouteza da populación civil contra un rexime inxusto que tenta enganar ao pobo. Acábase por dotar de discurso e lexitimidade ás masas protestantes. Dise que o reconto das eleccións é inxusto e o estado é demonizado. Os xornalistas falan desde o lugar para o mundo dicindo que non teñen liberdade para informar, que non teñen imaxes pero que nos fiemos das súas palabras: hai unha revolta en marcha. O máis que consiguen filmar é un par de coletores ardendo e xente que camiña en manifestacións.

Obsérvese como o corpus que se dota a unhas situacións parecidas é ben diferente. Ninguén en München vai mirar as manifestacións do Metal en Vigo mentres que poucos en Vigo quedarán sen mirar as imaxes de Irán. Parece que foi dios ;) que a semana pasada fixeron 10 anos dos sucesos da praza de Tian'anmen. E a min recordame máis á manipulación ucraína da revolución laranxa ou mesmo á tan frecuente liberación de países americanos como aquela que acabou con Allende no Palacio de la Moneda aquel triste 11 de setembro. Visto, ollado e mirado que non había armas de destrución masiva no Iraque vestimos a guerra anunciada anos atrás con Irán de pucheirazo electoral, nun país de cultura musulmá e con aspiracións de ter armas de destrución masiva. O malo desta peli é mui malo. A ver que pasa. Admítense apostas, seguro que gañan os bos ;)
Comentarios (3) - Categoría: Sen novidade no frente - Publicado o 15-06-2009 04:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal