o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CORRELINGUA 2014: GALEGO, O PASO ADIANTE

A principios do mes de maio, dende o ENDL do centro organizouse a participación do alumnado da ESO nas marchas do Correlingua en Santiago, que este ano se presentou co lema: "Galego, o paso adiante". Deixámosvos unha foto da nosa participación, así como o manifesto que presentou a concurso o alumnado de 4º e o vídeo elaborado polos de 1º na clase de Plástica para o certame.

“CAMIÑANDO AO ENCONTRO DO GALEGO”, manifesto para o Correlingua 2014 dende o CPI de Pontecesures


Chámome Xián. Aos meus quince anos, darei o meu primeiro paso. Pasos tamén deron outros: o ímpeto co que loitou Rosalía ou a valentía de enfrontarse ao risco de escribir poesía vangardista en galego de Manuel Antonio, foron exemplos que me fixeron crer máis en min.
O meu primeiro paso non quedará marcado na historia de Galiza, pero si na miña historia. Foron quince anos de sufrimento, tamén de debilidade. Deixarse levar polos outros nunha cadeira de rodas sempre é máis cómodo. Cómodo tamén foi deixarse dominar pola nobreza foránea que dende o século XIV invadiu a nosa terra. A escuridade deses anos aínda non está esquecida. Os intentos errados de erguerme non foron en van, pois agora chegou o momento de espertar. Teño que loitar por seguir adiante para que o meu primeiro paso sexa forte, tan forte coma o vento destes días de inverno, que me vai axudar a guindar con esta cadeira de rodas para sempre. A partir de agora, será a multitude a que me siga e non quen a siga a ela.
15 de febreiro de 2014
Por fin son libre! Celebreino nun concerto de Ruxe-Ruxe. Deille á lingua canto puiden. A noite é xove pero eu aínda o son máis. Transmitíronme tanta forza coas súas letras que agora mesmo sinto que podo facer todo o que me propoña. Arestora xa sei que todo o imposible se pode converter en posible. O único que preciso para alcanzar todo o que me propoña é estar preto de vós. Xuntos conseguirémolo todo. Se caio, erguereime coa vosa axuda.
Levemos o galego Máis Alá: twitteemos en galego, juasapeemos en galego, rapeemos en galego, instagaleguemos…

GALEG@S: UN PASO ADIANTE, NUNCA ATRÁS!
@S FOLUADOR@S
4º DE ESO CURSO 2013/2014 CPI PONTECESURES

VÍDEO PRESENTADO A CONCURSO POR 1º DE ESO DO CPI DE PONTECESURES



Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 05-06-2014 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal